mércores, 23 de setembro de 2015

27 de setembro: Domingo 26 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 9, 38-43.45.47-48


Comentario:

Aos discípulos de Xesús preocupáballes máis salvagardar a imaxe do propio grupo ca o beneficio da xente. Xesús non está de acordo. O importante, precisamente, é que a xente sexa beneficiada polo servizo dos demais, sexa cal sexa o grupo, a ideoloxía, as referencias coas que se vincule. O problema existía daquela, polo que se ve, e tamén existe hoxe. Na sociedade, pertencemos uns e outros a diferentes partidos políticos, a diferentes liñas ideolóxicas; na Igrexa pertencemos tamén a diferentes “correntes”, a diferentes maneiras de entender a fe e de intentar levala á práctica. E moitas veces funcionamos e movémonos desde estas instancias particulares, intentando salvalas por riba de todo, non recoñecendo o ben que pode saír doutras maneiras de pensar e de actuar. Xesús recórdanos a todos e todas que o criterio último para medir as cousas, para medir a calidade da nosa militancia é ver se a xente débil é ou non convenientemente atendida; atendida con respecto, dándolle prioridade; atendida por si mesma, sen manipulala, sen empregala, de ningunha maneira, para o noso crecemento persoal, ou para o crecemento do noso grupo.

É moito o que temos que aprender a convivir, tanto na sociedade coma na Igrexa. Convivir que implica dar e recibir, falar e escoitar, recoñecer erros e méritos tanto no noso grupo coma nos outros grupos. Convivir que implica tamén acoller a corrección que nos pode vir dos outros, e asumir igualmente o servizo da corrección. Sempre desde un sentimento fondo de irmandade, de complementariedade, apelando sempre ao único maior e absoluto, que é Deus, ante o que tamén todos nos descubrimos en camiño, en busca, e nunca –faltaba máis— en posesión. Está claro que fóra da Igrexa hai salvación, hai vida en Deus; e está claro –dito por Xesús-- que fóra da confesión do seu nome tamén hai salvación, hai vida en Deus. Algo para agradecer que así sexa.

Refugiados sirios descansan a su llegada al campo de refugiados
de Mafraq, Jordania..EFE/Jamal Nasrallah
Chama a atención a radicalidade de Xesús cando fala de escandalizar a calquera das persoas máis pequenas que cren nel. Ou aínda que non crean –poderíamos completar, sabendo como pensaba Xesús. Escandalizar é poñer atrancos para que as persoas non poidan gustar a vida con normalidade, para que non poidan gustar o Deus da vida a través do don da vida. Hai moitas maneiras de poñer atrancos aos máis débiles. Hoxe mesmo, no que está pasando na sociedade co tema da crise, ou co tema da xente refuxiada que está intentando entrar en Europa, estánselle poñendo moitos atrancos á xente pequena. Cal é a nosa parte, por activa ou por pasiva? Nas comunidades cristiás, na Igrexa, ábresenos moito a boca para dicir que temos a chave das noces para case todo, pero onde vai o noso servizo completo, para que a xente máis débil teña vida, e a teña en abundancia, como Xesús Cristo quería e pretendía por encomenda do Pai? Polo que Xesús mesmo di, é algo ao que el lle daba moitísima importancia. Sería ben que tamén nós lla demos, e que revisemos o noso funcionamento persoal e comunitario; seguro que atoparemos moito no que mellorar, ao tempo que nos decataremos de que, por ser nós mesmos débiles, somos ao mesmo tempo obxecto dunha persistente atención e agarimo por parte da radicalidade de Xesús, de Deus.

Chama a atención a radicalidade de Xesús cando fala de andar en fidelidades. Non é para asustar, é para animar. Non é para meter medos, é para alertar. Non é a radicalidade do temor, senón a radicalidade do amor. A vida pódesenos ir das mans coas nosas parvadas, o sol pódenos pasar pola porta, mentres gastamos o tempo, o xenio en cousas que non o merecen. É indubidable que Xesús non nos convoca para formar unha comunidade de vagos, de abandonados/as, senón para formar unha comunidade de irmáns/irmás, que poñen alma, vida e corazón en acoller o ben de Deus e en facelo medrar no propio corazón, na propia vida, na nosa sociedade. Iso era, iso é, o Reino de Deus, ao que Xesús estivo e está totalmente entregado. E nós?


Preces:

BENDITO SEXAS, XESÚS,
NO SERVIZO DE CALQUERA PERSOA
  • Bendito en quen te serve, servindo os nenos/as, mozos/as que nestas semanas están empezando a ir á escola. Bendito sexas.
  • Bendito nos homes e mulleres de calquera relixión, de calquera grupo político, que se empeñan en facer o ben servindo as persoas e grupos máis débiles. Bendito sexas.
  • Bendito sexas nas persoas animosas, que na nosa comunidade coñecemos, coma o N., o N. (pódense dicir nomes concretos), que fan o ben sen mirar para quen. Bendito sexas.
  • Bendito sexas nas institucións, nas familias, nas persoas estes días se están empeñando en dar acollida a persoas refuxiadas e inmigrantes, tratándoas coma xente irmá, aínda que sexan de raza e credo distinto. Bendito sexas.
  • Bendito sexas nas persoas firmes e comprometidas, que non se deixan corromper, honradas a tope, dispostas a perder do seu o que sexa, antes de volverse atrás da súa entrega aos demais. Bendito sexas.


Pregaria:

A miña ideoloxía,
o meu credo relixioso ou político,
o meu partido, Xesús,
cantas veces os poño coma motor e referente
da miña actuación!

Boto a visa atrás,
reviso as miñas accións,
incluso aquelas que digo facer no teu nome,
e cantas veces están infectadas de particularismos,
de intereses propios ou do propio grupo!

Perdón, Xesús, perdón!
Que difícil é limpar a ollada, o corazón, as mans,
e deixar que sexas ti quen esteas no centro,
que sexa a xente débil quen estea no centro!
Que o teu Espírito me ilumine e purifique!
Que a túa corrección me cure e me faga libre!

Cantas veces son un radical equivocado!
Cantas veces ignoro a inmensa riqueza
de dar ou recibir un vasiño de auga
--un bico, unha tenrura, unha atención, un apoio—
no teu nome!

Cantas veces prefiro andar fachendoso, enteiro,
coas dúas mans, os dous pés, os dous ollos
co corazón intacto,
co tempo reservado,
escandalizando os teus pequenos ou pequenas,
que me solicitan un anaco de man soltándose cara á súa,
un anaco de pé axustado ao seu,
unha ollada próxima cruzada coa súa,
un chisco de corazón latindo ao seu son,
un pouco de diñeiro cambiando de carteira,
un minuto de tempo confundido co seu!
Cantas veces, Xesús, cantas!

E son discípulo teu?
E deféndome e ataco coma quen posúe as esencias
de ti e do teu grupo?
Pobre de min, Xesús!
Por canto tempo tanto despropósito!
Perdón, Xesús, perdón!


Signo:
  • Unha man, un ollo, un pé, unha carteira.
  • Un grupo dándose as mans, pero sen pechar o corro, un grupo aberto.
  • Unha imaxe do Papa nos encontros de oración interconfesionais de Asís.
  • Unha imaxe de refuxiados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.