01 marzo, 2018

Tempo de Coresma: 3ª semana


4 de marzo: domingo 3º de Coresma

Evanxeo: Xn 2, 13-25

Meditación

Sempre corremos o perigo de neutralizar cos cartos a forza de vida e de liberdade que brota dunha boa experiencia relixiosa. Iso pasáballe ao clero do tempo de Xesús, que convertera o templo nun lugar de negocio, de dominación, e non, como debía ser, nun espazo gratuíto para a irmandade. Pero iso pódenos pasar, e pásanos, tamén a nós, que moitas veces facemos que haxa que pagar tal cantidade de cartos para ter acceso ao perdón, ao agarimo, ao Espírito de Deus. E iso é traizoar a Deus, que é sempre gratis. Por iso Xesús se cabreou tanto e fixo o que fixo. Non estará mal que tamén nós nos cabreemos e botemos lonxe de nós todo o que soe a querer comprar a Deus con cartos, a aproveitarnos economicamente da boa fe da xente.
O sinal que avala a proposta de Xesús, que lle dá forza e sentido ao seu estilo de vida, é precisamente o seu corpo morto, desfeito polos demais, por toda a xente; non hai gratuidade máis grande ca dar a vida por defender o pan, o perdón, a dignidade de todas as persoas. Aínda máis, o sinal último que avala canto Xesús dicía e facía, é tamén o seu corpo morto e resucitado, envolto para sempre no abrazo agradecido de Deus. En Xesús non había trampa nin comenencias, era transparente en todo, por iso entrou pola porta grande na vida nova de Deus.


Oración

Quero ser bo aprendiz teu, Xesús:
entender ben que Deus nunca cobra o ben que nos fai,
que lle molesta que queiramos mercar con cartos
a súa bondade connosco.
Quero ser boa aprendiz túa, Xesús:
entender que os cartos valen moito para facer irmandade,
compartíndoos con quen os precisa para vivir.
Quero ser bo aprendiz teu, Xesús,
entendendo que a maior gloria de Deus é que a xente teña vida,
e entregando o meu corpo, se falta fixese,
para que a vida trunfe na xente máis desfavorecida.
Quero ser boa aprendiz túa, Xesús,
honrando o teu corpo morto e glorificado,
no corpo morto e glorificado
de quen contigo sabe desfacerse pola comunidade.

Acción

Podemos mirar como estamos relacionando os cartos coa nosa vida relixiosa. Pretendemos mercar os beneficios de Deus con cartos? Permitimos que o clero nolo demande así? Sabemos compartir para honrar a Deus na xente pobre necesitada? Colaboramos co necesario para que a nosa comunidade cristiá sexa unha comunidade servidora?


5 de marzo: luns da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 4, 24-30

Meditación

Cando oímos falar de profetas, case sempre pensamos en persoas máis ou menos extraordinarias que con voz enérxica e dura nos poñen a caldo pola falsidade na que vivimos. Pode ser que teñamos batido con algunha persoa así. Pero o máis frecuente é que os profetas peten á nosa porta na persoa dun veciño ou veciña, un familiar calquera, un amigo ou amiga, unha compañeira de traballo, de comunidade ou de sindicato ou partido político, que nos falan con convencemento de cousas da vida, e deixan en evidencia a frouxidade dos nosos comportamentos. Persoas así hainas dentro e fóra da comunidade cristiá da que formamos parte.
E neses casos, que facemos? Agradecemos as súas palabras e vidas, como se Deus nos estivese falando a través delas, recapacitamos, cambiamos algo, ou revirámonos contra esas persoas porque tocan onde nos doe? Así fixeron con Xesús. Así podemos facer tamén nós hoxe. Que sexamos persoas cristiás non garante que teñamos o corazón ben disposto para escoitar o que Deus suxire.

Oración

Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón,
para escoitar con agrado a túa voz!
Se estivese libre e dispoñible, meu Deus,
para actuar seguindo os mensaxeiros teus!
Se toda eu fose ben esperta, ben humilde,
para atoparte, meu Deus, nas falas que corrixen!
Se andase, meu Deus, os camiños todos da vida,
en silencio obediente ao que en min mesmo suscitas!
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón…

Acción

É posible que haxa persoas, dentro ou fóra dos ámbitos relixiosos, que, dunha forma ou doutra, están iluminando algo o camiño da nosa vida. Como reaccionamos ante elas?


6 de marzo: martes da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 18, 21-35

Meditación

O perdón non ten entre nós nin bo nome nin boa práctica. Non nos sentimos necesitados de perdón, porque con dificultade nos sentimos culpables de algo, nin ante Deus, nin ante as persoas que conviven connosco, coas que seguramente máis dunha vez se nos vai a palabra, o xesto, o abuso, o desprezo, a falla de solidariedade. Pero pasamos de recoñecer errores que feren os demais. Así, sen experiencia agradecida de sermos persoas perdoadas en algo, é difícil que teñamos boa disposición para perdoar aos demais. Porque perdoar é admitir que todos estamos feitos dunha carne fráxil, que rompe, e que precisamos de palabras compadecidas que aloumiñen, que curen, que alenten para recuperar paz e alentos.
O evanxeo vai máis aló, e sitúanos ante o caso de quen si experimentou con forza a graza de ser persoa perdoada, pero, aínda así, non se lle abriu o corazón para entrar na novidade de Deus, que non se farta de darnos oportunidades.

Oración

Señor, meu Deus,
que se me abran os ollos,
aló ben ao fondo,
para descubrirme suficientemente indiferente
como para pedir perdón.
Porque o certo é
que paso moito
de moita xente,
que precisa de min
coma o orfo da súa nai.
Señor, meu Deus,
que se me abra o corazón,
aló ben ao fondo,
para sentirme suficientemente compasivo
para ofrecer perdón.
Porque o certo é
que hai moita xente
suplicando apertas,
simplemente apertas,
para retomar o camiño
e vivir con alegría.

Acción

Perdoamos, pedimos perdón? Gardamos rancores que nos amargan a vida e nos arredan doutras persoas? Negamos a palabra, como se outras persoas xa non existisen para nós? Cansamos de perdoar á primeira, á segunda, á terceira? E onde quedan as setenta e sete do Evanxeo? Pode ser unha boa práctica coresmal revisar como andamos con estas cousas na nosa vida.


7 de marzo: mércores da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 5, 17-19

Meditación

Nestes nosos tempos non somos xente moi amiga de leis, de que nos obriguen a cumprir isto ou aquilo. Na vida civil cumprímolas moitas veces porque senón chega a multa. Na vida da Igrexa, como non hai multas, pasamos bastante de todo. Pero sen leis, sen normas, pensadas para reforzar as debilidades que todos temos, para facilitar o crecemento das persoas, para fomentar unha convivencia harmoniosa e xusta, sen leis sería un desastre; no canto de máis libres fariámonos moito máis dependentes, porque os fortes acabarían sometendo os débiles, e a nosa debilidade faríase dona de toda a nosa persoa.
Pero a lei necesita calor; as normas necesitan corazón, as esixencias necesitan amor, as obrigas necesitan razóns e convencemento, para non nos ver afogados polo que facemos. Iso podería ser o cumprimento ao que se refería Xesús, home por outra banda que non tiña reparo ningún en saltarse a práctica da lei cando vía que pechaba portas no canto de abrilas, que oprimía as persoas e a convivencia.

Oración

Douche grazas, meu Deus,
douche grazas, Xesús,
douche grazas, Espírito Santo,
porque non queres que sexa un cumpridor rutineiro,
porque me ensinas a entender o que fago
para darlle calor e vida.
Que saiba así vivir e valorar
calquera pequeno compromiso
que asuma na casa, na parroquia, na sociedade.
Home, muller con fondura,
para gozar con fondura
todo o que a vida me ofrece.

Acción

Podemos revisar, tamén como práctica coresmal, como andamos coas normas da comunidade cristiá, da Igrexa, por que as cumprimos, por que non as cumprimos. Igual debamos reforzar os nosos compromisos. Igual debamos protestar para que certas normas se cambien e así nos axuden mellor a medrar coma persoas crentes. E o mesmo podemos dicir de moitas leis que hai na vida civil.


8 de marzo: xoves da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 11, 14-23

Meditación

O que lles pasaba aos contemporáneos de Xesús pódenos pasar tamén a nós hoxe. Máis dunha vez sucede que temos clasificada á xente, porque non nos cae ben, porque non é do noso grupo, do noso credo relixioso, do noso partido político. Daquela todo o que vemos nela nos parece fatal; estamos especialmente cegos para ver as súas bondades, e non digamos se as súas palabras ou os seus feitos cuestionan a nosa maneira de proceder, daquela a nosa resposta pode ser tan tola coma a dos contemporáneos de Xesús con Xesús.
O Evanxeo invítanos a andar coa ollada e co corazón limpo pola vida, acollendo con alegría calquera mostra de bondade, de solidariedade, de forza ante o mal, veña de onde veña. O Evanxeo invítanos a descubrir a Xesús e alegrarnos con el por ser o Forte, con maiúscula, capaz de axudarnos a vencer todo espírito de mal que ameace as nosas vidas.

Oración

Ante ti, Xesús, o Forte de Deus,
poñemos a nosa enorme debilidade.
Ante ti, Xesús, o Santo de Deus,
poñemos todas as nosas olladas escuras.
Ante ti, Xesús, a Iluminación de Deus,
poñemos os nosos autoenganos e simulacións.
Ante ti, Xesús, o Humilde de Deus,
poñemos as nosas vanas arrogancias.

Acción

Temos clasificada a algunha persoa, de xeito que todo o que sae dela nos chega mal? Miremos como cambiar; nesa persoa estamos perdendo un don que Deus nos dá, estamos perdendo a Deus mesmo.


9 de marzo: venres da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Meditación

Igual que o letrado do Evanxeo, tamén todos nós sabemos que o máis importante para unha persoa cristiá é quererlle moito a Deus, estar apegado a el en todas as cousas e accións da vida, e, ao tempo, respectar, coidar, quererlle moito á xente, como a un mesmo. No fondo a vida dunha persoa crente cristiá é ben simple, ben clara. Pero posiblemente o saibamos de memoria, con moito rutina, sen poñer en práctica iso que dicimos.
Aínda que, se cadra, estamos nun momento, fóra e mesmo dentro da Igrexa, das comunidades cristiás, no que case nin nos preguntamos que é o importante para ser unha boa persoa cristiá. E isto si que sería moi serio, porque demostraría que no fondo realmente é un tema que non nos importa; significaría que Deus vai desaparecendo dos nosos proxectos de vida.

Oración

Ai, se estivese ben atento ao teu Espírito, meu Deus,
ese Espírito que esperta desexos,
que suscita preguntas,
que ansía camiños vivos,
que busca sen descanso maiores fidelidades!
Ai, se soubese ser minimamente coherente
coa máxima honestidade,
coa máxima humildade,
para querer e servir
simplemente, intelixentemente
a cada persoa, en cada momento,
e avanzar por vieiros solidarios
ata o teu propio corazón!
Para iso, meu Deus,
que o teu Espírito me colla ata o máis fondo!

Acción

Somos xente amiga de ler, de formarnos, de asistir a encontros, de dialogar coas persoas sobre cousas de fondo? Facemos isto con desexos de aclararnos de verdade, con ganas de ir mellorando a nosa resposta a Deus e á xente? Podémolo revisar e actuar en consecuencia.


10 de marzo: sábado da 3ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 18, 9-14

Meditación

Visto así, parece que todos nos decatamos sen dificultade da maneira equivocada de rezar que tiña o fariseo: resúltanos repugnante o seu xeito de compararse co pecador que alí tamén rezaba, para poñerse por riba e chufarse ante o mesmo Deus. Tiña ollos para contemplar as miserias alleas, pero non os tiña, seguro, para mirar as súas, pois todo nel parecía perfecto.
Sen embargo, coidado, non é doado liberarse da tentación de crernos xustos e de poñernos por riba das demais persoas. Cando con sinceridade miramos para nós, para a nosa vida, para o moito que temos feito ao revés, para o moito que nos desentendemos das necesidades da demais xente, para o moito que puidemos ter avanzado como persoas, como crentes, e non o fixemos, o normal é que desexemos quedarnos ao fondo, agachar a cabeza, bater no peito e, con voz que sae do fondo do corazón, dicir: perdón, son tamén persoa pecadora. Entón é cando nos reconciliamos, cando poñemos verdade e gozo na nosa vida.

Oración

Perdón, Señor,
que son pecador/a.
Perdón, Señor,
que estou moi necesitado/a da túa misericordia.
Perdón, Señor,
que son un máis na rengue de pecadores/as
precisados/as da túa curación.
Perdón, Señor,
porque peco e volvo pecar,
xogando así co teu perdón,
estragando a miña vida
e a vida de persoas que me acompañan.
Perdón, Señor,
renóvame co teu perdón.

Acción

A mellor maneira de superar o vicio de rebaixar e desprezar os demais, é ollar con sinceridade para a propia vida. Podémolo empezar a facer, preparándonos xa para algunha celebración do perdón na que pense participar nesta Coresma.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.