23 abril, 2016

Cuarto encontro curso 2015 / 2016



O Papa Francisco: "As divisións son un escándalo, o compromiso ecuménico debe aspirar á celebración común da Eucaristía e a unidade realízase sempre na diversidade reconciliada". A unidade non chegará coma un milagre: está en camiño, faina o Espírito Santo no camiñar cara a ela. A verdade non se fai nun laboratorio, faise na vida, buscando a Xesús para atopalo. O diálogo teolóxico é importante, pero entendido coma un intercambio de dons, non coma mero exercicio teórico; debe permitir coñecer a fondo as recíprocas tradicións para comprendelas e tamén para aprender delas. Pódese ir facendo unidade de forma práctica: rezando xunt@s, traballando xunt@s, buscando a paz, custodiando a Creación, axudando os pobres, defendendo a liberdade relixiosa, o matrimonio e a familia. A unidade é en primeiro lugar un don de Deus polo que debemos incesantemente rezar.

Facemos moitas rupturas, excluímos moito, a moitos niveis: relixioso, social, político, sexual, procedencia... Integrar o ecumenismo relixioso nun ecumenismo global: o mundo como casa común.

Signo: 
  • O propio corpo de cada un, como diría Paulo: moitos membros, funcións distintas, todas ao servizo da realización da propia persoa, e do conxunto a través da propia persoa. 
  • As nosas propias voces, capaces de rezar, protestar, cantar, celebrar xuntas. 
  • Todos, todas nós, aquí xuntas, podemos ser signo de comuñón ou de división. Ímolo poñer en escena brevemente.

De pé, independente de quen teño ao meu lado,
contestamos NON á seguinte ladaíña:

Ignorar a diferenza. (todos: NON)
Temer a diferenza.
Desoír a diferenza.
Laiarse pola diferenza.
Desprezar a diferenza.
Non aprender da diferenza.
Maldicir a diferenza.
Rexeitar a diferenza.
Expulsar a diferenza.
Renegar da diferenza.
Perseguir a diferenza.
Condenar a diferenza.
Matar a diferenza: (todos: NON,
PORQUE É MATAR A DEUS.

De pé, pero agora dándonos as mans
contestamos SI á seguinte ladaíña

Agradecemos a diferenza. (todos: SI)
Coñecemos a diferenza.
Folgámonos coa diferenza.
Escoitamos a diferenza.
Alegrámonos pola diferenza.
Apreciamos a diferenza.
Aprendemos da diferenza.
Bendicimos a diferenza.
Acollemos a diferenza.
Celebramos a diferenza.
Cantamos a diferenza.
Comungamos coa diferenza.
Integramos a diferenza. (todos: SI,
PORQUE É COMUNGAR CON DEUS.


Canto: (coas mans ou brazos unidos)

XUNTOS, IRMÁNS,
E COLLIDOS DAS MANS,
SEN MEDO E CON FE,
CANTOS DE FESTA RESOARÁN,
DE AMOR E DE BEN.

Así xuntos, xuntas, proclamamos o noso Credo. Contestamos a cada enunciado, dicindo xuntos, xuntas:

CREMOS NUN SÓ DEUS COMUNITARIO

Cremos en Deus un e Trindade.
Cremos en Deus un e comunidade.
Cremos en Deus un e fogar.
Cremos en Deus un e casa común.
Cremos en Deus un e pobo.
Cremos en Deus comuñón do diverso.
Cremos en Deus nunca excluínte.
Cremos en Deus Pai/Mai universal.
Cremos en Deus que se manifesta do diverso.
Cremos en Deus voz que integra todas as nosas voces.
Cremos en Deus para quen tod@s valemos.
Cremos en Deus que desborda os nosos límites.
Cremos en Deus a quen nunca poderemos envolver nas nosas doutrinas.
Cremos en Deus, fonte de fraternidade total.

Salmo 91 (90) Resposta:

MEU REFUXIO, MIÑA FORZA,
MEU DEUS, EN QUEN CONFÍO.

Ti, que habitas no agarimo do Altísimo
e moras á sombra do Omnipotente, dille ao Señor:

El é quen te libra do lazo do cazador
e da peste maligna.
Cóbrete coas súas plumas,
protéxete coas súas ás,
escóndete co seu brazo e deféndete.

Non temerás as sorpresas da noite
nin as frechas que voan polo día,
nin a peste que rolda nas tebras
nin o andazo que estraga ao mediodía.

Ao teu lado caen mil
e dez mil á túa dereita, a ti non te tocará.
Só con abrir os ollos,
verás o triste destino dos malvados.

Abofé o Señor é o teu refuxio,
tes no Altísimo a defensa.
Ningún mal te tocará,
ningunha praga se achegará á túa tenda.
Pois El manda os seus anxos
para que te garden en todos os camiños.

Levarante nas palmas das mans,
para que non batan nas pedras os teus pés.
Esmagarás áspides e serpes,
calcarás leóns e dragóns.

"Xa que me ten afecto, librareino,
poreino en seguro, pois coñece o meu nome.
Chamarame e respondereille,
estarei con el nos apuros,
defendereino e honrareino.
Dareille días a fartar,
mostrareille a miña salvación".

Lectura do Evanxeo: Xn 21, 1-14.

Que precioso ter a Xesús por mestre común! Que precioso poder xuntarnos para escoitar a Palabra de Deus e deixarnos conmover por ela! Que precioso (e comprometido) saber que Deus nos invita a relativizar tanta diferenza estéril que nos debilita, e a centrarnos no fundamental: compartir co noso mundo tan roto a forza de vida, de fraternidade sólida que hai na palabra e na vida de Xesús. Xesús fainos comunidade, e quérenos viv@s, led@s ao servizo da gran comunidade universal.

Escoitamos, acollemos en silencio, compartimos.


Canto:

NON VOU SÓ, TEÑO UN AMIGO AO MEU LADO,
NON VOU SO, EU SEI QUE DEUS ESTÁ COMIGO.
  1. Unha certeza nos guía ao longo do camiñar por iso imos a ti, alegremente a cantar (2).
  2. Brilla no ceo unha estrela pra iluminar o camiño, para que vexa o Señor no rostro do meu veciño (2).
  3. Cando a xornada for dura e as forzas case se acaban, levanta os ollos ao ceo, só Deus te pode axudar (2).



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.