venres, 28 de outubro de 2016

2 de novembro: Conmemoración das persoas defuntas


Evanxeo: Mt 11, 25-30

(Nota: O Leccionario ofrece para ese día variadas lecturas do antigo e do Novo Testamento para que poidamos elixir. Ao estarmos no Ciclo A, no que seguimos o evanxelista Mateu, escollemos de entre os propostos un relato deste evanxelista)

Comentario:

Morrer non é bonito, sobre todo cando a morte se presenta máis por sorpresa e leva consigo a persoas novas, ou despois de enfermidades duras, dolorosas, ou cando a morte é causada por algún accidente ou acto violento de calquera clase que sexa. Por moito que vaiamos aceptando a morte coma algo irremediable e normal, sempre nos, queda un aquel de protesta e rebeldía ante o final dos nosos días. A fe cristiá pódenos axudar a reconciliarnos coa morte e a vela mesmo coma unha irmá. Aínda que é posible que a xente máis maior sobre todo contestedes dicindo que non, que a relixión, que a fe cristiá aínda afondou máis na fealdade da morte, falándonos de xuízos, de condenas e de terribles castigos eternos. Xesús quere axudarnos a vivir a morte, igual que quere axudarnos a vivir a vida, para que sempre andemos en paz e en esperanza.

1 de novembro: Festa de todos os santos e santas


Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Comentario:

Nos ss. IV-V empezouse a facer memoria dos santos e santas na pregaria eucarística. Lembrábase sobre todo as persoas mártires, as que foran matadas por ser cristiás e vivir coma tales. Despois foise facendo memoria tamén doutros santos e santas. No s. IX empezou a celebrarse en Roma a festa de todos os santos e santas o día 1 de novembro e desde Roma espallouse polo mundo enteiro ata o día de hoxe.

mércores, 26 de outubro de 2016

30 de outubro: Domingo 31º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 19, 1-10

Comentario:

Tamén este é un relato exclusivo do evanxelista Lucas, tan gustoso el de transmitir o convencemento de que a ninguén, por moi pecador ou pecadora que sexa, se lle pecha o corazón de Deus, por moito que Lucas anuncia moi abertamente o que chamaríamos hoxe a “preferente opción pola xente pobre” na práctica de Xesús. Ser pecador, pecadora, fai a unha persoa tamén moi pobre, e, polo tanto, moi digna de ser buscada por quen viña a “buscar e salvar o que estaba perdido.”

xoves, 20 de outubro de 2016

23 de outubro: Domingo 30º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 18,9-14

Comentario:

Unha vez máis atopámonos ante unha parábola exclusiva do evanxelista Lucas. Chama a atención a sinxeleza e fondura revolucionaria destas breves narracións que Xesús construía, para transmitir a orixinalidade da súa práctica relixiosa, da súa forma de se situar ante Deus e, en consecuencia, tamén ante a comunidade. O cadro que debuxa é ben sinxelo, calquera home ou muller normal do seu tempo o podería entender. Calquera home ou muller normal, calquera comunidade cristiá do noso tempo o pode entender tamén.

mércores, 12 de outubro de 2016

16 de outubro: Domingo 29º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 18, 1-8

Comentario:

Estamos ante un relato exclusivo de Lucas, do que xa coñecemos a atención especial que lle prestaba á oración, tanto ao falar de Xesús coma ao comentar a vida e práctica das primeiras comunidades cristiás. Este relato é necesario lelo e entendelo no contexto dunhas comunidades cristiás perseguidas, con fame e sede de xustiza, da xustiza de Deus entre a xente e da xustiza da xente entre si, que ve como pasan os días e os anos, e non dá chegado esa volta do Señor Xesús, que viría facer real dunha vez o Reinado de Deus. Por iso a igrexa, as comunidades cristiás que a formaban, quedaba moi ben retratada por esa viúva pobre e desamparada, que se sente ignorada por quen neste mundo nin respecta a Deus nin á xente. Neste contexto xorde a dúbida e faise necesaria a urxencia dunha pregaria insistente, confiada: Deus non se desentende de nós nin se desentende tampouco do amor feito xustiza entre a xente, porque iso é precisamente o seu.

mércores, 5 de outubro de 2016

9 de outubro: Domingo 28º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 17, 11-19

Comentario:

O evanxelista Lucas é o único que nos conta este relato dos dez leprosos, dos que soamente un volve para darlle grazas a Xesús. O relato está moi traballado por Lucas, para axudarnos a ver dúas cousas; por unha parte que a xente máis débil e marxinada, coma os leprosos e leprosas naqueles tempos, é a que mellor pode demandar, recibir e agradecer o don de Deus; e por outra, que curiosamente unha persoa que non era considerada coma persoa relixiosa correcta –así se dicía dos samaritanos— é, sen embargo, a que mellor acolle o regalo de Deus, a que mellor o agradece; Deus non se ata a crenzas e relixións, a igrexas e teoloxías, peta no corazón de todas as persoas e calquera persoa, sexa do país ou credo que sexa, pode abrirlle a porta e gozar da súa presenza e da súa forza curadora, liberadora.