xoves, 15 de febreiro de 2018

Tempo de Coresma: 1ª semana


18 de febreiro: domingo 1º de Coresma

Evanxeo: Mc 1, 12-15

Meditación

Aínda que nos sorprenda, Xesús tamén foi tentado polo mal espírito. Non sabemos con seguridade o que lle pasou a Xesús naquela hora. Se foi tentado, iso quere dicir que no seu interior rebuliron ideas, proxectos de vida, maneiras de desenvolverse coa xente moi distintas das que logo escolleu. A el, como a todos e todas nós, por seremos seres humanos, tentouno o mal espírito para que falase de Deus e da xente desde o poder, desde a fama, desde o aplauso do pobo. Pero preferiu facelo desde un estilo de vida humilde, para que a xente pobre o sentise ben próximo, para que entendésemos que o ben, a recuperación das nosas vidas nunca nos chega polo camiño do poder, exercido ou soportado, senón polo camiño do servizo; servindo, o eu chuliño e egoísta que levamos dentro acaba por parecernos algo ridículo, botámolo lonxe de nós e deixámoslle sitio a esa forza de amor solidario que chamamos simplemente Deus.
A coresma que empeza préstase para que cada un, cada unha de nós, vexamos tamén cales son as nosas tentacións persoais e comunitarias; que é o que nos priva de experimentar a Deus con gozo no achegamento e no servizo desinteresado á xente que nos rodea, sobre todo á máis fráxil. Urxe facelo, dinos Xesús, porque é unha pena que perdamos as oportunidades que a vida nos ofrece xa, hoxe mesmo.

Oración

Quero ir contigo ao deserto, Xesús,
collid@ da túa man,
amparad@ polo teu espírito.
Quero contigo aprender
a estar en soidade comigo mesm@
para descubrir que forzas me moven,
que malos espíritos me tentan,
que Deus tramposo me atrae.
Quero descubrir o que ti descubriches,
un chisco polo menos,
fortalecerme como ti o fixeches,
e ter en todo cun corazón solidario coma o teu.
Canto o desexo, Xesús!
Veña, dáme a man,
camiñemos xuntos,
polo teu amor, Xesús,
polo teu vigor.

Acción

Fai o que poidas para dispoñer dalgún tempo de silencio, no que, sen facer nada, penses un pouco no que está sendo a túa vida, o que pasa polo teu corazón, o que che gustaría facer a favor doutras persoas, o que te freas para que non o fagas, etc.


19 de febreiro: luns da 1ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 25, 31-36

Meditación

Esta parábola que contou Xesús debería estar na cabeceira de todos os libros de doutrina e de teoloxía, no comezo de todo proceso de formación cristiá, tanto de nenos e nenas coma de xente adulta; debería estar tamén como aclaración fundamental en todos os debates sobre doutrinas, sobre o que é ou non é tan importante na vida relixiosa, na reforma das comunidades cristiás, no que hai que manter ou non por riba de todo para o futuro relixioso das parroquias.
Sorprenden moito dúas cousas: primeira, que Xesús, como rostro humano de Deus, se identifique coa xente máis indefensa e marxinal do mundo; e que polo tanto non hai forma de honralo ben que non pase por honrar como é debido á xente pobre, envolvéndoa en aprecios e en xustiza. Segunda, que se isto non ocupa o primeiro posto, outras consideracións e debates carecen de sentido; é que nin sequera merecen sen nomeadas.
Grazas a Deus, grazas á palabra e á vida de Xesús, é ben doado saber que facer para ser unha boa persoa cristiá. Doado, pero que fondo e revolucionario facer disto a norma básica do noso comportamento diario.

Oración

Grazas, meu Deus, que sempre nos esperas
na dor do débil que por ti agarda;
a túa man na nosa ti lle achegas,
tamén co noso abrazo ti o abrazas.

Grazas, meu Deus, por nos quereres tanto
e enredarnos con pracer nos teus amores,
abrindo o noso ser ao gozo santo
de servirte e adorarte nos teus pobres.

Acción

Hai moitas maneiras de atender a xente famenta ou sedenta, a xente emigrante ou refuxiada, a xente espida, enferma, encadeada. Como o estamos facendo cada un, cada unha de nós? Canto máis se vaia á raíz do problema, mellor axuda se dá.


20 de febreiro: martes da 1ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 6, 7-15

Meditación

É frecuente que entendamos a nosa oración como un momento no que nos achegamos a Deus, a Xesús, á Virxe, aos Santos e Santas, para conseguir deles algún beneficio para nós ou para xente achegada. Rezamos moito por interese persoal. Se ademais, como advertía Xesús, enchemos a oración de palabras e máis palabras, como querendo amolecer o corazón de Deus para connosco, daquela certamente andamos algo perdidos coa oración.
A proposta de oración que nos ofrece Xesús é ben orientadora: O primeiro da oración son as ganas de que se lle dea honra a Deus; e dáselle honra cando colaboramos para que se cumpra no mundo o seu querer; e o seu querer é que nos desenvolvamos entre nós con sumo respecto e solicitude, tratando ao próximo como a nós nos gustaría ser tratadas. E que a ninguén, a ninguén!, nos falte o pan de cada día, é dicir o elemental para vivir con dignidade. E que nos saibamos perdoar; dar e recibir perdón é básico para evitar os odios, as vinganzas, as exclusións, os desalentos, e así facer un mundo máis humano. Non somos nós os que condicionamos o perdón de Deus -estaría boa a cousa!-; se non perdoamos, somos nós os que nos arredamos de Deus, que é todo perdón. E por último, que o mal non nos poida, en ningunha das súas formas; que teñamos valentía para darlle cara. Por aquí sería ben que andase a nosa oración.

Oración

Fágase a túa vontade, meu Deus,
na miña vida,
na miña casa,
na miña familia,
na miña parroquia.
En todo o que pensamos, dicimos e facemos,
fágase a túa vontade, meu Deus;
cúmprase ese desexo profundo teu
de que maduremos en paz e alegría,
co esforzo necesario,
a semente particular de vida en comunidade
que botaches en nós cando nacemos.
Fágase a túa vontade, meu Deus.

Acción

Se non rezamos, é ben que empecemos a facelo algo. Se rezamos, miremos que a nosa oración non estea dominada e estragada polo puro interese. Se nos parece que rezamos ao xeito de Xesús, pensemos se nas cousas diarias da vida obramos ou non ao xeito de Xesús.


21 de febreiro: mércores da 1ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 11, 29-32

Meditación

A noveliña de Xonás chama a atención sobre todo por unha parte a vontade persistente de Deus de que a súa palabra de misericordia chegase tamén a xente que non pertencía ao pobo de Israel; e pola outra, a resistencia de Xonás a facerse profeta desa misericordia. O que nos rodea sempre e por todas partes, a todos sen excepción, é esa vontade agarimosa de Deus de axudarnos a construír as nosas persoas e as nosas comunidades nun marco de paz, de crecemento, de respecto, de entendemento, de colaboración, de xustiza, mirando sobre todo pola xente máis cativa.
Deus non exclúe a ninguén. Nós, ás veces, si que o facemos. Deus nunca renuncia á misericordia e ao perdón. Nós, ás veces, si que o facemos: a tal veciño que nos fixo tal cousa, deixámoslle de falar, apartámolo da nosa vida. Deus ofrécesenos para, desde a misericordia, o perdón e o cambio, poder refacer as nosas persoas e a marcha deste noso mundo. Nós, ás veces, moitas veces, desentendémonos dese plan de Deus, e andamos á nosa bola: ás agresións contestamos con agresións; á violencia contestamos con violencia; aos desprezos contestamos con desprezos. E, cando é necesario facer xustiza, non a libramos do odio e a vinganza. E así nos vai. Así andamos cos corazóns rotos e coa sociedade en farrapos.

Oración

Meu Deus,
que teña humildade e valentía abondas
para ollarme a min mesma con audacia e misericordia.
Que teña esa mesma humildade e valentía
para ollar as persoas que teño ao meu redor,
sobre todo a aquelas que máis me custa tratar coma irmás.
Que saiba loitar polo cambio persoal e social,
pero envolvendo o meu esforzo coa tenrura,
as miñas vitorias ou derrotas co manto da túa paciente misericordia.

Acción

Miremos se temos algunha persoa "cruzada" na nos vida. Preguntémonos por que. Seguindo o espírito de Xesús, busquemos maneiras de reconciliación.


22 de febreiro: xoves da 1ª semana de Coresma. Festa da Cátedra de S. Pedro.

Evanxeo: Mt 16, 13-19

Meditación

Que percepción, que vivencia teño eu de Xesús? Que significa na miña vida? Ata que punto a súa palabra, o seu xeito de vivir, a súa maneira de tratar a Deus, de ser persoa relixiosa, a súa maneira de entender as relacións sociais, o trato entre as persoas, ten peso na miña vida? Que transmitimos de Xesús as comunidades cristiás que nos dicimos convocadas por el, animadas por el? Por que moita xente do noso arredor, do noso mundo, ten unha imaxe tan borrosa de Xesús? Por que nos lles motiva o que nós dicimos e facemos no nome de Xesús? Que nos pasa realmente con Xesús de Nazaré, o Cristo de Deus, o Fillo de Deus?
É ben que algunha vez polo menos nos fagamos estas preguntas, para non vivir ao tun-tun, de rutina en rutina quizais. Xesús paga a pena. As comunidades cristiás pagan a pena, e nós con elas.

Oración

Que poidamos ser, Xesús,
unhas comunidades vivas,
ao redor das persoas que entre nós teñen responsabilidade de animación;
que ti non sexas un título baleiro nas nosas vidas;
que sobre todo coa nosa vida solidaria
deamos testemuña fiel de ti,
e haxa así moita xente que poida descubrir en ti,
con alegría e forza,
a presenza viva de Deus no medio de nós.

Acción

Tratamos algo as persoas que animan a vida danos parroquia, da nosa comunidade cristiá? Cremos que podemos colaborar en algo para facela máis viva: comprometéndonos nalgún servizo, agradecendo o labor das persoas, queixándonos abertamente de cousas que nos parecen mal feitas?


23 de febreiro: venres da 1ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 5, 20-26

Meditación

Seguro que será un bo exercicio coresmal situar a nosa vida de cada día ante este pedaciño de Evanxeo que vimos de ler. Refírese ás nosas relacións cos xente que nos rodea, na casa, no barrio, na parroquia, na comunidade, no traballo etc. Para Xesús, para o Deus de Xesús o máis importante é sempre ver como tratamos a xente, porque segundo tratemos a xente, segundo nos relacionemos con ela, así no fondo nos relacionamos e tratamos con Deus. Por iso, para Xesús, chegado o caso, é máis importante reparar as nosas relacións coas persoas mediante a aclaración, a restitución, o perdón, ca asistir ao culto, ca ir a unha Misa. Como vivimos nós isto?
E, á hora de nos relacionar coa xente, Xesús invítanos a non contentarnos con mínimos. Sabémolo moi ben, sobre todo cando nolo fan a nós: canto nos feren unhas palabras de desprezo, unha ollada despectiva, que nos neguen a palabra, o saúdo, que non conten connosco para algo, que se burlen de nós, que se rían dos nosos defectos ou pecados, que anden falando mal de nós por detrás etc! Todo isto son formas de matar, de facer que a persoa deixe de vivir con gozo e esperanza, que desapareza para nós. Xesús, Deus, que nos quere ben, anímanos a ir ao fondo do intercambio persoal, porque aí atopamos unha das principais fontes de felicidade para na nosa vida.

Oración

Que as túas palabras, Xesús,
entren ata o fondo do meu corazón;
que coide e mime aos meus veciños e veciñas
tal como ti nolo amosas,
para que poidamos gozar comunitariamente coa fraternidade.
Que saiba converter cada xesto, cada palabra, cada actitude
nunha forma de amor e de servizo,
de recoñecemento, de valoración, de alento, de vida.
E dar así os primeiros pasos
para un culto a Deus como Deus se merece.

Acción

Miremos se con algunha persoa estamos necesitados de reconciliación. Sería unha cousa ben fermosa aos ollos de Deus, sería unha cousa ben proveitosa achegarnos a esa persoa e reconciliarnos mediante a aclaración, o perdón, como sexa.


24 de febreiro: sábado da 1ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 5, 43-48

Meditación

Segue Xesús compartindo connosco a súa maneira de entender as relacións coas demais persoas, algo sempre fundamental para el. E o que nos transmite non é algo que el se sacase da manga, senón que é o mesmo que el aprendeu no seu trato con Deus. El experimentou como era Deus, como Deus o trataba a el, como Deus trataba a todos os seres humanos, fosen malos ou bos, fosen dunha relixión ou doutra, dunha raza ou doutra, e de aí deduciu como sería ben que fósemos nós no noso trato dos demais.
E isto redúcese a algo moi simple: querer sen distincións, ao que nos fai ben e ao que nos fai mal, ao que fala ben de nós e ao que fala mal, ao que nos bendí e ao que nos maldí. Isto de primeiras é moi duro e esixente, case nos parece imposible, case nos parece unha burrada. Pero responde a varios convencementos: se ao mal contestamos con mal, o mal vai a máis e acaba afogando a noso propia existencia diaria; se ao mal lle contestamos con mal, imos cargando o noso corazón, a nosa vida, de rancores, de amarguras, de días e noites desasosegadas, e imos bailando ao son do que outros cos seus feitos nos ditan: acabamos sendo como unhas monecas nas súas mans. Contestar ao mal con ben, fainos libres, fainos ser nós mesmas, axúdanos a romper as correntes do mal, a crear espazos limpos de mal, espazos de inocencia, espazos fondamente revolucionarios que crean futuro. Por algo é esa a opción de Deus.

Oración

Grazas, Pai,
porque me queres,
aínda que sexa como son,
aínda que a maldade estea presente
no meu pensamento, na miña boca,
nos meus feitos,
nos meus abandonos.
Ben aprendido nisto,
que o corazón non se me envelene, meu Deus,
cando alguén me fai mal
e me vexo tentado a entrar na súa roda
pasando del ou pagándolle coa mesma moeda.
Grazas, Xesús,
porque espertas todo isto dentro de min.
Grazas.

Acción

É posible que haxa algunha persoa, agrupación de persoas ou mesmo institución, que nos está a facer algún mal. Revisemos á luz de Xesús como estamos respondendo a ese mal. É posible que atopemos formas de reaccionar máis ao estilo de Xesús. Animémonos a facelo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.