29 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 13ª semana


1 de xullo: domingo 13 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 5, 21-43

Meditación

A sanidade pública instalouse entre nós como o froito dunha maneira científica de abordar as nosas enfermidades. Foi a consecuencia de moita xente que estudou e estudou, e froito tamén de moita xente que loitou e loitou para que o resultado deses estudos se popularizase e todo o mundo gozase da debida atención. Deus, que nos fixo intelixentes á súa imaxe e semellanza, está tanto polo estudo coma pola loita solidaria. Deus está na nosa busca por aliviar o sufrimento humano. Deus está pola vida en todo. Xesús, desde o seu fondo arraigo en Deus, parece que tiña forza tal que sandaba a persoas a niveis moi fondos da súa existencia e, de rebote e como consecuencia, ás veces tamén os corpos da xente.
A situación extrema de Xairo, xefe da sinagoga, coa súa filla a piques de morrer, o mesmo que a da muller enferma de hemorraxias, ambos coa súa fe en Xesús, ambos tamén coa súa pregaria ben desde dentro, parécese moito á de moitos homes e mulleres que se achegan a Deus a través dos seus santos e santas en moitos santuarios que hai por Galicia adiante. Cando así o facemos, a nosa busca de saúde e conforto non é para desprezar. Si para acompañar. Podemos aspirar a ten unha boa atención médica, e, ao tempo, a buscar espazos de pacificación, de confianza, de reconciliación, de esperanza, de convivencia e gozo comunitario, coa xente, cos santos e santas, con Deus mesmo. Iso si, sen que os cartos manden nin condicionen nada, que a bondade de Deus non se compra con cartos.

21 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 12ª semana


24 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista

Evanxeo: Lc 1, 57-66.80

Meditación

Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, cómo estaba absolutamente cimentado en Deus, cómo lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.

18 xuño, 2018

Breve crónica do Encontro en Sobrado dos Monxes




DE NOVO SOBRADO, DE NOVO A VIDA

Encontro da Escola de Espiritualidade en Sobrado dos Monxes, 8-10 xuño 2018


Venres, 8

E, dun lado e doutro, fómonos achegando a Sobrado dos Monxes. Sabiamos os camiños, sabiamos do sitio, coñeciamos o que nos agardaba. Así que os ánimos eran fortes. O día anubrado, mesmo con pingadas de cando en vez. Non importa. Nós moi ben dispostas. Mari Carme, que xa chegara a Sobrado pola mañá, para garantir servizos, estábanos agardando repartindo bicos, chaves e alentos. E fómonos acomodando nas respectivas celas monásticas, que sabían a gloria. Tempo para saudarnos, darnos bicos e apertas, espelirnos polos claustros ou arredores e dispoñernos para o rezo das Vésperas cos nosos irmáns, os monxes de Sobrado. Alí estivemos compartindo con eles a esperanza fresca que traiamos ao lombo. Algo de mágoa nos dá que, tal como teñen organizada a súa pregaria, non haxa espazos para expresar en oración pública o que traemos cando nos achegamos a Sobrado.

15 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 11ª semana


17 de xuño: Domingo 11 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 26-34

Meditación

Con frecuencia, cando falamos de cousas de Deus, de Xesús, da Igrexa, da vida cristiá, insistimos en facer tal, en facer cal, ter que cumprir, ter que implicarnos dentro da comunidade cristiá, na vida social etc. Aínda que logo non fagamos moito, o noso empuxe máis fundamental é de que hai que facer, hai que facer. A primeira parte do Evanxeo de hoxe é un contrapunto a todo isto: hai que durmir, descansar, esperar, confiar, estar tranquilos. O Reino de Deus non é noso, é de Deus. Certo que hai que preparar a terra, ter boa semente e sementala, para que a planta do Reino de Deus poida medrar e frutificar. Pero é imprescindible tamén saber pararse, calar, escoitar, acoller, contemplar, agardar, fiarse …
Se non é así estaremos incapacitadas para descubrir a presenza do Reino de Deus no medio de nós, nas preciosas cousas miúdas da vida: aquel home esquizofrénico alterado que altera toda a convivencia familiar, aquela muller maior que fai marabillosas miudezas para que o grupo cristián siga vivo, aquela parella de homosexuais febles que demanda comprensión, o milagre daquel home que empezou sendo un mocete preguiceiro e algo louco e que agora asentou e coa súa muller terma con ben da familia, ... Se non é así non teremos tempos para xuntarnos e falar, e explicarnos entre nós a vida, para entender e admirar, porque a vida, toda a vida na súa misteriosa e fecunda sinxeleza é a gran parábola do Reino de Deus.

06 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 10ª semana


10 de xuño: 10º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 20-35

Meditación

A proposta nova de Xesús, que fala dun Deus próximo, implicado nos pesares e gozos da xente, descoloca a moita xente, tanto polo que contén coma pola maneira en que el a fixo: o seu estilo de vida, a súa liberdade, a súa contundencia, a súa protesta contra as formas relixiosas que insistan noutras historias. Xesús intenta envolvernos a todas e todos nesa proposta, tanto para nos convencer de que somos persoas beneficiarias dese Deus achegado e servidor, coma para convencernos tamén de que ben podemos colaborar con el nesa tarefa.
O que atopa é rexeite. A súa mesma familia, nai, irmáns, pensan que está tolo e véñeno buscar. Os letrados, teólogos oficiais, acúsano de levar o demo dentro. ¿E nós que facemos ante esa proposta de Xesús, que tamén a nós el nos ofrece? ¿Qué facemos ante propostas novas, veñan de onde veñan, que nos cuestionan os nosos hábitos e rutinas, que nos empuxan a unha vida e a un mundo máis limpo, coherente, respectuoso, solidario? ¿Respondemos con escusas, con xustificacións, con ataques, con acusacións? ¿Qué facemos co reto que nos trae a xente refuxiada, ou o debilidade das nosas comunidades relixiosas, ou a ecoloxía, esa casa común que estamos desatendendo, ou a corrupción dos políticos, detrás da que moitas veces hai a nosa mesma corrupción? ¿Implicámonos ou desentendémonos? ¿Revolvémonos con soberbia ou escoitamos e acollemos con humildade e dispoñibilidade ás voces de Deus que nos chegan por eses camiños?