27 xullo, 2018

Tempo Ordinario): 17ª semana


29 de xullo: domingo 17 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 6, 1-15

Meditación

Chama a atención esta preocupación de Xesús pola mantenza da xente, polo pan de cada día. Comparte esa preocupación cos discípulos. Na oración do noso Pai di claramente: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Sabemos que mesmo entre nós, pero máis aínda en zonas moi empobrecidas do mundo, falta pan, falta auga, faltan menciñas, faltan escolas, faltan fogares. E Xesús comparte connosco hoxe esa mesma súa preocupación, convertida xa nunha proposta de acción: “Onde imos mercar…?” E xérase unha dinámica de participación, de colaboración, de reparto. E todo o mundo se farta. E aínda sobra. O método, convertido en actitude persoal e en criterio social, político, válenos tamén para nós.
Non soamente vivimos de pan; non soamente vivimos coas necesidades básicas cubertas; as persoas necesitamos de moitas máis cousas: boa convivencia, solidariedade, relacións xustas, preferencia pola xente débil, coidado dos nosos afectos, da nosa sexualidade, do noso mundo interior, sabernos parte da casa común da natureza para coidala con respecto, espiritualidade, … Por iso Xesús se molestou cando viu que a xente estaba encantada con el, pero soamente porque os fartara de pan. Pero empezou fartándoos de pan.


Oración

Multiplicar,
non restar nin dividir,
non só sumar,
multiplicar,
multiplicar o pan,
a colaboración, a participación,
o reparto.
Multiplicar os afectos, os cariños, as apertas,
multiplicar a imaxinación,
multiplicar os brazos, as mans,
multiplicar as redes,
multiplicar as palabras, os silencios solidarios,
multiplicar a acción política honesta,
multiplicar o coidado da xente débil.
Multiplicar os soños,
multiplicar o gozo e a festa,
multiplicar a comunidade, a humanidade,
multiplicar o espírito,
multiplicar a Xesús,
multiplicar a Deus,
o mesmo Deus,
nas nosas vidas tan diminutas,
tan chamadas a indescritibles farturas.

Acción

Todos temos algunha forma de militancia política, aínda que soamente sexa votando a tal ou cal partido no día das eleccións. Á hora de facelo, ¿miramos se ese partido se destaca por apoiar dentro e fóra do país un reparto xusto dos bens, dos salarios, das oportunidades, para que a ninguén lle falte o imprescindible? ¿Colaboramos en algo que leve a un reparto xusto dos bens da terra?


30 de xullo: luns da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 31-35

Meditación

Canto temos que admirar e agradecer ese interese que Xesús tiña por desentrañar as cousas de Deus e poñelas ao noso alcance! Facíao a través de relatos sinxelos, populares, que todo o mundo podemos entender, se deixamos que o anunciado nos entre no corazón. Xesús tiña paixón por Deus, tiña paixón pola xente, e esa paixón movíao a ser imaxinativo, a ser creativo nas súas palabras, xestos e propostas. Algo que tanto nos fai falla ás persoas e comunidades cristiás de hoxe, que moitas veces empregamos palabras, ritos e xestos de rutina.
O reino de Deus, as cousas de Deus tal como Xesús as soña e nolas ofrece, é algo pequeno, humilde, pero vigoroso; algo capaz de medrar nas nosas vidas e ofrecer acubillo a quen o precise; algo capaz de mobilizar as entrañas de todos nós, as nosas forzas ocultas, para converternos en bo pan, para nós mesmos, para os demais. Un gran soño persoal e comunitario. Esa semente, ese lévedo levámolo dentro de nós. Todas. Todos. Porque así é a vida. Porque así é o noso Deus.

Oración

Grazas, meu Deus,
polas cousas pequenas, polas cousas ocultas.
Grazas polas persoas ignoradas
que día a día se prestan ao amor e ao servizo.
Grazas polo traballo oculto
de quen matina e investiga
para a saúde ou o progreso solidario.
Grazas pola xente do mar e da terra
que invisten esforzos e vidas
para sacar da terra a mantenza necesaria.
Grazas pola natureza calada
que garante ritmos e producións,
se non lle torcemos o paso.
Grazas polas mulleres ignoradas, invisibilizadas,
que sosteñen as casas, a Igrexa, o mundo.
Grazas polo teu Espírito dentro de nós,
capaz de facer de nós algo marabilloso
ás caladas, no silencio, sen decatarnos.

Acción

Seguro que coñecemos persoas sinxelas que fan posible que sucedan cousas de mérito ao noso redor. Podemos reparar nelas, alegrarnos por iso, dicirlles incluso o agradecidas que lles estamos polo que están facendo.


31 de xullo: martes da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 36-43

Meditación

O evanxelista fálanos cunha linguaxe forte, mesmo dramática, sobre das persoas que optan por sementar no mundo o mal, o abuso, a insolidariedade, o desprezo pola xente débil, por todo o débil, a arrogancia, a obsesión polo consumo, polo sexo, polo poder, polo diñeiro, caia quen caia e aínda que reduzamos o ser humano a un refugallo irrecoñecible. A linguaxe é forte e manexa pensamentos propios da cultura daqueles tempos. Podemos prescindir desa linguaxe e quedarnos co fundamental: non é igual para nós e para quen nos rodee, no presente e no futuro, ser persoas de ben ou de mal, ser sementadores –coas palabras e cos feitos-- de xustiza ou de inxustiza, de abuso ou de solidariedade, de perdón ou de vinganza, de respecto ou de desprezo, de amor ou de odio, … Se optamos polo mal, o mal volverase contra nós; desfaranos como seres humanos, incapacitaranos para desenvolver en nós as enormes posibilidades de amor e de gozo das que somos capaces; case, case nos imposibilitará para contemplar o rostro amoroso de Deus, fonte de todo ben. É ben importante, logo, aprender a distinguir a calidade do que sementamos, a calidade das sementes de quen fai en nós sementeira. Antes de que sexa demasiado tarde e a vida se nos vaia das mans.

Oración

Meu Deus,
necesito a túa iluminación
para que o mal non se me cole na vida
e me estrague o presente e o futuro.
Meu Deus,
necesito a túa determinación
para apostar firmemente polo que me constrúe
e constrúe a comunidade que me rodea.
Meu Deus,
necesito a túa humildade, a túa verdade,
para recoñecer os meus namoriscamentos co mal,
os meus enredos coas sombras.
Meu Deus,
necesito o atractivo do teu rostro
para deixarme encantar por todo o que é amor, respecto e coidado
no presente e por toda a eternidade.

Acción

Hoxe podemos facer adrede algunha sementeira de ben, con palabras ou con feitos, para tomar conciencia desta capacidade que temos e podela activar máis.


1 de agosto: mércores da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 44-46

Meditación

Xesús é un tesouro. E vaia tesouro! Deus é un tesouro. E vaia tesouro! As verdadeiras cousas de Deus son un tesouro tamén. Un tesouro, iso si, agachado, escondido. Escondido dentro de nós, no noso mesmo íntimo. Escondido na vida, na natureza, na xente, no corazón da xente, no seu íntimo. Se ando superficialmente pola vida, é posible que non bata co tesouro, que non poida gozar del. Se satisfago a miña vida coa morea de cousas que a nosa sociedade consumista me mete polos ollos, moi posiblemente pase por riba do tesouro sen decatarme da súa presenza. A temperanza cara a canto se me ofrece, e a ollada buscadora, humilde cara ao interior da vida, dos acontecementos, das persoas, axudarame a bater co tesouro. Daquela si, daquela a ledicia invádeme e todo me sobra nas mans, con gozo de ter as cousas de Deus no meu corazón, na miña vida! Que ben, se nas nosas comunidades cristiás se nos aprendese a facer este descubrimento e a gozar co descuberto!

Oración

Señor Xesús,
que o teu Espírito me encha de acerto
para saber distinguir
unha perla fina dunha imitación vulgar,
unha alegría fonda dunha simple troula,
unha irmandade consistente dun trato fugaz.
Que o teu Espírito me esperte os sentidos
-corporais e espirituais--,
me ensanche o corazón,
me afine a percepción
para chegar a ese encontro case máxico
entre o tesouro de Deus e a miña condición mendicante.
Señor Xesús,
que o teu Espírito me achegue
ás fontes potentes da paz e da xustiza.

Acción

Hoxe podemos facer un pouco de buscadores do tesouro, da perla de Deus. Desde a mañá andamos á espreita, con moita humildade, no medio das persoas e das circunstancias da vida de hoxe. Seguro que poderemos bater, algo polo menos, co tesouro, coa perla do que a Deus lle reina.


2 de agosto: xoves da 17º semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 47-53

Meditación

A linguaxe ameazante nunca pode afogar o máis importante que Xesús nos dicía de Deus: que é todo amor, todo misericordia, todo perdón. A linguaxe ameazante da parábola si que nos pode alertar sobre a importancia de saber distinguir e valorar os peixes bos e os peixes malos, as propostas boas e as propostas malas para a vida, que nos chegan de fóra, ou que nacen no noso mesmo corazón. Coma no caso do trigo e do xoio (cizaña), cómpre estar alerta para non estragar a vida propia, para non contribuír a estragar tamén a doutra xente. Non todo nos vale. Non todo constrúe boas persoas, familias, veciñanzas, convivencias, comunidades, pobos, países. Sabémolo ben. Entendémolo ben. Pois a empeñarnos niso. O do máis aló, o da clarificación final, sabe Deus en que consistirá! Deixémolo confiadamente nas súas mans coidadoras.

Oración

Discípula do reino dos ceos,
discípula do que a Deus lle reina,
do que a Deus lle prace.
Discípula ben abastecida
por tantas e tan boas testemuñas da fe,
anteriores a nós,
que nos deixaron o seu ronsel de santidade,
concretado en palabras recias, en feitos fecundos.
Discípula aberta ao presente, ao novo,
onde Deus segue falando, segue convidando
con voces relixiosas e civís.
Todo para que poidamos sacar das nosas arcas
o novo e o vello que nos cómpre
para entender e vivir a vida humanamente, santamente.

Acción

Podiamos pararnos un pouco hoxe, individualmente ou en grupo, para ver algunhas cousas que nos están chegando ás redes da nosa vida como peixes bos, e algunhas que nos chegan como peixes non tan bos. E ver tamén como reaccionamos ante iso.


3 de agosto: venres da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 54-58

Meditación

San Paulo dicía: “Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo” (1Tes 5,21). O importante é ser persoa aberta a todo o que nos poida vir de fóra ou de dentro de nós mesmas, a todo o que nos axude a medrar como persoas e como crentes, a todo o que nos constrúa a nós e constrúa a comunidade civil ou relixiosa da que formamos parte, veña de onde veña. A veciñanza de Xesús non estaba aberta; estaba pechada nos seus criterios, un dos cales era que da xente coñecida, pobre, normal coma eles non tiña por que vir nada de proveito. Que se cría Xesús! Que vaia por aí, home, que se quite da nosa vista con todas as súas andrómenas!
As escusas que podemos poñer para non aceptar o que nos vén de fóra coma un don de Deus poden ser múltiples. É doutro país, é doutra raza, é doutra relixión, é doutro partido político, é un “pirao”, mira como viste, sempre fala galego, sempre fala castelán, rompe co que sempre se fixo, onde imos con tantas novidades… E así chegamos a desoír ao mesmísimo fillo de Deus!

Oración

Escoitar,
escoitarte, Xesús,
escoitarte sempre,
nas múltiples voces coas que nos poidas falar.
Estar coa alma en vilo,
cos oídos do corazón en vilo,
coa vida en vilo,
cun sexto sentido
para ventar a túa voz, a túa presenza,
amósese onde se amose.
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
abrirche o corazón, a vida toda,
sen reserva ningunha,
para que se cumpra en todo nós
o milagre dunha vida xusta, irmandada,
en servizo de toda debilidade,
en servizo de Deus.

Acción

¿Algunha vez tivemos algunha experiencia semellante á da xente veciña de Xesús, de rexeitar as palabras, as propostas dalgunha persoa, por calquera razón idiota? ¿Podemos retomar o caso con esa persoa nunha actitude diferente, aberta?


4 de agosto: sábado da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 1-12

Meditación

Que gran home, que gran crente era este Xoán! Por algo o noso Xesús se sentiu atraído por el, e no seu grupo, entorno e liderado madurou como crente e chegou a ter a fonda experiencia de ser fillo queridísimo de Deus e irmán universal. Despois Xesús andaría camiños novos, que Xoán seguiu con atención. Había bo trato entre os discípulos de Xoán e os de Xesús, ata o punto de que é a Xesús a quen deseguida lle van contar o martirio do Bautista.
Xoán era un verdadeiro profeta, que non receou en darlle cara ao mesmísimo Herodes e en criticar os seus excesos e chulerías. Profeta coherente. Profeta ata a morte. Ante a súa rectitude consecuente qué patético Herodes, que raposeira Herodías! Diferentes espellos, diferentes tipos de persoa ante os que ollarnos. Diferentes maneiras de estar na vida, de construír relacións humanas e de facer pobo e comunidade cristiá.

Oración

Xesús,
rendémonos contigo ante Xoán,
o profeta,
ante a súa palabra limpa e incisiva,
ante a súa valentía,
que en Deus tiña forza e fundamento.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante todas as almas de profeta ou profetisa
que, grazas a Deus,
camiñan polo noso mundo,
sexan ou non sexan do noso grupo,
sexan ou non sexan cristiáns.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante quen coa palabra, co sangue, coa vida
rompe abusos, abre camiños
e fai medrar as esperanzas.

Acción

¿Temos experiencia de enfrontarnos dalgunha maneira a algunha persoa poderosa, que abusa do seu poder? Estará ben que con humildade nolo valoremos. ¿Ou, se cadra, temos experiencia de ver ou sufrir abusos e calar? Estará ben que aprendamos algo de Xoán o Bautista.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.