05 xullo, 2017

Celebración da Trindade en Sobrado


Sobrado dos Monxes, 11 de xuño de 2017

RECREARNOS NA TRINDADE


Reparamos no dobre significado da palabra recrearnos: facernos criaturas novas, e, ao tempo, folgarnos, gozarnos niso mesmo. Imos celebrar a Trindade desde estas expectativas.

A Trindade non ao estilo racional, senón ao estilo vital, tal como a viviu Xesús: identificado en todo, en todo momento co Pai, ata ser un con el, deixándose levar sempre polo Espírito, e sendo así totalmente el. Nós podemos ser tamén experiencia viva da Trindade. Estamos en camiño de Trindade: Fonte, Camiño e Enerxía.

No centro do espazo da celebración hai un Cirio grande aceso (a luz, a fonte: o Pai) e unha cruz (o amor apaixonado, servidor: o Fillo). O Espírito está, pero non se ve, séntese.

Empezámonos signándonos tres veces no nome do Pai, do Fillo, do Espírito Santo.

1.- Un caderno ou folio cada un, un encerado no que poder recoller o escrito: 
Que nos suxire no noso momento vital presente cada unha destas palabras: Pai, Fillo, Espírito Santo? Que símbolo material escolleríamos para expresar a realidade da Trindade?
Pensámolo en 5 minutos; se nos sobra tempo, recreámonos no que tamén escribimos, deixando que iso no silencio nos invada todo o noso ser.
Compartímolo e ímolo escribindo no encerado.

2.- Para non caer no pecado da conceptualización
5 minutos de silencio deixándonos envolver por esta realidade vital que é a Trindade.

3.- Danza trinitaria
Todos, todas en corro ao redor da luz e do Cristo, rezamos cantando e danzando. A cada persoa asígnaselle por orde unha representación: Pai, Fillo ou Espírito Santo. Van saíndo primeiro as persoas do grupo do Pai, e logo as do Fillo e logo as do Espírito. Van avanzando, cantando e danzando lentamente, ritmicamente cara ao centro onde está a luz e o Cristo coas mans unidas; a canción dura para ese desprazamento. Ao chegar ao centro repítese a canción con tres xestos coas mans: primeiro cara á luz e o Cristo, segundo cara ao propio corpo, terceiro cara as persoas que temos ao redor. Logo, coas mans unidas, pero separándoas pouco a pouco, retrocedemos cara ao noso sitio, volvendo cantar a canción.

As persoas que quedan no corro tamén cantan e fan os mesmos xestos coas mans, pero sen desprazarse.

Ten algo de xogo, e éo, estámonos recreando na Trindade, pero un xogo para vivir con alegría e fondura a un tempo, vivindo o significado dos xestos: o avance, diferentes pero unidos/as, cara ao centro; a luz que nos envolve, pero que está en nós e nos abre á comunidade; igual co Fillo, igual co Espírito. A ver se nos deixamos envolver polo Espírito que é a forza que recrea.

Cantiga do Pai:

QUE BEN, SEI EU DA FONTE
QUE MANA E CORRE
ANQUE É DE NOITE.

Cantiga do Fillo:

A CRISTO CANTAMOS NA LUZ QUE ALUMEA,
A CRISTO CANTAMOS CO LUME DA FE.

Cantiga do Espírito Santo:

MANDAS O TEU ESPÍRITO (3)
E RENOVAS O ROSTRO DA TERRA.

4.- Cantiga final

Cando acabamos a danza, estamos un chisquiño en silencio, repousando o vivido. Logo dámonos todos as mans e cantamos a cantiga final:

PERTO DE TI, MEU DEUS, QUERO VIVIR,
SABENDO QUE TI ES UNHA NAI PRA MIN (UN PAI PARA MIN);
XESÚS, IRMÁN MAIOR, CAMIÑA CANDA NÓS,
O ESPÍRITO NOS DÁ XENIO, PAZ, VIGOR.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.