xoves, 7 de setembro de 2017

10 de setembro: Domingo 23º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 18, 15-20

Comentario:

É normal que desde as persoas e comunidades cristiás esteamos atentas ao que pasa ao redor noso. O mundo dános gozos e alegrías, dános pesares e traballos. Pero queremos estar aí, no corazón do mundo, porque ese é o noso lugar, ese é o lugar no que Xesús quixo estar e ese é o lugar no que é normal que queiramos estar tamén as persoas que nos dicimos algo seguidoras del.

Pero tamén é normal que vivamos atentas ao que pasa nas nosas comunidades, nas nosas parroquias, das que formamos parte, é que van sendo para nós o pequeno espazo onde experimentamos que as cousas de Xesús se poden vivir; onde podemos ir creando pouco a pouco eses grupos alternativos, esa comunidade alternativa, esa sociedade alternativa na que soñamos ao amparo do Espírito de Deus. E a iso nos invita o Evanxeo de hoxe. Forma parte dun capítulo do evanxeo de Mateu, o 18, que propón unha serie de cousas básicas sobre as que se debería organizar e mover unha comunidade cristiá, unha parroquia: a xente máis importante é a máis pequena, que deben ser mimada e sabiamente acompañada; as persoas pecadoras, se as hai –que as haberá--, deberían ser especialmente acompañadas; partindo de que o perdón debe ser amplo e desmedido, sinala tamén un procedemento concreto, para que o perdón sexa efectivo e leve a que as persoas superen os seus pecados, as súas debilidades e poidan medrar na súa fidelidade a Deus e á vida, á xente, ao mundo.

O evanxeo de hoxe cóntanos resumidamente como ha ser este procedemento para enfrontarse positivamente co mal que na comunidade, na parroquia, unhas persoas lle poidan causar a outras. Paga a pena deterse nos pasos que vai propoñendo e comparalos cos pasos que con frecuencia damos, cando vemos algunha persoa que fai o mal, que nos fai mal. Punto de partida: A persoa que me fixo o mal é un irmán meu, unha irmá miña, e como tal se debe ollar. Situarse nesta clave de proximidade, de agarimo, de afecto sentido é imprescindible para axudar a unha persoa que nos faltou. Como é irmán ou irmá, dóeme a súa situación, e, porque me doe, propóñome facer o que vou facer. Paso primeiro: falar a soas con esa persoa e poñerlle diante o mal que fixo, para que poida pensar e cambiar. Se fai caso, estupendo, temos recuperado a ese irmán ou irmá. E senón, Paso segundo: na presenza de unha, dúas ou tres persoas fálolle do caso, para que co aval desas persoas lle sexa máis doado caer na conta do mal que fixo. Pero, se nin así fai caso, daquela Paso terceiro: fálase a cousa na reunión da comunidade ou parroquia, para que alí se resolva. E, por último, se nin así se resolve, daquela, Paso cuarto, ese irmán deberá pensar que pinta na comunidade, e todos, todas, deberíamos tratalo como Xesús trataba aos pagáns e pecadores: con inmenso achegamento e predilección, porque son os enfermos e non os sans os que precisan médico.

Seguro que nos vemos moi lonxe de poder practicar isto nas nosas comunidades e parroquias. A mesma Igrexa, ao longo dos séculos, foi presentando outras formas de superar o mal, cando este se facía presente na vida da comunidade, e chegamos a isto das confesións que tampouco non nos gusta demasiado á maioría da xente, e que por iso non a practicamos case nada. Cal é frecuentemente o proceso que seguimos ante o pecado, o mal que fai, que nos fai, algunha persoa da comunidade, da parroquia? Moitas veces os pasos que nós seguimos son os seguintes: Punto de partida: non vexo a persoa que me fixo o mal coma un irmán ou irmá, senón como a alguén estraño polo que sinto rabia e cabreo, e, por iso, Paso primeiro: permítome entebrecer o meu corazón con sentimentos de rabia, de rexeite, de odio cara a esa persoa. Paso segundo: falo o caso, criticándoo, con alguén próximo a min, á espera de que se asocie á miña crítica e rabia contra a tal persoa; cousa que nada lle axuda, claro. Paso terceiro: non faltará a oportunidade de que, nun grupo máis grande, facendo calquera labor, comente a cousa en clima de crítica e mesmo de rabia, risa e burla; así o lume do mal non se apaga, esténdese, e o irmán ou irmán será menos irmán ou irmá para máis xente. Paso cuarto: arredámonos desa persoa, apartámola da nosa vida, non lle damos a oportunidade de poder recapacitar, morre para nós coma irmán ou irmá, deixamos de ser para el o médico que lle aporta a cura necesaria. Que vida nova, que sociedade nova se constrúe así?

Quizabes todo isto nos parezan parvadas nos tempos que vivimos. Quen son eu para meterme na vida do meu veciño ou veciña? Ben me chega, en todo caso, con facer algo polo home ou muller, fillo ou filla que teño na casa! Pero é realmente unha parvada preocuparme polo mal que me fan a min, que nos podemos facer entre nós, que danan a comunidade, que amolan a parroquia? Non será que permitimos moito o mal, en nós e fóra de nós, sen decatarnos de que é unha fonte de malestar e de apagamento para as persoas e para as comunidades e parroquias? Non será que nos doe pouco a xente, o seu avance, as súas medras, e que nos doe tamén pouco a marcha da comunidade, a marcha da parroquia? Se esta proposta de reconciliación creada polas primeiras comunidades cristiás non nos gusta, por que non nos preocupamos para buscar outras, que de verdade nos axuden a vivir coma irmáns e irmás, sen consentir co mal que nos pode afogar e que pode acabar co ben que unha comunidade, unha parroquia pode facer cara a fóra?

A celebración eucarística empeza sempre cun acto de reconciliación, porque unha comunidade non reconciliada non pode celebrar ben a Misa. Pero, a que temos reducido ese acto de reconciliación inicial? Non é unha rutina moitas veces? E sobre de rutinas nunca se fai nada proveitoso.

Preces:

UNIDOS/AS EN COMUNIDADE,
PRESENTÁMOCHE, PAI, A NOSA ORACIÓN.
  1. Polas persoas que nos teñen faltado coa súa palabra ou cos seus feitos, para que coa nosa axuda poidan recapacitar e cambiar. Oremos.
  2. Por nós mesmos, para que abramos os ollos e os corazóns, e así poidamos ver o mal que facemos e saibamos pedir perdón e reconciliarnos de verdade cos veciños e veciñas. Oremos.
  3. Para facernos fortes ante toda clase de mal, sabendo que o mal sempre dana as persoas, mata alegrías, quita alentos, e nos fai apoucados/as para a vida. Oremos.
  4. Para coidar ben as nosas comunidades e parroquias, e facelas espazos de fraternidade, onde as queixas se falen con franqueza para poder gozar vendo como se resolven positivamente os conflitos que haxa. Oremos.
  5. Para non criticar e murmurar contra ninguén, con covardía, senón, ao revés, con humilde valentía, aprender a dicir as cousas á cara con vontade de axuda e perdón. Oremos.


Pregaria:

Señor, Señor,
o regalo da comunidade,
que non nos falte nunca o regalo da comunidade!
Que o saibamos recibir de ti con agradecemento,
que o saibamos coidar con esmero.

O regalo da comunidade,
o Espírito da comunidade,
que nos deixemos levar por el
en todo canto facemos e dicimos.

Coidarse coma irmáns e irmáns,
gozarse coma irmáns e irmáns,
escoitarse coma irmáns e irmás,
regalarse coma irmáns e irmás.

Non deixemos que ninguén nos roube o regalo da comunidade,
nin a preguiza para a colaboración,
nin os resentimentos polas ofensas recibidas,
nin os desalentos porque a cousa costa,
nin a chulería de quen pretenda selo todo, facelo todo,
por moito que sexa crego ou frade.

Doerse coma irmáns e irmáns,
chorarse coma irmáns e irmás,
consolarse coma irmáns e irmás,
abrazarse coma irmáns e irmás.

Todo coa comunidade, para a comunidade,
nada sen a comunidade, nunca, de ningunha maneira,

E no medio e medio da comunidade,
a xente máis débil, máis frouxa, máis pecadora, máis desprezada,
coma o remol ao redor do cal
vigorizar a nosa irmandade,
darlle traza, luz e contido.

Señor, Señor,
o regalo da comunidade,
que non nos falte nunca o regalo da comunidade!

Signo:
  • Símbolos comunitarios: corro, árbore con froitos,
  • Dúas persoas en aperta.
  • Foto dalgunha asemblea, xuntanza, pero en forma de corro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.