30 novembro, 2017

Tempo de Advento: primeiro domingo



TEMPO DE ADVENTO

Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.

Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.

O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.


3 de decembro: domingo 1 de Advento

Evanxeo: Mc 13, 33-37

Meditación

A vida está aí ao noso redor, vestida de moitas formas e cores, ofrecéndosenos inocentemente, gratuitamente. A xente está aí tamén, co corpo e alma dese veciño ou veciña se cadra ben maior, que peta na nosa porta ou se cadra agarda na casa pola nosa petada; ou co rostro desa xente que loita da mañá á noite por soster a súa vida no campo ou na cidade. A vida está dentro de nós nese fondo sen fondo que é a nosa propia persoa, chea de soños, de esperanzas, de medos, de ledicias. A vida está en todo, e en todo está o mesmo Deus ofrecéndonola, para que a vivamos con pracer, para que con pracer a compartamos.
A vida está aí. Deus está aí. É bo que esteamos cos ollos abertos, coa mente aberta, co corazón aberto. Sería unha mágoa grande que non aproveitásemos a súa presenza, o seu regalo.

Pregaria

Señor, que os nosos ollos se abran agradecidos á luz das cousas todas da vida. Que os nosos corazóns estean sempre en vela para acollerte cando petas na nosa porta. Que o rebumbio da vida non nos prive da graza de saber calar, escoitar, acoller, agradecer, coidar. Amén.

Acción

Poñendo en práctica o que Xesús nos pide no Evanxeo, estamos hoxe moi atentas ás persoas coas que batamos ao longo do día. Podemos visitar a propósito a algún veciño ou veciña, para sermos para el tamén a visita de Deus.


4 de decembro: luns 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 8, 5-11

Meditación

Todo empeza cando o oficial romano se achega a Xesús. Moitas cousas boas nos poden suceder a nós se nos achegamos a Xesús fiándonos del. A Xesús chamoulle a atención a grande fe daquel oficial. Realmente era de admirar. Quen nos dera ter unha fe así de sinxela, así de forte! A fe do oficial romano parécese moito á fe de moita xente do campo que vai a un santuario, por exemplo, levando nas mans e no corazón a carga dunha enfermidade, dunha desgraza. Xesús non critica esa fe. Admíraa, acóllea, responde solidarizándose co oficial aquel e cos seus problemas, como fai con toda a xente que se achegue a el no medio dos traballos da vida. Gústalle acompañarnos e transmitirnos a súa enerxía.
O oficial romano non era xudeu, pero é igual. A mesa de Xesús, a mesa de Deus, a mesa da vida está sempre preparada para quen teña fame, pete e queira entrar. Deus non anda con requisitos.

Oración

Quen me dese, Xesús, crer en ti a fondo, cunha fe sinxela, forte, limpa, para gozarme, fortalecerme e curarme diariamente coa túa compaña! Creo en ti, Xesús. Con toda a xente humilde da Igrexa ou doutras relixións creo en ti.

Acción

Se podes, establece algún contacto con algunha persoa estranxeira, inmigrante, que viva entre nós, aínda que soamente sexa cun saúdo. Lembra a Xesús co oficial romano. Acóllea, como Deus tamén a acolle.


5 de decembro: martes 1ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 10, 21-24

Meditación

Que son esas cousas que Deus amosa á xente humilde e llelas oculta á xente entendida? Pois cousas como o gozo de vivir, o asombro pola graza que hai na natureza, nos animais, na xente; o gusto pola inocencia, a satisfacción que dá falar con verdade e sen malicia; a alegría da boa convivencia veciñal, vivindo coma irmáns ou irmás; a paz fonda que nos dá saber que Deus sempre nos quere, e vivir momento a momento baixo o empuxe dese convencemento; ter ánimos para axudar e servir a quen nos rodea; gozar xuntándonos para as penas e as alegrías, tamén para a defensa do noso; saber ser moi humildes e moi valentes a un tempo.
Quen é a xente humilde que goza con todo isto? Podémolo ser todos, todas nós, se non deixamos que o galo se nos suba ao poxigo, se reparamos na nosa fraxilidade e lle abrimos as portas ao Espírito bo de Deus. Deus tolea por meternos no seu mundo de ben e de felicidade.

Oración

Grazas, Pai, che dicimos con Xesús, por seres tan espléndido, por non preferires o poder e as aparencias, como tantas veces nos pasa a nós. Grazas, Pai, porque che vai o humilde, porque as portas da túa casa están sempre abertas para nós, porque nos ofreces a túa compaña e os teus regalos.

Acción

Ao longo do día de hoxe vai vendo en que circunstancias Deus foi compartindo contigo algunha desas cousas que a el tanto lle gustan. Agradécello. Comparte con algunha persoa amiga ese teu agradecemento.


6 de decembro: mércores 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 15, 29-37

Meditación

O querer de Deus é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade, satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si. Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un teito, a alegría de vivir.

Oración

Noso Pai que estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus cidados, que colaboremos contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e esperanza.

Acción

Hai moitas maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podes visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estás facendo xa, pensa na posibilidade de integrarte nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato, Partido Político, desde o que che parece que se traballa ben polo pan de todo o mundo.


7 de decembro: xoves 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 7, 21.24-27

Meditación

As vidas, as persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras, comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como persoas e como comunidade.
Tanto as persoas como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentado fainos capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo. Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de Deus é o mellor sostén da nosa vida.

Oración

Son persoa fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío en ti.

Acción

En que me vexo unha persoa fráxil? En que vexo que a miña comunidade é unha comunidade tamén fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, penso nalgunha tarefa que a poida curar. Por exemplo, se non comparto as miñas penas con ninguén, empezo a facelo. Ou se critico a xente da comunidade por tras, dispóñome a dicir as cousas á cara con respecto e agarimo.


8 de decembro: festa da Inmaculada Concepción

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Meditación

O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias.
Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus.
O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir.
O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos.

Oración
Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus.Que non me venzan os medos, os límites que teño.Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito.Que me deixe levar por el ata onde el queira.Aquí estou, meu Deus, conta comigo.

Acción

É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito.


9 de decembro: sábado 1ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 9, 35—10, 1.6-8

Meditación

Moita xente de aldea –seguro que tamén da que non é de aldea— neste momento sentirase ben retratada nesa frase do evanxeo: “xente toda derreada e esmorecida”. Así parecen ser as nosas parroquias rurais hoxe.
Tamén é certo que, vendo o campo, a súa riqueza, a súa fermosura, a súa capacidade produtiva; vendo o corazón de cada persoa, tamén podemos dicir co Evanxeo: “A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos”.
Sería ben fermoso que a comunidade cristiá da parroquia, fose cal fose o seu número e o seu poder, se puxese con Xesús a botar espíritos malos e se sumase a todas aquelas persoas que desde calquera lugar e pensamento estea pola labor de poñer vida e esperanza entre nós.
Canto podemos nós aprender de Xesús, da súa ollada fondamente solidaria, do seu saber estar ao pé da xente con toda a forza do seu ser nas mans!

Oración
Igual somos chulos, Señor, demasiado chulos dentro da nosa pobreza, como para necesitar acompañantes para o noso camiño.Igual somos tamén demasiado ovellas, demasiado submisos, demasiado torpes.Para cando abrir os ollos, fiarnos de quen nolos axuda a abrir?Para cando fiarnos de ti, Xesús?Lévanos da túa man polos camiños da vida nos días de hoxe.

Acción

Se ves que hai algo na túa vida que te achica e entristece, dá o paso de compartilo con alguén do que esperas comprensión e axuda.
Se ves que hai algunha asociación, sindicato agrario, comunidade cristiá que traballa honradamente polo ben da aldea, apúntate, participa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.