03 maio, 2017

7 de maio: Domingo 4º de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 10, 1-10


Comentario:

Quizabes podiamos empezar a acoller este texto do Evanxeo deténdonos con moita calma na última frase do mesmo na que Xesús afirma: “Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo”. Ter vida é a aspiración maior de todo ser humano, tanto o da aldea coma o da cidade, tanto o do Norte coma o do Sur, tanto o parado coma o que non o está. Pero é posible que sexan as persoas e grupos sociais máis marxinados os que leven dentro de si con máis forza e urxencia esta aspiración: ter vida, ter vida. Ter vida é o que quere o emigrante subsahariano, home ou muller, que está ás portas de Melilla, de España, do Norte, buscando a maneira de meterse aquí, porque lle parece que así pode atopar vida para si e para os seus. Ter vida é tamén o que quere a persoa que está parada e busca traballo, porque entende que o traballo lle abrirá portas e posibilidades. Ter vida é o que desexan eses centos de miles ou mesmo millóns de cidadáns/ás galegas e españolas que se ven na pobreza extrema, con graves dificultades para chegar a fin de mes, de ter mantenza e sanidade asegurada e outras cousas básicas para unha existencia tranquila. Cando Xesús nos di que veu para que todos, todas, teñamos vida, estanos dicindo que está claramente da parte desta xente que busca ter vida digna da mellor maneira posible. Todas estas aspiracións humanas entran dentro da proposta de vida, de vida abundante, que Xesús nos veu ofrecer. Temos conciencia clara de que Deus, Xesús, está así en favor da vida de todos, pero maiormente de quen máis a necesite? Nas nosas comunidades cristiás prolongamos estas mesmas intencións de Xesús, de xeito que delas poidamos dicir todos, todas, as de dentro e as de fóra: a comunidade cristiá está aquí para que a xente teña vida e a teña de abondo? Pararnos nisto, examinarnos nisto, xa podería chegar para o noso aproveitamento da Palabra de Deus no día de hoxe.

Pero tamén podemos dar un paso máis. Se é certo que todos, todas, buscamos vida e vida en abundancia, tamén é certo que non todo o mundo entende o mesmo por vida e vida abundante. O ricachón insolidario tamén pretende ter vida e vida abundante. Nin todo o mundo entende o mesmo por vida abundante, nin todas as persoas están de acordo nos camiños necesarios para poder chegar a ter esa vida abundante. E aquí é onde ten para nós tanta importancia o ofrecemento de Xesús. El non só afirma que a súa ilusión maior é que toda a xente teña vida, senón que tamén comparte connosco o que el entende por vida, e igualmente as maneiras de chegar a ter vida, vida de abondo. Como di o Evanxeo de hoxe, el é como a porta que posibilita acceder á vida digna, auténtica; entrando e saíndo por esa porta, temos vida asegurada. Temos este convencemento? Fiámonos así, a fondo, de Xesús, para algo tan fundamental como é iso de buscar, ter e gozar a vida?

Que entende, logo, Xesús por vida abundante? Ou cal é esa vida abundante que el veu traer? Todo o que son medios normais para ter unha vida digna –xa o dixemos— entra dentro do que Xesús entende por vida abundante. Pero para Xesús a vida faise redonda, abundante, plena, non se dá cando un reborda en bens, en cartos, en posesións, en poder, senón cando está cruzada polo alento comunitario, cando pensamos uns nos outros, nas outras, cando non pretendemos construír a nosa casa, a nosa vida, en solitario, despreocupándonos de como lles vaia aos demais, cando facemos da vida unha tarefa común, compartida, solidaria, amorosa de verdade. Por iso a vida abundante de Xesús é normal que se dea sobre todo entre quen vive sobriamente porque comparte, e non tan facilmente entre quen se enriquece pero non ten en conta a debilidade de quen non ten. Por iso a vida que Xesús ofrece non cadra coas trampas, coas corrupcións, co afán de mando, coas envexas.

Xesús entendeu así a vida, viviuna así, e tivo unha vida plena, satisfeita, feliz, alentadora; tivo vida el e fíxose capaz de irradiar vida, e vida abundante, no seu arredor, sobre todo naqueles persoas e grupos sociais que máis estaban na orela da vida, abandonadas de todos, marxinadas. De quen aprendeu el a ser así? Pois de Deus, co que el tiña moito trato e intimidade. Foi Deus quen lle amosou este camiño de vida, que el nos ofrece.

Na Eucaristía, na de hoxe e na de todos os días, xuntos, xuntas, achegámonos a Xesús para comer o mellor bocado que Deus, solícito connosco coma un pai ou unha nai boca, nos quere dar para que teñamos vida, para que aprendamos a ter e construír vida. Ese bocado é a palabra e o corpo de Xesús, acollidos en comunidade, con espírito comunitario dentro da igrexa e fóra dela, na rúa, na vida de cada día.

Preces:

EU VIN PARA QUE TEÑAN VIDA EN ABUNDANCIA
  1. Que, coa forza do teu amor, Xesús, Cáritas, Mans Unidas, e todos as organizacións con fins solidarios leven vida abundante a quen menos recursos ten e máis se ve abandonada polas Administracións públicas. Oremos.
  2. Que, empuxados/as polo teu alento, Xesús, saibamos coidar e agradecer a vida en todas as súas formas e manifestacións, na natureza, nos animais, na xente. Oremos.
  3. Que nos fiemos de ti, Xesús, que, á hora de tomar as pequenas ou grandes decisións da nosa vida, nos deixemos acompañar e guiar por ti, pola túa maneira de ver as cousas, pola túa forma de actuar. Oremos.
  4. Que en tempos de propagandas electorais, Xesús, saibamos, coma ti, poñernos sempre do lado de quen defende nos os poderes financeiros, senón o pan, o fogar, os aforros da xente máis débil. Oremos.
  5. Que coa túa luz, Xesús, os nosos bispos, curas e outros responsables das comunidades cristiás teñan vida sinxela e auténtica, e a saiban transmitir, compartir, coa xente que lles está encomendada. Oremos.


Pregaria:

Grazas, Xesús,
porque te preocupas por nós,
os teus irmáns e irmás,
os teus compañeiros de vida e de ilusións!
Grazas, Xesús,
por te preocupares por min!

Grazas:
coma un pai ou unha nai
quere para os seus fillos e fillas
o bocado mellor, máis san e nutritivo,
a educación mellor,
o porvir mellor,
así tamén ti queres para nós
todo o mellor,
a vida mellor, ben humanizada, ben feliz.

Grazas, Xesús,
polas persoas que entre nós
teñen a responsabilidade de acompañarnos no camiño da vida
(pais, nais, mestres, profesores, curas, líderes de todo tipo...)
indo detrás, diante ou no medio de nós,
segundo conveña.

Grazas especialmente
polos que se esforzan en seren guieiros coma ti,
que escoitan os membros da comunidade,
que os coñecen un a un, polo nome, pola vida,
polas súas penas e alegrías,
que están dispostos/as, se fixer falla,
a dálo todo, ata a mesma vida, por eles,
coma ti.

Grazas, Xesús,
por poder formar parte do teu grupo, da túa comunidade,
por poder escoitar cada día a túa voz,
manternos coa túa presenza resucitada,
prendarnos de ti
e, contigo,
poñer un pouco máis de vida,
alí onde a vida sexa fráxil ou estea ausente.

Grazas, Xesús,
que sería de nós sen ti?


Signo:
  • Unha porta aberta.
  • Algún líder relixioso, do pasado ou do presente, que nos parece que entra pola porta que é Xesús: P. Arrupe, Pagola, ...
  • Algunha persoa acompañando a outras.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.