luns, 16 de novembro de 2015

Para a nosa amiga Encarna



Con estas palabras quero facer recordo e homenaxe á nosa amiga e compañeira da Escola, Encarna Picoaga. Ela que xa está totalmente en Deus, participa con nós nesta xuntanza. É o misterio da presenza–ausente que non podemos explicar con palabras, só desde o que sentimos e experimentamos.

Encarna dedicou moita parte da súa vida a ensinar, ao mesmo tempo que foi quen de aprender , de seguir aprendendo ata o final.

Sempre tendo como fundamento o seu ser cristiá, ensinou na súa vida laboral. Foi unha boísima mestra; ensinou no seu compromiso voluntario, foi unha espléndida catequista non só na súa parroquia, xa que formando parte dun equipo, desprazouse durante varios anos ás parroquias de Padrenda e da Armenteira; ensinou despois da súa xubilación atendendo a escola para inmigrantes que organiza Comisións Obreiras en Pontevedra á que lle dedicou moitas horas de traballo e organización.

Encarna era muller de compromisos fortes e duradeiros.

Coido que todas e todos a recordamos como unha persoa “verdadeira” , austera e clara nas súas expresións, agradecida, amiga das súas amigas e amigos, moi amiga, verdadeiramente amiga de moitos e de moitas . Así se notou durante os días da súa enfermidade. Encarna era quen de dar e xerar amor, mais ben silencioso, disimulado, discreto pero sempre aí, para servir, para acompañar, para coidar.

Ao mesmo tempo, de canta tenrura era capaz! Dádevos conta cando nos falaba da súa pequena afillada, canto gustou dese bebé que estaba vendo crecer e que lle facía descubrir o mais xenuíno da vida.

A súa fe era o que lle daba sentido. Unha fe viva, comprometida e sempre actualizada. Aí estaba: na Escola de Espiritualidade, no Grupo de Ecumenismo, no faladoiro das mulleres, nas Mulleres Cristiás Galegas onde fomos tantos anos compañeiras. Xa na madurez da súa vida e segundo as súas propias palabras fixo moitas descubertas, como muller, como muller feminista , como cristiá e tamén como galega. E seguramente tiña outros compromisos que descoñezo.

Querida amiga, querida compañeira, querida irmá, as portas dunha nova cidade xa se abriron para ti, e cremos firmemente que Deus, o Deus amoroso e fiel que te acompañou toda a túa vida acolleute xa nos seus brazos abertos e agarimosos.

Descansa na súa paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.