xoves, 25 de febreiro de 2016

28 de febreiro: Domingo 3º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 13, 1-9

Comentario:

Este Evanxeo está composto por dúas partes, unidas, iso si, pola chamada a emendarse: temos primeiro uns comentarios de Xesús a uns acontecementos violentos que, parece, se deran naqueles tempos (a morte duns galileos por parte de Pilato, e a morte de 18 persoas ao esborrallarse a torre de Siloé), un relato que soamente Lucas narra no seu evanxeo; e temos despois a parábola da figueira, que, na forma en que a conta a lectura de hoxe, é moi propia tamén de Lucas, acentuando a idea da paciencia, da actitude de intentar unha vez máis facer todo o que estea da nosa parte para que as persoas, as comunidades cheguen a dar o froito que delas se espera.

martes, 23 de febreiro de 2016

Xuntanza "Cremos no rural"



Benquerido/a amigo/a:

Dirixímonos a ti no nome do grupo "Cremos no rural", que reúne e aglutina a diferentes persoas, laicos, laicas, cregos, comunidades relixiosas asentadas na rural, que temos un interese especial por manter o máis vivo posible nas parroquias ou comunidades cristiás do rural o evanxeo de Xesús de Nazaré con todas as súas implicacións e consecuencias.

O grupo "Cremos no rural" naceu no mes de setembro do ano 2015, coma unha fusión de obxectivos e formas de traballo de persoas vinculadas ao Movemento Rural Cristián (agrupación especializada da Acción Católica), ás Comunidades de Relixiosas que viven e traballan no rural, e en xeral a algunhas persoas pertencentes a parroquias rurais.

martes, 16 de febreiro de 2016

21 de febreiro: Domingo 2º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 9,28b-36

Comentario:

Estamos ante un relato un chisco complexo. Complexo polas posibles orixes históricas do mesmo e complexo tamén pola ampla e rica simboloxía coa que o recargaron os evanxelistas á hora de nolo transmitir. Ademais cada evanxelista pon o seu particular acento, sempre querendo responder ás necesidades concretas que vivía a comunidade a quen se dirixía. Isto dános tamén certa liberdade: nós tamén podemos lelo e interpretalo tendo en conta as necesidades das nosas comunidades no momento presente.

martes, 9 de febreiro de 2016

14 de febreiro: Domingo 1º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 4,1-13

Comentario:

Empeza a Coresma. Nos domingos anteriores estabamos vendo a Xesús iniciando a súa tarefa de anunciador do Boa Nova. O Evanxeo de hoxe parece que volve algo atrás, e fálanos dun Xesús que, despois da experiencia especialísima do Xordán, pasa por un proceso de tentación, por un tempo intenso de deserto, antes de decidirse a andar camiños e aldeas transmitíndolle á xente a novidade de Deus que levaba no corazón. Ben é certo que as persoas entendidas nas cousas dos Evanxeos tamén nos din que os evanxelistas, con isto das tentacións de Xesús, máis ca querernos describir o que lle puido pasar nun período de 40 días e noites, o que pretenden é axudarnos a ver que Xesús, ao longo da súa vida, pasou pola proba, que tamén tivo o seu deserto, igual que o tivera o antigo pobo de Deus, coma proceso e condición para pasar da escravitude á liberdade, do sometemento da produción ao gozo dunha terra nova que deita leite e mel, para vivir a fondo a súa condición de fillo de Deus e de irmán de todos, de todas nós.

martes, 2 de febreiro de 2016

7 de febreiro: Domingo 5º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 5, 1-11

Comentario:

É moi importante reparar no contexto, no medio, nas circunstancias nas que se dá a acción evanxelizadora de Xesús, nas que se pronuncia e realiza a Palabra de Deus. Normalmente temos moi asociados os elementos relixiosos a ambientes relixiosos. Xesús, adrede, ía á xente, onda a xente, evanxelizaba no normal da vida, nos lugares nos que a xente vivía, traballaba, sufría, esperaba: á beira do lago, cando os pescadores lavaban os aparellos, subido a unha barca, despois dunha mala xornada de pesca. E, en coherencia con isto, a palabra de Xesús, a Palabra de Deus, era tamén unha palabra laica, na que si se pronunciaba o nome de Deus, o anuncio do seu Reino, pero facíase respondendo ás expectativas de xente, envolto nelas, aínda que, iso si, abríndoas a horizontes máis fondos e densos, máis humanos polo tanto. Non o podía facer doutro modo o que se presentara como anunciador de liberación para a xente pobre, cega, presa, asoballada, marxinada. Era unha nova evanxelización, situando os lugares relixiosos, a experiencia relixiosa no corazón da vida da xente. Todo un gozo e unha orientación para nós, para as nosas comunidades.