04 novembro, 2015

8 de novembro: Domingo 32 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 12, 38-44


Comentario:

O Evanxeo de hoxe preséntanos dous cadros dunha intensidade excepcional; dous cadros que ofrecen dúas formas contrapostas de se situar ante un mesmo coma persoa, de se situar na relación cos demais, de se situar na relación coas cousas, cos bens, cos cartos, de se situar ante a construción da comunidade cristiá e da sociedade, e, con todo isto, dúas formas tamén de coidar e educar o propio corazón, os propios afectos, a propia existencia. Un cadro está representado polos letrados, que eran persoas moi entendidas nas cousas da lei xudía, unha especie de sabios ou teólogos ; o outro cadro está representado pola viúva pobriña, unha figura social frecuente na sociedade xudía, que viña a ser coma a representación máis cabal do que era estar desprotexida.

Xesús critica de forma aberta e dura os letrados: arrogantes, chulos, vaidosos, buscando sempre o recoñecemento e aplauso da xente, piadosos aparentemente, pero que converten a súa piedade nunha maneira de explotar a xente débil, como as viúvas, en beneficio propio. Serán xulgados como cómpre, di deles Xesús. Non está de máis que como persoas e como comunidade cristiá miremos detidamente ás maneiras de ser deste tipo de persoa, que o fai todo, que o utiliza todo, incluído alto tan sagrado como a fe da xente máis pobre e abandonada, para o lucimento persoal. A súa vida é coma un globo de cores, que se afana por inchar e inchar..., ata que estoupa. Acaso non temos tamén nós trazos desta maneira de ser e de funcionar? Quen se escapa do afán por converterse no centro? A nosa mesma Igrexa non cae moitas veces nesta mesma obsesión de se querer situar no centro, roubándolle o espazo ao mesmo Deus, ou á xente máis pobre e débil que o representa? Somos críticos con nós mesmos para evitar isto? Somos críticos, coma Xesús, coas persoas da nosa comunidade, da nosa sociedade, que se comportan coma eses letrados?

Xesús, en cambio, chufa o comportamento daquela viúva pobre, que ao lado da xente rica que botaba moito, porque moito tiña e aínda lle sobraba, ela botaba unha cousa de nada, pero que era todo canto ela tiña mesmo para comer; desa forma acentuaba aínda máis a súa condición social de persoa desasistida, marxinal na sociedade xudía. E a súa acción, seguramente moitas veces repetida, nunca fora nin observada, nin recoñecida, nin valorada por ninguén, como non fose polo Pai que ve no segredo, e por Xesús que tiña un ollo especial para detectar e captar estas marabillas de fe, de amor e de liberdade encubertas en accións tan simples coma botar dous céntimos nun peto do templo.

Os letrados, con xestos e maneiras excepcionais, fan cousas vulgares, repetidas seguramente por moitos máis membros da sociedade (nós incluídos); non fan nada novo, nada creativo, nada que produza liberdade para si mesmos e para a demais xente, para a sociedade; nada que ula a solidariedade. Nas súas mentes, nas súas mans, certamente non hai futuro, non hai porvir. A viúva pobriña, con xestos e maneiras de absoluta normalidade, fai cousas excepcionais, novas, creativas, que producen liberdade no seu propio corazón e sementan liberdade nun medio social apagado, murcho; abre camiños serios de solidariedade. Na súa mente, nas súas mans, certamente hai futuro, hai porvir.

Cando falamos e nos propoñemos cousas de “nova evanxelización”, podemos coller o estilo dos letrados ou o estilo da velliña pobre. Nun hai baleiro e noutro bendición. Cando nos encontramos nunha sociedade en crise, porque formamos parte dela, porque en algo seguramente somos tamén causantes desa crise e en moito seguramente somos tamén quen máis a sufrimos; cando queremos reaccionar e loitar, podemos seguir apostando pola figura dos letrados, polo estilo de vida oca dos letrados, ou pola figura da viúva, polo estilo de vida densa da viúva. Nun hai baleiro, canto baleiro!, e no outro hai bendición e futuro, canta bendición e futuro!


Preces:

CONFIAMOS EN TI, SEÑOR,
QUEREMOS SEGUIRTE.
  • Queremos seguirte, Xesús, revisando os nosos comportamentos persoais e comunitarios, para non usar nunca a Deus e a comunidade cristiá coma unha ocasión de lucimento e medre persoal. Oremos.
  • Queremos seguirte, Xesús, vivindo a nosa fe con humildade, facendo dela unha maneira viva de encontrarnos con Deus e de servir a xente. Oremos.
  • Queremos seguirte, Xesús, imitando a viúva pobre, que daba do que precisaba para vivir, tanta era a misericordia que tiña. Oremos.
  • Queremos seguirte, Xesús, aprendendo a ver a vida, as persoas, os acontecementos de cada día, coa ollada fina e profunda de Xesús, que tan revolucionaria era. Oremos.
  • Queremos seguirte, Xesús, sendo solidarios/as nestes tempos de crise, achegándonos a tanta xente angustiada que está aparecendo, para axudala cos nosos cartos e coa nosa indignación creativa. Oremos.


Pregaria:

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
que daba mesmo do que non tiña
para que outra xente máis pobre aínda,
puidese ter algo que comer!

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
que sendo o prototipo da inseguridade no seu tempo,
ousaba desinstalarse aínda máis,
confiando a súa vida nas mans provisoras do Pai!

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
que facía grandes milagres de fe e de misericordia,
sen que ninguén se decatase,
sen recibir a máis mínima chufa,
sen figurar nos libros de honra do seu grupo relixioso!

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
calada, ignorada, agachada,
facendo comunidade e pobo desde o silencio,
revolucionando o mundo
desde os segredos fondos do corazón e da vida!

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
pero non para ser usada e abusada
polos representantes relixiosos de cada momento
--como criticabas ti mesmo--,
senón para se obxecto da túa paz,
da túa acollida liberadora,
do teu recoñecemento curador!

Coma a viúva pobriña, Xesús,
quen me dese ser coma ela,
muller, pobre, desasistida,
obxecto da túa valoración entrañable!


Signo:
  • Uns globos de cores, representando a vaidade do estilo “letrado”.
  • Unhas moediñas de céntimos, representando a consistencia humilde do estilo “viúva”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.