luns, 7 de decembro de 2015

13 de decembro: Domingo 3º de Advento (C)


Evanxeo: Lc 3,10-18

Comentario:

Xoán Bautista foi un personaxe moi querido polo noso Señor Xesús. Xesús sentiuse chamado por Xoán e acudiu onda el, coma quen acude onda a un mestre. Isto di moito de Xesús e di moito tamén de Xoán. Xesús integrouse no grupo de Xoán, aprendeu moito del, onda el se bautizou, coma el fíxose tamén bautizador de xente como maneira de prepararse para a chegada do Reino. Posteriormente o Espírito levou a Xesús por outro camiño, non oposto ao de Xoán, pero si un camiño no que se acentúan aspectos que Xoán parece que non chegara a descubrir; aspectos que teñen que ver coas entrañas de misericordia de Deus, coa proximidade incondicional mesmo aos pecadores/as, e que teñen que ver tamén cos “métodos” de evanxelización de Xesús: non esperar a que a xente veña, senón saír, andar os camiños á procura do pobo pobre, débil, oprimido, pecador. Os primeiros cristiáns tiveron verdadeiras dificultades para ensamblar a Xesús con Xoán Bautista, por non considerar razoable que Xesús fose aprender onda Xoán coma discípulo. Destas dificultades fanse eco os evanxelistas nalgunhas reflexións que fan comparando a Xesús con Xoán.

O Evanxeo de hoxe sitúanos ante a actividade de Xoán Bautista, actividade da que Xesús tamén foi testemuña. Xoán entendeu a súa misión como un prepararlle os camiños ao Deus que chega, como invitar á xente a que se dispuxese ben para poder recibir con proveito a visita de Deus. Estaría ben que neste tempo de Advento tamén nós lle preguntemos a Xoán, nos preguntemos uns aos outros/as, nos preguntemos a nós mesmos/as qué temos que facer para facilitar a entrada de Deus nas nosas vidas, na vida da nosa comunidades, da nosa sociedade nos tempos de hoxe. Se preguntamos con humildade e con dispoñibilidade, seguro que atoparemos cousas de proveito para facer. Por se acaso, non está de máis reparar nas contestacións de Xoán Bautista.

O Evanxeo fálanos de “xente” que lle pregunta, pero tamén fala dun recadador (os recadadores eran considerados coma ladróns manifestos), e duns militares. É dicir, teñamos o oficio que teñamos, podemos contribuír a que o de Deus entre nas nosas vidas. Nós estamos metidos nunha crise moi fonda, pero esteamos como esteamos, seguro que podemos facer cousas que sirvan para que a liberación de Deus nos chegue a todos nós. As respostas de Xoán valían para o seu tempo, parece, e valen, e moito, tamén para o noso: non acumular, compartir; non abusar do cargo para encher os petos, ser serios e honestos no desempeño da función pública que se teña; non aproveitar a situación de poder para abusar da xente, para esquilmala, para oprimila. Cousas estas que, por desgraza, tamén se dan entre nós. Pero seguro que atoparemos máis maneiras aínda de abrirlle camiños a Deus.

Fose cal fose a idea que Xoán tiña de Xesús, parece que Xoán tiña moi clara a súa función de servidor da presenza de Deus; non se buscaba a si mesmo, o seu era abrir camiños, facilitar entradas, encontros, axudar a que a xente experimentase por si mesma a presenza e a forza do mesmo Deus. Isto foi precisamente o servizo que fixo co mesmo Xesús. E iso é o que quere facer con nosoutros/as hoxe. Parece esta unha boa actitude para unha evanxelización creadora de adultos/as na fe, cousa que tanto nos fai falla.

Con Xoán e/ou co evanxelista Lucas, podemos reparar no que pensan, no que cren do Deus de Xesús e do Xesús de Deus: é forte, “o que é máis forte ca min”; bautiza con Espírito Santo e lume, é dicir, ten capacidade de chegar ao fondo das persoas, de subvertelas, de revolucionalas, de pacificalas, de acendelas, de apaixonalas; trae na man os instrumentos de aclaración, para axudarnos a poñer a un lado e ao outro o que nos constrúe como persoas, como comunidades, como sociedade, e o que non.

Nunha sociedade en crise, nunha Igrexa tamén en crise, é urxente achegarnos coma discípulos/as con Xesús onda Xoán, con Xoán onda Xesús, para que a súa forza subversiva nos colla e nos faga capaces do novo para nós mesmos, para a nosa sociedade que tanto está precisando de verdadeiros revulsivos.

Preces:

QUE O TEU ESPÍRITO SANTO NOS MOVA, XESÚS
  • Para non adormecer, para estar inquedos/as, para preguntarnos polas cousas que pasan e polo que podemos facer para melloralas. Oremos.
  • Para compartir as nosas túnicas, os nosos cartos, a nosa casa, a nosa amizade, o noso corazón, con quen ande orfo na vida. Oremos.
  • Para que, se temos algún cargo público, sexamos moi serios no seu cumprimento e esixamos aos políticos e funcionarios públicos responsabilidade co que é de todos/as. Oremos.
  • Para que non nos permitamos ningún tipo de violencia contra nada, contra ninguén, en especial contra persoas débiles: mulleres, nenos, minusválidos. Oremos.
  • Para solidarizarnos cos labregos que están defendendo prezos dignos para o leite, para que nos solidaricemos con toda a xente que está reclamando poder traballar e vivir con dignidade. Oremos.

Pregaria:

Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
moito máis ca Xoán Bautista,
son pouca cousa,
indigno/a de che desatar o calzado.

Pero coma el suspiro
polo lume do teu Espírito,
que me aclare o corazón,
que me renove as forzas,
que me aviveza para a solidariedade.

Que suscite en min
formas lúcidas e audaces
de vivir a crise na que estamos,
liberándome para compartir,
alentándome para sentir a todos coma irmáns,
sen ningún tipo de abuso nin dominación.

Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
espero e ansío a túa presenza,
que abra tempos novos na miña vida,
que me faga colaborador do novo
ao pé da xente máis humilde e soñadora.

Que o teu mesmo Espírito
fortaleza as miñas debilidades,
e me axude a chegar
alí onde eu só me asomo nos meus soños.

Amén.

Signo:
  • Auga por un lado; lume, lapas polo outro.
  • Palla e gran de trigo.
  • Imaxes de compartir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.