07 xaneiro, 2016

Primeiro encontro do curso 2015 / 2016



Despois dun día outonando, facendo o outono…


Cantiga:

Onda ti, noso Pai, á tardiña,
onda ti que nos levas da man,
axuntámonos pra agradecerche
a ledicia do día que cae.

Onda ti achegámonos cansos
do traballo do día, Señor,
o traballo que vai construíndo
nesta terra a cidade do amor.

Como xunta a galiña os pitiños
cando á tarde vai caendo o sol,
ao calor das túas ás quentiños
na túa paz nos acollas, Señor.

O universo adormece rendido
nos teus brazos que o gardan do mal,
na túa paz nós durmimos tranquilas,
boa noite, Pai, deica mañá.

Lectura de Mt 13, 18-23

Acción de grazas pola sementeira

En silencio recollemos o día; descubrimos algunha semente que caeu na terra da nosa vida ao longo do día de hoxe. Despois dun tempo de silencio podemos compartir os nosos agradecementos.
Acompañamos este momento recitando xuntos de cando en vez a seguinte oración:

CONTIGO QUERO ESTAR, SEÑOR DA VIDA,
CONTIGO QUERO ESTAR, SEÑOR DO AMOR,
CONTÁNDOCHE AS MIÑAS COUSAS,
ESCOITANDO A TÚA VOZ.

Rito da terra e da semente

Dúas persoas achéganse, unha terma do recipiente con terra, outra colle a semente e sementa uns grans de trigo. Lévase para a casa e cóidase a semente.

QUEN TEÑA OÍDOS QUE ESCOITE!


Cantiga:

Saíu sementar o labrego
semente de pan e de vida,
saíu sementar o labrego,
semente de pan, semente de vida.

Saíu sementar o labrego,
semente de paz en xustiza,
saíu sementar o labrego,
semente de paz, de paz en xustiza.

Oración do Noso Pai

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.