04 xullo, 2018

Tempo Ordinario: 14ª semana


8 de xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 1-6

Meditación

Podémonos poñer do lado dos veciños e veciñas de Xesús que o coñeceran de neno e mozo, que coñecían perfectamente a súa familia toda, uns de tantos coma eles. De golpe chega Xesús, despois dun tempo fóra máis ou menos longo, fálalles na sinagoga; fálalles de “cousas” que os descolocan, transmite enerxía e vida, curación. E quedan pampos! Estaban afeitos a uns rituais relixiosos, a unha maneira de falar de Deus e de vivilo que Xesús altera; o texto non nos di o contido das súas palabras, pero, coñecendo a Xesús, podemos supoñelo: que Deus está preto, que se acabaron as rutinas relixiosas de sempre, que algo novo se lles ofrecía, que Deus estaba ao seu servizo, que as persoas máis débiles habían ser as preferidas de Deus, que Deus era accesible a todas e todos sen condicións, … Custoulles crelo. Como nos custa a nós tantas veces. Preferimos navegar nas nosas historias relixiosas de sempre, aínda que vexamos que no fondo de pouco nos valen. Pero tamén podemos pararnos, escoitalo, acollelo, dispoñernos á aventura humana, espiritual que nos propón. Na nosa man está.
E podémonos poñer tamén do lado de Xesús. Fixo un recorrido espiritual traballoso e gozoso a un tempo; volve cabo dos seus con ganas de compartir o que lle foi dado. Dá o que sabe dar: palabras vivas, curacións, ánimos, alentos a quen andaba coa vida a rastro. Pero péchanlle as portas, néganlle a confianza e experimenta o fracaso. Pero non decae na súa intención. Bótase aos camiños, e segue apostando polo ben da xente no nome de Deus. ¿Quen non atopa horas de fracaso coma Xesús?

Oración

Nas horas de esgotamento,
Señor,
unha miguiña de alento.
Nas tardiñas de cansazo,
Señor,
a quentura dun abrazo.
Nos tempos de desespero,
Señor,
a túa calma e tempero.
Cando ninguén nos fai caso,
Señor,
a constancia do teu paso.

Cando Deus case non é,
Señor,
o don, a forza da fe.

Acción

Posiblemente nas diferentes actividades nas que participamos intentando facer algún ben á xente, coa xente, pasemos por momentos nos que non se valore o noso traballo. ¿Qué facemos neses casos? ¿Cómo podemos reforzarnos no noso servizo?


9 de xullo: luns da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 18-26

Meditación

O día 1 de xullo, domingo 13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que contados polo evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos a ver o fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de solidariedade, mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a intervir. Xesús que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental a fe de quen con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o corazón, a vida, coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos, convertendo en vida o que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era recoñecido e admirado Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen milagres Xesús era o que era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos, recuperacións, vida. Xesús realmente daba gusto.

Oración

Impós a túa man sobre nós, Xesús,
porque iso é sempre o teu.
Mans cheas de bendicións,
porque ti eras e es todo bendición.
Mans cheas de perdón,
porque ti mesmo eras e es o perdón de Deus.
Mans cheas de alentos,
porque o Espírito de Deus corría polas túas veas.
Mans cheas de curación,
porque curador da humanidade aceptaches ser.
Mans cheas de vida,
porque en ti ata a mesma morte se fixo vida.
Impón a túa man sobre nós, Xesús.

Acción

Podemos mirar se nós, como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar próximos ás persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que poderemos mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.


10 de xullo: martes da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 32-38

Meditación

Este pedaciño de Evanxeo permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de Xesús: un sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que andaba machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que lles valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a compaixón convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo o que podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel nunha crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así; incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo; en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen tendo actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de vida arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de Deus. ¿Qué facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos dicimos?

Oración

Unha cousa me pides, meu Deus,
unha cousa soamente:
que a vida non me sexa indiferente.
Que o corazón non se me encolla,
que os ollos non se pechen
ante a miseria evidente.
Que non vexa como normal
o que é absurdo, repelente.
Que sinta, ame e me una
a quen soña diferente.
No teu nome, meu Deus,
ou no nome do que queira ou de quen queira,
pero nunca, nunca, indiferente.

Acción

As persoas e países europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Qué resposta lle dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De que forma concreta estamos colaborando? ¿Somos sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?


11 de xullo: mércores da 14ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Bieito, patrón de Europa.

Evanxeo: Mt 19, 27-29

Meditación

A Bieito de Nursia (480-547) tocoulle vivir nun momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.

Oración

Seguirte, Xesús,
saír da rutina e seguirte.
Sen deixarse envolver
polo balbordo do mundo,
polos seus cantos de serea,
polas súas promesas fofas.
Seguirte, Xesús,
simplemente seguirte,
nun claustro ou na casa,
de monxa ou de labrega,
no mar ou en terra,
coa familia, na empresa,
sa ou enferma.
Seguirte, Xesús,
co silencio necesario,
coa palabra amigable
co berro de protesta,
sempre con humildade,
sempre con dispoñibilidade.
Seguirte, Xesús,
seguirte de cerca.

Acción

Sería un bo día para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior fidelidade cristiá.


12 de xullo: xoves da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 7-15

Meditación

Na Igrexa andamos hoxe ás voltas sobre como compartir esa Boa Nova de Xesús da que nos sentimos herdeiros. ¿Qué podemos aprender e conservar deste programa que lles propoñía Xesús aos seus apóstolos?
Que hai que saír, que non nos podemos quedar nas igrexas e no que nas igrexas se fai; que hai que saír aos camiños onde anda a xente crente e non crente, coas súas vidas máis ou menos felices ou infelices. Que hai que partir antes de nada das necesidades reais que ten a xente, do corpo ou do espírito. Que hai que ofrecer gratis o que gratis nos foi dado. Que hai que evanxelizar non desde o poder, senón desde o baleiro, a fraxilidade. Que hai que achegarse á xente con certa audacia, pero sempre en paz, desde a paz, para a paz. Que hai que estar dispostas a ser rexeitadas, desprezadas. As ameazas, iso si, sobran. Deus dirá. Cada vez vemos máis claro que este labor evanxelizador é cousa de todas as persoas que compoñemos a comunidade cristiá. Cada vez vemos máis claro que iso de deixalo todo nas mans dos curas non vale, é mala cousa.

Oración

Como levarte no corazón, na vida, Xesús,
para te poder transmitir coa simple presenza,
coa palabra, cos feitos, coa vida?
Como deixar que en nós, coma en ti,
todo sexa rotundamente gratis, xeneroso, desmedido?
Como estar ao carón das necesidades da xente,
sen aproveitarnos delas, servindo libremente?
Como sermos xente de paz, por dentro e por fóra,
para transmitir paz, non a nosa paz fráxil,
senón a paz consistente, substancial, de Deus?
Como vivirte e dicirte con sinxeleza,
sen amargura, con alegría,
desde o gozo de podermos ser
simple prolongación da túa solidariedade no medio do pobo?

Acción

Podemos mirar algo en que cousas concretas nos estamos implicando na tarefa de anuncio da Boa Nova que toda a comunidade temos encomendada. ¿Podemos mellorar o noso servizo? ¿En que, como?


13 de xullo: venres da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 16-23

Meditación

Este pedaciño de Evanxeo está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no medio do mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está pasando hoxe no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América Latina. Xente cristiá que é asasinada por ser cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos que aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos xente moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza, aínda que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a conciencia fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por estarmos tan metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos cadren máis os avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois andamos entre quen estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus; “sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden coar por todos os lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña causa”, por “dar testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social, política ou mesmo relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o voso valedor sempre. “Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia concreta tamén, está aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.

Oración

No mundo,
contigo, coma ti,
pero sabéndonos ovellas entre lobos.
No mundo,
pero sinxelas coma pombas e astutas coma serpes.
No mundo,
pero tendo coidado coa xente crida no sistema
e co sistema que vai dentro de nós mesmas.
No mundo,
pero comprometéndonos a fondo coa túa causa,
dando testemuño de ti con humilde ousadía.
No mundo,
pero sen deixarnos levar pola angustia.
No mundo,
pero confiando a fondo no teu Espírito
que guiará os nosos feitos, as nosas palabras.
No mundo,
pero soñando cunha terra nova, cun ceo novo
no nome do Deus comprometido coa vida.

Acción

¿Estamos tendo algún tipo de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen eses conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Cómo levamos eses conflitos?


14 de xullo: sábado da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 24-33

Meditación

A insistencia de Xesús hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non teñades medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que se implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte— coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo, non abundan.
Os nosos medos normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar. Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida: traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿cómo chegar a vivir esa experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos situar na vida. E ante que promesas e boas venturas.

Oración

Chégame, chégame abondo, Xesús,
con ser servo que imita o seu Señor,
ai, canté!
Chégame, Xesús,
con vivir na limitación e na confianza,
á espera da luz
sobre a miña propia persoa,
sobre tantas cousas da vida que me desbordan.
Chégame, Xesús,
con non ter medo
a quen me pode amolar de mil maneiras,
pero nunca poderá violarme no meu íntimo,
onde Deus garante eternidades.
Chégame moito, Xesús,
con saber que ata os pelos da miña cabeza
están todos contados… e coidados,
porque eu, coma calquera outro irmán ou irmá,
sexa crente ou non,
somos cousa preciosa para Deus.
Chégame, chégame abondo, Xesús,
ser algo, un chisquiño coma ti.

Acción

Podiamos hoxe pensar un pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Qué facemos con eses medos? ¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a eles? Sería ben apropiado poder falar disto en grupo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.