13 decembro, 2017

Tempo de Advento: 3ª semana


17 de decembro: Domingo 3 de Advento

Evanxeo: Xn 1,6.8.19-28

Meditación

Estámonos achegando ao Nadal, cando poderemos contemplar a luz de Deus iluminando as nosas vidas na presenza humilde do neno Xesús. Todos, todas accedemos á luz de Deus porque houbo persoas que nos destaparon os ollos, que nos axudaron a decatarnos da súa presenza cálida, amorosa, que envolve por completo as nosas vidas. Seguro que na traxectoria da nosa vida todos, todas lles poderemos poñer nome a esas persoas que nos iluminaron e aínda nos seguen iluminando o camiño cara a Deus, coa súa palabra, co exemplo das súas vidas. Que agradecidas lles estamos!
É ben reparar nas características dunha boa testemuña da presenza de Deus, porque tamén nós estamos chamadas a ser para outra xente testemuñas de Deus. Xoán está no deserto, é dicir, nun espazo retirado, silencioso, curto en comodidades. Parece que a boa testemuña ha de ter doses amplas de retiro, de silencio, de austeridade. A boa testemuña é unha persoa baleira, libre, para que Deus teña onde entrar libremente. Xoán era humilde, recoñece que el non era a luz, soamente que a sinala coa súa palabra e coa súa vida; recoñece que soamente bautiza con auga, algo simbólico e superficial, pero que quen realmente bautiza, quen é capaz de entrar a fondo en nós, regalo todo, limpalo todo, recompoñelo todo, dispoñelo todo para o froito, ese é Xesús; e a Xesús nin sequera se considera digno de lle desatar o amalló das sandalias.

Oración

Quen me dese, Xesús,
entrar na forza, na sinxeleza,
na humildade de Xoán o Bautista!
Quen me dese ter o corazón libre e ben disposto
para deixarme iluminar cando a luz chegue,
para deixarme enchoupar polo Espírito
cando abrace todo o meu ser con augas de liberdade!
Quen me dese, Xesús,
deixarme coller a fondo por Deus,
como Xoán o Bautista o fixo,
como ti mesmo o fixeches!
Ai, canté!, quen me dese!

Acción

Podo achegarme, dalgunha maneira, de palabra, por carta, cunha chamada de teléfono, por un whatsapp, a algunha persoa que foi para min unha axuda importante no camiño da miña vida cristiá; e agradézolle o que me aportou.


18 de decembro: luns da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 1,18-24

Meditación

Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños...
Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros.

Oración

Grazas, meu Deus,
por teres acompañado a Xosé, a María,
e a tantos homes e mulleres ao longo da historia.
Grazas por seres un "Deus connosco",
alguén sempre achegado a nós,
sempre preocupado por nós,
sempre disposto a acompañarnos,
a abrir camiños,
a anunciar auroras,
a abrir esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida.


19 de decembro: martes da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 5-25

Meditación

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo.
Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista.

Oración

Grazas, Pai noso, Nai nosa,
porque nos acompañas coa túa forza
nas horas de angustia e debilidade.
Grazas porque nunca nos deixas da túa man,
por moi mouras que se poñan as cousas.
Nesta hora de incerteza
para a xente que queremos vivir e crer na aldea,
que saibamos acoller o teu Espírito
e colaborar con el.

Acción

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no que Deus mesmo lle dá.


20 de decembro: mércores da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Meditación

É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.
O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.

Oración

Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,
que a miña fe é cativa,
que dubido
á hora de darche entrada no meu corazón,
na miña vida toda.
Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,
para poderche dicir sempre “si”,
coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.

Acción

Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc. Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.


21 de decembro: xoves da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Meditación

É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.
Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus --todo o que ula a coidados e solidariedades-- tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.

Oración

Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,
e bendito o froito do teu ventre, Xesús!
Bendita ti, Sabela acolledora,
por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!
Bendita a inmensidade de mulleres
que xeraron e pariron vida de mil maneiras!
Benditos todos nós,
invitados a facer que a vida floreza nas nosas mans
para ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!

Acción

Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.


22 de decembro: venres da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 46-56

Meditación

Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser pequeniña cousa diante de Deus, pero pequeniña cousa querida e agraciada. Pequeniña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.
María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.
María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.

Oración

Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,
asombrado pola humilde marabilla da túa forza
que non para de amosarse nos feitos miúdos
da xente miúda que confía cegamente en ti!
Quen me dese facerme música das túas fazañas,
cantora en todos os escenarios da vida
onde o máis pequeno e humilde é valorado
e o máis poderoso e soberbio, rebaixado!
Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,
e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!
Quen me dese, Deus, quen me dese!
Que ti me deas, que Santa María me dea!

Acción

Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.


Sábado da 3ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 57-66

Meditación

Na cultura xudía daqueles tempos, unha cultura moi relixiosa, os nomes tiñan moito significado, manifestaban algo profundo da persoa concreta e da misión ou tarefa que había desenvolver no nome do mesmo Deus. Así Xoán quería dicir "Deus apiádase". Todo o que a familia de Sabela e Zacarías pasou ao redor do nacemento do seu fillo vivírono coma unha mostra da piedade de Deus con eles, e non soamente con eles, senón tamén con todo o pobo.
A nós, que vivimos nunha cultura moi laica e pouco crente, estas cousas pódennos parecer parvadas. Pero o certo é que a vida ten fonduras, ricas fonduras, que frecuentemente ignoramos e pasamos de vivilas e de beneficiarnos delas. A vida ten zonas amplas de graza e de misterio, ligadas a circunstancias moi normaliñas da mesma vida; atendelas, acollelas, adiviñar a presenza viva de Deus dentro delas, gozalas, compartilas pódenos humanizar moito e, coma crentes, abrirnos ao misterio de Deus.

Oración

Quero ser ben humilde, meu Deus,
pero cústame,
necesito a túa axuda.
Quero andar pola vida
coa ollada limpa,
co corazón esperto,
coa vontade disposta,
para adiviñar a túa pasada humilde, cálida e veraz
no fondo ou na tona
de todo canto me sucede,
de todo canto pasa na vida que pasa.
Quero ser ben humilde, meu Deus,
pero cústame.
Necesítote a ti,
o que sempre te apiadas.

Acción

Fai hoxe un pequeno exercicio de ver algo que che pareza presenza de Deus na túa vida familiar. E tamén algo que che pareza presenza de Deus na vida social, política, do teu entorno. Agradece esas presenzas e comprométete con elas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.