29 xuño, 2018

Tempo Ordinario: 13ª semana


1 de xullo: domingo 13 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 5, 21-43

Meditación

A sanidade pública instalouse entre nós como o froito dunha maneira científica de abordar as nosas enfermidades. Foi a consecuencia de moita xente que estudou e estudou, e froito tamén de moita xente que loitou e loitou para que o resultado deses estudos se popularizase e todo o mundo gozase da debida atención. Deus, que nos fixo intelixentes á súa imaxe e semellanza, está tanto polo estudo coma pola loita solidaria. Deus está na nosa busca por aliviar o sufrimento humano. Deus está pola vida en todo. Xesús, desde o seu fondo arraigo en Deus, parece que tiña forza tal que sandaba a persoas a niveis moi fondos da súa existencia e, de rebote e como consecuencia, ás veces tamén os corpos da xente.
A situación extrema de Xairo, xefe da sinagoga, coa súa filla a piques de morrer, o mesmo que a da muller enferma de hemorraxias, ambos coa súa fe en Xesús, ambos tamén coa súa pregaria ben desde dentro, parécese moito á de moitos homes e mulleres que se achegan a Deus a través dos seus santos e santas en moitos santuarios que hai por Galicia adiante. Cando así o facemos, a nosa busca de saúde e conforto non é para desprezar. Si para acompañar. Podemos aspirar a ten unha boa atención médica, e, ao tempo, a buscar espazos de pacificación, de confianza, de reconciliación, de esperanza, de convivencia e gozo comunitario, coa xente, cos santos e santas, con Deus mesmo. Iso si, sen que os cartos manden nin condicionen nada, que a bondade de Deus non se compra con cartos.

Oración

Xesús, ti apréndesnos a rezar
nas nosas horas malas, nas nosas enfermidades,
cando nos achegamos a ti
co corpo e coa alma rotos.
Apréndesnos a confiar en Deus,
amigo e señor da vida,
amigo e señor da paz e da esperanza.
Apréndesnos a coidarnos e atendernos
valéndonos dos recursos médicos que temos,
a achegándonos ás fontes do ben e da luz
que Deus nos ofrece gratuitamente.
Apréndesnos a ter fe,
a ver as nosas vidas sempre seguras nas mans de Deus,
máis alá da enfermidade e da dor,
máis aló da vida e da morte.
Apréndesnos de paso
a facernos solidarias coa dor allea,
a facernos humanas con quen padece,
a acompañar agarimosamente
como ti agarimosamente nos acompañas sempre.
Grazas, Xesús.
Que sexamos tamén nisto bos e boas aprendices.

Acción

¿Como nos desenvolvemos coa enfermidade cando nos visita? ¿Sabemos xuntar a boa atención médica cunha fe esperanzada no Deus da vida, que sempre nos acompaña? Pensámolo e falámolo, se podemos, con outras persoas.


2 de xullo: luns da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 18-22

Meditación

As respostas de Xesús ás persoas que lle solicitaban podelo acompañar é radical, como o era toda a súa vida; dille ao letrado que para seguilo cómpre entrar nunha liña de pobreza, de baleiro, de despoxo en todos os niveis da persoa: baleiro económico, baleiro afectivo, baleiro de posición social, etc. A proposta era contraria ás aspiracións dun bo letrado: fartura económica, afectiva, recoñecemento social… A proposta é tamén contraria ás aspiracións da maioría de nós.
Cando outro discípulo lle manifesta o desexo de ir enterrar o pai, para despois seguilo, Xesús amósase de novo radical: para poder seguilo, non vale darlle prioridade aos costumes sociais, por moi lóxicos e sagrados que parezan. O que urxe é secundar a chamada de Deus a crear no seu nome e coa súa forza unha nova rede de solidariedade, na que todo, tamén os respectos familiares poidan estar incluídos.
Seguro que quedamos moi cuestionados por estas palabras de Xesús. El viviu a tope conforme ao que dicía. Nós poderemos dar algúns pasos polo menos; e, se son na dirección do indicado por Xesús, posiblemente lle vaiamos collendo sentido e gusto á proposta de Xesús.

Oración

Non quero que me asusten as túas palabras, Xesús:
debaixo delas hai unha proposta de vida completa, feliz.
Pero lévame da man,
para aprender contigo a gustar
o gozo raro de facerme persoa baleirándome,
dándome á xente sen tempos nin medidas.
Lévame da man
para aprender contigo
que o máis importante de todo,
para min, para a miña familia, para o meu pobo,
é o respecto, o coidado, o amor, a xustiza,
por riba de calquera requisito relixioso ou social.
Xesús, quero seguirte,
como aprendiz quero seguirte.

Acción

¿Vivimos dándolle moita importancia e mesmo prioridade a algúns costumes sociais, que en verdade pouco nos fan medrar como persoas cristiás? ¿Podemos despegarnos en algo deses costumes sociais que non levan a nada?


3 de xullo: festa de Santo Tomé apóstolo

Evanxeo: Xn 20, 24-29

Meditación

Somos moitas as persoas ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de que Xesús resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en Deus dunha existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar, dicimos ás veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e resucitado poida estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a máis empobrecida, a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos crer que tocando a esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente servimos a Cristo, que coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a mellor vida relixiosa. Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.
Pero a vida humana é así. Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no aire, no campo da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa fraxilidade e a súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as amizades que sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan o meu, mesmo os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a produción ou para o lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é substancialmente humana tamén.

Oración

Meu Señor e meu Deus!
Meu Pai en quen confiar,
miña Nai en quen acougar!
Meu Amigo con quen compartir,
miña Irmá na que me apoiar!
Meu Compañeiro no que me recrear,
miña Mestra coa que madurar!
Miña Confidente que me comprende,
meu Guieiro que me encamiña!
Miña Criada que me atende en todo,
Meu Gardián que coida de min!
Meu Respecto que sempre me desborda,
Meu Agarimo que sempre me acubilla!
Miña Señora e meu Deus!

Acción

Podemos achegarnos a algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros. Tocamos as súas feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas do mesmo Cristo. E facemos o que a nosa fe nos pida facer.


4 de xullo: mércores da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 28-34

Meditación

Posiblemente esteamos ante un relato fantasioso, digno de formar parte dalgún evanxeo apócrifo. Pero está aquí. E, dentro da súa fantasía, transmítenos algúns convencementos sobre Xesús e sobre a súa maneira de estar coa xente que o rodeaba. Xesús andaba os camiños, andaba polas periferias, como dicimos agora, e por iso frecuentemente batía coa xente que nas periferias había, xente desfeita pola vida. Atribuíase aos “demoños” calquera cousa que alterase a estabilidade psíquica dunha persoa. Xesús plantáballe cara a eses “demoños”, é dicir, a todo o que facía que a xente non puidese vivir con humanidade, con dignidade. Era forte para iso. E moitas veces a xente que batía con el quedaba recuperada para a vida dunha forma definitiva. O mal quedaba completamente superado, afogado, como afogados quedaban nesta historia fantasiosa os porcos que foran caer ao lago.

Oración

Xesús, veño onda ti,
para que me aprendas o teu estilo de vida.
Non eras home de libros e ordenadores,
eras home de prazas e camiños,
para bater coa xente,
para que a xente batese contigo.
Con tempos de moito silencio,
con horas de moita palabra.
E non pasabas nunca de largo,
implicábaste en cada caso,
poñendo a túa forza de vida
ao servizo de quen dela precisaba.
Iso era o cerne da túa relixión, do teu credo,
iso era o que mamabas cada día do Deus a quen tanto querías.
Así de simple.
Apréndeme, Xesús, a ser coma ti, algo polo menos.

Acción

En case todos os pobos e aldeas hai algunhas persoas desestabilizadas, desintegradas da convivencia veciñal. ¿Cal é a nosa relación con esas persoas? ¿Qué lle aportamos?


5 de xullo: xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9,1-8

Meditación

O corpo e o espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza--, con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa, liberadora?

Oración

Que poder máis grande tiñas, Xesús!
Que poder máis grande recibías de Deus!
Sandar os corpos e máis os espíritos,
asentar corazóns,
recompoñer e vigorizar vidas,
enchéndoas coa seguridade do perdón,
das mans dun Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais, Xesús,
porque compartes connosco os teus poderes,
e nos fas capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar vidas,
de sementar esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús, grazas.

Acción

Podemos visitar hoxe algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.


6 de xullo: venres da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Meditación

Mala xente os recadadores de impostos naqueles tempos, porque eran os representantes do poder romano que espremían a xente máis necesitada sobre todo. Neles concentrábase moita rabia e moito odio por parte do pobo. E vas ti, Xesús, e escolles a un deles para o teu grupo, e déixaste invitar e fas xantar como de festa cun grupo deles ao que se ameceron outras persoas de semellante catadura. Que libre e orixinal eras, Xesús! Como sabías ollar e ler e entender o que podía pasar polo fondo das persoas! Como sabías romper con rutinas e cousas que parecían sagradas e abrir portas para que todo tipo de xente puidese entrar na sociedade nova que ti soñabas; entrar tamén na nova relación con Deus que ti ofrecías. Contra o que era hábito e doutrina no teu tempo, xusto a xente máis arredada de Deus foi a túa preferida. Dá case gusto ser persoa pecadora, para sentirte ao pé dun exercendo misericordia.

Oración

Misericordia quero e non sacrificios.
Achegamento á xente débil e non xuízos.
Comprensión cordial e non condenas.
Acompañamentos humildes e non críticas de lonxe.
Mestura coa xente pecadora e non grupiños selectos.
Crítica agarimosa e non burlas e desprezos.
Constancia na presenza e non abandonos á primeira.
Pregaria doída e non apelacións doutrinais.
Amor, amor, amor e non relixión baleira.

Acción

¿Hai entre nós algunha persoa máis ou menos perdida, coa que nos esteamos comportando desde a distancia, desde a crítica sen misericordia? ¿En que podiamos facer algo cristiá a nosa relación con esas persoas?


7 de xullo: sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 14-17

Meditación

Na cultura relixiosa dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.
Pero Xesús non entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos que non é posible acoller a novidade de Xesús?

Oración

Que nunca nos chufemos, Xesús,
de andar fielmente polos teus camiños.
Que nunca sinalemos aos demais
como os errados e arredados de ti.
Que sexamos suficientemente humildes
como para ver que todos temos as mans sucias
e o corazón encollido.
Que nos renovemos á luz da túa vida,
para que as nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo como ti o servías.
Purifícanos o corazón e a vida, Xesús,
para que a túa fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo as nosas vidas.

Acción

Todos formamos parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.