08 outubro, 2015

11 de outubro: Domingo 28 do Tempo Ordinario, Ciclo B.



Evanxeo: Mc 10, 17-30


Comentario:

Chama a atención, primeiro, a decisión do home que, correndo, se achega a Xesús, se xeonlla ante el e lle pregunta: que teño que facer para acadar a vida eterna. Os xestos, as palabras, denotan unha persoa con verdadeiro interese; interese, paixón, que nos viría ben recuperar ou reforzar na nosa experiencia cristiá. Preocúpalle acadar a “vida eterna”, ese futuro de paz e de gloria no espazo definitivo de Deus; sabemos que esa “vida eterna” empeza xa agora, aquí, na terra, e implica unha vida plena, pacificada, socializada, irmandada, tocada polo novo permanente de Deus, acollida, agradecida, ofrecida, dada, fundida nun abrazo solidario con todos e todas, con todo, coa natureza en cada un dos seus elementos irmáns, que so terá redondez e plenitude en Deus, só, no fondo, se pode conseguir como regalo de Deus, porque o noso non dá para tanto. Quen non desexa “vida eterna” así entendida? Que bo é ter ou suscitar en nós este desexo radical de vida, para nós, para todo e todos/as cantas nos rodean! É imposible avanzar, se non é desde este desexo fondo, auténtico, limpo.

Xesús ofrécelle a quen lle fai a pregunta unha serie de pautas que teñen que ver cunhas correctas relacións, xustas relacións co próximo. Nada pouco, pero ao home aquel non lle chega. Xa o cumpre, e quere máis. Xesús pousou os ollos nel cunha mirada chea de agarimo. É ben que reparemos nesta mirada de Xesús, que demostra que vía a aquela persoa capaz de abrirse a algo máis que lle posibilitaría descubrir e gozar do “tesouro” de Deus para todos nós. Non sempre estamos nese punto de arranque cara á plenitude. Que ben, que o poidamos ter! Pero o evanxeo tamén nos di que o podemos ter, pero non ousar dar o salto a un certo baleiro, que é condición imprescindible. O baleiro é a nudez, o desapego, a inseguridade, a pobreza; pero tamén, precisamente por iso, o baleiro é a paz fonda, a liberdade, a alegría, a fraternidade completa, nunha relación nova con todo, con todos, con todas. O home aquel colleu medo. Nós tamén collemos medo moitas veces á proposta radical de Xesús. E perdémonos o mellor del, o mellor de Deus. Que pena por aquel home! Que pena por cada un de nós cando o imitamos!

Aos contemporáneos de Xesús, afeitos a ver a riqueza coma unha bendición desexada de Deus, as palabras de Xesús resultáronlles algo tolas: como ía ser a riqueza algo que os arredase da proximidade de Deus! Para nós tamén son unhas palabras tolas, e non xa porque vexamos as riquezas como bendición de Deus, senón porque estamos convencidos de que son elas as que poden abastecernos de todos o que precisamos para ser persoas, por dentro e por fóra. Descansamos nelas. Poñémolas como responsables últimas da nosa felicidade.

Xesús fala dos ricos, non das persoas que empregan os bens da terra para coidarse no necesario que nos permite vivir con dignidade. Prevennos contra a riqueza porque frecuentemente, como dicía algún dos Padres da Igrexa, quen a ten ou é ladrón, ou é herdeiro de ladróns. Cousa que podemos comprobar ben no sistema de acumulación de capital que se dá tamén nos nosos tempos. Xesús prevennos contra a riqueza, porque pecha os corazóns ao don humanísimo da solidariedade, de pensar nos outros/as con amor e con vontade de compartir; as riquezas róubannos a liberdade do corazón, fannos escravos, dependentes, aínda que aparentemente nos pareza o contrario; as riquezas péchannos pouco a pouco ao máis fermoso da humanidade e de Deus nela; as riquezas, por todo iso, impídennos seguir a Xesús, acompañalo, e introducirnos no seu mundo novo.

Xesús prevennos contra as riquezas. Debiámoslle ter medo coma ao lume, tanto a nivel de persoas, como de comunidades, como Igrexa. Debiamos escapar delas e dos ricos que as sosteñen, ao estilo de Xesús, que sempre deixaba portas abertas e encontros establecidos, para que tamén os ricos se decatasen da súa tolemia. Estaría ben que coa da nova evanxelización tivésemos isto moi en conta.

Pero Xesús non nos deixa no aire, espidos/as, baleiros, sen sustento. Ábrenos as portas cara a tesouros novos, cara a familias novas, cara a novas formas de usar o necesario para vivir, de relacionarnos coas cousas, coa xente, con Deus. Non evita dicirnos que a cousa non é doada, que terán problemas as persoas e comunidades que se propoñen as cousas así, pero é a xente pobre, fraterna, libre, desapegada, solidaria, a que fará un mundo novo, a que terá o Reino de Deus nas súas mans coma regalo sobreabundante, coma tesouro.


Preces:

O SEÑOR ENSÍNANOS OS CAMIÑOS DA VIDA

  • Xesús, ti avivas en nós a ansia de buscar a Deus, de buscar o bo e xusto, de buscar o mellor, de buscar unha vida densa e feliz. Que saibamos abrirnos á túa palabra, ao teu Espírito. Oremos.
  • Xesús, ti prevesnos contra o diñeiro, contra a riqueza. Que che fagamos caso, que descubramos a grande liberdade e alegría que hai en vivir en pobreza digna e solidaria. Oremos.
  • Xesús, ti alértasnos contra os modelos económicos que tentan acumular sen solidariedade. Que sintamos a túa forza en nós nestes tempos de crise, para apostar decididamente por unha sociedade solidaria, onde o traballo, a ensinanza, a saúde chegue a todos/as por igual. Oremos.
  • Xesús, ti soubeches combinar moi ben a esixencia coa misericordia, para que a vida triunfase sempre. Que o persoal todo que asiste ao Sinodo de Roma sobre a Familia acerte a orientala con fondura e misericordia, ao teu estilo sempre. Oremos.
  • Xesús, ti fasnos propostas audaces, onte coma hoxe. Que non che teñamos medo, Xesús, que en cousas pequenas e pouco a pouco nos vaiamos introducindo polo camiño das túas propostas. Oremos


Pregaria:

Grazas, Xesús,
porque ti non falas por falar;
o que dis experimentáchelo,
vivíchelo,
e ofrécesnolo coma camiño seguro
que leva á vida redonda, feliz,
permanente, eterna.

Grazas por ti, Xesús,
e grazas por tantos e tantas seguidoras túas
que che fixeron caso,
e que se introduciron polos estreitos carreiros da pobreza,
para chegar á máis fonda liberdade,
á máis fonda ledicia,
á máis fonda solidariedade,
a máis fonda fraternidade.

Grazas por ti, Xesús,
e grazas por Francisco de Asís,
e por Carlos de Foucauld,
e por Alexandre Bóveda,
e por tantos militantes cristiáns e non cristiáns,
homes e mulleres,
de onte e de hoxe,
que non puxeron o diñeiro coma meta da súa vida,
senón o servizo a todo o débil,
a solidariedade no nome de Deus.

Grazas, Xesús,
porque a pesar do meu pecado, do noso pecado,
as túas palabras,
as túas propostas de vida
atopan eco no meu corazón,
e atópome disposto, animado
a experimentar contigo
a liberdade e a alegría da pobreza,
todos os camiños de vida que me ofreces
se me distancio dos cartos e do poder,
e che sigo no abandono amante e solidario.

Para os homes e mulleres,
para min,
é imposible.
Pero para ti, Xesús,
para Deus,
todo é posible.
Grazas, Xesús.


Signo:
  • Un billete, unhas poucas moedas.
  • Logo máis billetes e máis moedas.
  • Logo aínda máis billetes e máis moedas tapando un rostro de Xesús, tapando o rostro de xente débil.
  • Por último rostros de persoas anónimas ou o rostro de Xesús, o rostro de Francisco de Asís sobrepoñéndose aos cartos e ás moedas.
  • Ao final, un camiño aberto, amplo, iluminado, e persoas abrazadas facendo ese camiño.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.