25 abril, 2018

Tempo de Pascua: 5ª semana


29 de abril: domingo 5º de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Meditación

Xesús era un home de aldea; demostra ser unha persoa atenta ao que sucede na natureza, e namorada de Deus e da xente, ata o punto de que en todo vía el sinais, comparanzas coas que poder entender a marabilla das nosas vidas. A cepa (Xesús mesmo, Deus), as varas (cada un, cada unha de nós), os froitos (unha vida abundante en ben, en honradez, en xustiza, en liberdade, en humildade, en ousadía), e unha dinámica interna profunda: a “savia” (a forza do Espírito), que de Deus chega a nós a través de Xesús e nos capacita para todo ben.
A clave de todo este proceso de frutificación nas nosas vidas está na nosa vinculación con Xesús, cousa que o evanxelista resume nesa palabra fundamental: permanecer, palabra que aparece ata sete veces neste pedaciño de evanxeo. Onte coma hoxe a vitalidade dunha persoa, dunha comunidade cristiá, do conxunto de Igrexa depende de se estamos ou non enganchados, conectados a fondo a Xesús. Por iso, nestes momentos de tanta fraxilidade nas comunidades cristiás, o berro que nos chega de parte das persoas máis proféticas da Igrexa é simplemente ese: volver a Xesús.

Oración

Que o teu Espírito esperte en min, Xesús,
a vontade de buscarte, de coñecerte, de seguirte.
Que ti nunca sexas en min
un nome baleiro,
un título sen contido,
un simple “chapa e pintura”
que nada significa e transforma a miña vida.
Quérote fresco e vivo en min, Xesús,
percorrendo a miña pel, a miña carne, os meus osos, o meu sangue;
quérote marcando a miña palabra e os meus silencios,
abrindo os meus camiños,
sinalando e coroando as miñas metas.
Quérote ben preto de min en todo,
levándome da man ao pé de toda marxinación,
envolvéndome cos teus berros de paz e de xustiza.
Quérote tan feito un comigo, e eu contigo,
que a xente me sinale coma cristián
nada máis ulirme, nada máis sentir o latexar o meu corazón.
Ai, canté, Xesús, canté!

Acción

Podemos revisar a forza da nosa vinculación con Xesús. Para iso pódennos valer dúas cousas: ler as páxinas do evanxeo e ver ata que punto atopan eco e prolongación nas nosas vidas; mirar ata que punto nos sentimos atraíd@s pola xente máis débil para facernos servidoras dela: se permanecemos na debilidade, permanecemos en Xesús.


30 de abril: luns da 5ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 21-26

Meditación

Deus non lle nega nunca o seu amor a ninguén; Xesús tampouco. O interese de Deus, que Xesús defendeu ata a morte, é que a xente, toda a xente, sexa da raza, da relixión, da condición social, da fala, do sexo que sexa, realice día a día o soño da unidade. Iso supón coñecerse, respectarse, valorarse na diferenza, sabernos a todas e todos parte dun proxecto común; supón deixar que as cordas da solidariedade vaian tecendo as nosas vidas; supón romperse a cabeza e o corazón e as mans para que ninguén quede fóra, á marxe desta dignidade imprescindible. E así, queréndoo ou sen querelo, estamos pronunciando o nome de Deus, estámolo honrando, estamos deixando que o seu Espírito de vida se multiplique entre nós. Deus vivirá na nosa vida e nós na del; con Xesús faremos vida en Deus.
Deus non lle nega a ninguén este soño humanitario, divino. Nós, sendo crentes ou sen selo, si que podemos arredarnos del e montarnos as nosas historias, sempre, case sempre, con aires de prepotencia e de indiferenza. E así nos irá. Así nos vai.

Oración

Cáusame moito iso que nos dis, Xesús,
de que ti co Pai estades dispostos a vir onda min
e a facer vida comigo.
E éncheseme o corazón pensando:
Deus facendo vida comigo!
Deus invitándome a unha compenetración absoluta
coa natureza, cos animais, coa xente,
coas persoas máis débiles,
con Deus mesmo,
e Xesús polo medio
enchéndoo todo de luz e de sentido!
Como será iso, Xesús,
como será posible vivilo día a día?
Que o teu Espírito me anime a experimentalo
con humildade, con ousadía!

Acción

¿Estamos enredad@s con Xesús, con Deus, nesta súa proposta de unidade a todos os xeitos, ou estamos enredad@s en historias de confrontación, de dominio, de desprezo pola razón que sexa? ¿Como poderiamos mellorar á hora de vivir o soño de Xesús?


Martes da 5ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 27-31a.  Ou : Mt 13, 54-58, pola festa de S. Xosé obreiro, o día internacional da xente traballadora

Meditación

Xesús falaba de forma tan sorprendente, que deixaba a xente abraiada. Noutro lugar dise que Xesús impresionaba falando, porque falaba con autoridade. Unha persoa fala con autoridade cando o fai con convencemento, que se ve que transmite o que vive, que non é un barulleiro baleiro, que a súa vida se corresponde co que fala. Persoas desas igual non hai moitas, pero todo sabemos distinguilas e aprecialas moi ben. Xesús era así. E a xente estrañábase, porque Xesús era un obreiro, un carpinteiro, ben coñecido el e ben coñecida toda a súa parentela na aldea, e parecíalles que iso de falar con competencia era cousa dos estudados.
O de Xesús era vivir e falar con competencia de Deus e da vida, de Deus e da xente, de Deus e das persoas máis fráxiles, de Deus e do mundo do traballo daqueles tempos. Que bo militante obreiro era Xesús! Quen nos dese que houbese así coma el moitos e moitas militantes obreiras nos días de hoxe! Que ben se cada cristián ou cristiá traballadora nos nosos días tivésemos a forza, a conciencia, a honestidade, a liberdade, o desprendemento, o mirar polos outros, que Xesús tiña! Con cantos valores cristiáns –dos de Xesús— poderiamos enriquecer a clase traballadora tamén nos nosos tempos!

Oración

Que non nos falte a ninguén o pan de cada día
--orabas ti, Xesús.
Que a xente toda, sen excepción, sen exclusión,
teña traballo, terra e teito
--suplicaba o Papa Francisco co movemento obreiro internacional.
Que se acabe esa historia mortífera
de que unha inmensa maioría de xente pobre é cada vez máis pobre,
mentres unha minoría rica se enriquece cada día máis
--berran hoxe multitudes de xente excluída.
Que aceptemos o decrecemento, rebaixando afeito a nosa renda,
empezando polos máis ricos,
para que todo o mundo teña pan, sanidade, escola, traballo, dignidade
--di hoxe unha escasa minoría soñadora.
Que todo o mundo nos tratemos en todo coma se fosemos irmáns e irmás,
fillos e fillas da mesma familia,
ao redor da fonte da fraternidade que chamamos Deus
--di a conciencia crente de toda a humanidade.
Que saibamos escoitar esas voces, Xesús,
escoitar e facer.

Acción

Podemos participar nalgunha manifestación obreira deste día. Nalgunha conversa que teñamos podemos compartir os nosos soños cristiáns de fraternidade ao redor dun decrecemento que posibilite vida digna para toda a poboación do mundo.


2 de maio: mércores da 5ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Meditación

As persoas cristiás somos as varas da cepa, que é Xesús, do viñateiro, que é Deus. Podemos gozarnos e chufarnos de que as cousas sexan así, de que Deus quixese ter esta vinculación tan fonda connosco, que frutifica en nós, que a través de nós pode ofrecer ao mundo tantas cousas boas. Unha gozada e unha responsabilidade. Porque hai varas na cepa que non dan froito, que non valen para nada, que o labrego corta e bota ao lume. Como hai homes e mulleres cristiás que desmerecemos a nosa condición cristiá e a reducimos a nada, a un título de bautizados que non significa case nada para nós. E non é que Deus sexa quen corte a vara e nos arrede del; non, Deus nunca fai iso. Somos nós os que cortamos as veas polas que a “savia” de Deus chega ata nós e quedámonos estériles no mundo, para nós mesmos, para os demais.
Ao lado das varas que o labrego corta e tira están as outras varas que poda, para que dean froito, porque curiosamente a vara longa, que medra e medra, que pode parecer espléndida, se non se lle cortan os voos, tampouco non dará froito; ao máis, uns cangallos de nada que á hora da vendima pouco renden. É esa sabedoría de darse, de baleirarse, de desentenderse de si mesmo, para facerse en Deus abundante para os demais e tamén para unha mesma.

Oración

O que eu quero, Xesús,
ben ti o sabes:
poder pasmarme ante Deus
que en todo está e que o é todo;
poder pasmarme ante a xente débil,
na que Deus me fala e clama;
poder liberarme do ego que me escraviza
e me arreda da comunidade;
poder romper con iso de “fichar” a xente,
que me distancia de millóns de persoas;
poder vivir no silencio, na humildade, na dispoñibilidade
como forma revolucionaria de vida.
Pero ti que sabes o que eu quero
sabes tamén o pobre que son para poder acadalo.
Conto contigo.

Acción

Hoxe podemos reparar nalgún froito bo que estamos dando por permanecer unidas a Xesús, a Deus. Agradecemos esa vinculación entre Deus e nós que nos permite frutificar e animámonos a seguir dando froitos.


3 de maio: Festas dos santos apóstolos Felipe e Santiago

Evanxeo: Xn 14, 6-14

Meditación

Co asunto de Deus, coa experiencia de Deus, andaba perdida a xente contemporánea de Xesús, e andamos perdidos tamén moitos homes e mulleres de hoxe. Para moit@s é unha pura trola. Para moit@s, un “algo hai”. Para moito@s, un verdadeiro ídolo. Para moit@s, alguén ao que acudir por comenencias. Para moitos e moitas tamén, alguén a quen temer por medo a desgrazas presentes ou eternas. Para moit@s, un sustento, unha fonte de vida, o comezo e a fin de todo, alguén que nos acompaña secretamente, pero eficazmente tamén, nos vaivéns todos da vida: unha forza de solidariedade no amor, que nos conduce cara á total reconciliación e unidade, tantas veces rota entre nós por maldades e abusos que nos facemos.
Xesús ofrécesenos como camiño certo cara a Deus, con quen el trataba coma cun Pai ou Nai, e por iso así o chamaba, como alguén próximo, familiar, íntimo; como alguén con quen paga a pena vincular toda a vida. As palabras de Xesús, as súas obras sobre todo, o seu xeito de tratar con Deus e de tratar coa xente son para quen cremos nel a maneira correcta de achegarnos con verdade a Deus. E respectamos, por suposto, a quen faga esa busca de Deus por outros camiños.

Oración

Polo teu camiño quero andar, Xesús,
para achegarme a Deus con verdade,
para andar entre a xente con verdade tamén,
para entenderme e vivirme a min mesmo na verdade.
Na túa verdade quero camiñar, Xesús,
para atinar nos camiños da vida,
para integrarme en toda a creación fraternalmente
para xerar contigo gozos e esperanzas.
Da túa vida quero vivir, Xesús,
para poder gozar a miña existencia,
para poder compartila xenerosamente,
para deixar que Deus sexa en min, con toda humildade.
Grazas, Xesús,
por seres camiño, verdade e vida.

Acción

Canto tempo levamos nós tamén enredad@s nas cousas de Xesús e tamén escasamente o coñecemos. Xesús era máis de vivir cara a Deus, cara á xente débil, ca non de botar discursos. Con que insistencias vivimos nós a cousa relixiosa?


4 de maio: venres da 5ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 12-17


Meditación

As normas, as leis, os regulamentos pódense facer necesarios para o bo funcionamento dun grupo, dunha comunidade, dun pobo. Pero o esencial é o amor. O máis importante é poder mirar sempre á persoa que temos diante con sumo respecto, con afecto, con entrañas de misericordia, con tenrura, tanto cando coincida connosco no seu ideal de vida coma cando non. Antes de nada e por riba de todo é un irmán, unha irmá.
Sería normal que nisto as persoas cristiás fósemos verdadeiras especialistas. A nosa fe aséntase no convencemento de que Deus é para toda a humanidade, para toda a creación, coma un Pai, coma unha Nai que nos quere sen distincións, sexamos bos ou non, cumpramos ou non cumpramos canto el nos manda. A nosa fe cristiá céntrase na confianza íntima que temos con Xesús, que nos amou ata o punto de non recear afrontar a morte por manterse no amor.
O amor é o primeiro. Certo, pode ser maltratado, manipulado, vivido comenenciudamente. Cómpre coidalo, para non convertelo nun xogo barato que a nada nos leva. Xesús soubo e sabe de amores. Intimando con el, aprenderemos a amar ben.

Oración

Non me queres como escrava, Xesús,
quéresme como amiga.
Grazas.
Viviches a túa vida envolta en servizo
pensando en todos,
pensando en min.
Grazas.
Trátasme como a persoa amiga,
como a persoa escollida,
compartes comigo as túas ansias e praceres.
Grazas.
Quéresme viva e exuberante,
cargada de amores e solidariedades.
Grazas.
¿Saberei estar no meu sitio,
corresponder con amor a tanto amor,
con solicitude polos demais
a tanta solicitude como ti tes por min?
Xesús,
apréndeme o amor,
apréndeme o servizo,
apréndeme a amizade.

Acción

Para revisar a nosa amizade con Xesús, con Deus, podemos empezar por revisar as amizades que temos coa xente. ¿Cómo as coidamos? ¿Cómo medramos nelas? ¿Cómo as gozamos?


5 de maio: sábado da 5ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 18-21

Meditación

As persoas cristiás estamos no mundo, somos do mundo; o mundo está formado por un número inmenso de criaturas, entre as que se atopan os homes e mulleres todos do mundo. A eles nos debemos as comunidades cristiás. O mundo é a nosa casa común; co mundo todo únennos lazos fondos de codependencia, de irmandade. É unha mágoa que entremos en conflito co mundo. O noso é simplemente vivir ao estilo de Xesús, e compartir humildemente cos nosos contemporáneos ese estilo de vida, porque nos parece un tesouro que pode axudar moito a levar unhas vidas dignas, sas, solidarias, felices. Que nos ridiculizan por iso? Ben, que lle imos facer. Que mesmo chegan a desprezarnos, a perseguirnos, a matarnos? Vale, alá eles.
Pero tamén está ben que nos preguntemos o porqué ás veces de tanta rabia, de tanto problema connosco. Pode ser que a inocencia moleste, que a verdade moleste, que os berros de solidariedade molesten. Foi o que lle pasou a Xesús. Pero tamén pode ser que nos arrimemos ao poder, que defendamos privilexios, que nos guste impoñer o noso. O amor, o servizo, a solidariedade coa xente máis débil é a gran chave que pode abrir todas as portas. Aí é onde mellor poderemos entendernos e convivir.

Oración

Señor, Señor,
polo teu amor…
que saibamos amar o mundo
e todo o que o embelece e compón.
Que saibamos ollarnos
con ollos de fraternidade sempre.
Que nos movamos sempre
por razóns de servizo e de xustiza.
Que aprendamos de ti a soportar incomprensións
como parte non pequena da nosa fidelidade.
Que nunca vaiamos de vítimas,
senón de humildes servidores no teu nome.


Acción

Podemos mirar se como persoas ou comunidade cristiá estamos tendo algún tipo de conflito co “mundo”. Por que é? ¿Por sermos fieis a Xesús, ou por outras historias? Podemos mirar tamén se non nos estaremos acomodando demais ao funcionamento do “mundo”, sen dar a cara pola verdade, pola xustiza, pola solidariedade. Todo pode ser.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.