21 marzo, 2017

26 de marzo: Domingo 4º de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 9,1-41

Comentario:

Estamos ante un texto no que o evanxelista Xoán presenta unha catequese sobre Xesús coma luz das nosas vidas. É un evanxeo longo, pero precioso; paga a pena que busquemos tempo para lelo con calma, deixándonos enchoupar pola forza, pola vida que del deita. Incluso, podendo, estaría moi ben facer unha lectura dialogada, mesmo dramatizada, do mesmo; gañaría aínda máis en viveza e expresividade.

O importante, en todo caso, é que a frescura deste texto nos valese para realizar un encontro persoal e comunitario con Xesús na verdade fonda das nosas persoas, na fe. Se nos fixamos ben, no texto sucédense seis escenas, moi ben concatenadas unhas cousas outras e cunha unidade interna moi traballada e, polo tanto, moi útil para axudarnos neste encontro que desexamos: 1) Xesús co cego; 2) os veciños/as comentando o caso; 3) os fariseos e o cego; 4) os fariseos e a familia do cego; 5) os fariseos e o cego de novo; e 6) Xesús e o cego.

O cego foi facendo un camiño: de non ver, pasa a ver; de descoñecer a Xesús, de falar del coma de "o home que se chama Xesús", ata chegar a recoñecelo coma señor, é dicir, como a persoa que co seu poder, coa súa atración era capaz de pacificar, alentar, orientar, aledar a súa vida. E isto é o máis importante deste evanxeo. A aquel cego de nacemento pasoulle isto, viviu isto con Xesús. Ao evanxelista Xoán e a moitos dos seus compañeiros e compañeiras pasáralles o mesmo. E nós que? E as nosas comunidades cristiás que? Temos e facilitamos esta experiencia de encontro con Xesús? Como nos afecta, en que se teñen aberto os nosos ollos? Compartimos con outras persoas iso que Xesús foi facendo, está facendo nas nosas vidas?

É importante reparar nas pegas, nas dificultades que os diferentes personaxes do relato van atopando para ese encontro con Xesús, porque igual nos poden axudar a entender as nosas mesmas dificultades e a buscarlles remedio. O cego foi o máis sinxelo; ía contando o que ía vendo sinxelamente, e onde non entendía, preguntaba; non deixa de ser un bo método. Despois van aparecendo os veciños e veciñas, que se lean con que se aquel home era ou non era o cego de nacemento: moitas veces tamén nós nos enredamos en disquisicións que nos impiden ir ao gran e chegar a atoparnos con Xesús: que se a Igrexa tal ou cal, que se os curas fan isto ou aquilo, que se hai inferno ou non hai inferno, que de alá non volveu ninguén, que se habería que facer así e así na Igrexa, etc. E quedamos aí, sen deixarnos encontrar por Xesús.

Os fariseos atoparon a maior dificultade na mesma vida relixiosa que vivían: eran tan esixentes, tan cumpridores, tan amigos das leis e tradicións relixiosas, que se cegaban con iso e se facían incapaces de ver en Xesús o rostro de Deus que lles estaba ofrecendo algo novo con máis vida e liberdade da boa. É ben curioso que fose certa xente moi relixiosa a que máis dificultades tivo para aceptar a Xesús. Nós hoxe somos pouco relixiosos en xeral, e quizabes non temos esta dificultade. Pero non está de máis que reparemos nisto: unha práctica relixiosa mal entendida, moi apegada ao cumprimento e ás leis eclesiásticas, pode arredarnos de Xesús e converterse nun atranco para o encontro vivo con el.

E, por último, estaban tamén os pais do cego; neles a dificultade estaba no medo; medo á marxinación que podían sufrir se recoñecían a sorprendente novidade de Xesús; medo a enfrontarse co poder relixioso ou con calquera outro poder, se entraban en seguimento de Xesús. Isto é moi importante. Hoxe hai moitos poderes económicos, culturais, de maneiras de entender a vida e de comunicala, que fan moitas inxustizas, que protexen sobre todo os intereses da xente grande; estes poderes lévannos a encollernos, a escondernos de ser crentes, por medo a parecer raros/as, a non estar dentro do sistema de vida normal, a romper coas súas trampas: consumismos, futbolismos, imaxe corporal, marcas, etc.; quizabes teñamos medo a enfrontarnos con todo iso con humildade e valentía, e por iso escapamos dun encontro vivo con Xesús. Sería ben que cada un, cada unha de nós pensase algo nas dificultades que está tendo para este encontro con Xesús.

Óscar Camps, founder of Proactiva Open Arms,
rescues a child off the coast of Lesbos, Greece.
Photo courtesy of Proactiva.
Todos dicimos moitas veces que os grandes queren pecharnos os ollos. Se non vemos as súas falcatruadas, poderannos manexar mellor. Xesús vén para abrirnos os ollos, para que sexamos máis sans, máis libres, máis xustas, máis fraternas. Pero en que nos pode abrir os ollos Xesús? Pode abrirnos os ollos primeiramente para velo a el ben, para coñecelo a el e a súa forza de vida; para ollar a xente con ollos novos, con ollos de irmán e/ou irmá, con ollos de solidariedade, e, ante os abusos, con ollos de indignación e de compromiso. Xesús hanos de ensinar a ollarnos a nós mesmas con ollos de afecto, de regalo e de empuxe; hanos de ensinar a ollar as cousas, o mundo, os problemas da sociedade, con ollos de esperanza e de loita, de paz e de esixencia, sen resignación, sen apoucamento; hanos de ensinar a ollar a Deus con ollos de confianza e de seguimento fiel. E moito máis que nin somos capaces de imaxinar sequera. Cremos nisto? Dispoñémonos a todo isto no noso trato con Xesús?

Na Eucaristía Xesús ábrenos a mirada, para que o descubramos a fondo como amigo e servidor entregado, como revulsivo para a comunidade cristiá e para a sociedade, como fillo de Deus.

Preces:

SEÑOR XESÚS, CREMOS EN TI
  1. Que a túa ollada, Xesús, limpe a nosa ollada, para ollalo todo e a todos/as con ollos de compaixón solidaria, de compromiso, de esperanza. Oremos.
  2. Que a túa ollada, Xesús, nos faga andar espertos/as, para non nos deixar enganar polas voces do arredor que nos empuxen ao derrotismo e ao abandono das causas xustas. Oremos.
  3. Que todas as persoas cristiás, que todas as comunidades cristiás, sexamos ben humildes e ben valentes como para deixarnos atopar, acompañar, ensinar e cambiar por ti sempre. Oremos.
  4. Que, alentados/as por ti, nunca lle torzamos a cara a ningunha persoa, e menos se se trata de xente humilde, pobre, pecadora; que saibamos acoller como ti acollías, Xesús. Oremos.
  5. Que, ben ensinados/as por ti, nos dispoñamos a implicarnos nas loitas sociais, das que depende o pan, o traballo, a casa, a dignidade da xente. Oremos.


Pregaria:

Coma o cego de nacemento,
necesito tamén, Xesús, a túa luz.
para levar ben a miña vida
en paz e verdade, sen trampas,
da mañá á noite,
da noite á mañá.

Coma o cego de nacemento,
canto me fai falla a túa luz
para acertar na hora difícil
de acompañar un fillo ou filla
que vexo triste e desnortada,
ou a persoa alcohólica, familiar ou veciña,
que anda a tombos co corpo, coa vida.

Coma o cego de nacemento,
a luz, a túa luz, Xesús, canto a desexo!,
para orientarme no uso correcto dos cartos, cando os hai,
con tino e solidariedade,
ou na maneira de buscalos honradamente, cando carezo deles.

Coma o cego de nacemento,
canto agradezo a túa luz, Xesús,
que me oriente para ponderar ben,
para ver as luces e as sombras do que me pasa,
do que vai acontecendo cada día,
e así orientar ben a miña participación social, política, sindical.

Coma o cego de nacemento,
canto confío na túa luz, Xesús,
para orientar a miña vida de fe,
para soportar o meu propio pecado,
para saír adiante en horas de amargura,
para erguer a vista, o corazón,
e encetar cada día con ollos de esperanza.

Signo:
  • A imaxe dunha persoa cega.
  • Diferentes imaxes de luz.
  • Un rostro de Xesús e/ou doutras persoas que son luz para nós, para a sociedade.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.