xoves, 11 de xaneiro de 2018

Tempo Ordinario: 2ª semana


14 de xaneiro: 2º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 1, 35-42

Meditación

Xesús buscou amigos e amigas coas que compartir os soños que levaba no seu corazón: unha nova maneira de tratar con Deus que levaba a unha nova maneira de tratar coa xente. Pero é ben curioso o modo como se vai creando ese grupo de amigas e amigos con Xesús. Todo se fai non a partir de teorías nin de doutrinas, senón de experiencias compartidas. Xesús invítaos á súa casa, pasan o día con el, e logo cóntanlle aos amigos o que alí viviran. É ben importante iso de contactar con Xesús, de quedar con el, de pasar o día con el. As persoas e comunidades cristiás encontramos nesas "quedadas" con Xesús a luz para entender a fondo o seu proxecto de vida e a forza para poder implicarnos nel. Podemos quedar con Xesús de maneiras diferentes; o seu espírito fálanos no silencio do corazón; tamén nos fala nos evanxeos; tamén nos fala na comunidade cristiá, naquelas persoas que máis teñen practicado iso de quedarse con Xesús; e fálanos cun falar moi vivo e provocador na vida, na palabra, no silencio da xente pobre, por exemplo a xente inmigrante, hoxe que celebramos o día das migracións. Xesús dinos hoxe: vide e veredes.


Oración

Onde vives, Xesús?
Quero estar contigo.
Como pasas as horas do día?
Quero estar contigo.
Como falas, como sentes, como amas?
Quero estar contigo.
Como rezas?
Quero estar contigo.
Como incorporas a xente pobre e fráxil na túa vida?
Quero estar contigo.
Cales son os teus soños?
Quero estar contigo.
Como te vas facendo tan humilde e tan valente?
Quero estar contigo.
Como te divirtes?:
Quero estar contigo.
Quero estar contigo, Xesús,
Quero estar contigo.
--Pois ven e verás.

Acción

Nalgunha das formas xa ditas (silencio, evanxeos, persoa cristiá, xente pobre, persoa inmigrante) dedica hoxe un tempo a estar con Xesús, para ver como é, como vive, para despois seguilo con máis verdade e decisión.


15 de xaneiro: luns da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 18-22

Meditación

Para Xesús o importante non era cumprir con normas relixiosas tales coma as do xaxún; para el o primeiro, o máis importante, aquilo polo que de verdade había que preguntarse, era se de verdade temos consideración, agarimo, servizo coa xente que nos rodea, maiormente se é xente envolta en calquera debilidade. Para Xesús, aí é onde se xoga o fundamental dunha persoa relixiosa. Porque tal como nos relacionamos coa xente, así, no fondo, nos relacionamos con Deus.
As primeiras comunidades cristiás deseguida tiveron claro que o de Xesús era coma un pano novo que non se podía aplicar a un vestido vello, ou coma un viño novo que non era ben vertelo en pelellos vellos. Cando de todo isto non nos estará pasando a nós tamén? Canto nas nosas vidas cristiás, nas vidas das nosas comunidades cristiás non se fixo xa un vestido vello, un pelello vello, que non aguantan a novidade de Xesús? Cantas rutinas baleiras ocupan o lugar do fundamental na vida das nosas parroquias?

Oración

Achégome a ti, Xesús,
para aprender a coñecerme,
para poder ver canta rutina hai na miña vida relixiosa.
Porque, se cadra,
doulle importancia ao que non a ten,
e réstolla ao que verdadeiramente a ten.
para poñer no centro de todo o coidado da xente,
no nome de Deus,
e así poder avanzar polos teus camiños novos.
Achégome a ti, Xesús,
ben sabes ti que facer comigo.

Acción

Repasa as túas prácticas relixiosas. Mira se hai algunha que esteas cumprindo por rutina. Mira se teñen algo que ver ou non con iso de coidar de veras a xente e a nós mesmos no nome de Deus. E limpa a túa vida de cousas sen xeito.


16 de xaneiro: martes da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 23-28

Meditación

Non entenden os fariseos que os discípulos collan unhas espiguiñas de ao pé do camiño e as debullen para matar un nada a fame; para eles era quebrantar o mandamento que prohibía traballar en sábado. Noutros tempos tamén na nosa Igrexa había normas algo semellantes. Hoxe xa non corremos tanto ese perigo. A práctica relixiosa déixase de lado sen pega ningunha na maioría dos casos.
Por iso para nós o reto é outro: como recuperar unhas boas prácticas relixiosas, esas que humanizan de verdade, esas que están ao servizo da dignidade e da pacificación das persoas, esas que nos axudan a vivir en comunidade, que nos fan xente atenta ás persoas débiles e fracasadas, esas que nos axudan a recoñecer os erros sen fundirnos, esas que nos animan a loitar contra quen quere facer das persoas uns monecos ao mandado do consumo, esas que nos axudan a non rendernos coma paifocos ante unha cultura do fácil, do rápido, do gustoso.

Oración

E ti, Xesús, segues estando aí,
aprendéndonos a criticar a relixión,
cando tamén nos escraviza;
e aprendéndonos a apegarnos de corazón
ao Deus da vida,
que mira pola nosa vida
como pai ou nai amorosa e solícita.
Eu quero andar canda ti, Xesús,
en fidelidade fonda,
en liberdade fonda.
Cólleme da man
e fagamos xunt@s ese camiño.
Contigo ao carón todo saíra ben.
Seguro.
Grazas.

Acción

Pensa de novo nas túas prácticas relixiosas. Repara hoxe naquelas que máis che axudan a medrar como individuo e como persoa comunitaria. Mira como as poderías mellorar, para que de verdade se cumpra en ti iso de que o sábado está ao servizo das persoas e non ao revés.


17 de xaneiro: mércores da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 1-6

Meditación

Estamos outra vez ante un caso no que os fariseos, xente moi relixiosa do tempo de Xesús, ven máis importante cumprir certas normas relixiosas (non traballar en sábado, o seu día santo) ca valerlle a unha persoa. Xesús rebelouse contra este tipo de historias; non lle collía na cabeza que unha persoa relixiosa puidese pensar así, por iso di o evanxeo que lles botou unha ollada chea de carraxe ou rabia e tristura. Dáballe mágoa que alguén puidese entender e vivir dese xeito a fe en Deus. A verdadeira fe sempre pon por riba de todo o ben da xente. A fe sempre debe estar ao servizo da vida na xente. Que podemos aprender disto?
Xesús non disimula o seu cabreo e tristura, ao contrario, maniféstao publicamente. Xesús era polémico pola honra de Deus e polo ben da xente fráxil. E aqueles fariseos, no canto de recapacitar, recoñecer os erros e cambiar, o que fan é confabularse con outros para acabar con Xesús. Tamén isto é ben penoso; alguén alumeaba as súas escuridades, pero eles non queren abrirse á luz. Que podemos aprender tamén disto?

Oración

Ti, Xesús,
quéresme librar dos perigos da relixión
abríndome os ollos e o corazón
para poñer o ben da xente por riba de todo.
Grazas, Xesús.
Ti, Xesús,
apréndesme a cabrearme
e a manifestar o meu cabreo
cando a relixión lle faga trampas a Deus
e á xente máis débil.
Grazas, Xesús.
Ti, Xesús,
chámasme ao recoñecemento dos meus erros
cando alguén me chama a atención
no nome de Deus,
no nome da xente máis necesitada
a quen Deus defende por riba de todo.
Grazas, Xesús.

Oración ao Santo Antón, patrón dos animais todos

Santo Antón, Santo Antoniño,
amigo dos animais,
que o teu exemplo nos faga
coa bichería legais.

Que os amemos e coidemos
con airiños de irmandade,
eles e nós construímos
natural comunidade.

Quen maltrata un animal,
se as cousas así se terzan,
maltratará a veciña
a pouco que lle conveña.

Os animais tamén son
criaturas do Deus santo,
honra a un quen honra ao outro
tanto monta, monta tanto.

Contigo, Santo Antoniño,
deámoslle bendición
a todos os animais
presentes aquí ou non.

Ti que fuches ermitán
apréndenos no silencio
a amar e coidar a vida,
sexa cal sexa o seu prezo.

Acción

Pénsao. Que cres que poderiamos facer e non estamos facendo as persoas crentes polo ben da xente máis débil e necesitada que hai ao noso redor? Cres que poderías facer algo, en por ti so ou uníndote a outras persoas? Faino.


18 de xaneiro: xoves da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 7-12

Meditación

As cousas vanlle ben a Xesús. A xente anda a moreas ao redor del; el ten un aquel especial para curar, animar, alentar, motivar a aqueles homes e mulleres que andaban derreadas pola vida, arrastrando tantas veces un corpo ferido e un espírito apoucado. Que é o que estaba pasando? Era o Espírito bo de Deus que se facía presente naquel veciño aldeán? Como vivía Xesús todo aquilo? Parece como se Xesús tivese as súas reservas con tanto éxito. Vivir sensatamente nos éxitos é tan difícil como vivir os fracasos. E estes habían chegar.
A vida das nosas comunidades parroquiais non pasa, en xeral, polos mellores momentos. Entre nós son agora multitudes as que parece que non queren saber nada da fe, da Igrexa, e se van arredando dela. Por que pasa isto? Non ollemos para fóra, miremos para a propia casa. Andamos no medio da xente, en contacto coas súas penas e alegrías, como se ve que andaba Xesús, deixándose afectar por elas? Ofrecemos limpamente o aire curador, liberador, que ofrecía Xesús?

Oración

Veño onda ti, Xesús,
coas miñas doenzas nas mans,
coas doenzas tamén de moitos homes e mulleres
que ti coñeces moi ben.
Veño esperando contaxiarme de ti,
algo polo menos;
contaxiarme da túa curación, do teu alento;
e, se pode ser,
contaxiarme tamén un pouquiño
da túa marabillosa capacidade
de recuperar corpos e ánimos
para a saúde, para a esperanza.
Se puidera ser, Xesús!
Canto me gustaría!

Acción

Se estás pasando por unha enfermidade corporal ou por un mal momento de ánimos; se na túa comunidade cristiá as cousas non van ben; se na túa asociación, sindicato ou partido político as cousas se torcen, preséntalle todo iso a Deus na túa oración, e compárteo tamén con algunha persoa que te poida alentar. Tamén podes visitar algunha persoa enferma para confortala algo.


19 de xaneiro: venres da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 13-19

Meditación

A xente do pobo dos tempos de Xesús estábao pasando moi mal, e a vida relixiosa, tal como a levaban, pouco lles valía. Hoxe, sen ser nin moito menos os que peor o pasamos no mundo, tamén nós temos problemas, no campo dun xeito moi particular: pouca xente, xente maior, aldeas despoboadas, parroquias que se quedan sen cura e sen vida parroquial tanto nos camiños e nas terras, como nas mesmas igrexas. Que facer? Que podemos facer na comunidade cristiá da que formamos parte? Que nos ofrecería Xesús se estivese hoxe aquí connosco?
Xesús non era daqueles que se laian sen facer nada. Diríanos: xuntádevos, precisamente porque sodes pouc@s e vell@s, coidádevos, mimádevos, alentádevos, non digades nada, non fagades nada que roube a paz e os ánimos, apuntádevos a todo o que sexa común, gustade o bo que é vivir en irmandade, xuntádevos nunha cociña, nun camiño, no adro da igrexa, na mesma igrexa, contádevos as cousas entre vós, contádelle as vosas vidas a Deus con confianza, escoitade tamén o que el vos diga. E eu estou no medio de vós, dinos Xesús. Para iso todas, todos valedes, dinos Xesús: a Visita, o Maxín, o Santiago, a Carme, o Manolo, a Delia, ...

Oración

Que te sintamos vivo no medio de nós, Xesús,
chamándonos polo nome para facer pobo,
espelindo en nós a esperanza
e converténdoa en cousas de unión ao teu redor.

Acción

Seguramente na túa parroquia ou pobo estanse levando a cabo cousas de unión, relacionadas ou non coa vida relixiosa. Apúntate. A parroquia necesita de ti para seguir sendo unha parroquia viva.


20 de xaneiro: sábado da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 20-21.

Meditación

Si, Xesús estaba algo tolo. Metéranselle na cabeza cousas tolas, como pensar que Deus era por riba de todo un Deus de perdón, achegado á xente en todo; como pensar que, aínda que sexamos ruíns, Deus espera algo grande de nós e nos acompaña na nosa transformación; como pensar que había que darlle cara a tanto abuso que facía que a xente malvivise con amargura e desesperanza. E botárase polos camiños a contaxiar a xente destas ideas tolas. E a xente arremuiñábase ao redor del. E os seus parentes non viron cousa mellor que facer ca collelo á forza, levalo para a casa, cantarlle as corenta, para que asentase a cabeciña.
Moi probablemente nós fariamos outro tanto. Porque iso é o que normalmente facemos cando alguén remexe as cousas, nos quere sacar das rutinas, tanto nas cousas da igrexa, nas cousas da fe, coma nas cousas da vida corrente, da vida social e política.
Claro que tamén podemos meternos entre a xente que se arremuíña ao redor de Xesús, escoitalo atentamente, e deixarnos envolver no seu afán de cambio no nome de Deus.

Oración

Quen me dese ser un pouco tolo coma ti, Xesús,
un pouco polo menos!
Quen me dese poder saír contigo de tanta rutina,
relixiosa e social,
na que envolvo a miña vida!
Quen me dese un chisco da túa rebeldía,
para facerme máis limpo e verdadeira,
para axudar a mellorar a sorte de quen máis apanda na vida.
Veño onda ti, Xesús,
o toliño de Nazaré.
Faime un pouco tol@ coma ti.

Acción

Observa como falamos normalmente das persoas que rompen algo os moldes tradicionais nas cousas relixiosas ou nas cousas normais da vida. Non te deixes levar por esa corrente. Intenta comprender as persoas innovadoras; quizais Deus te estea ofertando algo a través delas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.