06 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 10ª semana


10 de xuño: 10º domingo do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 20-35

Meditación

A proposta nova de Xesús, que fala dun Deus próximo, implicado nos pesares e gozos da xente, descoloca a moita xente, tanto polo que contén coma pola maneira en que el a fixo: o seu estilo de vida, a súa liberdade, a súa contundencia, a súa protesta contra as formas relixiosas que insistan noutras historias. Xesús intenta envolvernos a todas e todos nesa proposta, tanto para nos convencer de que somos persoas beneficiarias dese Deus achegado e servidor, coma para convencernos tamén de que ben podemos colaborar con el nesa tarefa.
O que atopa é rexeite. A súa mesma familia, nai, irmáns, pensan que está tolo e véñeno buscar. Os letrados, teólogos oficiais, acúsano de levar o demo dentro. ¿E nós que facemos ante esa proposta de Xesús, que tamén a nós el nos ofrece? ¿Qué facemos ante propostas novas, veñan de onde veñan, que nos cuestionan os nosos hábitos e rutinas, que nos empuxan a unha vida e a un mundo máis limpo, coherente, respectuoso, solidario? ¿Respondemos con escusas, con xustificacións, con ataques, con acusacións? ¿Qué facemos co reto que nos trae a xente refuxiada, ou o debilidade das nosas comunidades relixiosas, ou a ecoloxía, esa casa común que estamos desatendendo, ou a corrupción dos políticos, detrás da que moitas veces hai a nosa mesma corrupción? ¿Implicámonos ou desentendémonos? ¿Revolvémonos con soberbia ou escoitamos e acollemos con humildade e dispoñibilidade ás voces de Deus que nos chegan por eses camiños?

Oración

Silencio, Xesús.
Que non me deixe envolver polo balbordo
de todo o que roxe ao meu redor
e me impide escoitar a túa voz,
e todas as voces ditas polo teu Espírito amplo, secular.
Silencio,
para que as cousas cheguen ao fondo, ás entrañas,
aí onde poden crear vida nova de verdade.

Humildade, Xesús.
Para saberme pequena, pouca cousa, necesitada,
e abrir as miñas mans, a miña mente, o meu corazón,
a todo o que me chega de fóra
como un don da xente, da vida, de Deus.
Humildade
para poder ser,
para poder medrar,
para poder aportar,
para poder agradecer.

Dispoñibilidade, Xesús.
para superar resistencias interiores e exteriores,
para lle dar saída na vida ao escoitado no corazón,
para que as cousas non queden en boas ideas,
en fermosos sentimentos,
e eu medre á medida da túa semente en min,
e a familia ou comunidade medre á medida dos teus soños fraternos,
e o pobo medre á medida igualitaria, universal do noso Deus.

Silencio, Xesús,
humildade, dispoñibilidade,
cotidianamente contigo,
sempre contigo.

Acción

Se reparamos algo na nosas vidas, nas nosas conversas coa xente, seguro que nos descubriremos envoltos/as nalgunha situación semellante en algo á que viviu Xesús: alguén que nos propuxo algo novo, ante o que reaccionamos á defensiva. Sería bonito retomar o caso con esa persoa, pero con actitude máis receptiva.


11 de xuño: luns da 10ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 1-12

Meditación

As benaventuranzas son unha verdadeira xoia dentro do Evanxeo. Nesta forma só nolas transmite o evanxelista Mateu. E canto llo agradecemos! Xesús, mestre de humanidade, mestre da vida e da felicidade, viviu as benaventuranzas. El foi feliz vivindo así, e transmítenos a experiencia que el viviu. Antes del, e sobre todo despois del, houbo tamén mulleres e homes que se propuxeron vivir desa maneira, e tamén nos din que hai verdadeira felicidade sendo así. E seguro que calquera de nós temos probado algo desta felicidade. Vivir coas benaventuranzas nas mans, no corazón, é andar contracorrente, escandalosamente contracorrente; é a felicidade de quen se baleira, para encherse de fraternidade, para encherse de Deus. Ben se ve que vivir nas benaventuranzas non é ser un apático da vida, e deixar que as miserias, os abusos se perpetúen. Non, ao revés, é asentarnos na aceptación plena de Deus para estar vivas e combativas na vida. Pero con moita paz, con moita esperanza, con moita felicidade. Porque vai connosco a toda hora quen nola garante. Parece un imposible, pero Deus faino posible. Bendito sexa!

Oración

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices vivindo co pouco,
persoas libres, desapegadas,
para que ninguén careza do necesario.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos chorar con quen chora,
ser xente pacífica a tope,
ter fame fonda de xustiza,
para que ninguén abuse de ninguén,
e todo o mundo poida vivir con dignidade.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos doernos de quen sofre, implicarnos,
andar co corazón limpo de malicias
e procurarmos a paz a todas as horas,
para que todo o mundo poida vivir gozando,
vendo en cada próximo un irmán ou irmá,
como a Deus lle gusta.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos amar a xustiza e rexeitar as trampas e os abusos
defendela na casa, no pobo, na parroquia,
coas armas do exemplo, da palabra e da organización social,
por máis que suframos burlas e desprezos,
por máis que perdamos cartos e influencias.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices apegándonos á túa causa,
gozando co adianto e proba das túas promesas.
Queremos, pero somos xente frouxa.
¿De quen, senón do teu Espírito,
nos virá luz e forza
para andar en tanta sabedoría de vida?

Acción

O Papa Francisco escribiu hai pouco un libriño titulado Gaudete e exultate, que en galego quere dicir: Alegrádevos e brincade de gozo. Fala nel de cómo todas e todos nós estamos chamados e acompañados por Deus para ser persoas boas, santas. No capítulo 3 dese libriño explica as benaventuranzas dunha maneira sinxela e práctica. Sería ben fermoso ler a lo menos estas páxinas, ben sos, ben en grupo, e falar despois do que iso nos pode axudar a ser máis felices nas nosas vidas.


12 de xuño: martes da 10ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: 5, 13-16

Meditación

Xesús ponnos ante un reto contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da sociedade, dos pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que se descompón, que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles sabor. A luz: algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz entendidas en sentido profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E tamén a recibir e agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.
As palabras de Xesús avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso –que contrasentido!--, e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non cumpren a súa función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos ¿estamos cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos indica Xesús que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras –palabras normalmente non nos faltan--, polas boas obras.

Oración

Que o teu sal, Xesús,
co que ti tanto salgas o mundo,
nos salgue a nós tamén
e nos permita contaxiar vida sa e saborosa.
Que a túa luz, Xesús,
coa que ti tanto alumas o mundo
alume a fondo as nosas vidas,
para sermos nós tamén luz,
unha pequeniña lapa polo menos
alí onde a vida nos leve.
Que teñamos algo da túa fortaleza, Xesús,
para non desalentar na tarefa.
Que na nosa vida humildemente fiel
Deus sexa sempre honrado
e quen nos rodea se vexa confortada e alentada.

Acción

Podemos mirar algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis. Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.


13 de xuño: mércores da 10ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: 5, 17-19

Meditación

As normas relixiosas teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da vida, presente na vida e presente tamén nos espazos e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se coordine, se una á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns da vida e da súa experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande: converterse de camiño en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo Deus cara ao que queren orientar.
Nese sentido Xesús é o gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias todas as demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.

Oración

Non es zarapalleiro, Xesús,
non che dá igual que a vida a deixemos correr sen máis,
ou que apostemos firmemente pola súa consistencia.
Es minucioso e mesmo estrito
cando a honra de Deus Pai/Nai está en xogo,
e cando o está a honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.
Nada carece de importancia, nada queda ao chou
cando miras connosco polo futuro cristián das nosas comunidades rurais
e artellamos camiños a andar e cousas a facer.
Nada é ínfimo e desprezable
cando se trata de dar ou recibir apoios e tenruras,
perdóns e alentos.
Que o teu Espírito nos acompañe sempre, Xesús,
e nos axude a camiñar da man da liberdade,
da man da responsabilidade.

Acción

En xeral hoxe dámoslle moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos peta. Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou establecer algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario cara a Deus?


14 de xuño: xoves da 10 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 20-26

Meditación

Estamos lendo os capítulos 5-7 do evanxeo de Mateu, o que se chama o “sermón do monte”; nel Xesús, como novo Moisés, vai expoñendo os convencementos vitais que deberían encher a vida de quen ande e viva canda Xesús, e faino contrastando coas prácticas relixiosas xudías que eles tiñan. Pódenos valer a nós para contrastar estas ensinanzas de Xesús coas nosas prácticas relixiosas, nas que seguro que nos fomos arredando moito do que propoñía Xesús.
Un exemplo é o de cumprir co que leva consigo o quinto mandamento: Non matarás. Que non nos pide soamente non matar, senón deixar de facerlle á xente todo aquilo que soe a desprezo, a rebaixe, a rirse dela, a restarlle dignidade, a desalentala, etc., porque todo iso é quitarnos vida. Para Xesús a xente, calquera xente, era así de sagrada.
E unido a isto está o da relación entre o culto e a atención aos irmáns e irmás, á xente en xeral. Non vale de nada o culto a Deus, se imos a el co corazón revolto contra as persoas. Nese caso o culto que Deus quere é restablecer primeiro a relación debida coa xente. Son cousas que sabemos, pero cantas veces pasamos delas. Xesús é sempre sinxelo, claro, vai ao fondo das cousas, non se contenta con calquera chafallada de cumprimentos, como nós tantas veces facemos.

Oración

Apréndenos, Xesús,
a poñer verdade na nosa vida relixiosa.
Que tomemos moi en serio a relación coa xente,
sendo exquisitos con ela en todo momento,
con calquera xesto ou palabra que lle digamos.
Canto che gusta que mimemos a xente!
Pos ti niso o máis central da túa ensinanza.
Queres que antes de dar culto a Deus,
lle deamos culto á xente
reparando a palabra mala que lle dixemos,
o feito co que a ferimos,
o odio que, se cadra, lle transmitimos.
Cantas Misas quizais nos sobran,
e cantas reconciliacións veciñais nos faltan!
Que nos deixemos levar por ti, Xesús,
para poñer verdade na nosa vida relixiosa,
para poñer verdade e ben na nosa vida.

Acción

¿Estamos enemistados/as con algunha persoa, sen saudala, sen falarlle, gardando rabia ou odio no corazón contra ela? ¿Qué podemos facer para reparar iso?


15 de xuño: venres da 10ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 27-32

Meditación

Coma no caso de onte co de matar ou non matar, tamén aquí Xesús nos invita a ir ao fondo do noso corazón, alí onde nacen e se desenvolven amores e desamores, respectos e abusos, fidelidades e infidelidades; alí onde pode nacer xa o mal, o pecado. Dicíao Xesús noutra ocasión: non son as comidas, que veñen de fóra, as que nos fan persoas impuras; é o que nace dentro do noso corazón o que pode determinar se a nosa vida se vai desenvolver de maneira fondamente humana ou non. Mirar, logo, coidar o noso mundo interior, o que nace no noso corazón.
Non se trata de nos ir mutilando, cando algún membro do noso corpo nos leva a facer o mal. Calquera membro en si sempre é ben inocente. É unha maneira de falar de Xesús para nos advertir da seriedade que pode ter, para o desenvolvemento da nosa vida, que nos deixemos levar por determinados instintos, ideas, plans, que de entrada mesmo nos poden dar gusto e pracer.
O repudio da muller polo home, non o do home pola muller, era cousa moi corrente naquela sociedade. Xesús defende a muller nesta condición de debilidade, de desigualdade, e aposta por un amor permanente. Canto nos custa hoxe esta aposta, nunha cultura branda e frouxa para os compromisos! Xesús tamén quere acompañarnos nesta frouxidade dos nosos tempos.

Oración

Que mundo tan intenso vai dentro de nós, meu Deus!
Cantas inseguridades, cantos medos, cantas paixóns cegas!
Cantos desexos de afecto e recoñecemento!
Cantas frustracións!
Que marabillosas/os e que fráxiles somos!
Que difícil se nos fai entendernos a nós mesmos/as,
e, máis aínda, entender aos demais,
pois non podemos sentir o palpitar interno do seu corazón!
Canta necesidade temos de sermos humildes e cautos/as,
honestas/os e transparentes,
ante ti, meu Deus,
ante as persoas coas que compartimos vida e tarefa!
Canto nos cómpre ollarnos a nós e a quen nos rodea
con respecto, agarimo e comprensión,
e así, entre errores e acertos,
ir construíndo as fidelidades da nosa vida!
Canto nos cómpres ao noso lado, meu Deus,
iluminando, clarificando, fortalecendo.
Grazas, meu Deus, porque nunca te esqueces de nós.

Acción

O feminismo está aí, como froito do traballo de moitas mulleres, e, dalgunha maneira tamén, como froito reivindicativo do Espírito de Deus. Podiamos hoxe achegarnos a algunha muller que ande no feminismo, para escoitala; seguro que nos virá ben.


16 de xuño: sábado da 10ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 33-37

Meditación

Xúrocho polos meus defuntos, xúrocho por Deus… Aínda hoxe os nosos maiores empregan esta maneira de lle dar creto á palabra dita. Tamén o facían os contemporáneos de Xesús, sen poñer nunca a Deus por testemuña, porque o seu nome, por respecto, non se podía pronunciar. É fermosa esa aclaración de Xesús indicándonos que en calquera cousa, en calquera realidade, en calquera persoa batemos dalgunha maneira coa presenza de Deus, e de aí o sumo respecto e consideración que lle debemos a todo, especialmente, xaora, ás persoas.
Xesús reponse ao costume de xurar por…, apelando á palabra sinxela, honesta, verdadeira en si mesma: si, si; non, non. A palabra como canle da verdade da propia persoa; a persoa dicíndosenos claramente na palabra pronunciada. Ante tanta mentira, manipulación, ante tanta “postverdade”, e novas falsas que están tan de moda na nosa sociedade en xeral, na nosa cultura, e que circulan polos variados medios de comunicación de que dispoñemos, ¡canto nos cómpre a palabra limpa, verdadeira, plena, viva, auténtica!

Oración

Xesús, Xesús, …
enchernos de verdade,
deixar que madure dentro de nós,
tecendo as nosas entrañas,
ocupando todos os recantos do noso ser,
dos nosos pensamentos, dos nosos sentimentos…,
e que logo brote
coa transparencia das augas dos regatos montesíos,
fresca, limpa, humilde, atraínte,
para dicirnos cara a fóra tal como somos e sentimos,
para contaxiar brancuras,
para andar sobre seguro,
para axudar a sandar un mundo enfermo
por simular o que non é,
por ocultar verdades,
por agacharnos debaixo de enfermizas carantoñas,
por negarnos simplemente a dicir:
“si, si; non, non,
como Cristo nos ensina.”

Acción

¿Estamos deixando de dicir algo, a nivel familiar, laboral, social, eclesial, grupo político etc., por gardar as aparencias? ¿Podiamos aventurarnos a practicar o de Xesús: si, si; non, non, sen chulería, coa humildade que dá a simple verdade?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.