16 setembro, 2015

20 de setembro: Domingo 25 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Marcos 9, 30-37


Comentario:

Gusta ver a Xesús parándose cos seus seguidores e seguidoras, dedicándolles tempos, informando, formando. Nós tamén estamos dentro dese mesmo grupo; tamén nós, na celebración eucarística ou fóra dela, individual ou comunitariamente, somos obxecto dos coidados de Xesús. Nin que dicir ten o importante que será para nós como cristiáns/cristiás dedicar tempo a este estar con Xesús para aprender, para asimilar a súa maneira de ver as cousas, o seu estilo de vivir, e practicalo logo nos tempos que nos toca vivir.

A morte de Xesús foi de moi difícil comprensión para os seus discípulos; dentro da súa maneira de pensar, da súa comprensión de Deus e das relacións da xente e do mundo con el, que un xusto acabase como Xesús acabou non tiña explicación posible. Só quedaba entendela coma un acto querido por Deus, consentido por Deus, buscado por Deus dentro dos seus plans segredos, nos que máis tarde as primeiras comunidades cristiás verían unha vontade de salvación, de redención a través do sangue vertido. É normal que nós teñamos outra maneira de entender a Deus, a nosa relación con Deus, a súa salvación, e por iso, aínda que nos siga conturbando a morte de Xesús, encadrámola nunha corrente de amor e de solidariedade cos últimos, que o levan a un enfrontamento co poder, que lle causa a morte. Unha morte chamada a ser superada pola vida ofrecida pola esplendidez amorosa de Deus, á que Xesús sempre se debía. A morte coma cumio dunha decidida vontade de servizo, de estar entre os últimos.

Choca esta disposición de Xesús de situarse contra o poder, por facerse servidor dos últimos/as, mesmo ata o punto de morrer en cruz polo ben deles, cos pensamentos e debates dos seus discípulos: a ver quen era o máis importante, o que acumulaba máis poder. É posible que tamén choque a disposición de Xesús co que cada un de nós buscamos e queremos. É ben difícil sobrepoñerse ao afán de poder, de prestixio, de dominio. Será sempre unha tentación para cada un, cada unha, para cada comunidade cristiá, para o conxunto da Igrexa. Podiamos pensar en que cousas concretas se nos presenta hoxe está tentación, como a estamos superando ou como estamos caendo nela.

Ser o derradeiro, a derradeira, o servidor ou servidora de todos/as; este era o ideal de Xesús, ao que el sempre foi fiel; é sen dúbida unha vivencia interior, pero é sobre todo unha maneira de estar ao lado da xente. Ser o derradeiro/ra, ser o servidor/ra de todos/as ter a palabra, o tempo, as aptitudes, as habilidades, os cartos, nunca en función dun mesmo, senón en función dos demais. Un faise a si mesmo, constrúese a si mesmo o máis completo posible, pero sempre baixo a idea de ser bo para o servizo, de ser de calidade para os demais. E iso facelo coma mai ou pai, coma mestra ou labrego, coma médico ou política, nas pequenas cousas de cada día, e nas cousas de máis empaque nas que de cando en vez nos toca participar.

Fronte ao afán de poder que domina con frecuencia as relacións entre persoas, entre grupos, entre partidos, entre pobos, a achega de Xesús resulta contracultural, e, por iso mesmo, creativa de futuro. Sabemos de sobra a onde ten levado e a onde nos está levando iso de entender a propia vida e as relacións que a acompañan desde a clave do afán de mando, de poder, de importancia. Xesús invitábanos a outra cousa: a planealo todo desde o afán de servicio, convencido de que había aí un tesouro agachado para cada persoa, para o conxunto da sociedade. Cando vemos persoas que se deixaron e deixan levar por estar proposta de Xesús quedamos abraiados, fondamente agradecidos polo que aportan ao conxunto das nosas comunidades e dos nosos pobos. Sen embargo, seguimos no fondo dubidando da proposta de Xesús e receamos entregarnos a ela en corpo e alma.

Estamos vivindo uns retos importantes co tema dos produtores de leite en Galicia, tamén co tema da xente refuxiada que pida cobertura nos países europeos. Nós, que somos os que nos dicimos xente cristiá, temos aí un reto grande, un camiño aberto, para andar nel ou ao estilo de quen se quere facer servidor último coma Xesús, ou ao estilo de quen quere señorear e mandar desde arriba como discutían os seus discípulos.

Poñer a quen non conta no medio e medio das ansias da comunidade, das ansias de cada un de nós segue a ser unha proposta evanxelizadora básica, á que Xesús lle daría o seu primeiro e fundamental voto. E nós?


Preces:

QUEN QUEIRA SER PRIMEIRO/A,
QUE SE FAGA SERVIDOR/RA
  • Que lle deamos fe ás túas palabras, Xesús, que as convertamos en lema das nosas vidas. Oremos.
  • Que nos esforcemos por entender e apoiar a loita que a xente do campo está vivindo agora co tema dos prezos do leite, para que se impoña en todas as cousas o que é de xustiza. Oremos.
  • Que descubramos o gozo de ser irmáns, irmás, servidores e non amos no noso trato coa xente refuxiada que nos está pedindo axuda. Oremos.
  • Que nos decidamos a servir con honradez desde a política, ou desde movementos sociais alternativos que traballen pola mellora das condicións de vida da xente que está sentido máis os efectos da crise. Oremos.
  • Que, seguíndote a ti, Xesús, vaian aparecendo nas nosas comunidades e pobos cregos, monxas, sindicalistas, animadores sociais, persoas que arrastren pola súa vontade e forza de servizo, e nos permitan soñar cunha Galicia renovada. Oremos.


Pregaria:

Que poñemos no medio das nosas vidas?
A quen poñemos no medio das nosas vidas?

Deixar de lado os discursos vanos,
os debates estériles,
nos que investimos tempos e fervores;
coller as túas palabras, Xesús,
limpas, simples, crúas,
e poñelas no medio e medio,
no corazón de cada xornada:
“Quen queira ser primeiro, primeira,
que sexa o último, a última de todas,
o servidor, servidora de todos”.
Así de sinxelo.

Grazas, Xesús.
Deixar de lado teorías e teorías,
debates de relixión, espiritualidade, mística,
seguir o teu exemplo, Xesús,
coller o neno,
coller a persoa débil, pobre, marxinal, emigrante, refuxiada,
prostituta, parada severa, esquizofrénica, drogadicta,...
poñela no medio e medio do corro da familia,
do corro da comunidade,
e deixar que a vida se faga e se desfaga
desde esta matriz de ansias e servizos.
Así de sinxelo.

Grazas, Xesús.
E a verdade da túa promesa
acompañando o noso intento:
acollendo, poñendo no centro
a calquera que non conte,
estádesme acollendo a min,
estades acollendo o meu Deus,
o Deus pobre e marxinal
que na fraxilidade do amor
atopa o seu lugar e a súa forza.
Grazas, Xesús.


Signo:
  • Unha pancarta de manifestación co lema ben claro: QUEN QUEIRA SER PRIMEIRO/A, QUE SE FAGA O ÚLTIMO/A.
  • Outra que poña: A FELICIDADE ESTÁ EN SERVIR Á XENTE DÉBIL.
  • Primeiros planos de rostros de xente refuxiada, parada, pobre, enferma, nenos, drogadicta, emigrante..., que deberan ocupar os nosos centros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.