24 decembro, 2015

27 de decembro: Domingo despois do Nadal. Festa da Sagrada Familia


Evanxeo: 2, 41-52

Comentario:

Esta pasaxe segue formando parte dos relatos da infancia de Xesús que Lucas nos ofrece non tanto para detallar aspectos históricos, como para responder á pregunta que os primeiros cristiáns/ás se facían sobre a orixe de fondo da personalidade, da forza, do solidariedade, do Espírito que percibían en Xesús; da súa vinculación fondísima con Deus e da súa entrega incondicional, libre, arriscada, en favor de toda a xente, maiormente en favor da máis desfavorecida.

Se noutros relatos das festas do Nadal se nos fala do Xesús bebé, hoxe dínsenos cousas do Xesús adolescente e mozo, e da familia da que formaba parte, os seus pais María e Xosé.

A Sagrada Familia do paxariño (Bartolomé Murillo)
Xesús baixa a Xerusalén coa súa familia, cos seus veciños, a celebrar a festa da Pascua. E faino nun ambiente popular, festivo. De volta, os pais marchan e el queda; atópano no templo, debatendo cos doutores da lei, con moita intelixencia. Ante a rifa dos pais, a contesta reveladora de Xesús: “Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?”. Detrás, no fondo, da identidade normal de Xesús, o fillo de María e de Xosé, o evanxelista coméntanos outro tipo de identidade, máis fonda, máis substancial, que non anula a primeira, senón que lle descobre as súas raíces e fundamentos últimos. Tamén nós, no fondo do noso ser fillos/as de tal ou cal pai, de tal ou cal nai, temos un fondo enraizamento en Deus, ata nos poder chamar con toda a razón, con Xesús, fillos/fillas de Deus. É algo que nos axuda a entendernos a nós mesmos/as, e a entender tamén a calquera veciño/ña, a calquera persoa.

Os pais, María e Xosé, quedan moi impresionados polo que viran, e non entendían a contestación de Xesús. E a mamá María dáballe voltas no seu corazón a todas estas cousas, invitándonos tamén a nós a outro tanto. Quen somos nós? Cal é a raíz última do noso ser, da nosa solidariedade, dos nosos berros de xustiza, da nosa alegría, da nosa esperanza? Por que tal ou cal persoa, que coñecemos de sobra coma fillo ou filla de tal e cal, ten esa bondade, acolle tan ben á xente, se implica tanto nas cousas da comunidade, participa na política con paixón e honradez? Por que hai tanta xente que se entrega sen agardar nada a cambio? A que fonte temos que acudir, cando nos sintamos esgotados e sedentos e nos canse a loita e esteamos tentados de abandonar?

Xesús foi moi, moi especial. E a xente preguntábase qué pasaba con el. Polo demais, Lucas recórdanos que Xesús viviu obediente aos seus pais, medrando no corpo, medrando en idade, medrando no manexo da vida con sabedoría, sendo cada día persoa máis grata a Deus e máis grata tamén aos seus veciños e veciñas. Posiblemente Lucas estea idealizando a mocidade de Xesús. Pero tamén nos apunta algo moi normal, como é o crecemento en Xesús da forza do Espírito bo de Deus, que chegará a collelo totalmente e a enchelo de paz e de enerxía. Crecemento que non se faría sen traballos, sen empeño pola súa parte, sen retrocesos. Podémonos situar vitalmente ao lado deste Xesús que busca medrar en fidelidade ao Espírito.

A Igrexa fixo desta xornada, vinculada ao que se vivía na casa familiar de Nazaré, a festa da Sagrada Familia. Invítanos a experimentar nas nosas familias algo semellante ao supostamente vivido na familia de Nazaré: forte vinculación con Deus de todos os membros da familia; forte vinculación afectiva entre as diversas persoas que compoñen a unidade familiar; orixinalidade de cada persoa; respecto por esa orixinalidade; aprendizaxe no calar, sopesar, meditar sobre do que o Espírito vai obrando nos outros/as; implicación e esforzo común para o crecemento; aprendizaxe para a vida, para a solidariedade, para o imprescindible labor comunitario. Sería ben que nas nosas comunidades revisásemos se estamos apostando por unhas familias deste tipo.

Vivir isto e vivilo a fondo será a nosa mellor achega ao conxunto da sociedade. Máis ca entrar en polémicas sobre si o modelo da familiar que defendemos é o máis auténtico ante outros que están optando por composicións diferentes das tradicionais: monoparentais, homosexuais, etc. No formato tradicional, sabémolo ben, pode haber un gran baleiro de consistencia familiar; e, ao revés, noutros formatos que a alguén lle poidan parecer máis “orixinais” ou incluso “pecaminosos” pode haber moita calidade de relacións e de servizos, moita calidade de aprendizaxe para unha boa socialización. Tamén nós, coma María, á luz da paixón amorosa de Deus que nos configura radicalmente, igual deberiamos darlle voltas no corazón a moitas cousas que nos estrañan e que, de entrada, non entendemos moito.

Preces:

PARA MEDRAR EN GRACIA DIANTE DE DEUS E DA XENTE.
  • Xesús, que nos deixemos levar polo Espírito en todo momento, como ti desde novo sempre fixeches. Oremos.
  • Xesús, que as nosas familias sexan lugares de encontro e de respecto, de amor e de servizo, de perdón e de crecemento en todos os aspectos. Oremos.
  • Xesús, que as nais e pais de familia teñan a forza do Espírito para coidar e animar as súas familias, para encontrar nelas felicidade e alento. Oremos.
  • Xesús, hai familias divididas, divorciadas, separadas, con moito sufrimento polo medio; que atopen en nós apoio, alento, unha man amiga. Oremos.
  • Xesús, os máis novos ás veces andan perdidos; moitos refúxianse no alcohol, nas drogas, no sexo; que todos, na familia e na sociedade, nos preocupemos a tope pola boa educación dos nosos fillos e fillas. Oremos.

Pregaria:

Benditas as persoas coma a Carme,
que, despois de ter sufrido e loitado moito
para sacar ao seu fillo da droga,
está apoiando a outros fillos sen familia
na súa dor, na súa loita, na súa angustia,
nos seus últimos días en coidados paliativos!
Benditas!

Malditas as drogas
e os intereses de quen trafica con elas
e causan tantas rupturas familiares:
matan soños e esperanzas,
e mesmo acaban facendo odiosos
os rostros e as vidas das persoas máis amadas!
Malditas!

Benditos os avós e as avoas
coma o Lucia, a Esther ou a Elvira,
que, a máis dos seus cariños e coidados,
están poñendo tamén as súas pagas,
para que a crise nos destrúa
o corpo e a alma,
a vida e a paz da súa xente!
Benditos eles!
Benditas elas!

Malditas as porcas intencións dos cartos
organizados en bancos e finanzas
--póñalle o nome que vostede queira--,
que, sen alma, sen amor e sen xustiza,
son quen de poñer na rúa e na miseria
a familias enteiras, desafiuzalas
marxinalas, quitarlles a dignidade,
entregalas á dor e ao desespero!
Malditas!

Malditas as entrañas dos políticos
--coñecémolos ben seguramente--,
que vendo tales cousas
non se conmoven nin se moven
para varrer dun plumazo tanto abuso
e poñer a xustiza no seu sitio
en defensa das familias asoballada!
Malditas!

Benditas as persoas,
todas as persoas
--o Enrique, o Anuncio, o Xosé Carlos, ...--
que se doen e non recean
en poñer do seu gratuitamente
en campañas solidarias de mil cores
para que a dor non sexa tanta
e se salve o pan e a dignidade dos máis débiles!
Benditas as persoas
que dan do seu e que se indignan
e soñan con políticas novas, con democracias novas,
onde a xente e as familias sexan o primeiro,
e non os turbios negocios dos máis grandes!
Benditas,
si, unha e mil veces benditas, meu Deus!

Signo:
  • Algunha imaxe da Sagrada Familia.
  • Algunha imaxe de familias actuais, hétero ou homosexuais.
  • Algunha imaxe de desafiuzamentos.
  • Algunha imaxe de avós/avoas, que están sustentando tantas familias.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.