xoves, 21 de setembro de 2017

24 de setembro: Domingo 25º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 20, 1-16

Comentario:

De entre o que está a pasar entre nós con isto da crise, unha das cousas que máis nos molesta é ver como a desigualdade se está a facer cada vez máis notoria na nosa sociedade. Cada vez hai máis xente que vive peor, moito peor, pero ao mesmo tempo cada vez hai máis xente tamén que vive mellor, moito mellor. Dous exemplos: os soldos de certos directivos de empresas que, comparativamente, cada vez se distancian máis dos soldos dos obreiros normais desa mesma empresa; os beneficios bancarios, que, con crise e todo, se disparan nuns tantos por centos que nos parecen de escándalo. É certo, digan o que digan os gobernos que temos, non somos un estado xusto; a igualdade de oportunidades, recursos e servizos --que sería o propio dun estado de dereito-- son moi diferentes para unhas persoas do que para outras; somos unha sociedade perigosamente rota. E isto non o toleramos. Para superar unha situación de crise que afecta a todo o país, o normal seria que esta crise descargase sobre todos os cidadáns, pero maiormente sobre aquelas persoas que máis recursos teñen para poder afrontala; e curiosamente está pasando xustamente ao revés; estariamos incluso dispostas a rebaixar o noso nivel de vida, a calidade dos servizos que se nos deben, sempre e cando iso afectase por un igual a todos e todas; pero o que non soportamos é que sexan os débiles as persoas sobre as que máis recaia a dureza do momento presente. E por iso estamos indignadas/os, e por iso a nosa sociedade está á busca de prácticas políticas que se desenvolvan en conformidade co que simplemente o sentido común demanda. Non é isto acaso o que sentimos a maioría da cidadanía á vista do que está sucedendo?

O Evanxeo de hoxe anda ás voltas con estas cuestións da xustiza e da igualdade de recursos, de salarios, de oportunidades en calquera dos niveis que compoñen a vida humana. É un relato que soamente nos conta o evanxelista Mateu, e moi agradecidas/os lle debemos estar, porque é unha verdadeira xoia, que nos permite entrar dunha maneira sinxela no corazón dos soños de Xesús, nese xeito de ser propio del que desborda todos os nosos pensamentos e criterios máis sensatos. Na súa experiencia espiritual, na súa mística propia, ía descubrindo como era o ser, o corazón de Deus, a súa actitude con todos os homes e mulleres do mundo: xusto, pero, máis que xusto, espléndido, desmedido, igualador, sen mirar demasiado os merecementos de cada quen. Aínda que Xesús era fillo dunha tradición relixiosa que así o confesaba, non cría que Deus fose ese "creador e señor de todas as cousas, premiador da xente boa e castigador da mala", como afirmaban os nosos catecismos. Xesús entendeu que en Deus a misericordia estaba por riba da xustiza, e que aos méritos distintos de cada persoa respondía Deus cunha vontade firme de ofrecer a toda a xente as mesmas oportunidades, os mesmos amores, as mesmas consideracións, sentindo especial debilidade e benevolencia con aquelas persoas máis fráxiles ás que máis lles custaba responder na vida, estar á altura do que delas se esperaba con máis ou menos lóxica. Estamos vivindo así a Deus na nosa persoal experiencia relixiosa? Estamos fomentando esta experiencia relixiosa dentro das nosas comunidades? É isto o que pode captar quen se achega a nós, ás nosas celebracións, ás nosas vidas?

Descubrindo así a Deus, vivíndoo así, Xesús non pode menos que converter esa vivencia súa nunha guía para as relacións entre as persoas que andaban en comunidade ao seu redor. Vía e desexaba o seu grupo coma un grupo alternativo, que rompese cos esquemas cos que se rexía a sociedade na que vivía; naquela sociedade, coma en parte tamén na nosa, reinaba a lei da competitividade, a lei de cada quen que se amañe como poida: as persoas que poden menos terán que se contentar con menos ou con nada, e as que poden máis pois serán as que triúnfen na vida; as máis espelidas, as máis vivas, as máis arteiras, as máis tramposas, as máis traballadoras, as que recibiron mellor formación, as que tiveron familias máis integradas onde un se pode capacitar mellor para a vida, as que foron a colexios de primeira, as que mellor renderon nos estudos, as que mellor defenden o seu traballo,... esas recibirán premio polos seus méritos ou pola súa raposería, e o resto a contentarse con ser cidadáns/ás de segunda, de terceira, ou simplemente excluídos. Consentimos ou mesmo favorecemos desde a nosa condición de persoas e de comunidades cristiás esta maneira de entender a vida, as relacións humanas, as oportunidades, a consideración coas persoas, os seus mesmos salarios e medios de vida? Arrimámonos a persoas, a grupos, a sensibilidades políticas que soñen con outra maneira de ver as cousas, na que os débiles teñan situación de privilexio? En que cousas concretas se pode traducir isto dentro da parroquia, comunidade, barrio,vila ou cidade na que vivimos?

Pode haber quen diga que isto invita á vagancia en todos os eidos da vida, nos materiais e nos espirituais. Sinal de que non entendemos a fondo o que Xesús nos quería transmitir. A parábola do evanxeo de hoxe valora o traballo a todos os niveis e urxe ao mesmo. Pero non hai cousa que máis mobilice, que máis comprometa, que o aprecio ás persoas e a consideración coas súas debilidades. Podemos considerar a Xesús un vago e un malfeitor, un desinteresado das cousas de Deus e das cousas da xente, da comunidade, do pobo? Cara a onde correría o mundo, se no canto de privilexiar os fortes, mimaramos os débiles en todos os aspectos? Que mundo seríamos, se a obsesión de todos/as fose que os últimos fosen sempre os primeiros, ou coma os primeiros?

Na celebración eucarística gustamos o amor sen medida de Deus en Xesús, na comunidade, para o que Deus non pon condicións nin esixe méritos especiais. Deus invítanos a fartarnos del e a vivir en consecuencia, con nós mesmos/as, coas demais persoas.

Preces:

QUE TAMÉN ENTRE NÓS, XESÚS, AS ÚLTIMAS SEXAN AS PRIMEIRAS
  1. Que nunca nos angustiemos polas nosas debilidades e pecados, que nos sintamos especialmente amadas/os por Deus precisamente por sermos débiles e pecadoras/es. Oremos.
  2. Que entre todas e todos fagamos da comunidade cristiá un espazo de acollida, atención e potenciación da xente máis débil e marxinada. Oremos.
  3. Que traballemos activamente por un salario base digno, pola igualdade salarial entre mulleres e homes, e pola moderación regulada dos salarios dos directivos Oremos.
  4. Que clamemos contra os que nestes tempos están secundando guerras e persecucións inxustas, nas que sempre acaban padecendo máis as persoas máis débiles. Oremos.
  5. Que traballemos pola unidade e a integración de todos os pobos, respectando as diferenzas e favorecendo sempre os máis débiles. Oremos.

Pregaria:

Por que te empeñas en ser tan cumpridor, tan cumpridora?
Por que queres facelo todo perfecto,
para recibir o aplauso da demais xente,
para recibir o aplauso de Deus?
Por que dubidas de que Deus non te queira,
se non es abondo honrado/a,
de que Deus che rebaixe o apego e a paga,
se non es dos da primeira hora?

Por que compites,
por que buscas ser o primeiro, a primeira,
por que gozas diferenciándote,
ollando de esguello
as persoas débiles, fráxiles, pecadoras,
como se ti foses dono e señor das túas bondades,
e non humilde servidor dos bens que outros pousaron en ti,
no nome de Deus?

Con canta frecuencia esqueces
que, na idea e na práctica de Deus,
os últimos/as serán os primeiros/as,
as máis pecadoras serán as máis amadas,
os máis fráxiles serán os máis coidados,
as máis ignoradas serán as máis valoradas!

Cando pensas abrir o teu corazón sen reservas
ás propostas escandalosas de Deus?
Tes medo, verdade?, de que isto acabe nunha desfeita,
de que a indolencia se apodere das comunidades,
de que a vagancia se converta en lei
e de que todos, todas, sen excepción sexan igualmente tratadas,
sen distinción de méritos e valores!

Que pouco coñeces a Deus,
que pouco te gozas e recreas nel,
que pouco sabes das razóns do seu vigor,
que pouco entendes da súa tenacidade e eficacia!
Canta mundanidade espiritual
--como gusta de dicir o Papa Francisco--
debaixo dos teus afáns de cumprimento!

Lémbrao ben:
os últimos serán os primeiros,
as últimas serán as primeiras!

Signo:
  • Algunha imaxe de contratación de obreiros/as.
  • Un metro ou unha vara de medir.
  • Algún signo de igualación: un rostro pobre fronte a un rostro rico, un home fronte a unha muller, un obreiro fronte a un empresario.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.