venres, 27 de xullo de 2018

Tempo Ordinario): 17ª semana


29 de xullo: domingo 17 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 6, 1-15

Meditación

Chama a atención esta preocupación de Xesús pola mantenza da xente, polo pan de cada día. Comparte esa preocupación cos discípulos. Na oración do noso Pai di claramente: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Sabemos que mesmo entre nós, pero máis aínda en zonas moi empobrecidas do mundo, falta pan, falta auga, faltan menciñas, faltan escolas, faltan fogares. E Xesús comparte connosco hoxe esa mesma súa preocupación, convertida xa nunha proposta de acción: “Onde imos mercar…?” E xérase unha dinámica de participación, de colaboración, de reparto. E todo o mundo se farta. E aínda sobra. O método, convertido en actitude persoal e en criterio social, político, válenos tamén para nós.
Non soamente vivimos de pan; non soamente vivimos coas necesidades básicas cubertas; as persoas necesitamos de moitas máis cousas: boa convivencia, solidariedade, relacións xustas, preferencia pola xente débil, coidado dos nosos afectos, da nosa sexualidade, do noso mundo interior, sabernos parte da casa común da natureza para coidala con respecto, espiritualidade, … Por iso Xesús se molestou cando viu que a xente estaba encantada con el, pero soamente porque os fartara de pan. Pero empezou fartándoos de pan.

mércores, 18 de xullo de 2018

Tempo Ordinario: 16ª semana


22 de xullo: domingo 16 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6,30-34

Meditación

Un par de cousas chaman a atención no relato deste Evanxeo. Xesús ve necesario que o seu grupo descanse. Para iso pensa nun lugar arredado. No medio da barafunda das súas actividades era necesario acougar, asentar, mirar para si, ver o que se movía aló no fondo deles e que os levaba a facer o que facían, ver se tanta actividade estaba tendo un sentido, encontrarse consigo mesmo, encontrarse co mesmo Xesús, encontrarse coa Fonte de todo aquilo que estaban vivindo e compartindo. Unhas vacacións, pero a fondo, nas que todo o ser descansase e todo o ser se restaurase.
Pero –e isto é a segunda cousa a considerar— a xente quere máis. Atraída por Xesús e polo seu grupo, búscao por terra, mar e aire. Búscao porque en Xesús había unha forza de ben e de vida, da que esa xente estaba moi necesitada. De feito eran como ovellas sen pastor, como xente desnortada, perdida na vida, da que outros se aproveitaban con descaro. E en Xesús atopaban acollida e alentos, paz e forza para revolverse. Daquela o descanso queda á espera. O importante para Xesús era a xente coas súas ansias e dores.
Canto podemos aprender deste brevísimo Evanxeo as comunidades cristiás e as persoas que as compoñemos, sexamos xente de a pé, ou, sobre todo, se temos algunha responsabilidade dentro da comunidade!

sábado, 14 de xullo de 2018

Tempo Ordinario: 15ª semana


15 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 7-13

Meditación

Que fermosa unha comunidade cristiá, unha Igrexa sempre en camiño, saíndo ao encontro da xente, contactando cos seus gozos e pesares! Que fermosa unha comunidade cristiá con humildade e forza para darlle cara a todo tipo de mal espírito, eses malos espíritos que destrúen a paz persoal e a paz social! Que fermosa unha comunidade cristiá pobre, arrimada á xente pobre, para deixarse ensinar por ela, para compartir con ela o mellor que a comunidade teña! Que fermosa unha comunidade cristiá que non faga negocio coa fe, coa boa vontade da xente humilde; coas mans sempre limpas, co corazón limpo, coa mente limpa, coa limpeza gratuíta do mesmo Deus! Que fermosa unha comunidade cristiá sinxela e tolerante, xenerosa e clara no ofrecer e respectuosa e amiga incluso de quen non a acepte! Que fermosa unha comunidade cristiá en conversión ela mesma, mirando sempre de andar en máis fidelidade a Deus e á xente, co evanxeo de Xesús a cotío nas mans, no corazón e nos feitos, para contaxiar ganas de transformación persoal e social! Que fermosa unha comunidade cristiá que quite da cabeza e dos ánimos da xente todos os malos aires que nos enturban a vida e o corazón; unha comunidade experta en coidados, empregando para iso os aceites da presenza, da amizade, dos servizos, da misericordia, do agarimo infinito que Deus lle pousou confiadamente nas mans!

mércores, 4 de xullo de 2018

Tempo Ordinario: 14ª semana


8 de xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 1-6

Meditación

Podémonos poñer do lado dos veciños e veciñas de Xesús que o coñeceran de neno e mozo, que coñecían perfectamente a súa familia toda, uns de tantos coma eles. De golpe chega Xesús, despois dun tempo fóra máis ou menos longo, fálalles na sinagoga; fálalles de “cousas” que os descolocan, transmite enerxía e vida, curación. E quedan pampos! Estaban afeitos a uns rituais relixiosos, a unha maneira de falar de Deus e de vivilo que Xesús altera; o texto non nos di o contido das súas palabras, pero, coñecendo a Xesús, podemos supoñelo: que Deus está preto, que se acabaron as rutinas relixiosas de sempre, que algo novo se lles ofrecía, que Deus estaba ao seu servizo, que as persoas máis débiles habían ser as preferidas de Deus, que Deus era accesible a todas e todos sen condicións, … Custoulles crelo. Como nos custa a nós tantas veces. Preferimos navegar nas nosas historias relixiosas de sempre, aínda que vexamos que no fondo de pouco nos valen. Pero tamén podemos pararnos, escoitalo, acollelo, dispoñernos á aventura humana, espiritual que nos propón. Na nosa man está.
E podémonos poñer tamén do lado de Xesús. Fixo un recorrido espiritual traballoso e gozoso a un tempo; volve cabo dos seus con ganas de compartir o que lle foi dado. Dá o que sabe dar: palabras vivas, curacións, ánimos, alentos a quen andaba coa vida a rastro. Pero péchanlle as portas, néganlle a confianza e experimenta o fracaso. Pero non decae na súa intención. Bótase aos camiños, e segue apostando polo ben da xente no nome de Deus. ¿Quen non atopa horas de fracaso coma Xesús?