29 setembro, 2017

1 de outubro: Domingo 26º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 21, 28-32

Comentario:

Estamos no comezo dun novo curso ou etapa laboral. Quizabes é un bo momento para escoitar o evanxeo de hoxe. Seguramente nos estamos propoñendo algunhas actividades para o curso que empeza, en beneficio propio ou en beneficio da comunidade. Non estaría ben pararnos e preguntarnos se Deus non nos estará pedindo colaboración tamén? En que cousas, en que servizos, con que persoas? Fixémonos ben no Evanxeo de hoxe.

O relato é moi sinxelo, moi simple. Como lles pasou ás persoas que por primeira vez escoitaban esta pequeniña parábola, tampouco nós non temos dificultade ningunha en responder á pregunta final de Xesús: quen dos dous fillos fixo a vontade do Pai. Pero é tan simple a cousa, é tan doado responder á pregunta de Xesús, que nos podemos quedar na satisfacción da resolución teórica do caso, como quen queda contento por resolver unha adiviña que alguén lle propón. E así non nos deixamos afectar pola palabra de Xesús, e entrariamos a formar parte do grupo daqueles sacerdotes e anciáns do pobo, que en teoría seguro que o sabían todo, seguro que predicaban unha e mil veces palabras máis ou menos atinadas sobre Deus e a relixión, e, sen embargo, non cumprían a vontade do Pai. Queremos quedarnos aquí, sen que realmente escoitar este evanxeo de Xesús nos valla para nada, ou queremos deixarnos afectar polo evanxeo de Xesús, deixar que toque as nosas vidas, que as cuestione, que as acenda?

O risco dunha relixión establecida é ese: pensar que co cumprimento dunhas determinadas prácticas que se nos propoñen xa cumprimos coa vontade de Deus. Así podo pensar que participando na eucaristía dos domingo (presidíndoa, se son crego, ou participando simplemente nela, se non o son), xa fago a vontade de Deus. Podo pensar tamén que practicando algúns sacramentos de cando en vez, indo a tal ou cal funeral de xente familiar ou veciña, xa fago a vontade de Deus. Podo pensar que practicando algunhas obras de misericordia (dar algunha esmola, visitar a algún enfermo, colaborar coma voluntario nalgunha institución...), xa fago a vontade de Deus. E poida que esas cousas, claro que si, teñan algo que ver coa vontade de Deus. Pero tamén é moi posible que con catro cousiñas así, seguramente boas, nos quedemos satisfeitos e pensemos que xa cumprimos con Deus. E non se trata, non, de que teñamos que poñer máis cargas ao noso lombo, senón de que entremos con máis amplitude e gozo en todo o que Deus quere levar a cabo en nós e, a través de nós, na comunidade, no pobo do que formamos parte. Non se trata de "tacañear" ou ser espléndido con Deus, senón de tacañear ou ser espléndido con nós mesmos, construíndonos ao nivel dos soños de Deus para cada un, cada unha de nós, para ás nosas comunidades, para as nosas aldeas e pobos, para a nosa Galicia. Deus non se quere quedar curto con nós, por que o habemos querer nós?

Chegados aquí, igual nos preguntamos: que é logo a vontade do Pai? Que é a vontade do Pai para min en concreto? En xeral podemos dicir que a vontade do Pai é que sexamos irmáns e irmás, e que coma tal vivamos na familia, na veciñanza, na comunidade cristiá; e que intentemos construír a nosa sociedade con sentimentos e prácticas de irmandade. Algo moi simple, ao que de palabra seguro que nos apuntamos todos, todas, pero realmente somos aplicados despois niso? Ser e vivir coma irmán, coma irmá pode resultar duro nalgúns momentos, pero é a maior satisfacción que unha persoa pode atopar no mundo. Deus o que quere é que vivamos satisfeitos/as, felices, por iso nos propón vivir así. Despois, que é a vontade de Deus para min hoxe, no momento concreto da miña vida? Que me está Deus ofrecendo e pedindo a min en concreto para vivir iso de ser irmán ou irmá? Cada un/unha teno que pensar, cada un ten que rezar, cada unha no trato con Deus ten que ir vendo qué é o que Deus lle está pedindo, porque cada un/ha temos a nosa vida, as nosas circunstancias particulares. A comunidade cristiá pódenos axudar, deberíanos axudar a acertar co camiño particular de irmandade que Deus nos ofrece para andar.

O evanxeo de hoxe tamén nos fala de andar polo camiño da xustiza, que é o que Deus quere de nós. Ser persoas xustas, honradas, transparentes, en todo o que fagamos, con nós mesmas e coa demais xente. Ser persoas xustas que metemos xustiza, honradez, en todos os lugares da sociedade onde participamos. E canta necesidade ten a sociedade de hoxe de xustiza, de honradez, de legalidade! Que podemos facer nós por aí? Na antigüidade seica a xente dicía, cando vía os cristiáns/as: mirade como se queren! Que fermoso sería que hoxe, calquera, vendo a unha persoa cristiá, puidese dicir: mirade, onde hai un cristián ou cristiá, hai unha persoa xusta, honrada, legal a tope, pódeste fiar. Valería iso máis ca mil predicacións.

Por último, o evanxeo déixanos un aviso: no tempo de Xesús había unha relixión establecida, pero os seus dirixentes non cumprían a vontade de Deus. Crían que eles representaban a vontade de Deus, pero Deus faláballes nun home alleo á institución relixiosa que incluso a criticaba duramente: Xoán Baustista. Xesús invítanos a estar atentos a voces alleas á institución relixiosa, voces de persoas ou grupos marxinais, que, por sufriren o peso e o abuso do sistema, fálannos de xustiza e de irmandade con máis verdade.

Na Eucaristía xuntámonos como familia na casa do Pai, ao redor do noso irmán maior, Xesús. Escoitamos a Xesús, compartimos as nosas fidelidades ou infidelidades, alimentámonos para andar con alegría na procura da vontade do Pai en todo. Que ben!

Preces:

FÁGASE EN NÓS A TÚA VONTADE, PAI
  1. Que saibamos escoitar o clamor de xustiza e de honradez que sae da xente máis pisada pola situación presente en Galicia e no mundo enteiro. Oremos.
  2. Que non nos quedemos ao quente, na comodidade; que saiamos da casa e das igrexas, que participemos no que consideremos bo para que a xente máis débil poida ter unha vida digna. Oremos.
  3. Que lle dediquemos tempo á oración, ao trato con Deus, sos ou en grupo, para atinar mellor co que Deus quere e nos pide. Oremos.
  4. Que Deus nos conceda descubrir o gozo de colaborar con el, de implicar con gusto as nosas vidas, o noso tempo, os nosos cartos, os nosos afectos, en tarefas solidarias. Oremos.
  5. Que saibamos escoitar as miles e miles de voces que nestes días están protestando polo mundo enteiro contra o estrago ao que estamos sometendo a natureza, e nos sumemos ás súas protestas e propostas. Oremos.
  6. Que saibamos escoitar os berros de silencio e morte das persoas africanas que morren afogadas querendo pasar para o norte. Oremos.

Pregaria:

A viña á que me mandas é a casa, Señor,
a miña casa,
unha por unha todas as persoas que vivimos nela,
a miña familia, a miña comunidade.

A viña á que me mandas é a parroquia, Señor,
a miña parroquia, o meu barrio,
a miña comunidade humana e espiritual,
unha por unha todas as veciñas e veciños que a compoñen.

A viña á que me mandas, Señor,
con máis ansia e preocupación,
é a xente máis pobre e marxinal,
con calquera clase de pobreza e marxinación,
con calquera ferida no corpo ou na alma.

A encomenda que me fas, Señor,
é a do teu Evanxeo,
nin máis nin menos,
aberto á medida de Deus coma ti,
para acoller nel calquera aspiración humana xusta,
calquera mostra e sinal de humanidade.

Saberei dicirche de verdade que si?
Saberei vencer os meus receos e comodidades
e poñerme en camiño?
Ou, coma tantas veces xa,
pasarei de largo, sen facer caso,
enredado nas miñas vaidades,
asentado nas miñas falsas seguridades
de que non teño voces novas que escoitar,
camiños novos que andar?

Comeza o curso,
chámasme,
proposme cousas novas,
ofrécesme a túa compaña firme, fiel,
quero escoitarte e seguirte, Xesús,
non quero decepcionarte,
porque ti nunca me decepcionas.
Conta comigo.
No que poida, saiba e valla,
conta comigo.

Signo:
  • Un signo de interrogación.
  • Un rostro humano pensando.
  • Un camiño.
  • Persoas débiles, nas que Deus sempre nos chama.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.