martes, 29 de agosto de 2017

3 de setembro: Domingo 22º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 16, 21-27

Comentario:

Este evanxeo ponnos diante catro contrastes, nos que podemos ver debuxado, por unha banda, o ser, o estilo de vida de Xesús, a súa maneira de ser fiel a Deus e á xente, e, pola outra, o que é máis normal entre nós. Ver os contrastes pode valer para descubrirnos na nosa realidade e para animarnos a avanzar no noso achegamento a Xesús, o noso irmán maior, guía e mestre.

Primeiro contraste. Non hai moitos días recibín a noticia de que uns científicos reconstruíran o que podería ser a imaxe máis probable de Xesús de Nazaré; reproducímola aquí. Desde logo non se parece nada a esas imaxes guapas, doces, atraentes, con barbiña ou sen ela, que circulan polos nosas mentes e devocionarios. Dubido da seriedade do traballo científico, pero o que é certo é que temos manipulado a imaxe física de Xesús, e, o que é moito peor, temos manipulado, e ata que punto!, o seu xeito de ser, o seu estilo de vida, a súa maneira de se situar no mundo, ante a vida e as súas realidades, ante os pobres, ante os poderosos. Témola manipulado, adaptándoa aos nosos gustos e criterios. Quizabes deixándonos levar polas palabras de Xesús que dicía de si mesmo que era “bo e humilde de corazón” (Mt 11,29), teñamos esquecido a outra cara da súa personalidade e vida: Xesús era conflitivo, e non por ningunha clase de desequilibrio persoal, senón pola paixón que tiña polo honor de Deus e polo honor de calquera persoa humana, sobre todo se era pobre e marxinal, cousas ambas que para el viñan sendo o mesmo. Nese caso facíase persoa de choque, de denuncia, e de conflito coas persoas e institucións, relixiosas e civís, que vía coma causantes desa falla de honor, viñese o que lle viñese enriba. Como vemos nós a Xesús, como o vivimos, que transmitimos del, coa palabra e cos feitos, na nosa comunidade cristiá?

Segundo contraste. O Evanxeo fálanos de salvar a vida, de perdela, de atopala, de arruinala. Que entendía Xesús e que entendemos nós por esas cousas? Que é para nós atopar vida, facer vida, vivir? Se pensamos, por exemplo, nuns pais respecto dos seus fillos/as, o que normalmente soñamos para eles/as, é que non batan con malas compañías, que se formen ben, que atopen un traballo digno, que casen, que fagan unha familia feliz, que sexan honrados, ... e xa non é pouco. Pero, para Xesús chegaría con isto? Entendía así el a vida? Sen quitarlle importancia a nada disto, Xesús poñería algo máis e ademais poñeríao como fundamental: que unha persoa non estea centrada nos seus intereses, no seu enriquecemento, na súa familia; que unha persoa pense nos outros, teña corazón para solidarizarse cos outros, para perder do seu para que outros vivan; que unha persoa por amor e solidariedade estea disposta a afrontar dificultades, a loitar, a sufrir, mesmo a morrer. Seguro que a cousa nos choca, Pero no fondo levamos dentro de nós esa mesma convicción, que manifestamos cando vemos o exemplo de persoas xenerosas, espléndidas, que o dan todo polos demais: Tareixa de Calcuta, Vicente Ferrer, ou aquel veciño ou veciña anónima que vemos amiga de pensar nos demais, de axudar. Chufámolos, valorámolos, vemos que iso si que é vida. Outra cousa é que despois nos animemos a andar tamén por eses camiños. Xesús, por propia experiencia, dinos que aí hai vida, e vida da boa.

Terceiro contraste. Fálanos del Xesús, cando se cabrea con Pedro e lle di: “non te deixas guiar por Deus senón pola xente”. Os criterios de Deus e os criterios da xente. A maneira de ver as cousas propia de Deus, a maneira de ver as cousas propias da xente, dos homes e mulleres que convivimos na parroquia, na sociedade. Polo contexto no que Xesús lle di isto a Pedro, e polo que lles explica a continuación aos discípulos, dá a entender que os criterios da xente son frecuentemente criterios de cubrirse as costas, de non arriscarse demasiado polos demais, de non enredarse nas cousas comunitarias, de non poñer o propio espírito, as propias habilidades ao servizo da comunidade, do pobo. En cambio os criterios de Deus son sempre criterios de amor solidario, de pensar nos outros, de ser persoa de servizo. Como bate un en cada caso co que é criterio humano e criterio de Deus? Coa reflexión, coa oración, falando con outras persoas con ganas de atinar na vida. Desexamos de verdade deixarnos guiar por Deus? Facemos o posible para acertar sempre co criterio, co gusto de Deus?

Cuarto contraste. Poñernos por diante de Xesús, pretendendo guialo a el, ou poñernos ao lado ou detrás de Xesús, deixándonos guiar por el. Pedro quixo poñerse por riba de Xesús, quixo darlle leccións de como vivir a vida, en relación con Deus, en relación coa xente. Non o facía por mal, queríalle evitar traballos a Xesús, pero vaia arrogancia! Xesús corrixiuno con palabras moi duras, e veulle dicir: mira, non me tentes, apártate de aí, se queres andar comigo, o teu lugar é o do grupo de seguidores e seguidoras que queren vir detrás de min. Non é doado poñernos simplemente coma discípulos e discípulas da Xesús, pero ese é o lugar máis apropiado para calquera membro dunha comunidade cristiá, empezando polo mesmo crego que a atenda. Como dixemos ao principio, sáenos moito querer manipular as palabras, a vida de Xesús, e acomodala aos nosos gustos, E así é como nos fomos debilitando coma persoas e coma comunidades cristiás. É a hora da volta a Xesús, máis ca nunca, coma xente que quere aprender, que se deixa guiar por Xesús no camiño da vida.

A celebración eucarística é un encontro comunitario, vivo, coa vida humilde, valente, conflitiva de Xesús, que o levou á morte, pero tamén á resurrección, ao triunfo da vida.

Preces:

DEIXÉMONOS GUIAR POR DEUS!
  1. Para imitar a Xesús e non lle ter medo ao conflito que nos pode vir por defender o ben, a verdade, a xustiza. Oremos.
  2. Para encararnos por solidariedade santa coas políticas que hoxe afogan a xente máis carente de recursos. Oremos.
  3. Para avanzar polos camiños novos, sorprendentes quizabes, que el nos vaia propoñendo nas nosas vidas. Oremos.
  4. Para encararnos coas nosas propias resistencias, cos nosos egoísmos, cos nosos medos, co noso afán de seguridades. Oremos.
  5. Para ter un corazón libre, para estar máis dispoñibles para as cousas comunitarias, sociais. Oremos.
  6. Para atopar nel as fontes da paz e da alegría, do perdón e da ilusión renovada. Oremos.
  7. Para comprender e alentar a quen tropeza, a quen ten medos, a quen recea, a quen non descobre a vida que hai en dar a vida polo ben da xente. Oremos.

Pregaria:

Señor,
que non me coma a soberbia,
nunca, en nada, de ningunha maneira;
eu quero ir detrás túa,
no grupo dos teus seguidores e seguidoras,
un máis no medio da túa comunidade, do teu pobo,
aprendendo de todos e todas,
aportando os froitos que ti coidas en min.
Que o teu espírito me manteña firme na humildade!

Señor,
que me deixe guiar por Deus
--algo coma ti—
e non polos criterios dos seres humanos,
con tanta frecuencia sinalados por medos e covardías,
por intereses e comenencias.
Que o teu Espírito me manteña firme na fidelidade!

Señor,
que aprenda de ti
a maneira xusta de atopar a vida,
de coidala, de recuperala, de salvala,
entrando da túa man no rico e perigoso camiño
do abaixamento persoal,
en cruz e morte,
para que a familia, a comunidade, o pobo teña vida.
Que o teu Espírito me manteña firme na liberdade!

Señor,
que saiba defender tamén
--algo coma ti—
o honor de Deus,
o honor da xente marxinal,
o honor de todo o comunitario,
dándolles o corazón, o pensamento, a voz, as mans
ante todo o que os deshonra,
ante todos os que pisan a súa dignidade.
Que o teu Espírito me manteña firme na ousadía!

Signo:
  • Os dous rostros de Xesús: o que din sería o verdadeiro e o adaptado.
  • A cruz, unha cruz espida, outra cruz co corpo de Xesús.
  • O rostro dalgunha persoa ou grupo loitador.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.