martes, 22 de agosto de 2017

27 de agosto: Domingo 21º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 16, 13-20

Comentario:

Se collésemos hoxe un micro e nos fósemos á rúa para preguntarlle á xente que pensa de Xesús, que nos contestaría? Moi posiblemente as súas respostas demostrasen un descoñecemento enorme da vida e da persoa de Xesús. Catro datos anecdóticos da súa existencia (o portal de Belén, que facía milagres, a morte na cruz...), pero seguramente –oxalá nos equivocásemos-- moi pouco ou nada do máis importante da súa figura, do seu ideario persoal e social, do seu significado para as comunidades cristiás, para a sociedade en xeral. Ante moitísima xente a figura de Xesús quedou e segue quedando eclipsada pola figura da Igrexa e das persoas que máis ou menos a representamos. Se somos xente decente, coherente, humana, solidaria, recibiremos mil chufas; se, en cambio, somos xente enganosa, de moito rezo pero pouca humanidade, pouco sensible aos problemas diarios das persoas que nos rodean, recibiremos o máis grande dos desprezos. Que pena que Xesús, e todo o de Xesús, sexa tan pouco coñecido! E algo será polo desinterese da xente, pero moito éo tamén polo pouco e mal que o transmitimos, coa palabra e coa vida, as persoas que nos dicimos cristiás e que dicimos empeñar as nosas vidas no seguimento de Xesús.

É importante para nós saber que pensa a xente de Xesús, porque iso nos pode dicir moito do que nós mesmos vivimos e transmitimos, do que nós contaxiamos de Xesús. Pero é moito máis importante ver que é o que pensamos, vivimos nós de Xesús. E, para iso, podemos acoller como feita a cada un, cada unha de nós, a pregunta que Xesús lles fixo ás persoas que o seguían: Quen dicides vós que son eu? Ou, se queremos, como a Xesús as respostas teóricas, baleiras de vida, non lle interesarían nada, podemos converter a pregunta en algo máis directo e persoal aínda: Quen son eu para ti? Falaremos de Xesús segundo o que realmente Xesús sexa para nós. Así que parémonos un pouco e acollamos a pregunta de Xesús: Quen son eu para ti? Quen estou sendo agora mesmo para ti? Que presenza teño na túa vida?

Seguro que hai persoas significativas na túa vida, seguro: o teu home ou muller, os teus fillos ou fillas, aquel amigo, aquela amiga, a persoa da que empezas a estar namorada,... Que lugar ocupo eu, Xesús, na túa vida ao lado desoutras presenzas importantes para ti? Calquera desas persoas mencionadas seguro que che aportan algo: compaña, paz, acollida, alento, enerxía, refuxio, valoración, esperanza, sentido, ... Que che aporto eu? Serías capaz de concretalo nalgunha palabra, nalgún sentimento, en algo? Se che custa moito facelo, igual é que significo pouco ou nada para ti, igual é que todo isto da fe cristiá que estás vivindo, á hora da verdade, é algo baleiro, cheo de certos ritos, prácticas e obrigas relixiosas, e máis nada. Pero non te asustes. Se as cousas son así, pois son así. Pode ser o punto de partida para que te propoñas coñecer algo máis de Xesús, por fóra e por dentro, do que foi a súa vida, e do que pode significar para ti.

Xesús Resucitado
(José Hernández Navarro)
Pedro respondeu a pregunta con esta afirmación: “Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”. Un Deus vivo é o que representa e testemuña Xesús. Un Deus vivo é alguén que vive comigo, alguén co que eu vivo, alguén que está na miña vida, que conta na miña vida, que significa algo na miña vida. A Deus non lle importa a relixión baleira, espida da súa presenza. Impórtalle a relixión que consista en axudarnos a descubrir e a gozar a súa presenza viva e enredarnos nela, para sermos nós tamén presenza viva na vida das persoas que nos rodean, da sociedade da que formamos parte. Deus non quere ser un hóspede inútil nas nosas existencias. E menos aínda un personaxe arredado, amigo de inspeccionar e sancionar. Deus non quere ser un “augafestas”. Deus quere andar metido no medio e medio das nosas vidas, ofrecendo a diario o seu Espírito, ofrecendo a diario a ensinanza e a vida de Xesús, para que sexamos capaces de facernos ben como persoas, como comunidade, como sociedade. Deus, Xesús, o seu Espírito, é algo vivo dentro de nós?

Xesús contéstalle a Pedro que sobre esa pedra vai edificar el a súa comunidade cristiá, a súa proposta alternativa. Esa pedra é Pedro transmitindo ese convencemento de ver en Xesús un representante cualificado, o Fillo, dese Deus vivo. Como dicíndonos: a comunidade cristiá, a Igrexa, só ten futuro se se constrúe sobre a experiencia do Deus vivo, que Xesús nos amosa coa súa forma de vida alternativa. Só así a Igrexa e nós nela poderemos axudar a facerlle fronte a todo o que é apagamento, rebaixamento, tristura, fraxilidade, morte no seu humano, en cada un de nós, na xente que nos rodea.+

A celebración eucarística de hoxe podemos vivila coma un rito relixioso máis, baleiro, que non deixe pegada na nosa vida, ou podémola vivir coma un encontro vivo con Deus, con Xesús, co seu Espírito, en comunidade; coma algo que nos dea vida, que se vai gravando en nós e nos vai facendo ao estilo de Xesús.

Preces:

TI ES O MESÍAS, O FILLO DE DEUS VIVO
  1. Que te descubramos, Xesús, que teñamos encontros vivos contigo, para poderte vivir e falar de ti con convencemento. Oremos.
  2. Que deixemos a un lado todo tipo de rutinas relixiosas, que non levan a nada, e nos empeñemos en vivir con verdade aquilo no que dicimos crer. Oremos.
  3. Que as persoas que nos dicimos cristiás andemos sempre enredadas en cousas de unión, de ánimos, de organización, de perdón, de loita, para que a vida vaia adiante e en nós recoñeza a xente o Deus vivo que nos sostén. Oremos.
  4. Que nos dispoñamos a coñecerte mellor, a seguirte mellor, para renovar a fondo as parroquias, as comunidades cristiás das que formamos parte. Oremos.
  5. Que a xente que andamos de descanso, festas e vacacións nestes tempos de verán gocemos coa vida e nos fortalezamos e animemos para compartila con quen sofre por calquera circunstancia. Oremos.

Pregaria:

Quen son eu para ti?

O que vas e volves á miña vida,
considerado sempre coa miña debilidade.
O que me amosas o rostro de Deus
dunha maneira sempre nova e sorprendente.
O que me transmites unha grande paixón por Deus,
unha desmedida paixón pola xente.
O que me narras a Deus dunha maneira desconcertante:
pode servilo quen non o nomea,
pode blasfemalo quen se chufa de servilo.
O que me miras con ollos novos,
limpos, comprensivos, fondos.
(Miguel Ángel Blasco)
O que me ensinas a ollar como ti ollas,
e a ver un irmán/á en cada veciño ou veciña.
O que penas cos meus fracasos como persoa,
e gozas coas miñas máis ínfimas medras.
O que me lanzas á participación comunitaria,
e nela me sostés co teu Espírito.
O que me perdoas sempre, con esixencia curadora,
e me invitas a perdoar coa mesma esixencia.
O que me falas de Deus coa inocencia e paixón dun namorado,
e desde dentro me invitas a achegarme á soleira de Deus.
O que me transmites a experiencia dun Deus próximo,
metido na vida, na xente, na historia, na natureza, en min mesmo.
O que me pos en garda ante ilusións relixiosas,
e me confrontas a diario coa vida da xente pobre.
O que me alertas do ídolos do diñeiro, do poder,
do ídolo do propio eu que todo o contamina.
O que me empuxas a amarme e perdoarme,
a verme coma tesouro precioso en cunca de barro.
O que me ofreces no mesmo paquete paz e rebeldía,
vixilancia extrema e tranquilidade absoluta.
O que me sacodes cando adormezo e me fago indiferente
a calquera desprezo, abuso, trampa ou inxustiza.
O que cada día me invitas a verte e tratarte
na Luz, no Prudencio, no Amandino, na Marisa, ...
O que me invitas a soñar a Deus coma un mar de vida
no que deixarme ir na vida e na morte con confianza.
O que me invitas a respectar e agradecer,
a calar e adorar, antes de falar.
O que me ofreces por riba de todo alegría e festa,
festín de festa e gozo comunitario.

Signo
  • Rostros de Xesús en diferentes momentos da súa vida: ensinando, en cruz, resucitado, etc.
  • Rostros en primeiro plano de seres humanos, marcados pola dor, pola inxustiza, pero tamén polo gozo e a festa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.