01 outubro, 2015

4 de outubro: Domingo 27 do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Mc 10, 2-16


Comentario:

O evanxeo de hoxe colócanos ante dúas realidades completamente normais na nosa existencia de cada día: a parella, o matrimonio, e os nenos e nenas. Non está nada de máis que, coma persoas cristiás, nos preguntemos como imos vivindo estas dúas realidades básicas dentro da nosa vida. En moitos fogares o tema de crise é un factor de preocupación que, entre outras cousas, pode afectar, e moito, á convivencia das parellas e á nosa atención cos fillos/as. A maior escaseza económica, as menores posibilidades laborais condicionan, sen dúbida, moitas das relacións e das decisións que se poden dar entre parellas e entre pais e fillos. Por iso non está nada de máis reparar nisto e intentar vivir as cousas ao estilo cristián todo canto se poida. Haberá efectos negativos, sen dúbida, pero tamén pode haber consecuencias positivas; todo dependerá de como vivamos as cousas e nos situemos ante elas.

O evanxeo achéganos unha cuestión moi viva nos tempos de Xesús, que, como ben sabemos, segue a ser unha cuestión viva tamén nos nosos tempos, aínda que, sen dúbida, entre nós ten matices distintos dos que tiña nos tempos de Xesús. Entre os xudeus do tempo de Xesús o divorcio propúñase nun contexto de maior ou menor dominio do home sobre da muller: ata que punto, baixo que condicións, o home podía romper a súa vinculación coa súa parella. As respostas ían desde unhas condicións extremas –o adulterio--, a outras sumamente simples –non me prace como me fai a comida, p.e.--; pero sempre desde unha perspectiva machista: era o home o que tiña ou non a decisión de mandar a súa muller a paseo. Nese senso, a resposta de Xesús rompe radicalmente con toda pretensión machista: a relación de parella non está marcada por un poder do home sobre da muller, senón por unha relación de igualdade no amor, nos dereitos, no compromiso mutuo que é, pode ser, sería bo que fose, garantía dunha permanencia na relación.

Non podemos dicir que hoxe ese machismo estea acabado. No fondo practicamente todos os casos de violencia de xénero teñen como punto de partida este pretendido dereito do home a decidir sobre a muller, que pasa a ser coma unha pertenza del, sobre a que pode decidir cousas tan importantes como a súa mesma existencia. Nunca está de máis estar en vela fronte a esta pretensión machista que se nos cola a todos de mil maneiras e que, de mil maneiras tamén, segue a ter presenza nas nosas vidas e nas nosas relacións matrimoniais. As parellas cristiás, os matrimonios cristiáns temos aquí un campo de espiritualidade e de testemuño excepcional.

A máis disto, o matiz novo das relacións de parella dos nosos tempos poida que sexa a fraxilidade destas relacións: facilmente se establecen e facilmente se rompen. A xente maior di que os novos non teñen aguante, que á primeira xa tiran a toalla, que para manterse en parella hai que saber sufrir. É todo cuestión de maior ou menor sufrimento? O feito é que na nosa sociedade a vida de parella e matrimonial estase configurando con formas novas, máis espontáneas, máis libres, menos consistentes, con expectativas menores respecto á súa continuidade, moi abertas ao que poida acontecer. É frecuente que as relacións se rompan, non se consoliden nunha primeira convivencia de parella ou de matrimonio. Hai moitas fracturas, moita dor, máxime cando hai nenos e nenas polo medio. Estaremos nunha etapa de proba, na busca de modelos matrimoniais distintos? Estase a facer esta proba con fundamento, con solvencia, ou vivimos isto con banalidade, ao tun-tun? Posiblemente haxa de todo un pouco.

Que papel xoga nisto a proposta de Xesús, a proposta cristiá, na que se fai unha aposta por un amor permanente, baseado no permanente amor de Deus que se mete en todas as nosas estruturas persoais e que nos invita a responder con fidelidade á fidelidade recibida? Que papel xoga a proposta de Xesús, que sabe moito de perdóns, de segundas e terceiras oportunidades (ata 70 veces sete, dicía Xesús), ata que as persoas (e as parellas tamén, como parte das dimensións persoais) encontren o seu espazo de realización? Que papel xoga a proposta de Xesús que conta coa realidade do pecado na persoa e na parella, e lle propón recorridos de revisión, de cambio, de superación? Ata que punto nas comunidades cristiás, na Igrexa, somos servidores da riqueza e do coidado da vida de parella, e non nos limitamos a sermos condenadores dos seus fracasos, para despois negarlle á xente novas oportunidades? Xesús invítanos a non seguir apuntando co dedo cara a fóra, a non dominar, a sermos servidores do amor a fondo. Porque é aí onde hai o maior gozo, o maior pracer.


Preces:

QUE NON SE NOS ENDUREZA O CORAZÓN, SEÑOR
  • Para sabernos amar, comprender, perdoar, apoiar, acompañar na vida matrimonial, facendo do matrimonio unha experiencia sólida de amor. Oremos.
  • Para saber comprender aos que fracasan na súa experiencia matrimonial, e podelos axudar a reencontrarse co amor dunha maneira máis satisfactoria. Oremos.
  • Para que as comunidades cristiás, e a Igrexa no seu conxunto, sexamos espazos de acollida para todas as persoas que andan necesitadas de perdón, comprensión e apoio. Oremos.
  • Para que sexamos moi sensibles á situacións dos nenos e nenas que viven experiencias de ruptura nas súas familias, e poñamos o seu coidado por riba de todo. Oremos.
  • Para que non xoguemos nunca co amor, para que saibamos iniciar ben no amor aos nosos nenos e nenas, aos nosos mozos e mozas, de xeito que amar sexa sempre unha experiencia gozosa e alentadora na vida. Oremos.


Pregaria:

Agradece, en Deus, a túa parella,
a súa presenza ao teu lado,
a súa voz, a súa palabra,
a súa risa, a súa graza,
o seu corpo, o seu estilo,
o seu aquel que te namorou nos primeiros momentos.

Goza, en Deus, coa túa parella,
co seu apoio, co seu alento,
coas súas ideas, co seu enxeño,
cos seus bicos e aloumiños,
coa súa sexualidade toda,
coma se fose hoxe en todo a primeira vez.

Coida, en Deus, a túa parella,
nas súas fraxilidades físicas e mentais,
nos seus decaementos e depresións,
nas súas horas de cansazo e de abandono,
cando a lapa do amor esmorece
e cando a cana da fidelidade empeza a quebrar.
Coida día a día o amor,
e o amor coidará da vosa convivencia.

Medra, en Deus, coa túa parella,
ampliade día a día as vosas fidelidades,
abríde cada vez máis as portas do voso fogar,
convertédevos en panal de mel que atraia a famentos e sedentos,
deixade que o amor se espalle coma fogueira de irmandade,
á medida sen medida do mesmo Deus.
Facede sólido e consistente o voso amor,
coa solidez mesma de Deus.

Celebrade, en Deus, o voso amor,
cada día, no recoñecemento expreso das palabras miúdas,
na oración calada, no canto,
dicídevos o moito que vos queredes,
obsequiádevos, mimádevos,
soñade entre vós cada día,
que o amor ten sempre para dar
moito máis do que xa vos deixa dado.


Signo:
  • Un anel, un ramo, unha coroa.
  • Unha parella bicándose, dándose unha aperta.
  • Unha roda de xente dándose a man.
  • O rostro dun neno/nena.
  • Alguén acollendo a un neno ou nena.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.