17 xuño, 2016


Evanxeo: Lc 9,18-24


Comentario:

Ás veces facémonos preguntas fondas sobre aspectos determinantes da nosa vida, e é ben que nolas fagamos, porque nos axudan a afianzarnos e clarificarnos nas nosas decisións, nos nosos estilos de vida. Por exemplo, por que casei eu coa miña parella? Ou: por que defendo eu a nosa fala galega? Ou: por que voto a tal partido? Ou: por que defendo unha agricultura ecolóxica? Ou: por que mando a miña filla a un colexio público? E daquela non está nada mal tampouco que nos preguntemos: por que ando eu con Xesús de Nazaré, por que son seguidor ou seguidora del? Quen é Xesús de Nazaré para min?

O evanxelista Lucas e Xesús fannos hoxe esta pregunta: quen dicides vós que é Xesús? E, segundo o gusto de Lucas pola oración, que ben coñecemos, esta pregunta faina Xesús cando están orando en grupo. É unha maneira de dicir que a pregunta non responde a un debate de ideas, de opinións; non é unha pregunta por preguntar, que non nos afecta á vida, senón que é unha pregunta fonda, que chega e remove o fondo do noso ser. Vale tanto coma dicir: como está implicado Xesús na miña vida? E tamén: como está implicada a miña vida na del?

Nese diálogo cos seus discípulos e discípulas, que se estende ata nós no día de hoxe, salta á vista que Xesús é tido por profeta. Os profetas eran sempre persoas de conflito que defendían o honor de Deus e o honor e dignidade da xente máis pobre ante as frecuentes pretensións da relixión oficial que aparentaba servir a Deus, pero facíano con trampa, esquecendo o dereito, a xustiza, a vida da xente desfavorecida. Certamente Xesús era un profeta, e un profeta radical, tanto pola ardente defensa que facía de Deus, por quen estaba toliño, coma pola apaixonada defensa dos máis débiles, polos que daba a cara ante quen fose.

Pedro ve en Xesús ao Mesías, é dicir a aquel rei esperado que, contra o comportamento habitual dos reis, había ser unha autoridade boa, un rei xusto ao que os profetas non lle terían nada que botar en cara. Pedro tiña unha visión pacífica, tranquilizadora das cousas. Non estaría nada mal. Pero Xesús non vai por aí. Xesús sabe que para chegar a esa irmandade verdadeira non é ben situarse no mundo do mando, no mundo do poder, senón no mundo do servizo. E de seguida leva a conversa cara a onde a el lle interesa, cara a aquilo que con verdade nos di quen é Xesús, quen quere ser Xesús para cada un, cada unha de nós. Xesús defínese coma unha persoa de conflito contra o poder pola defensa do honor de Deus e da xente pobre. Iso de que cómpre que o Fillo do Home padeza, sexa rexeitado e executado por quen na sociedade ten o poder relixioso ou político, non quere dicir que sexa algo que Deus quixo e dispuxo así, senón que quere dicir que no momento presente, no de Xesús e no noso, se andamos en cousas de fidelidade a Deus e ao que Deus quere, non queda outra que dispoñernos á loita, aos padecementos, aos rexeites, e mesmo aos aniquilamentos. Pero ese é o camiño con futuro, o camiño que trae luz. Ese é o camiño da resurrección.

O tempos de Xesús foron complexos, moito máis complexos do que os nosos, aínda que os nosos tamén o son. Xesús tiña claro que a paixón por Deus e pola xente máis débil, a máis amada de Deus, levaba necesariamente ao conflito con quen era responsable de que as cousas estivesen como estaban. El non lle torceu á cara ao conflito, ben o sabemos. E non porque el non fose home de paz, que o era, xa que a levaba sementada na harmonía fonda do seu corazón de fillo e de irmán, pero é que non quedaba outra que situarse do lado de quen precisaba a compaña, a caricia, a defensa de Deus. E alí estaba Xesús.

Xesús ofrécenos a súa personalidade pacífica e conflitiva como compaña fiel nestas horas tensas que estamos vivindo: eu son así, entendo que, pasando o que pasa, hai que ser así –dinos el. Xesús invítanos ao seguimento, moi gustoso de que haxa moitos homes e mulleres que o acompañemos na tarefa de recuperar a honorabilidade de Deus e a honorabilidade das persoas máis fráxiles, que son as que primeiramente o necesitan e representan. Pero, sendo as cousas como son, para a tarefa do seguimento, para vivir con gusto nesa tarefa e para ser eficaz nela, non vale quen non mira máis que para si e nada máis que polo seu; non vale quen non estea disposto/a a apeitar coa cruz dos loitadores e loitadoras; non vale quen estea obsesionado por poñer sempre a salvo a súa vida, é dicir, o seu tempo, os seus intereses, a súa comodidade, o seu partido político, o seu éxito económico, a súa tranquilidade, o seu sono, as súas ideas relixiosas, o seu prestixio,... Ao revés, quen é capaz de ir cedendo en todo isto, que é o seu, en beneficio da causa de Xesús: o honor de Deus e a dignidade de todo ser humano, ese, esa, irase atopando moi a gusto no grupo de Xesús, na súa comunidade, que, aínda así, seguirá sendo un grupo, unha comunidade sempre aberta a quen queira ir experimentando a sabedoría de Xesús para a vida, para a felicidade da vida.


Preces:

QUEN PERDA A SÚA VIDA POLA MIÑA CAUSA, ESE POÑERAA A SALVO
  1. Señor Xesús, que comprendamos a túa fonda sabedoría de vida, e que nos abracemos a ela de corazón. Oremos.
  2. Señor Xesús, que descubramos o valor liberador do comunitario, do social, e abramos a nosa vida aos demais con ilusión e xenerosidade. Oremos.
  3. Señor Xesús, que sexamos fortes para soportar os traballos que nos veñan por defender o pan, o traballo, a dignidade de todas as persoas, e que poidamos ser un pouco coma ti. Oremos.
  4. Señor Xesús, que o teu Espírito sosteña o Papa Francisco e a cantas persoas intentan construír unhas comunidades cristiás, unha Igrexa, máis pobres e ao servizo da xente pobre. Oremos.
  5. Señor Xesús, que cantas persoas están saíndo ás rúas loitando por un país, por un mundo menos tramposo e máis humano, sexan crentes ou non, se sintan acompañadas e fortalecidas por ti e por cantos nos dicimos seguidores e seguidoras túas. Oremos.


Pregaria:

Deus,
gustaríame moito
poder ser algún día
coma un pedaciño de ti,
conforme rezaba a nena Ainara
pola súa Primeira Comuñón.

Gustaríame ser algún día
coma un pedaciño de Xesús,
o teu fillo e irmán noso,
que a todas/os nos deixa abraiadas/os
pola súa forma de vivir,
tan apegado á xente débil,
por estar tan apegado tamén a ti.

Deus,
gustaríame ser algún día
algo valente coma Xesús,
capaz de loitar polo honor de Deus
no honor da xente marxinada,
aínda que teña que padecer algo por iso.

Gustaríame non ter medo
a verme rexeitada/o, desconsiderada/o,
non tida/o en conta, burlada/o,
castigada/o, condenada/o,
por lle facer contigo fronte
a quen desde calquera poder abusa da debilidade.

Deus,
gustaríame ser algún día,
un pedaciño coma Xesús
e saber renunciar aos meus proveitos
e saber cargar coa cruz da solidariedade
para seguilo algo,
algo polo menos.

Deus,
gustaríame vivir e morrer
pola causa de Xesús.
Non teño forzas.
Teño medos.
Pero ti pódelo todo.
Douche a man confiada/o,
ti levarasme segura/o polo camiño do seguimento.
Grazas.

Signo:
  • Unha imaxe de solidariedade.
  • Un rostro sufrinte de Xesús.
  • Unha cruz enmarcada nun espazo de luz, de vida, de resurrección.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.