04 maio, 2018

San Cidre 2018




SAN CIDRE 2018.







Fornelos de Montes, 12 de maio de 2018

Lugar de celebración: Polideportivo municipal, con asentos para todo o mundo.

Lema: COA FORZA DA TERRA, COA FORZA DE DEUS.


Desenvolvemento da celebración

11:00 h.- Acollida e entrada

Entre as 11 e as 12 da mañá iremos chegando a Fornelos de Montes, ao Polideportivo municipal, onde nos acollerá xente do lugar. As comidas hainas que deixar no autobús, porque iremos comera outro lugar próximo.
Iremos entrando no polideportivo e ocupando os asentos. Non se pode comer dentro do Polideportivo. As dúas persoas de cada grupo que leven os “signos” xa se dirixen ao lugar do Polideportivo que se lles indicará.
Xa dentro farase un momento de ensaio e de explicación do que imos celebrar.


12:00 h.- Empeza a celebración

1.- Procesión

Para empezar, quen presida a celebración e máis as dúas persoas de cada grupo que levan os “signos” sairán dun lugar determinado do Polideportivo e diríxense en procesión cara ao lugar da celebración. Ocupan o seu lugar ao redor do que presida e do altar. Teñen os “signos” consigo.
(Os “signos” que levan cada persoa son dous: un que represente “a forza da terra”, e outro que represente “a forza de Deus”. Algo material, visible.)
Mentres cántase o himno do San Cidre: VIMOS ALEGRES CON MOITA UNIÓN

2.- Saúdo de quen preside e presentación

Quen preside fai un saúdo xeral de benvida. E o guieiro da celebración presenta brevemente o lema do San Cidre e invita a que a xente diga de onde vén e por que trae o que trae. Explicacións preparadas e moi breves. Pódese ir botando algunha bomba ecolóxica.Van pousando os “signos” nun lugar adecuado ao redor do altar.
Cando conclúen, vólvese retomar o lema, que repetimos entre todas e todos ata tres veces.
O guieiro invita a que agora se presenten non os que veñen, senón os que están aquí. (10´ máis menos)
Xa presentados todos, repetimos o retrouso da HIMNO DO SAN CIDRE.

3.- Celebración do perdón

Ábrea o que preside. O grupo de Bazar leva preparados tres comportamentos polos que necesitamos recibir e celebrar o perdón de Deus.
Cerra este momento tamén o que preside.

4.- Lecturas bíblicas

Farán as lecturas persoas de Fornelos de Montes.
Pareceunos ben ler as lecturas do domingo seguinte, o domingo da Ascensión, facendo especial fincapé naquilo de non mirar para o ceo, senón para as maneiras de realizar no día a día da terra a tarefa de Deus, que para nós ten rostro rural.

Como salmo poderíase cantar:

PORQUE ES GRANDE, NOSO DEUS,
E VÉN DE TI CANTO É BO,
DESDE ESTA NOSA TERRIÑA
DÁMOSCHE GRAZAS, SEÑOR.

E que alguén recite estes versos de loanza:

Loado sexas, Deus, nas túas obras,
loado por poñer tanta beleza
nos montes e nos ríos e nos prados,
no chan e no alto ceo desta terra.

Que te loen carballos centenarios,
que canten a túa gloria as sementeiras,
e o vento norte de fríos ateigado,
e o vento sur de humidades e morneza.

Loado sexas, Deus, en toda a vida,
loado por chamarnos á súa festa.
Loado sexas, Deus, pola túa gloria,
Loado sexas, Deus, loado sexas.

Breve homilía de quen presida.

5.- Preces

Prepara as preces o grupo de Abadín.

6.- Ofertorio

Non se fai ofrenda especial. Recordaremos que como ofrenda están alí os signos que trouxemos de cada lugar de Galicia.

7.- Silencio e agradecemento despois da comuñón

O guieiro da celebración invita a un momento de silencio, para dar grazas; vai e evocando circunstancias da xornada para facilitar ese agradecemento. A xente vai repetindo: GRAZAS.

8.- Remate da celebración

Antes da bendición final, proclamamos conxuntamente os nosos compromisos. Unha persoa vai lendo tres ou catro propostas deste estilo: “Estades dispostos a coidar a natureza que temos, as nosas terras, as nosas plantas, os nosos animais, e a gozar coa súa compaña e fermosura?”
E todo o mundo contesta: SI, COA FORZA DA TERRA, COAS FORZA DE DEUS.

9.- Bendición final

Cerra o acto un coro que dirixe Luís, o irmán de Pepa de Galegos, cunha canción dedicada á xente do campo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.