21 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 12ª semana


24 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista

Evanxeo: Lc 1, 57-66.80

Meditación

Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, cómo estaba absolutamente cimentado en Deus, cómo lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.

Oración

Bendito, Xoán,
no teu nacemento
no que se xuntou o amor duns pais crentes
co Espírito de Deus que todo o fertiliza!
Bendito, Xoán,
porque a man de Deus sempre estivo contigo
e te deixaches guiar sempre por ela,
e nela buscaches apoio e seguridade!
Bendito, Xoán,
que puideches medrar e robustecerte no Espírito
poñendo da túa parte o que Deus che ía pedindo!
Bendito, Xoán,
que nos desvelas o que pasa con todas nós:
tamén froitos do Espírito para a construción persoal,
para a construción comunitaria!
Bendito, Xoán,
forte e dócil,
seguro e humilde,
libre a todos os xeitos e por iso mesmo crítico,
aberto a todos os sinais de Deus,
aberto a Xesús!
Bendito, Xoán,
primo de Xesús,
mestre de Xesús,
discípulo de Xesús!
Admirámoste, agradecémoste.
¡Bendita tamén a nai que te pariu e os peitos que te criaron!

Acción

Na festa de Xoán o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi importante no noso crecemento humano e espiritual.


25 de xuño: luns da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7,1-5

Meditación

Canto necesitamos andar con total humildade pola vida! Todas, todos temos a tendencia a vernos a nós mesmas/os no certo, na verdade, con comportamentos correctos sempre coa familia, cos veciños e veciñas, nas cousas da fe cristiá. A todos e todas nos sae andar xulgando e criticando a uns e outros, subliñando os seus defectos e pecados, que os terán, para así quedar sempre nós máis por riba, como persoas boas, xustas, correctas en todo.
Xesús invítanos a ollar para nós mesmos. Invítanos a ser honestas e verdadeiras con nós mesmas. Invítanos a non deixarnos enganar, que é moi doado facelo. Invítanos a ollar os nosos feitos con obxectividade, sen trampas; invítanos a ollar as nosas intencións, o que nos move por dentro, aló no fondo, porque é aí onde nace o ben ou o mal, a bondade ou a malicia. Se nos miramos con calma, con verdade e a fondo, seguro que se nos quitarán as ganas de andar criticando a demais xente, teremos unha ollada moito máis humilde, máis comprensiva, máis agarimosa, e axudaremos mellor a facer comunidade, parroquia e pobo.

Oración

Que gran regalo, meu Deus,
o de aprenderme a ollar para min mesmo!
Que gran regalo
descubrir con paz e humildade as miñas zonas escuras!
Que gran regalo
abrirme os ollos para ver o mal que fago, o ben que deixo de facer!
Que gran regalo
poder mergullarme nas miñas intencións de fondo
e descubrir as trampas do meu ser, do meu actuar!
Que gran regalo
poder facerme así persoa comprensiva, amorosa, paciente,
persoa comunitaria, persoa irmá.
Que gran regalo
a palabra próxima, amorosa, de quen me avisa e corrixe!
Meu Deus, meu Deus,
que saiba abrir o corazón para recibir ese teu regalo!
Grazas.

Acción

¿Estamos facendo dalgún xeito, con algunha persoa, iso do que nos advirte Xesús? ¿Estámolo facendo tamén con algún grupo, algún sector da Igrexa, algún partido político? ¿Cómo podiamos cambialo? ¿Cómo corrixir e deixarnos corrixir con humildade, con amor?


26 de xuño: martes da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 6.12-14

Meditación

Tres advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país, cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria. Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo, constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia, resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque nos quere ver sans e robustos na vida.

Oración

Xesús,
quero estar cabo ti
para que me aprendas
as cousas simples e fondas da vida.
Gústame iso de non xogar coa vida, Xesús,
de non xogar coa xente, coa convivencia,
de coidar todo o que a agranda e favorece.
Gústame tamén iso de non xogar coa fe,
non xogar contigo, con Deus,
non xogar coas cousas todas do teu Evanxeo:
acollelo, amalo e, no que poida, vivilo.
Estou disposto a traballar, a esforzarme,
a non deixarme levar pola preguiza, polas apetencias.
Apréndeme a facelo sabiamente, Xesús,
para que en min, en todos e todas nós,
resplandeza a vida, a ledicia, a paz e o ben;
e así facer da vida un xogo gozoso
e do trato coa xente e con Deus unha festa permanente.

Acción

Por nugalla ou preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade, para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?


27 de xuño: mércores da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 15-20

Meditación

O falar non ten cancelas, afirma o dito popular galego. “Obras son amores y no buenas razones”, afirma tamén o dito castelán. Ambas as dúas resumen moi ben o que xa Xesús nos quixo dicir, e que todos entendemos perfectamente. Os feitos de vida son os que nos din a verdade sobre nós mesmas e sobre as demais persoas: o que somos e o que non somos, o que son e o que non son. Botar discursos, escribir é doado; fano moitos feirantes que hai no campo do consumo, da política, da mesma relixión. O sentido común débenos poñer en garda, sobre todo ante aquelas persoas que encobren a súa malicia debaixo dunha aparencia de mansedume, de verdade, de bos razoamentos.
Nos nosos tempos cómpre moito ter da man este criterio, porque constantemente estamos sendo bombardeados por palabras, imaxes, noticias, presuntas verdades e seguridades sobre todo, que nos chegan por medio dos moitos medios de comunicación. Para saber o que é bo e o que é malo as persoas cristiás ollamos con confianza os feitos de Xesús.

Oración

Veraz,
coherente,
transparente.
Amiga da palabra
confirmada polos feitos.
Amiga dos feitos
que sustenten as palabras.
Froita boa de árbore tamén boa,
para solaz meu e de quen me rodee na vida.
Cousa saborosa que te glorifique,
meu Deus, fonte de todo ben;
persoa de quen se fiar,
para que medre a verdade,
a honradez, a ledicia,
e con elas a paz.
Así me queres ti, Xesús,
Así, por ti, me quero eu.
Grazas.

Acción

Revisemos un pouco as nosas palabras de cada día ante diferentes persoas. ¿Son palabras sempre cheas de verdade, acompañadas de feitos? Algo poderemos facer para poñer máis verdade na nosa vida.


28 de xuño: xoves da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 21-29

Meditación

Onte dicíanos que nos damos a coñecer polos nosos feitos, bos ou ruíns. Hoxe Xesús, na mesma liña, dinos que os feitos bos son moito máis importantes que os nosos rezos, as nosas afirmacións relixiosas, o noso falar de Deus, ou calquera cousa máis ou menos marabillosa que poida saír de nós nese campo.
Para Xesús os feitos son bos cando responden á vontade de Deus. E a vontade de Deus non é algo máxico, nin algo que se nos manifesta así polas boas. Para Xesús o máximo era sempre facer a vontade de Deus, e para atinar coa vontade de Deus el buscaba, compartía, pensaba, razoaba, sentía, rezaba, actuaba. Así descubría a vontade de Deus e facíaa súa; a súa propia vontade era unha coa de Deus. Eran un. Pois o mesmo para nós: atinar coa vontade de Deus en cada circunstancia da vida non é copiala dun libro, senón poñer o corazón e a cabeza a andar, con humildade, abertas ao que outras persoas buscadoras nos transmiten tamén. A vontade de Deus non tripa a nosa. A nosa tamén se pode ir facendo unha coa de Deus. Unha aventura impresionante.

Oración

Unha casa sobre pedra,
sobre a pedra firme da túa vontade.
E non sobre as areas corredías dos meus quereres.
Ai, canté, meu Deus, canté!
Quen me dera ir limpando os meus quereres todos
ata descubrir neles
os sinais da túa vontade
que ti desde o día e hora do meu nacemento
inseriches no meu ser!
E así poder construír unha boa casa onde habitar,
casa familiar, comunal,
casa aberta a calquera persoa visitante ou peregrina,
a calquera persoa buscadora,
casa de Deus para quen queira entrar.
O meu corazón, casa de Deus.
A miña vida, casa de Deus.
A miña casa, casa de Deus.
A miña comunidade cristiá, aberta e gratuíta,
casa de Deus.

Acción

¿Como estamos construíndo a casa da nosa vida? ¿Sobre que a construímos? ¿A que cousas lle damos importancia para ter unha casa firme, sólida, a proba das sacudidas da vida? ¿Estamos abertas/os ao que Xesús nos suxire?


29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo

Evanxeo: Mt 16, 13-19

Meditación

Celebramos a festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día aparecera polas praias de Cafarnaum. De maneira sorprendente sobre esta persoa apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois qué van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.

Oración

Grazas, meu Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa maneira animadores do camiño cristián.
Grazas polo don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola comunidade cristiá
que a partir deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos días.
Grazas polos homes e mulleres
que a foron enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas súas fortalezas e debilidades,
que son as nosas fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan chulerías e prepotencias.
Grazas pola xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña e arrastra no seu seguimento.
Grazas pola xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas mulleres que fan Igrexa,
e a queren pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre soñaba Xesús.

Acción

Podemos pensar que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?


30 de xuño: sábado da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 5-17

Meditación

O centurión era un oficial do exército romano. O exército romano era o instrumento máis contundente da dominación do imperio romano sobre os habitantes de Xudea, de Galilea, sobre os veciños e veciñas de Xesús, sobre Xesús mesmo. Chama a atención a súa fe tan confiada en Xesús; chama a atención a acollida indiscriminada que Xesús lle ofrece. Caen todas as barreiras doutrinais, todos os ritos de pureza, todas as diferenzas políticas, e queda o nuclear da experiencia relixiosa: un home maltreito que abre a súa vida a Deus con suma confianza. ¡Cantas veces nos pelexamos por ritos e doutrinas, e cantas veces temos os ollos pechos para entender o máis fermoso que a xente podemos levar no noso corazón, ante Deus, ante as persoas que nos rodean!
Que fermoso e fondo iso de que Xesús botou sobre o seu lombo as nosas cargas! Que fermosa e fonda sería a Igrexa se fósemos quen de botar sobre os nosos lombos as cargas da xente no medio da cal somos comunidade cristiá! En parte facémolo, pero queda tanto por facer!

Oración

Señor, eu non son merecente
de que entres no meu fogar;
unha palabra túa abonda para curarme.
Como vas entrar ti na miña vida e valerme,
se a teño tan revolta,
tan chea de errores, incoherencias, maldades,
tan pechada sobre min,
tan pouco aberta á dor allea?
Pero creo en ti,
fíome de ti,
non tés límites nin barreiras ningunha
e ante ti me poño
con todas as miñas miserias nas mans.
Quero ser unha persoa nova,
na túa compaña, coa túa forza.
Curada por dentro, curada por fóra,
para axudarche na tarefa preciosa
de axudar a cargar coas cargas
de quen sofre e chora.
Grazas, Señor,
por querer entrar no meu fogar.

Acción

¿Vemos que, en algo polo menos, somos capaces de cargar coas cargas da xente que nos rodea, cando é necesario? ¿Podemos avanzar algo nisto e ser así algo máis coma Xesús?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.