02 novembro, 2016

6 de novembro: Domingo 32º do tempo ordinario (C)


Evanxeo: Lc 20, 27-38

Comentario:

Houbo tempos nos que a morte, o máis alá, a posible salvación ou condena eterna, eran o centro da actividade evanxelizadora das comunidades cristiás, e era tamén, polo tanto, o centro da ansia espiritual de quen se esforzaba por ser unha boa persoa cristiá. En moito casos, incluso, se promovía o medo á posible condenación cos conseguintes suplicios eternos, coma unha maneira de activar a fidelidade a Deus, á Igrexa, á rectitude moral. Hoxe maioritariamente estamos noutro mundo. Ante a morte procuramos disimular, pasar en silencio, disimulala tamén, case como se non existise, silenciala; e ante o máis alá, abunda a incredulidade, incluso entre moitísimas persoas que nos dicimos crentes cristiás e que cumprimos máis ou menos fielmente. Se os saduceos do tempo de Xesús tiñan os seus argumentos, que pretendían levar a fe na resurrección case ata o ridículo, nos tempos de hoxe os argumentos adoitan ser moi simples e aparentemente convincentes: nunca ninguén de aló volveu, o corpo á terra e acabouse todo, é o negocio dos curas, etc. En todo caso, levados pola indiferencia e o desinterese ou por unha fe algo renovada, que nos fala dun Deus que nunca, nunca renega dos seus fillos e fillas, ollamos cara a outra vida, con certa indiferenza e frialdade, sen paixón, sen ver aí ningún motivo que nos encante, que nos console, que nos alente. Aféctanos a morte máis, moito máis, pola vida que deixamos, ca non pola vida prometida que nos agarda.

Que facer ante todo isto? Como nos situamos coma persoas, coma comunidade cristiá ante esta realidade da morte, e ante esta maneira de vivila que se estende incluso dentro das nosas comunidades? Que criterios, que convencementos nos ofrece Xesús no evanxeo de hoxe para situarnos ante a realidade da nosa morte, ante a fe na resurrección? A proposta de Xesús é simple, é un acto de fe, sen demasiadas argumentacións: hai un Deus de vida e por iso hai un Deus de xente viva; e porque hai un Deus de xente viva, hai vida prolongada a fondo, hai resurrección. Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, non nos custará tanto entender que esa vida se prolongue para sempre, non en base ao noso poderío, xa que somos ben pouca cousa, corruptible, po, lama, nada; senón en base ao poderío de vida que hai en Deus e que, gustoso, quere compartir con todos os seres humanos e incluso con toda a realidade mundana, cósmica.

Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, non nos custará tanto asumir a nosa condición mortal, porque esperamos que quede desbordada pola súa esplendidez: “Non hai pecado nin crime que poida borrar do corazón de Deus a un só dos seus fillos e fillas”, dicía o Papa a semana pasada, para alegría de moitas persoas, e para cabreo de algunhas ás que lles gusta máis falar dun Deus de morte, por moito que o pinten con cores de xustiza. Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, incluso podemos soñar con pracer e cobizar con esperanza esa vida nova, abundante, plena, non ao nivel das nosas cativezas, desamores e pecados, que quedarán definitivamente desarmados en Deus, senón ao nivel dese mesmo Deus que é fonte de vida e de amor rexenerador, no que todos e todas quedaremos eternamente integradas.

Polo tanto a cuestión básica para unha persoa crente é ver, experimentar, como podemos vivir a Deus coma un Deus de vida. Como podemos deixalo ser en nós un Deus de vida, un promotor de vida, un defensor de vida, un alentador de vida. Se ollamos para Xesús, se lembramos a súa maneira de vivir, de se relacionar coas persoas, de tratar coa xente máis débil e pecadora, máis marxinada, máis acabada, máis sen vida, encontramos camiños abertos para introducirnos no Deus da vida, para deixar que o Deus da vida se introduza en nós, e meta en nós unha dinámica que leve ata a vida eterna, aquela auga vida que salta ata a vida eterna, como dicía o evanxelista Xoán. A maiores dixo, e tendo iso por fundamental, nos tempos de hoxe vanse descubrindo formas claras de ampliar esa opción pola vida, desde o máis débil, desde o máis carente de vida: a consideración cos fondos mundos psicolóxicos das persoas, o respecto pola natureza, o coidado do medio ambiente, a atención primordial polos pobos que viven en miseria e abandono, a aposta pola paz por riba de todo, a protesta polo dominio excluínte, de morte, dos grandes poderes económicos, financeiros, que xogan cos gobernos e coas poboacións como queren, a vergonza polos inmigrantes afogados nos nosos mares, etc.

Desde aí, desde unha aposta pola vida, que ás veces, como lle pasou a Xesús, leva consigo morte e sufrimento, é desde onde ten solidez a nosa fe nun Deus de vida, que nos agarda máis aló da morte, coa súa aperta de vida. Qué pasará, qué non pasará, cómo han ser as cousas ao detalle, iso non nos importa nada. Abóndanos saber que estamos en boas mans, nas mans de Deus, que é, que será, un Deus de vida. Cremos que iso é o que os agarda; non cousas de medo, senón de bendición.

Cada Eucaristía é un encontro, unha comuñón, na memoria, na palabra, no pan santo, con Xesús que experimentou en si, a tope, a forza do Deus vivo que o chamou a unha vida resucitada.

Preces:

TI ES, SEÑOR, UN DEUS DE VIDA E NON DE MORTE
  1. Por iso poñemos nas túas mans a nosa existencia toda, mentres vivimos e cando morremos. Dicímosche con confianza.
  2. Por iso acollemos a túa chamada a implicarnos en cousas de vida alí onde vivimos, apoiando a vida, a paz, a dignidade, o pan, o futuro das persoas máis débiles. Dicímosche con confianza.
  3. Por iso consolidamos a nosa esperanza nunha vida eterna que nos agarda, na que ti, co teu amor desmedido, serás o centro de todo e de todos e todas. Dicímosche con confianza.
  4. Por iso vixiamos, coidamos a nosa traxectoria persoal, as nosas decisións, o noso trato coa xente, para facelo sempre o máis próximo posible ao que nos ensinas ti, Deus da vida. Dicímosche con confianza.
  5. Por iso nos comprometemos a vivirte a ti, a falar de ti, coma un Deus de vida, non creador de medos, senón de esperanzas e alegrías. Dicímosche con confianza.

Pregaria:

Cóidame a vida, meu fillo,
cóidame a vida, miña filla!

Cóidame a vida, toda vida,
que eu son Deus de vida e non de morte,
Deus para a vida e non para a morte.

Cóidame a vida
en todos os seus ínfimos detalles,
coas decisións máis miúdas e cotiás.

Cóidame a vida,
a terra, o ar, as augas,
as árbores, os animais, as persoas,
cada home ou muller
que por calquera razón se cruce os seus camiños cos teus.

Cóidame a vida,
vixía cada bágoa e cada risa,
cada amago de angustia ou de esperanza
de calquera persoa que coñezas,
porque a xente, cando vive, ten pracer,
e o pracer da xente é a miña gloria.

Cóidame a vida
con todos os teus recursos,
persoais e comunitarios,
sociais e políticos,
ao longo de toda a túa vida,
con todas as túas forzas, con toda a túa alma.
E a vida florecerá nas túas mans coidadosas
coma un froito teu,
coma un regalo de Deus
sen medida, total, eterno.

--No que saiba, valla e poida, meu Deus,
conta comigo.

Signo:
  • Unha imaxe de luz, de esplendor.
  • Un rostro iluminado, alegre, vivo.
  • Unha árbore sen follas, en invernía, e ao carón unha árbore con flores e/ou froitos, en primavera ou verán.
  • Xestos de coidados, sobre todo para acompañar a oración.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.