xoves, 30 de xullo de 2015

2 de agosto: Domingo 18 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Xn 6,24-35


Comentario:

Xa dixemos o domingo anterior que durante 4 domingos o evanxeo cóllese do capítulo 6 do Evanxeo de Xoán; son uns evanxeos nos que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús coma unha catequese ao redor do pan, a partir do signo da multiplicación do pan e dos peixes que limos o domingo pasado. É unha catequese chea de matices, que quizabes á xente de hoxe se nos escapan, pero que eran moi significativos daquela para comunidades que se sabían herdeiras dunha longa e sabia tradición bíblica.

O evanxeo de Xoán está cheo de pasaxes nos que o dobre sentido das palabras e das expresións se converte nun recurso de comunicación, un recurso catequético moi importante, para axudar ás persoas a que entren no fondo do que se quere transmitir.

A busca da xente que anda detrás de Xesús non parece limpa, transparente. Búscano polo interese inmediato; fartaron o seu ventre con pan e seguen coa mesma expectativa. Xesús non lle resta importancia á mantenza, o pan de cada día é obxecto dunha das peticións na oración que el nos transmitiu. Pero na catequese de Xoán invítanos a abrir a perspectiva, invítanos a entender a multiplicación dos pans e dos peixes, e a entender o mesmo pan multiplicado como sinais de algo máis fondo e completo. Non só de pan vive a xente, contestara Xesús ao demo tentador.

Para o evanxelista Xoán hai un pan que non se acaba, ofertado polo Pai na persoa e na obra de Xesús; o pan que é o mesmo Xesús coa súa maneira de entender a Deus, de entender as relacións da xente entre si e con Deus; un pan que garante a mantenza, que é capaz de soster unha vida na totalidade do seu desenvolvemento.

Estamos en tempos nos que nos preocupamos, e moito e con razón, polo pan de cada día, porque falta na casa de moitos fogares; preguntámonos polo pan e polas persoas que nolo posibilitan ou polas persoas que coa súa avaricia desmedida nolo impiden. Xesús aléntanos sen dúbida nesa preocupación primeira. E, a maiores, invítanos a dar un paso máis. Non abonda con ter pan, ou, mellor dito, para garantir que si haxa pan compartido con xustiza entre todos os homes e mulleres do mundo (e co pan, o traballo, a auga, as menciñas, as escolas, a dignidade...), as persoas debemos armarnos de certos convencementos, dunha sabedoría de vivir, dunha maneira de estar uns en relacións cos outros, coas outras, unha maneira de relacionarnos coa mesma natureza, ... que é o que no fondo, Xesús nos ofrece como persoa chea do Espírito de Deus. Esta sabedoría de vivir é a que nos ofrecen os evanxeos, e esta sabedoría de vivir propia de Xesús é a que tamén nos transmiten as persoas que se deixan coller polo seu Espírito. Seguro que todos coñecemos a algunhas desas persoas, que para nós son a referencia viva do mesmo Xesús.

Buscamos, logo, o pan de cada día, e buscamos esta sabedoría de vivir que nos ofrece Xesús. De nós, como homes e mulleres cristiás, tamén se espera que axudemos a que o pan chegue ás casas, e a que o pan vaia acompañado de razóns de vida humildes e fortes que garantan a súa permanencia. Ata a vida eterna.


Preces:

QUE COA TÚA AXUDA, XESÚS,
SAIBAMOS REALIZAR AS OBRAS DE DEUS.
  • Que teñamos suficiente amor para compartir o pan, os cartos, para que todo mundo teña o necesario para vivir. Oremos.
  • Que abramos o noso corazón ás ensinanzas de Deus, como ti o fixeches, e nos deixemos levar en todo por el. Oremos.
  • Que visitemos, atendamos, sirvamos ás persoas máis débiles da nosa comunidade. Oremos.
  • Que nos asociemos á toda a xente soñadora, que se embarca en actividades, asociacións, grupos, co desexo de mellorar a sociedade, o mundo. Oremos.
  • Que agradezamos o traballo da xente do campo e do mar, que lle deamos mérito aos alimentos gustosos, sans que nos ofrecen. Oremos.



Pregaria:

Señor, Señor,
polo teu amor...

Nas horas de cansazo,
a calor do teu abrazo.

En tempos de desalento,
o vigor do teu alento.

Cando ando en soidades,
o don da comunidade.

Cando o pecado me pode,
que o teu perdón me renove.

Cando me come a tristura,
do teu afecto a tenrura.

En días de esforzo e loita,
apoio e compaña moita.

Na encrucillada da vida,
luz para a mellor partida.

Desde o amencer ao solpor,
as mostras do teu amor.

Desde o solpor ao amencer,
as mostras do teu querer.

Sempre, en vida ou morte,
que a túa man me conforte.

Señor, Señor,
polo teu amor...


Signo:
  • De novo o pan, un pan.
  • O rostro de Xesús ao pé do pan.
  • Rostros de xente marxinal ao pé do pan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.