venres, 8 de decembro de 2017

Tempo de Advento: segundo domingo


10 de decembro: domingo 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mc 1, 1-8

Meditación

Estamos bastante cansos de xente, políticos e non políticos, que se nos presentan como remedio dos nosos males, pero logo vemos que as cousas seguen igual ca sempre: a xente poderosa facéndose cada vez máis poderosa, e a xente débil continuando na súa debilidade. É posible que con esta experiencia nas mans poidamos recibir con ilusión esa promesa dun Deus que nos visita? É posible que nos poidamos dispoñer para prepararlle o camiño de chegada?
Pero máis que debater sobre disto, o Evanxeo invítanos a fixarnos nunha persoa que vive e comparte esa ilusión súa por un Deus que vén: Xoán Bautista. Xoán Bautista vivía sen luxos, comía sen luxos, vestía e calzaba sen luxos. Non era consumista, porque o consumismo non salva o mundo, como tantas veces nos din os políticos; o consumismo non cura as vidas, non cura os corazóns. A Xoán Bautista gustáballe mirar para o seu corazón e mantelo san, limpo, volto á honradez coa xente e con Deus. E invitaba a iso mesmo como maneira de prepararlle o camiño ao Deus humilde e forte, que se faría presente na figura de Xesús.
O exemplo das persoas vale máis ca mil debates. Seguro que todos coñecemos hoxe a outras persoas que, coma Xoán Bautista, nos espertan os ánimos, nos moven á esperanza, nos axudan a crer, nos dispoñen para a tarefa de preparar camiños, abrir portas, corazóns e vidas. Que mulleres, que homes son para nós hoxe xente que nos sostén na fe, no amor, na esperanza? Podemos facer nós mesm@s de Xoán Bautista para axudar a levantar os ánimos da xente que nos rodea?

Oración

Quérome bautizar, Xesús,
pero non con augas de consumismo,
senón coas augas do teu Espírito Santo.
Quérome facer forte,
algo forte coma ti, Xesús,
porque tamén é moito o que teño que afrontar na vida.
Quero recuperar esperanzas,
porque xa hai abondo quen semente frustracións.
Por iso me achego a ti e che digo:
faime un sitiño no teu corazón,
bautízame coas augas do teu agarimo.

Acción

Seguro que hai algunha persoa que máis dunha vez te ten acompañado nas túas horas baixas. Achégate a esa persoa da forma que sexa e agradécello dalgunha maneira.
Pensa en se non poderías tamén ti valer de apoio para alguén que o estea pasando mal. De que maneira lle poderías valer? Pénsao e faino.


11 de decembro: luns 2ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 5, 17-26.

Meditación

No evanxeo de onte Xoán Bautista, referíndose a Xesús, dicía: tras de min vén un que é máis forte ca min. No Evanxeo de hoxe vemos por onde vai a fortaleza de Xesús. Parece certamente que Xesús tiña poderes especiais para curar algunhas veces algunhas enfermidades da xente, pero sobre todo tiña moito poder para entrar no fondo das persoas e renovalas, fose cal fose o deterioro que as comese por dentro. E ese é o Xesús que se nos anuncia e ofrece no Advento.
Facemos ben en curarnos dos males do corpo, coidándonos nós, levando unha vida sa e esixindo un bos servizos sanitarios para todo o mundo. É un deber que temos como seres humanos e fillos ou fillas de Deus que somos.
Estaría ben que igualmente coidásemos o noso espírito, a nosa interioridade, o fondo do noso ser, procurando estar a ben, en paz, con nós mesmos, coa demais xente, coa natureza, con Deus. A nosa felicidade descansa na paz interior que teñamos, moito máis do que pensamos. Xesús ofrécesenos para axudarnos nesta tarefa.

Oración

Grazas, Xesús, pola xente que me fala de ti,
pola xente que na vida me foi poñendo diante túa.
Grazas porque te coñezo algo,
porque te quero algo,
porque teño experimentado algo
o forte que es para facer de min unha persoa nova.
Aquí estou diante de ti, Xesús,
para que entres ata o fondo do meu ser
e me axudes a curar de todas as miñas doenzas.

Acción

Pensa se en algo estás abandonando o coidado do teu corpo ou do corpo da xente que vive contigo, e cambia.
Pensa tamén se en algo non poderías mellorar por dentro, no teu corazón, na túa paz interior, en quererte ben, no agarimo pola xente, na acollida, no respecto…, e mira o que poderías facer para mellorar.


12 de decembro: martes da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 18, 12-14

Meditación

Estar en vela, preparar camiños, dísenos no Advento. Pero, quen é o que chega? Xesús, coa súa comparanza de hoxe, fainos unha foto dese que chega, debúxao, dinos como é no seu corazón, na súa vontade, na súa maneira de ser e de actuar, nos seus sentimentos, nas súas ledicias neste caso. Ese é quen peta á nosa porta e nos chama.
Que nos queda a nós? Aledarnos tamén de que as cousas sexan así, de que o noso Deus sexa así. Admitir as nosas moitas fraxilidades, que as temos, seguro, e refuxiarnos con elas no corazón de Deus, que é Pai/Mai de perdóns, que é Irmán que acompaña, que é Espírito que dá forzas para andar o camiño.
Que nos queda a nós? Home, facer outro tanto, no que poidamos, cos compañeiros e compañeiras de comunidade, de parroquia, de pobo. E que prenda a ledicia de Deus entre nós, que prenda a festa.

Oración

Grazas, Pai, por ser como es.
Grazas, Nai, polas túas entrañas de misericordia.
Grazas, Pai, porque cada día saes aos camiños,
na busca dos teus fillos e fillas malferidas.
Grazas, Nai, porque pos en nós a túa ledicia.
Grazas, Pai, porque nos convocas ao mesmo,
Grazas, Nai, porque queres facer de nós unha familia solidaria.

Acción

Seguro que coñezo a alguén que ande en solidariedades, buscando a algunha desas criaturas máis fráxiles que hai polo mundo. Achégome a esa persoa, pregunto, escoito, déixome ferir por ela.



13 de decembro: mércores da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11, 28-30

Meditación

Chama a atención a preferencia de Xesús. Diríxese especialmente á xente cansa e aflixida. Pero quen non está cansa e aflixida nun momento ou noutro, por unha razón ou por outra? Por iso Xesús diríxese especialmente a ti, a min e a calquera que o escoita.
Xesús promete alivio; el veu para darnos alivio, para axudarnos a ser persoas que levan alivio a cansos e aflixidos. Unha relixión que non alivie e axude a aliviar non é boa, non é cristiá.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
coas miñas canseiras e afliximentos
que ti ben coñeces.
Veño onda ti,
desexando, agardando o teu alivio,
porque es bo,
porque tes un corazón grande coma o mundo,
capaz de entendernos e acollernos sen medida.
Que ti sexas, Xesús,
o meu acougo cada noite,
a miña forza cada mañá.

Acción
  • Párate a pensar nalgunha persoa coñecida que estea pasando por algunha situación de canseira ou afliximento. Non poderías ofrecerlle ti tamén, con Xesús, algo de alivio? Pénsao e faino.
  • Pensa naquela cousa que a día de hoxe che está causando máis preocupación e angustia. Escríbea nun papel de forma resumida. Fai oración simplemente repetindo: Xesús, Xesús!



14 de decembro: xoves da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11,11-15

Meditación

Todas, todos levamos no corazón o gusto pola honradez, polo coidado da xente débil, pola boa marcha da nosa familia, parroquia, cidade e País. Ese gusto e ese desexo bo fóronnolo pasando outros homes e mulleres que nos precederon; homes e mulleres que creron nesas cousas, que as promoveron, que loitaron por elas ata a mesma morte ás veces.
Pero tamén é certo que hoxe, coma onte, tamén hai moita xente violenta que quere apagar eses desexos en nós, no mundo. E mesmo pode ser que nós mesmos ás veces reneguemos dese ben que tanto nos gusta.
Xesús invítanos a que recapacitemos, a que tomemos partido e a que o fagamos con decisión.

Oración

Son débil, Xesús,
ben o sabes.
Gústame o ben
nas súas moitas formas e cores,
pero ás veces déixome levar polo mal
e por quen o promove.
Creo que a túa axuda
non me ha faltar nunca.
Que así sexa valente
para vencer o mal en min
e en quen con violencia o promove.

Acción

Pensa nalgún feito da vida, sucedido ao teu redor, no que entendas que se amosa algo do Reinado de Deus, do gusto de Deus, algo do que Xesús nos coa súa palabra e coa súa vida. Se podes, agradécello a quen tal cousa fixo. Se podes, fai ti tamén algunha cousa dese estilo.


15 de decembro: venres da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11, 16-19

Meditación

Xesús atopouse no seu tempo cunha xente que, entraran por onde lle entraran, sempre tiña escusas para non facer nada, para non implicarse en nada, no persoal e no social. Somos nós tamén así nos tempos de hoxe? Pois igual si. Vemos con frecuencia a xente queixándose de todo, pero, cando se lle propón participar nalgunha acción, nalgún grupo, nalgunha asociación para buscar remedios, cean para atrás, poñendo pegas a todo.
E a sociedade pode ir máis ou menos mal, pero ao mesmo tempo cantas cousas ben boas non se nos ofrecen para poder aproveitalas, gozalas e mellorar con elas! Compañas, libros, actos culturais, educadores, guías espirituais, espazos naturais, música e un longo etcétera. Quen tivese todo isto noutras partes do mundo! Non nos deixamos levar por unha soberbia e por unha desgana destrutivas?

Oración

Xesús,
ti es a gran oportunidade da miña vida,
para facer e refacer a miña persoa,
para aprender a situarme na sociedade e no mundo.
Que saiba acollerte, Xesús,
que saiba abrirche de par en par
as portas do meu corazón, da miña vida toda.
E que así ti fagas en min e a través de min
todo o que ti es capaz de facer.
Grazas, Xesús.

Acción

Repasa a túa vida. Hai algunha cousa á que te esteas negando por que si, por ser turrón, por preguiza, por non querer baixar do burriño? Hai algunha posibilidade de crecemento á que te esteas negando? Ofrécenche algunha oportunidade de medrar no coñecemento e na intimidade con Xesús e co seu espírito e estaste negando a iso? Pénsao. Fai algo.


16 de decembro: sábado da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 17,10-13

Meditación

Segundo como tratamos a xente, así tratamos tamén a Deus. Se á xente non lle prestamos atención, non a escoitamos, non a valoramos, non a queremos, non a servimos, non pensemos que podemos escoitar, valorar, querer e servir a Deus, por moito que o digamos coas nosas palabras, cos nosos rezos, coas nosas cancións. A medida do divino en nós é o humano.
Tamén pasa que ás veces aparecen na nosa vida persoas que teñen un don especial, persoas que rompen con rutinas de sempre, que propoñen cousas novas en calquera campo: no político, no social, no ensino, na relixión mesma. Son coma unha presenza divina especial no medio de nós. Frecuentemente estas persoas son mal vistas de entrada e sofren críticas e persecucións. Disto todos temos experiencia. Pechándonos a esa xente acabamos pechándonos ao Deus que nos visita.

Oración

Xesús, ti ensínasme a acollerte
nas persoas que me acompañan na vida,
e que demandan de min atención, escoita, servizo,
cambio na miña maneira de ser.
Ensínasme a acollerte nelas
e dásme forzas para facelo.
Que non me negue, Xesús, que non me negue.
Que non te defraude.

Acción

É moi posible que teña deixado de lado a algunha persoa ou grupo que, cunha demanda ou con outra, se ten achegado á miña vida ultimamente. Penso en como atender ben esa demanda como sinal da miña vontade de acoller a Xesús polo seu Nadal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.