martes, 12 de setembro de 2017

17 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 18, 21-35

Comentario:

O pedaciño de Evanxeo que hoxe lemos forma parte do capítulo 18 do Evanxeo de Mateu, todo el dedicado a cousas que teñen que ver co funcionamento da comunidade cristiá. Para as persoas crentes a comunidade cristiá é como a matriz na que aprendemos a comportarnos dunha maneira determinada; esa aprendizaxe nos vai axudar logo para tratar a toda a xente con sensibilidade e gusto cristián. En concreto o Evanxeo de hoxe fálanos da importancia do perdón, e das condicións que o deben acompañar para que sexa un perdón efectivo.

As primeiras comunidades cristiás aprenderan de Xesús, e así o querían practicar, que a primeira característica do perdón por parte de quen o dá debería ser que o perdón non ten medida. Non se perdoa só unha, dúas, sete veces, senón setenta veces sete, cousa que na maneira de falar que tiñan os xudeus quería dicir sempre, sen límite ningún. A todos nos custa aceptar esta condición inspirada na mesma práctica de Xesús. Parécenos que o moito perdón pode levar a que a xente faga o que lle dea a gana. Xa dixemos que aquí non se entra a falar das condicións do perdón por parte de quen o recibe, para que non se converta nun xogo sen sentido. Perdoar sempre, sen límites, quere dicir que pola nosa parte, pola parte de Deus a quen queremos imitar algo nisto, nunca hai unha desesperanza total respecto ao cambio posible en calquera persoa. Deus sempre nos quere deixar unha porta aberta, para entrar por ela na nosa zona de verdade, de dignidade, de reconciliación, de paz. E, seo fai Deus, quen somos nós para querer pretender outra cousa?

Que dá o perdón, logo, débeo dar sen límite ningún. E que pasa con quen o recibe? Disto fala a segunda parte do Evanxeo de hoxe. As primeiras comunidades cristiás, seguidoras tamén nisto do que viran en Xesús mesmo, entendían que quen recibía o perdón debería tamén el entrar nesa roda tan humana e tan santa do perdón. Sería ridículo, como ben o deixa ver a parábola que conta Xesús, que un recibise o perdón e que logo non estivese disposto a perdoar a quen ten ao redor de si. E, se un non entra deste xeito na roda do perdón, bótase fóra dela, e daquela o perdón perde nel a súa forza de renovación, acaba sendo unha chafallada que non vale para nada, que non lle abre ningunha porta nova, que o deixa onde estaba ou aínda peor.

Sería normal que a persoa que foi perdoada tivese máis claro iso de perdoar. O Evanxeo deixa moi claro, adrede, a diferenza entre o moito que se nos perdoa a nós, o moito que Deus nos perdoa, e as pequenas cousas ou ofensas que nos temos que perdoar uns aos outros. Cústanos aceptar isto. Tendemos a considerarnos puros, intocables, sen ter que recoñecer ningún error noso, e moi dispostos a sinalar co dedo aos demais, a condenar, a esixir castigos, a non perdoar. Así é ben difícil descubrir a forza, a maxia case do perdón, para reconstruír vidas, para refacer comunidades, para restaurar convivencias na familia, na sociedade.

O Evanxeo de hoxe conclúe invitándonos a perdoarnos de corazón. Que quere dicir “de corazón”? Quere dicir a fondo, non dunha forma barata e rápida, pero reservándose o rexeite interior, reservándose o convencemento de que este non vai cambiar, de que non sei por que lle estou perdoando. Perdoar de corazón quere dicir perdoar porque eu no meu interior, no meu íntimo, na miña conciencia máis secreta, ben sei tamén que moitas veces estou apegado ao mal e me deixo levar por el, aínda que quizais ninguén chegue a saber o que penso, o que sinto ou o que fago. Perdoar de corazón é introducirse con paz e enerxía a un tempo nesa onda de solidariedade, de irmandade, onde todos nos sabemos parte necesaria dos demais, chamados a acompañarnos nos camiños de saída das nosas ruindades, o mesmo que nos acompañamos normalmente nos camiños que nos levan a elas. Perdoar de corazón quere dicir perdoar ao estilo de Deus, que é quen asenta e habita nos espazos máis limpos e verdadeiros do noso corazón, do noso íntimo.

En cada Eucaristía bañámonos no perdón ilimitado de Deus. De cada Eucaristía deberíamos saír vigorizados para construír algo novo entre nós. O perdón está ao servizo desa novidade liberadora, ao servizo da cal estaría ben que sempre nos atopasen as persoas que comparten casa, pobo ou cidade connosco.


Preces:

COMPADEZÁMONOS COMO DEUS SE COMPADECE DE NÓS
  1. Que as nosas comunidades cristiás sexan escolas de perdón, onde aprendamos a dálo e recibilo con transparencia, con coherencia, ao estilo de Xesús. Oremos.
  2. Que sexamos persoas de reconciliación alí onde vivimos, amigas de dar sempre oportunidades novas a quen fracasa na vida e quere cambiar. Oremos.
  3. Que non xoguemos co perdón nin para encubrir o noso pasotismo ou o dos demais, nin para tapar ningunha clase de inxustiza ou abuso. Oremos.
  4. Que aprendamos a mirar a xente, sexa cal sexa o seu mal, o seu pecado, cos ollos de solidariedade, como unha nai olla sempre aos seus fillos, como Deus nos olla a nós. Oremos.
  5. Que nos saibamos ver como o que todos e todas somos: pecadores, pecadoras, queridas e perdoadas. Oremos


Pregaria:

Perdón, Señor, perdón.

Pola miña rota,
de tantas maneiras,
por tantos lados.

Por necesitar perdón, curación,
e non demandalo,
e non acollelo
e non celebralo.

Por vivir o perdón lixeiramente,
sen forza nin efectos,
tanto no dálo coma no recibilo.

Por non envolver toda a miña vida
no manto da humildade sincera
xa que en tanto preciso ser persoa perdoada.

Por vivir o perdón
sen entrar na fonte fonda que o mobiliza,
e facer do perdón unha comedia.

Por pretender tantas veces
ser obxecto de perdóns sen eu perdoar,
manténdome sen misericordia con quen precisa dela.

Por medir, contabilizar os perdóns,
ignorando que infinitas veces
houben de ser perdoada por ti.

Por non ter descuberto aínda
o precioso regalo do teu perdón,
vivindo a secas de misericordia,
envolto na despreocupación ou na amargura do pecado.

Perdón, Señor, perdón.

Signo:
  • Dúas persoas dándose unha aperta.
  • Un metro, unha balanza ou algo que signifique medición.
  • Un camiño aberto, unha porta aberta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.