martes, 7 de xullo de 2015

12 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Mc 6,7-1


Comentario:

Ultimamente na Igrexa falamos moito de “nova evanxelización”. Parécenos que a nosa sociedade é unha sociedade empobrecida, desalentada, desorientada, perdida. A Igrexa pasoulle o Evanxeo durante séculos, pero ese Evanxeo non entrou a fondo no corpo e na alma das nosas sociedades, e por iso a Igrexa cre oportuno e necesario evanxelizar de novo, ofrecer unha nova evanxelización, para que as cousas boas de Deus poidan devolverlles a paz, a esperanza, o alento aos homes e mulleres que compoñen, compoñemos, as aldea, vilas e cidades da nosa terra.

Non dicimos que non necesitemos todos, os de fóra e os de dentro, un novo ofrecemento do Evanxeo de Xesús. Pero si que pensamos que a moitos/as lles pode molestar un pouco esa forma que temos na Igrexa de poñer sempre os defectos, os pecados fóra. Porque quen durante séculos e séculos tivo a tarefa de anunciar o Evanxeo, de promovelo, para que se chegase a converter na alma nas nosas sociedades? Quen tivo tantísimos recursos ao seu alcance para poder facelo? Quen tivo as mans libres, os cartos, as estruturas, todo o necesario para poder facelo? Se se deu un relativo fracaso, se é necesario empuxar unha “nova evanxelización”, non será tamén porque os responsables de manter vivo o Evanxeo no medio da sociedade fallamos no noso cometido? Non teremos que revisar as maneiras como ata agora o estivemos facendo, os nosos obxectivos, os nosos métodos?

A pasaxe do Evanxeo que hoxe lemos coméntanos como foi aquilo que para Xesús e os seus compañeiros/as era tamén unha “nova evanxelización”. Fálanos dos obxectivos que se marcaban e dalgunhas maneiras básicas de levalos a cabo. Por iso é tan importante para nós, seguidores e seguidoras de Xesús, que reparemos nestas cousas, cando estamos convocados tamén a unha “nova evanxelización” necesaria. Volver ás nosas fontes, volver ao Evanxeo, volver ás prácticas, ao estilo de Xesús e dos seus seguidores e seguidoras seguro que nos axudará enormemente, seguro que será garantía de éxito para a nosa vontade de facernos presentes coma cristiáns/ás no medio dos nosos pobos.

En principio, o grupo de Xesús, onte coma hoxe, non é un grupo de poder, que se estruture entre si desde as leis de quen manda máis, quen manda menos. Outra cousa é que despois o grupo deba ter o seu entendemento, a súa organización, pero nunca desde o dominio sobre as persoas. Hai moitas páxinas do Evanxeo que nos animan a facernos así. A “nova evanxelización” ao estilo de Xesús debería partir de comunidades fraternas máis ca autoritarias, aínda que a esa autoridade lle chamemos xerarquía.

O grupo de Xesús, onte coma hoxe, ten poder, recibido de Xesús, sobre os espíritos malos; é dicir, sobre todo aquilo que conturba, perturba, a paz, o benestar, a alegría, a esperanza da xente. E sobre eses espíritos malos actúa. Cales son, en cada caso, os espíritos malos que perturban a propia vida e a vida da xente que nos arrodea? É unha pregunta que debería facerse calquera comunidade cristiá, para ir entrando nas formas de traballo de Xesús. Para responder a esta pregunta, non hai que quedarse na tona das cousas (as necesidades básicas máis elementais), pero tampouco hai que ignorar que a falta de pan, de traballo, de saúde, de recursos de formación, etc., frea moitos outros niveis. De feito, o grupo de Xesús parece que facía moito o de coidar e curar enfermos.

O grupo de Xesús, onte coma hoxe, está convocado, estamos convocados, a anunciar o Evanxeo en moita pobreza e inseguridade, en moitísima confianza en Deus e no seu poder de chegar ata os corazóns da xente. Xesús nisto era moi radical. Na Igrexa, onte coma hoxe, desconfiamos desta radicalidade de Xesús e moitísimas veces promovemos unha “nova evanxelización” desde moreas de medios e estruturas. O certo é que o de Deus, a fermosura de vida do Evanxeo, entra nas persoas e nos pobos sobre todo polo testemuño de persoas alleas ao poder, alleas aos cartos, apaixonadas polo trato achegado e servicial aos veciños e veciñas. Só así se cambian as cousas, as vidas. Só así se dá a conversión a unha maneira nova de entender e de vivir a vida. Só así van nacendo persoas novas, comunidades novas, parroquias novas. Só así se garante unha evanxelización realmente nova.


Preces:

QUE O TEU ESTILO DE VIDA, XESÚS,
ENTRE NAS NOSAS COMUNIDADES
  • Que, antes de nada, nos abramos nós mesmos ao teu Evanxeo, nos deixemos tocar e converter por ti, polo teu estilo de vida. Oremos todos e todas.
  • Que teñamos trato e esteamos próximos ás persoas, para poder descubrir o que precisan de nós e dispoñernos a ofrecer o que poidamos darlles. Oremos todas e todos.
  • Que descubramos o grande valor da austeridade, gastando só o necesario en todo, para sermos máis libres e poder abrir mellor o noso corazón e as nosas mans as necesidades da máis xente. Oremos todos e todas.
  • Que saibamos responder ao afán de poder que cruza as nosas sociedades con comunidades fraternas, que recreen nos tempos de hoxe o estilo novo e provocativo de Xesús. Oremos todos e todas.
  • Que sexamos sinxelos/as, pero non inxenuos, que teñamos os ollos ben abertos ao que está pasando con isto da crise, para responder de maneira axeitada en defensa sempre da xente máis débil da sociedade. Oremos todos e todas.


Pregaria:

Nada para o camiño, Xesús,
só a túa forza, só a túa luz.

Só un caxato para mellor andar,
só a túa forza, só a túa paz.

Nin pan nin alforxas, completa liberdade,
só a túa forza, que dá seguridade.

Sen cartos na carteira, pobres sen máis,
só a túa forza, que nos fai a fondo iguais.

Con sandalias nos pés, que o camiño é longo,
só a túa forza, só o teu conforto.

Non máis ca unha túnica, camisa e pantalón,
só a túa forza, só a túa compaixón.

De rostro en rostro, de casa en casa,
coa túa forza como a mellor compaña.

Dando gratis o gratis recibido,
coa túa forza coma o mellor cumprido.

Preto de quen chora, preto de quen sofre,
coa túa forza que os males conmove.

Soñando coa xente, soñando co pobo,
coa túa forza que o fai todo novo.


Signo:
  • Un camiño,
  • Unhas sandalias, un caxato ou vara de camiñante, unha carteira.
  • Imaxen dalgún encontro entre persoas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.