07 febreiro, 2018

Tempo Ordinario: 6ª semana


11 de febreiro: 6º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 40-45

Meditación

A relixión de Xesús, a súa fe, non era de estar pechado nunha casa á espera de que a xente puidese acudir onda el. Non. Xesús nun momento da súa vida decidiu que o seu era andar os camiños, para poder bater coa xente. Así, nos Evanxeos Xesús aparece con moita frecuencia batendo con toda clase de persoas, pero moi especialmente con xente rota no corpo ou no espírito, rota na vida. E non pasaba de largo. Parábase, atendía a xente, iniciaba con ela procesos de curación, de humanización, de reintegración na comunidade. Tal foi o caso do leproso que hoxe nos conta o Evanxeo. Dous mil anos antes de que o Papa Francisco nos falase de ir ás "periferias", ás zonas apartadas, marxinadas, para encontrarse alí coa vida que busca alentos de todo tipo, xa Xesús practicaba iso mesmo. Fixo diso, vivíndoo moi a fondo, todo o seu programa evanxelizador.
É unha verdadeira alegría saber que Xesús foi e é así, saber que Deus mesmo é así, para a xente excluída, para todas e todos nós. É tamén un reto, un compromiso grande para as persoas que nos dicimos cristiás, porque en algo polo menos se nos debería notar este estilo de vida de Xesús.
Hoxe celébrase o Día mundial da xente enferma, e tamén a Colecta da campaña contra a fame no mundo. Dous espazos, enfermidade e fame, nos que as persoas e comunidades cristiás deberíamos estar presente, con mans curadoras, cheas de caridade e de xustiza.


Oración

Mans curadoras,
presenza curadora,
palabras curadoras,
compaña curadora,
alentos curadores,
decisións curadoras...
Ti tíñalas, Xesús,
sen aires milagreiros,
coa forza da solidariedade,
froito dun Espírito apaixonado.
nada máis e nada menos.
E eu son, ao teu carón,
nada,
beneficiario agradecido de ti,
aprendiz humilde dos teus camiños.
Grazas, Xesús.

Acción

Colabora nos dous acontecementos que se celebran hoxe: a Xornada mundial da xente enferma e a Colecta da Campaña contra a fame no mundo. Faino, no que podas, con piedade e con intelixencia, con caridade e xustiza.


12 de febreiro: luns da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 11-13

Meditación

A todo o mundo nos gustan moito as cousas evidentes, ter probas de todo, que todo estea garantido, asegurado, para podermos dar un paso cara a diante. E haberá cousas nas que sexa necesario que isto sexa así. Pero hai cousas moi importantes para as persoas, quizais as máis importantes, nas que temos que andar, vivir sen probas. Polo menos sen esas probas do dous máis dous son catro. E non queda outra que arriscarnos, aventurarnos, fiarnos de nós mesmos e das persoas coas que se nos propón levar a cabo algo.
Pásanos cando nos namoramos e decidimos compartir a vida cunha persoa. Pásanos cando optamos por unha profesión e non por outra. Pásanos cando eliximos amigas e amigos. Pásanos cando pensamos en ter un, dous, tres fillos ou fillas. Pásanos tamén, sobre todo, cando comprometemos a nosa vida con Deus, con Xesús, nunha comunidade cristiá. Non é que non haxa sinais da bondade, da verdade diso que escollemos, pero é necesaria tamén a fe, a confianza, o aventurarnos cunha proposta de vida que en principio nos enche e ilusiona. Isto pode ser o máis duro dun home ou dunha muller libre, ter que escoller cun aquel de inseguridade, pero é tamén o máis fermoso que temos. Por iso Xesús suspiraba, entre canso e aleuto, pola insistencia daquela xente relixiosa que todo o quería resolver a base de probas. E a proba éraa el mesmo, a proba tíñana diante dos ollos.

Oración

Grazas, Xesús, porque me invitas
a ser persoa humilde
que non pretende controlalo todo;
a ser persoa arriscada
que se fía da vida, da xente, de ti;
a ser persoa espelida, de fe,
capaz de descubrir nas cousas todas da vida
sinais da túa presenza calada e vigorosa.
Grazas, Xesús,
que sexa algo bo discípulo teu.

Acción

Pensa nalgún aspecto da túa vida no que tiveses que aventurarte sen ter probas contundentes. Que supuxo para ti, en que te fixo medrar?


13 de febreiro: martes da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 14-21.

Meditación

Do milagre da abundante comida para todo o mundo, grazas ao xeneroso compartir do pouco que había coa bendición e o empuxe de Xesús, os discípulos só se quedaron coa cousa de que encheran a barriga. Non entendían ese nova urxencia de Deus de entrar en camiños comunitarios, nos que o de cada persoa entra en todo a formar parte dun proxecto común de comunidade, de pobo, para que ningunha persoa quede excluída en nada.
E como non entendían iso, cando Xesús lles fala do fermento dos fariseos e de Herodes, non comprenden que os está avisando doutra maneira vella de entender a Deus e a vida que exclúe a xente, ben desde a forza do poder asoballante, ben desde unhas normas relixiosas frías que secan o corazón e marxinan as persoas. Pero isto non entraba aínda dentro das preocupacións dos seus discípulos.

Oración

Xesús,
velaquí a miña ollada,
para que ti a limpes
e así poida ver a fondura
de todo canto ti vives e anuncias.
Velaquí o meu corazón,
para que rompas as súas estreituras
e o fagas capaz de incluír e abrazar,
de atender e servir
sen límites.
Algo coma ti, Xesús.

Acción

Por razón das túas ideas relixiosas ou políticas, polos teus prexuízos sociais, estás excluíndo, apartando da túa vida a algunha persoa? Estala marxinando? A túa fe lévate a ser máis egoísta ou máis comunitario? Pénsao e, se cres necesario cambiar, faino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.