martes, 10 de novembro de 2015

15 de novembro: Domingo 33 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 13, 24-32


Comentario:

A situación tensa, tensísima vivida polas primeiras comunidades cristiás, que houberon de afrontar conflitos serios co mundo xudeu e co mundo romano; as circunstancias de guerra e destrución vividas polo pobo xudeu co que convivían as comunidades cristiás; a tardanza da chegada do Reino de Deus cumprindo a promesa dunha volta do Fillo do Home para restablecer as cousas todas..., todo isto deu pé a este tipo de literatura relixiosa, chamada apocalíptica, que recollen os evanxeos sinópticos, e que vén representada en forma de discursos postos na boca de Xesús nos últimos días da súa vida terrestre. O evanxeo de hoxe é un anaquiño do discurso apocalíptico de Xesús, segundo o evanxelista Marcos.

Que nos ofrece este evanxeo? A que nos invita? En que nos cuestiona? Que esperanzas nos abre? En que pode ser Boa Nova para nós?

Desde logo nin Deus, nin Xesús andan con ameazas. O de Xesús non foi nunca meter medo, para que a xente desde o medo reaccionaramos. O de Xesús –sabémolo ben--, o de Deus foi, é sempre, librarnos dos medos, facernos xente forte e esperanzada ante os medos. Porque os medos están aí. Tíñano, e moito, aquelas primeiras comunidades cristiás ás que en primeiro lugar ían dirixidas as palabras deste evanxeo; e témolo nós tamén. Moito máis ca noutras épocas, somos unha sociedade medrosa. Cando tiñamos moito e nos criamos moito, o medo estaba disimulado na preocupación por perder aquilo que tiñamos, e que considerabamos tan bo; o medo era a non poder chegar aínda a máis, nunha ascensión de autosatisfacción que parecía non ter límite. Agora que andamos en épocas de vacas fracas, o medo é a que esta onda de depresión nos colla tamén a nós e nos arrastre cara a unhas formas de vida que considerabamos superadas para sempre. En moita, moita xente, o medo é xa a non ter o necesario para comer, para vestir, para curarse; o medo é a que me boten da casa, e perda, coa casa ou piso, aquelas seguridades elementais que me permiten erguerme esperanzada cada mañá.

A Palabra de Deus –era o que faltaba!— non se os dirixe para incrementar os medos ou para afogarnos neles, ou para aproveitarse deles para entrar á forza no noso interior e dominarnos. A Palabra de Deus, a Palabra de Xesús, invítanos primeiramente a ver como normal a nosa condición limitada e caduca. Son caducos os nosos corpos, as nosas familias; son caducos os pobos, as nacións, os grupos políticos; é caduca esta natureza que nos sostén; son caducos todos aqueles elementos que día a día contribúen a darnos algo de consistencia para ir tirando pola vida para adiante. Reconciliarnos coa nosa caducidade é un factor de verdade, de paz e de esperanza.

E ante unha caducidade máis ou menos natural, e sobre todo ante unha caducidade producida pola malicia e o abuso de persoas e/ou de forzas sociais e políticas, a Palabra de Deus confírmanos en que esa malicia humana, persoal e estrutural, non ten a última palabra, non ten o futuro nas mans, que sería sempre un futuro desastroso. É dicir, a banca, a especulación, o afán de acaparamento –ao que case todos/as con máis ou menos gusto nos estivemos sumando en época de vacas gordas--, non teñen a última palabra. A última palabra tena sempre –iso cremos e oxalá practiquemos os crentes— o Fillo do Home, é dicir o Ser Humano auténtico, que se nos ofreceu en Xesús de Nazaré, e que se nos ofrece cada día nas persoas que cren noutro tipo de formas de ser e de relacionarse; o Ser Humano auténtico que sabe de solidariedades infinitas e de reparto cotiáns, que soña cun mundo de irmáns e irmás, non de dominadores e dominados/as.

A Palabra de Deus fálanos de invernos e primaveras; fálanos de gromos verdes, con máis veracidade do que os políticos que tamén os anuncian, aínda que os datos vaian por outra lado. Os gromos verdes que dan credibilidade á Palabra de Deus son, por exemplo, as persoas que se están rebelando contra esta crise, e contra as raíces profundas da mesma; os gromos sono os grupos sociais que estiveron protestando e protestando contra os “desafiuzamentos”, ata sacudir a pereza e a desvergoña dos políticos con poder; gromos verdes sono os centos e miles de persoas que agudizan a súa solidariedade e dan do seu ao tempo que cuestionan este sistema tolo que nos quixeron meter polos ollos da avaricia.

O home, a muller solidaria, crente nun mundo de irmáns, de irmás, non pasará. Nunca. Nas súas mans hai porvir, está o porvir, hai verdade, hai futuro recuperado, hai Deus.


Preces:

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
  • Para que non nos deixemos arrastrar polo medo paralizante, que nos leva a encollernos no noso e a non pensar e actuar en colectivo. Oremos.
  • Para que abramos os ollos a todas as situacións de marxinación e abuso que se dan agora entre nós, e que se estaban dando con normalidade noutras partes do mundo desde anos e anos. Oremos.
  • Para que sexamos soñadores, para que non apuntemos con Xesús na construción dunhas relacións novas na familia, nos pobos, nas comunidades cristiás. Oremos.
  • Para que medremos na confianza sólida, fonda, total en Deus, agora e sempre. Oremos.
  • Para que saibamos vivir con paz o debilitamento dos nosos corpos, das nosas vidas, e saibamos mirar confiados/as o remate da nosa existencia. Oremos.


Pregaria:

Pai de todos os tempos,
servidor e dono do pasado, do presente e do futuro,
nós confiamos en ti.

Nós poñemos nas túas mans
a historia persoal de cada un, de cada unha de nós
e a historia toda deste noso mundo.

Sentímonos fráxiles e pequenas,
sentímonos pecadoras,
sentímonos evocadas á morte,
pero nós confiamos en ti.

Algún día pasaremos deste mundo
e faremos a viaxe cara ao descoñecido,
cara á zona do sombrizo e misterioso,
pero nós confiamos en ti.

Atrás quedarán amores e esperanzas,
proxectos e ilusións,
traballos e fracasos,
pero nós confiamos en ti.

Atrás quedará o amor
como máxima expresión do que somos e ardentemente desexamos,
e o noso corazón quedará aberto ao infinito,
pero nós confiamos en ti.

Na hora derradeira da nosa vida,
na hora da nosa morte,
na hora do encontro supremo contigo
nós confiamos en ti.


Signo:
  • Se pode ser, un banco en ruínas (!)
  • Se non, igualmente a imaxe dalgún banco, ilustrando a primeira parte do Evanxeo.
  • Algunha imaxe de solidariedade, ilustrando o que si ten consistencia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.