14 xullo, 2018

Tempo Ordinario: 15ª semana


15 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6, 7-13

Meditación

Que fermosa unha comunidade cristiá, unha Igrexa sempre en camiño, saíndo ao encontro da xente, contactando cos seus gozos e pesares! Que fermosa unha comunidade cristiá con humildade e forza para darlle cara a todo tipo de mal espírito, eses malos espíritos que destrúen a paz persoal e a paz social! Que fermosa unha comunidade cristiá pobre, arrimada á xente pobre, para deixarse ensinar por ela, para compartir con ela o mellor que a comunidade teña! Que fermosa unha comunidade cristiá que non faga negocio coa fe, coa boa vontade da xente humilde; coas mans sempre limpas, co corazón limpo, coa mente limpa, coa limpeza gratuíta do mesmo Deus! Que fermosa unha comunidade cristiá sinxela e tolerante, xenerosa e clara no ofrecer e respectuosa e amiga incluso de quen non a acepte! Que fermosa unha comunidade cristiá en conversión ela mesma, mirando sempre de andar en máis fidelidade a Deus e á xente, co evanxeo de Xesús a cotío nas mans, no corazón e nos feitos, para contaxiar ganas de transformación persoal e social! Que fermosa unha comunidade cristiá que quite da cabeza e dos ánimos da xente todos os malos aires que nos enturban a vida e o corazón; unha comunidade experta en coidados, empregando para iso os aceites da presenza, da amizade, dos servizos, da misericordia, do agarimo infinito que Deus lle pousou confiadamente nas mans!

Oración

De dous en dous,
de tres en tres,…
en comunidade sempre.
De dous en dous,
abrindo a diario as portas do corazón e da comunidade,
para que ningunha persoa necesitada quede fóra,
para que ninguén se vexa privado
do ofrecemento do Deus sen medidas que nos envía.
De dous en dous,
mimando o tesouro que levamos nas mans,
mimando a xente para que o poida gozar.
De dous en dous,
contigo no medio, Xesús,
suxerindo amores e fervores,
temperando cansazos e rexeites.
De dous en dous,
soñando sempre,
por nós mesmas,
pola xente que agarda algo de nós,
polo Deus de quen somos as mandadas.
Así, contigo, Xesús,
de dous en dous.

Acción

¿Se Somos simplemente xente usuaria da comunidade cristiá, estamos satisfeitos así? ¿Non poderiamos colaborar algo máis na tarefa de compartir con outra xente a fe que levamos dentro de nós, a vida da comunidade cristiá da que formamos parte?


16 de xullo: luns da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 34—11,1

Meditación

Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia, na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade. Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que nos doia e causemos algunha dor.

Oración

Santa María do Carme,
Señora santa María.

Santa María do Carme,
Señora santa María,
vimos para amosarche
o noso amor e ledicia
nesta xornada de festa,
dándoche honras cumpridas.

Por seres nai coidadora
que por nós con ansia miras,
por mostrarnos a Xesús
na súa palabra e vida,
por nos dar vigor e paz,
bendita, Santa María.

Ben sexa a xente do mar,
ou da terra, nai querida,
a que no gozo ou no aperto
na túa axuda confía,
ante ti por un igual
dámosche grazas, María.

Nos tempos que nós vivimos,
con tanto amor e avaricia,
con cousas que nos arrastran
cara ao ben, cara á malicia,
connosco faro de luz,
Santa María, camiña.

Acción

Se podemos, seguro que gozaremos moito participando nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.


17 de xullo: martes da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 20-24

Meditación

Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza. Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo, sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo, de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús, podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o crecemento como persoas crentes ou o decaemento.

Oración

Oír a túa voz, meu Deus,
ter abertos os oídos do corazón,
sempre,
ante todo,
ante calquera suceso ou circunstancia,
ante calquera persoa que vexa ou me aborde,
estar dispoñible,
estar disposta a dar pasos,
a acoller e escoitar,
a discernir e valorar,
a deixarme tocar, ferir, arrastrar, implicar,
sen pecharme a nada,
sen negarme a nada,
co corpo e coa alma en paz e en vilo,
por min mesma,
pola xente,
por ti, meu Deus,
que “en todo estás e ti es todo”.
Así, meu Deus, en toda hora.

Acción

¿Temos conciencia de estar desoíndo algunha chamada para o ben que nos estea chegando de calquera persoa, suceso ou circunstancia? ¿Cómo poderiamos entrar en maior dispoñibilidade?


18 de xullo: mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 25-27

Meditación

De Xesús sabemos que era un home fondamente vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente non queren saber de propostas de cambio solidario.

Oración

“Bendito sexas, meu Pai,
Señor do ceo e máis da terra,
porque lles escondiches estas cousas
aos sabios e aos prudentes
e llas revelaches á xente humilde.
Si, meu Pai,
bendito sexas por che agradar isto así.”
Bendito sexas, Pai noso,
por teres escollido de sempre
as persoas débiles, fráxiles, pequenas,
para facelas partícipes
dos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.
Bendito sexas, Pai noso,
porque no pequeno e irrelevante Xesús,
aos ollos deste mundo,
nos amosaches en corpo e alma
o teu rostro misericordioso e fiel.
Bendito sexas, Pai noso,
por che agradar isto así.

Acción

¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á xente humilde? ¿Cómo poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de Deus?


19 de xullo: xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 28-30

Meditación

Xesús invita agora a todas as persoas, sen excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade, que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!

Oración

Grazas, Xesús, pola túa invitación.
Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.
Grazas por nos ofrecer todo o teu.
sen reparo ningún,
sen distingo ningún.
Grazas polo teu xugo doado de levar,
pola amizade que nos ofreces,
poña ensinanza que nos prometes,
pola compaña que nos garantes.
Grazas polo teu ser humilde e accesible,
polo acougo e forza que nos prometes.
Intúo que nin sequera nos podemos facer unha idea
do mundo de bendición que hai en ti para todos nós!
Grazas no meu nome pequeno,
no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiada
que escoita de ti palabras de invitación e acollida,
que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,
gobernos e cidadanía.
Grazas por monseñor Agrelo,
altofalante internacional das túas ofertas e promesas
á xente máis cansa e oprimida.

Acción

Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá, temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que poderiamos mellorar?


20 de xullo: venres da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 12, 1-8

Meditación

As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha parvada e desentendémonos delas. ¿Cómo recuperar o sentido das prácticas relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Cómo aprender a integralas nunha visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra esixencia?

Oración

“Misericordia quero e non sacrificios”,
--iso nos recordas, Xesús.
E disnos que, se o entendésemos ben,
moi distintas habían ser as cousas
na nosa vida persoal e comunitaria;
moi distinto sería o aprecio da fe, da vida relixiosa
dentro da Igrexa e fóra dela.
Apréndenos, logo, a entendelo ben,
ao teu xeito,
co atrevemento, simplicidade e fondura
con que ti o facías.
Ollando para a nosa mesma debilidade,
ollando para a debilidade de tanta xente do noso redor
(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),
“misericordia quero e non sacrificios”.

Acción

¿Que importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.


21 de xullo: sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 12, 14-21

Meditación

Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios. Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa, fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas (algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde a frescura dunha vida que acolle a xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.

Oración

Canté, meu Deus,
se con Xesús fose unha miguiña o teu servo/a,
o teu elixido/a, o teu amado/a, a túa regalía!
Canté, meu Deus,
se soubese acoller o Espírito que pousas sobre min,
para me facer persoa de paz e de xustiza en todo!
Canté, meu Deus,
se soubese evitar berros, discusións, palabras ocas,
e me envolveses no teu silencio atento, solidario!
Canté, meu Deus,
se soubese acompañar e acariñar toda vida en risco de non ser,
de apagarse, de desaparecer
á espera viva do seu florecemento!
Canté, meu Deus,
poder ser contigo, un chisquiño a lo menos,
un reflexo da túa esperanza
para quen bata comigo!
Canté, meu Deus, canté!

Acción

Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Cómo reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou combatémola porque nos rompe esquemas?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.