16 xaneiro, 2018

Tempo Ordinario: 3ª semana


21 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 14-20

Meditación

Por qué a Boa Nova, a Boa Noticia de Deus, que Xesús anunciaba con tanta ilusión, perdeu entre nós ese aquel de Boa Noticia, de cousa alegre e alentadora? Que temos feito dela para que a xente a escoite con indiferenza e pase dela? Que temos feito desta Boa Noticia de Deus, que Xesús nos puxo nas mans? En que a temos convertida? Pero tamén nos podemos preguntar: Qué é o que tanto lles vai aos homes e mulleres do noso tempo, dos nosos pobos e cidades, que é o que nos vai tamén a nós, para que a Boa Noticia de Xesús non lles soe a cousa atractiva, e a vexan como algo que ole a aburrimento e inutilidade? Por que os homes e mulleres de hoxe pechan os seus oídos aos ofrecementos de Xesús? Cousa da mensaxe? Cousa do mensaxeiro? Cousa de quen escoita a mensaxe?
E Xesús nos desiste, convencido como está de que o que ofrece é realmente algo ben alegre e curador e alentador para todos e todas nós. E por iso segue chamándote a ti, a min, a calquera persoa de boa vontade a botarlle unha man. Queres colaborar con Xesús polas cousas polas que Xesús loitaba?

Oración

Que poida ver, Xesús, a ledicia do Evanxeo
que a poida experimentar,
para así podela tamén contaxiar.
Que non me deixe pechar os ollos e o corazón
polo ruído, pola charlatanería, polas imaxes engaiolantes
que poboan o noso mundo presente.
Que teña os ollos e os oídos limpos,
o corazón ben libre
para acoller e vivir
todo o que soe a vida e irmandade.
Que aprenda ben de ti, Xesús amigo.

Acción

No día de hoxe repara nalgunha noticia, nalgún suceso, nalgunha persoa que che parece que é un bo exemplo desa alegría do Evanxeo. Gárdao no teu corazón, e aprende del.


22 de xaneiro: luns da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 22-30

Meditación

Iremos vendo como Xesús sufriu a oposición de moita clase de xente. O que pretendía era unha maneira nova de vivir o trato con Deus; o que pretendía era unha maneira nova, solidaria a fondo, de vivir o trato coa xente. Os que máis se lle opuxeron foron precisamente os líderes relixiosos do seu pobo, porque lles botaba por terra todo o enredo relixioso que tiñan montado, quizais coa mellor vontade do mundo, pero en definitiva satisfacendo os seus intereses. No canto de parar a pensar, revisar o seu comportamento e cambiar, acusaron a Xesús de todo. E non pararon ata acabar con Xesús nunha cruz.
Ninguén estamos libres de comportarnos desa maneira en moitas circunstancias e campos da nosa vida. Cando algo ou alguén pon en evidencia a nosa maneira egoísta de actuar, normalmente poñémonos á defensiva e volvémonos contra quen tales cousas nos pon diante.
Que isto non teña perdón quere dicir simplemente que é imposible que un vexa cando pecha os ollos, que un avance cando senta, que un progrese en humanidade cando lle dá as costas os seus veciños e veciñas. Así non hai quen ordene e mellore a súa vida.

Oración

Señor, Señor…
Humildade para recoñecer os meus erros.
Agradecemento con quen mos poña diante.
Esforzo para avanzar na vida.
Coidado para ser cada día mellor persoa.
Colaboración para axudar no mesmo a outras persoas.
Gozo no corpo e no espírito véndome vivo na familia, na comunidade, no pobo.
Señor, Señor…
polo teu amor.

Acción

Pensa algo na túa vida. Recordas algún momento no que alguén che puxese diante algo que fixeses mal, por pereza, por egoísmo, por abandono, polo que fose? Como reaccionaches? Se reaccionaches mal, poderías retomar o tema con esa persoa, recoñecer a túa culpa e agradecerlle o que che dixo?


23 de xaneiro: martes da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: 3, 31-35

Meditación

A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar, seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa para Xesús.
Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o querer de Deus.

Oración

Grazas pola miña familia, meu Deus,
por todas as persoas que a compoñemos,
cada unha coa súa graza e coas súas fraquezas.
Grazas polos coidados que nos dámos,
polos apoios que nos ofrecemos,
polo perdón que nos regalamos.
Pobriña a xente, meu Deus,
que non conta con familia
ou que a ten rota e malpocada!
Tamén esa xente, disme ti,
tamén esa xente é a túa familia.
Grazas, meu Deus, pola miña familia así ampliada.

Acción

Podes revisar como te estás levando coa xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao.


24 de xaneiro: mércores da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 1-20

Meditación

A semente é a bondade de Deus, o amor entrañable que nos ten, e que nos pode chegar en forma de palabra, pero tamén de feitos. O mellor exemplo da palabra de Deus é Xesús mesmo, co que el dicía, co que el facía, coa maneira que tiña de tratar a xente. Xesús é a un tempo o sementador e a semente.
Deus, a vida ofrécenos medios, recursos, para que nos asentemos e maduremos como persoas cristiás, e deamos froitos que nos aproveiten a nós mesmas, á comunidade cristiá e civil da que formamos parte. Pero non todo é doado, hai moitas trampas e enredos que nos poden facer fracasar. As catro clases de terra da parábola de Xesús permítennos entrar no mundo persoal onde se cocen os éxitos ou fracasos da vida. En cal desas terras nos vemos máis reflectidos?

Oración

Quero ser, Señor, boa terra,
onde medre a semente,
con coidados e alertas,
non vaia ser o demo
que, feita a sementeira,
polo si ou polo non
non asome a colleita
e a vida se me quede
cal hucha baldeira.
Quero ser, Señor,
faime ti, Señor, boa terra.

Acción

Mira un pouco para ti mesm@. En que clase de terra te ves máis retratad@. Poderías facer algo para cambiar as cousas?


25 de xaneiro: xoves da 3ª semana do Tempo Ordinario, festa da conversión de S. Paulo

Evanxeo: Mc 16, 15-18

Meditación

Paulo cambiou na noite para a mañá, pasou de ser un perseguidor das persoas que se dicían cristiás e converterse nun namorado de Xesús e a falar del en todo momento e lugar. Todo isto cóntase no libro dos Feitos dos Apóstolos cunha linguaxe algo milagreira, pero o certo é que Paulo vese iluminado, cae na conta do significado da persoa de Xesús, dedica un tempo a contrastar e madurar a súa experiencia, e logo dedica a súa vida a espallar o nome de Xesús. Algo marabilloso, pero dentro da normalidade de calquera vida humana. Por iso tamén nós podemos aspirar a esa iluminación que o Espírito facilita gratuitamente.
Os sinais das persoas crentes das que fala o Evanxeo poden entenderse así: loitarán contra todo o que destrúa e rebaixe a xente; o seu falar é un falar que sabe a novo, a alternativo, a soños creativos; son ousados, non se encollen ante as dificultades máis bravas; teñen capacidade para pasar por horas escuras sen fundirse; teñen vida, forza, e capacidade de transmitila a quen dela carecen.

Oración

Grazas por Paulo, meu Deus,
grazas por todas as persoas honestas;
grazas pola xente que actúa conforme ás súas conviccións;
grazas polas persoas abertas ao Espírito,
e capaces, polo tanto, de renunciar ao que crían sagrado;
grazas pola xente que cambia,
de coherencia en coherencia;
Grazas polo teu Espírito, meu Deus,
capaz de facer en nós cousas marabillosas.

Acción

Paulo estaba obcecado, cego, coa súa maneira de entender a Deus. Logo cambiou. Non estarás tamén ti obcecado, cego, nalgunha cousa relixiosa ou non relixiosa? Non te estarás resistindo á luz do Espírito, que é sempre vivo, creativo, innovador?


26 de xaneiro: venres da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 26-34.

Meditación

Xesús falaba con comparanzas, porque era unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque, para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con humildade.
Outra vez a comparanza da semente, pero agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda, pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada.

Oración

Eu mesmo son, Xesús, contigo
semente miúda, pequerrecha,
que medra pola noite, polo día,
estea ou non estea eu esperta.

Eu mesmo son, Xesús, contigo
agora gromo, agora verde herba,
agora espiga que oufana engorda
chea de grans para o día da colleita.

Eu mesmo son, Xesús, contigo,
do teu Reino humildísima presenza,
irmán, irmá dun mar de testemuñas
que acolle o refuxiado en cega aperta.

Acción

Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo, do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo?


27 de xaneiro: sábado da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 35-41

Meditación

Non sabemos exactamente que puido suceder naquel anoitecer durante aquela viaxe perigosa sobre un lago embravecido. Sabemos, si, o que o evanxelista Marcos nos quere transmitir co seu relato tan aberto ao simbolismo. A barca é a propia vida e tamén a vida da comunidade cristiá, da parroquia, da Igrexa no seu conxunto; a barca é tamén, por que non, a vida de calquera persoa ou comunidade humana, mesmo a vida do mundo enteiro. Sacudidas e perigos non nos fallan. Xesús está sempre presente, aínda que pareza ausente, aínda que pareza durmido e alleo ás nosas angustias. A fe permítenos ollalo ao noso carón, transmitindo tranquilidade, confianza, ousadía. A fe permítenos envolver a nosa debilidade, sexa cal sexa, na fortaleza de Xesús. Para sentilo, hai que vivilo, como o viviron naquela tarde escura as persoas que o acompañaban.

Oración

Quen serás ti, Xesús,
pois invocándote
amainan os nosos medos?
Quen serás ti, Xesús,
que, sen evitarnos o esforzo,
énchelo de paz e de ousadía?
Quen serás ti, Xesús,
que convertes as noites recias
en amenceres de luz en calma?
Xesús,
presenza misteriosa de Deus na nosa vida,
creo en ti.

Acción

Pon en práctica a túa fe. Mira se hai algunha situación na túa vida, ao teu redor, na que as cousas vos produzan medo e esteades tentadas de fuxir. Pensa en Xesús, acolle a súa forza e transmítella ao grupo como mellor saibas e poidas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.