08 setembro, 2015

13 de setembro: Domingo 24 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 8, 27-35

Comentario:

É ben interesante ver o labor formativo de Xesús coas persoas que o seguían e acompañaban. Nós, con dous mil anos polo medio, na fe, no Espírito, de moitos modos e maneiras, podemos revivir con Xesús esta mesma experiencia de ser por el formados/as na comprensión da súa persoa, da súa tarefa, da súa causa, para máis lucidamente vincularnos a ela, se así nos prace. O lóxico sería que, coma bos seguidores e seguidoras de Xesús, individualmente e coma comunidade cristiá, estivésemos desexando que así fose e puxésemos da nosa parte todos os medios para facelo posible.

A pregunta de Xesús, a pregunta que hoxe nos podemos facer na celebración ou fóra dela, non é unha pregunta retórica, nin tampouco unha pregunta teórica, á que haxa que responder con palabras tamén retóricas ou de libro. Non. É unha pregunta vital, que demanda tamén respostas vitais. Quen é, quen está sendo Xesús para min, para ti, para a comunidade cristiá da que formo parte? Como se está introducindo Xesús e o seu Evanxeo nas nosas vidas, nos nosos planes, nas nosas tarefas de cada día, no noso estilo de vivir, de relacionarnos, de gañar e gastar os cartos, de tomar postura nas grandes cuestións que hoxe se están debatendo na nosa sociedade?

É moi ilustrativo ver a secuencia do relato que nos ofrece Marcos. Xesús pregunta: “E vós, quen dicides que son?”, e Pedro dá unha resposta correcta, mesmo dogmática: “Ti es o Mesías”. Xesús, di Marcos, prohíbelles dicir nada a ninguén. Os estudosos téñennos falado moito desta afección de Marcos polo “segredo”, pola ocultación que o mesmo Xesús quere facer da súa verdadeira identidade. A realidade é que Xesús séguelles aclarando aspectos da súa realidade, da súa persoa – aspectos que nunca ocultou a ninguén, ao contrario--, que teñen que ver precisamente co seu conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo, que teñen que ver tamén cos seus traballos, coas súas penalidades, coa súa morte, coas súas ansias e expectativas, coa súa confianza de vida plena en Deus. E entón Pedro, o que antes tan serenamente definira quen era Xesús, xa non entende nada, rebélase e mesmo ousa reprender a Xesús. O ser de Xesús era o que a realidade de cada momento estaba demostrando que era, máis que as palabras exactas que pretendían encadralo. Xesús era “o conflitivo”.

Todos, todas, tendemos a facer o mesmo ca Pedro; tendemos a buscar respostas perfectas, que nos deixan cómodos nos nosos estilos de vida. Moitas das nosas loitas eclesiais teñen que ver precisamente con estas respostas teóricas perfectas. Enredámonos tanto nelas, que acabamos ignorando o lugar preciso onde se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa identidade como seguidores del e da súa causa. Se algunhas veces vos dá por entrar nos diferentes blogues aos que podemos entrar en Internet, vemos con moita frecuencia que as cousas son así. Establécese o debate, a batalla –moitas veces cunha linguaxe nada respectuosa, nada cristiá (ata niso nos arredamos xa, de entrada, do estilo de Xesús)— onde realmente non importa, onde realmente Xesús non a colocaría, e perdemos enerxías onde realmente non paga a pena perdelas.

E onde é que se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa coma seguidores, seguidoras del? Dínolo o mesmo Xesús na parte final deste Evanxeo: a identidade de Xesús está no sentirse vinculado a fondo a una realidade solidaria maior, que chamamos Deus, que chamamos Pai/Nai, que chamamos Amor; está, en consecuencia, en vivir totalmente despegado de si mesmo, descentrado, ata o punto de relativizar a propia vida, a propia existencia, que non é o importante, senón que o importante é que a vida de todos, de todas, se vaia enchendo desa forza de amor asentada en Deus, que leva a crear irmandade e consideración especialmente con quen é máis débil, e máis pode quedar ao marxe dun proxecto tan fermoso. Xesús é o que “se perde” niso; porque vivir no amor solidario leva á conflitividade e mesmo á morte. Pero, curiosamente, aí está o segredo da vida, aí está a nosa felicidade, aí está a identidade de Xesús, e, se queremos seguilo, tamén a nosa.

Crer en Xesús é un acto de vida, é unha maneira de estar día a día coa xente da familia, cos veciños e veciñas, coa nosa sociedade en conxunto, cos máis débiles dela. Estar aí desde o soño comunitario de Deus ou desde as nosas comenencias particulares. Temos que escoller.


Preces:

QUE APRENDAMOS A VER A VIDA
COA TÚA MIRADA , DEUS NOSO.
  • Que aprendamos de ti, Xesús, a facer da vida cristiá unha militancia activa, e non unha confesión baleira de verdades teóricas. Oremos.
  • Que non teñamos medo a entrar en conflito con quen sexa, con tal de defender a gloria de Deus realizándose na vida sobre todo da xente máis débil. Oremos.
  • Que coa túa forza, Xesús, non temamos saír de nós mesmos, esquecernos de nós mesmos, para coidar e servir mellor a quen de nós precise. Oremos.
  • Que, agora que empeza o curso, lle prestemos especial atención aos nosos nenos/as e mozos/as, que retoman a súa tarefa escolar, e que os saibamos acompañar coma pais ou mestres. Oremos.
  • Que nos tempos de outono e de recolleitas, lle saibamos agradecer á xente do campo o seu traballo, os alimentos que producen, o coidado do campo; e que os apoiemos nas súas reivindicacións, en concreto na dun prezo xusto para o leite que producen. Oremos.


Pregaria:

Perdón, Señor,
polas moitas veces que teño feito da miña vida cristiá
unha rutina, un baleiro,
unha labia sen xeito nin proveito.

Perdón, Xesús,
polas veces que teño pronunciado o teu nome inutilmente,
ou lido os teus evanxeos
poñendo unha coiraza sobre o meu corazón,
para que non me afecten,
para que non me convertan.

Perdón, Señor,
polas veces que mirei por min por riba de todo,
poñéndome no centro da miña historia,
no centro da comunidade da que formo parte,
no centro incluso da túa presenza en min.

Perdón, Xesús,
por non saber perder a vida, morrer,
ocultarme, desaparecer,
para acollerme gozoso e agradecido
á sombra do amor, do teu amor, do amor total,
que é a nosa fonte e a nosa plenitude.

Perdón, Señor,
por dicir tantas veces “noso Pai”, sen sentirme irmán,
por dicir “irmán, irmá”, sen que me trema a voz,
por dicir “pobre”, sen levar a man ao peto,
por dicir “comunidade”, sen poñerme a construíla,
por dicir “pobo, sen dedicarlle o meu servizo,
por dicir “conflito”, sen buscarte no seu centro.

Perdón, Señor!


Signo:
  • Un interrogante grande, ou varios.
  • Xesús coa cruz ao lombo, e sobre o madeiro da cruz a palabra CONFLITO.
  • Unha comunidade cristiá en traballo de reflexión e/ou de oración.
  • Unha escena de confrontación ou conflito social.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.