13 setembro, 2018

Tempo Ordinario: 24ª semana


16 de setembro: domingo 24 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 27-35

Unha vez ía Xesús coa xente que o acompañaba de cerca cara ás aldeas de Cesarea de Filipo e polo camiño preguntoulles:
--¿Quen di por aí que son eu?
Eles responderon:
--Algunhas persoas din que es Xoán Bautista; outras, que Elías; e outras, que algún dos profetas.
El preguntoulles a eles:
--E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
--Ti es o Mesías.
E prohibiulles dicir nada a ninguén.
Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinar o grupo que o acompañaba de cerca sobre de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados; que o ían matar e que aos tres días había resucitar. Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro colleuno á parte e empezou a rifarlle. Pero Xesús volvéndose cara ao grupo que o seguía de cerca, reprendeuno:
--Arreda de min, Satanás, que ti non te deixar guiar polos criterios de Deus, senón polos humanos.
E chamando a xente onda o seu grupo, díxolle a todo o mundo:
--Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga. Pois quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.

Meditación

Xesús chamaba moito a atención polo seu falar con autoridade e rebeldía, polos seus feitos de inmensa humanidade e consideración coa xente. Pero, ¿quen era realmente? A pregunta facíana os homes e mulleres que o coñecían. A pregunta fixérona as primeiras comunidades cristiás. A pregunta seguímola facendo nós hoxe. ¿Quen é este Xesús, que no nome de Deus se nos ofrece como camiño de autenticidade, que nos leva a ser persoas verdadeiramente humanas, verdadeiramente vinculadas con Deus? ¿Quen dicimos nós que é? ¿Quen é el para nós?
Pedro contesta con palabras atinadas: “Ti es o Mesías”. Pero as palabras non chegan. As palabras moitas veces son tramposas, porque unha palabra pode querer dicir moitas cousas. Para Pedro Mesías quería dicir poder; poder de Deus que se impoñería á forza sobre a xente, que a dominaría, que a traería ao rego. Sobre a xente, sobre os estados, sobre o mundo. O Mesías sería o personaxe poderoso que se imporía pola forza de Deus. Pedro non entendera nada do de Xesús. Xesús aclaroulle as cousas: Mesías si, pero desta maneira: un ser humano servidor a tope coa forza de Deus; un ser humano enfrontándose ao poder, desfacéndose pola xente abusada, abríndonos os ollos e os corazóns, axudándonos a descubrir con frescura as palabras sagradas de Deus como Pai ou Nai, e as palabras sagradas de fillos ou fillas, de irmáns e irmás, para retratar a nosa condición humana. Xesús era Mesías empeñándose niso ata a morte, e máis alá da morte, que por ser morte servidora abríase a unha vida total en Deus. Esa era e é a oferta de Xesús.
Pedro rebelouse contra esta explicación de Xesús. ¿E nós, que? ¿Entendemos ben o ofrecemento de Xesús? ¿Ímolo probando, experimentando, gozando como persoas seguidoras del que dicimos ser? ¿Ou, coma Pedro, vivimos na fantasía dunha relixión feita de solucións de poder e de dominio, que no fondo non nos compromete a nada?

Oración

Queremos entenderte, Xesús.
Quereremos entenderte de verdade,
para poder seguirte de verdade tamén.
O teu parece que non era unha broma,
non era un xogo de poderes sagrados,
por moito que invocases sempre o nome de Deus.
O teu, ao que se ve, era servir,
servir sempre, coa palabra e cos feitos;
entregarte á xente sen medida,
sen nada a cambio.
Entendías a vida coma un servizo,
e descubriches que aí estaba o gran camiño humano,
a máis grande fidelidade a Deus,
a máis grande alegría;
aí estaba a “salvación” persoal e colectiva.
E iso parece que é o que nos ofreces,
co convencemento de quen o ten vivido.
Grazas, Xesús.
Pero queremos chegar a entenderte a fondo,
para poder seguirte con verdade.
Por iso estamos aquí, ante ti.

Acción

Aprendemos a conducir conducindo. Aprendemos a servir coma Xesús servindo. Podemos pensar en algo no que podemos servir a persoas soltas, á comunidade, ao pobo.


17 de setembro: luns da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7,1-10

Nunha ocasión, cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaum. Había alí un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
--Merece que lle fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.
Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
--Señor, non te molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.
Oíndo isto, Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
--Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
E, ao volveren á casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.

Meditación

Podemos considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio. Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben. Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.
Ben é que esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada, á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.

Oración

Bendito centurión,
chufado por ti, Xesús.
Bendito centurión,
que non se deixa condicionar polo ambiente negativo.
Bendito centurión,
aberto ao distinto, ao novo, ao descoñecido.
Bendito centurión,
atento ao que pasa, distinguindo e valorando.
Bendito centurión,
que se deixa cativar pola túa presenza, Xesús.
Bendito centurión,
que acode a ti, á túa forza de ben.
Bendito centurión,
exemplo de fe simple e fonda, razoada.
Bendito centurión,
que nos regalou unha humildísima confesión de fe:
“non son merecente de que entres baixo o meu teito”,
“abonda cunha palabra túa para que cure”.
Bendito ti, Xesús,
que tal fe promoves e sostés.

Acción

¿Somos ou non somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo, ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar algo na nosa fe.


18 de setembro: martes da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7, 11-17

Un día foi Xesús a unha vila chamada Naín, co grupo que o acompañaba máis de cerca e con outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar a un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; esta ía acompañada por moita xente da vila. Ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
--Non chores.
E achegándose, tocou o cadaleito –os que o levaban pararon— e dixo:
--Rapaz, falo contigo, érguete!
O morto incorporouse e empezou a falar, e Xesús entregoullo á súa nai. Toda a xente quedou impresionada e loaba a Deus dicindo:
--Un grande profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
E a noticia do feito correu por toda aquela comarca e pola Xudea enteira.

Meditación

Noutros casos é a xente en aperto a que acode a Xesús, a que berra, a que pide. Aquí non. A desgraza está alí, ben representada nesa muller viúva, cando a viuvez era xa en si mesma unha desgraza grande, enterrando o seu fillo único aínda ben novo. A xente doída acompañaba a muller. Xesús ve o cadro e actúa. El dá o primeiro paso. Soamente o evanxelista Lucas narra este suceso, que se suma ás moitas intervencións de Xesús a favor da xente vulnerable. Podemos discutir o que hai de milagre ou non; non dubidamos da paixón de Xesús pola debilidade e a súa vontade firme e eficaz de actuar sempre levando alivio e abrindo camiños e esperanzas. Como persoas, como comunidades cristiás, ¿somos das que dan o primeiro paso, das que non agardan na súa casa a que as noticias cheguen, se chegan? Como di o Papa Francisco, ¿primereamos?

Oración

Andar os camiños,
coma ti, Xesús.
Ter os ollos sempre abertos,
coma ti, Xesús.
Levar o corazón sempre na man,
coma ti, Xesús.
Doerse a fondo das dores alleas,
coma ti, Xesús.
Achegarse e tocar os sinais da dor,
coma ti, Xesús.
Ter palabras de consolo e de alento,
coma ti, Xesús.
Facer o posible e o imposible por remediar a situación,
coma ti, Xesús.
Agradecer e celebrar os progresos da xente, do pobo,
coma ti, Xesús.
Gozar do teu ben.
Espallar o teu ben!
Quen mo dera, Xesús, quen mo dera!

Acción

É ben que non nos pechemos na casa, coa TV, co que sexa. É mellor saír, bater coa xente, visitar veciños e veciñas. E facelo cos ollos e co corazón aberto. Ao estilo de Xesús. Seguro que algo novo nacerá en nós, de nós. Probemos, a ver.


19 de setembro: mércores da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7, 31-35

Unha vez dixo Xesús:
--¿Con quen compararei a xente desta xeración? ¿A quen se asemella? Semellan esas criaturiñas que, sentadas nos rueiros, berran entre si, dicindo: “Tocamos a frauta e non bailastes, entoamos lamentos e non chorastes”. Porque aparece Xoán Bautista, que non come pan nin bebe viño, e dicides: “Ten o demo no corpo”. E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo dos cobradores de impostos e da xente pecadora”. Con todo, a xente filla da sabedoría si que lle deu creto.

Meditación

Cando non se quere, non se quere. Pasa coa fe en Xesús e con calquera outra cousa. Pasa sobre todo con todo aquilo que nos revolve algo, que nos cuestiona algo, que nos empuxa a saír das nosas comodidades e rutinas. É incrible a capacidade que temos de poñer obxeccións, de amorear dificultades, reais ou inventadas, con tal de poder seguir no meu, no que eu penso, no que eu fago. Pódennos entrar por aquí e por alí, que tanto dá.
Iso foi o que Xesús observou en moita xente contemporánea súa. ¿E que facemos nós e a xente contemporánea nosa? ¿Qué facemos coa proposta de Xesús, chamándonos a un recoñecemento de Deus como Pai maternal, próximo e implicado a fondo no ben da nosa vida? ¿Qué facemos coa proposta de irmandade real, de solicitude cara todo aquilo que é débil –persoas ou realidades sociais ou natureza--? ¿Qué facemos co seu criterio de entender a vida como servizo? ¿Qué facemos coa súa práctica exemplar de gozar comendo e bebendo, cando sexa o caso, e de alternar con xente de mal nome e conduta? ¿Qué facemos coa súa manía de andar sempre envolto con persoas débiles, marxinais?

Oración

Como lle pasa a tantísima xente, Xesús,
as escusas amoréanse no meu interior
para recuar ante as túas propostas,
ou para darlles creto a medias,
ou para aprobalas coa palabra,
pero seguir máis ou menos instalado no meu.
Pídoche perdón.
Pídolle perdón
a toda a xente ante a que me confeso cristián,
para defraudala logo cos meus feitos.
Gustaríame formar grupo
cos fillos e fillas da Sabedoría que che dan creto,
que se fían de ti con verdade,
e medran día a día no teu seguimento.
¿Cando, meu Deus, tirarei as barreiras
que che impiden entrar e agasallarme
co que ti queiras?

Acción

¿Cómo reaccionamos ante calquera proposta que nos chegue de fóra, sexa da comunidade cristiá, sexa do mundo civil, invitándonos a participar, a enredarnos en cousas de humanidade, de mellora social, de crecemento persoal? ¿Sopesámolas con boa disposición ou de entrada botamos man de escusas ou desculpas?


20 de setembro:  xoves da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7, 36-50

Unha vez un fariseo convidou a Xesús a comer. Xesús entrou na súa casa e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vida, sabedora de que estaba alí Xesús, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando e comezou a regarllos coas báboas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume. Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
       --Se este fose un profeta, coñecería quen é e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
Xesús tomou a palabra a díxolle:
       --Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
        --Pois dimo, Mestre.
        --Había dúas persoas que lle debían cartos a un prestamista; unha debíalle cincocentos denarios e o outra cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, o prestamista perdooulles ás dúas persoas. Ora, ¿quen delas o amará máis?
Respondeulle Simón:
        --Supoño que aquela a quen máis lle perdoou.
El contestou:
         --Ben dito.
E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
       --¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela dende que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
E díxolle a ela:
         --Os teus pecados están perdoados.
Entón a demais xente convidada empezou a comentar entre si:
         --¿Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
Pero el díxolle á muller:
            --Salvoute a túa fe, vai en paz.
           
Meditación

Hai dúas olladas coas que podemos mirar para nós e para a xente que nos rodea: a ollada do corpo e a ollada do corazón. A ollada do corpo depende da ollada do corazón. Se a ollada do corazón é limpa, transparente, pacífica, perdoadora, solidaria, xusta, misericordiosa, tamén a ollada do corpo será así. O evanxeo de hoxe fálanos destas dúas olladas, unha a do fariseo: unha ollada superficial,  legalista, acusadora, excluínte, insolidaria, propia de quen se cre persoa perfecta, unha ollada que pecha camiños e vidas, unha ollada triste, amarga e que entristece e crea amargura tamén; outra a de Xesús: unha ollada que vai ao fondo onde ve ou intúe procesos fondos, unha ollada incluínte, solidaria, perdoadora, propia de quen comunga coa fraxilidade humana e ansía o ben das persoas e por iso acaba abrindo camiños de vida; unha ollada leda, esperanzada, que suscita alegría e esperanza, que remata en bágoas de amor e felicidade.
Que diferentes son as persoas, os que miran e as miradas, cando ollamos coa ollada de Xesús! Que diferente sería o mundo, se educaramos un pouco a nosa ollada para aproximala algo á de Xesús!

Oración

            Quen me dese, Xesús,
            ollar como ti ollas!
            Quen me dese ter o corazón pacificado
            como ti sempre demostras telo!
            Quen me dese unha ollada amante,
            para poder ver a xente toda con comprensión e esperanza!
            Quen me dese ter unha ollada iluminada,
            para poder ver ou intuír fonduras aparentemente ausentes!
            Quen me dese ter unha ollada inocente,
            para detectar e suscitar inocencias!
            Quen me dese ter unha ollada sabia,
            para transmitir sabiamente perdón e alentos para o cambio!
            Quen me dese, Xesús, sentir sobre de min
            a mesma ollada túa que tanto agradeceu a pecadora!
            Quen me dese ollarme a min mesma, Xesús,
            cos ollos acolledores cos que ti me ollas!

Acción


¿Como ollamos habitualmente a xente? Podemos repasar o noso xeito de ollar sobre as persoas que nos rodean, maiormente sobre aquelas que nos parecen máis negativas. ¿Que poderiamos facer para cambiar o noso corazón, para que así cambie tamén a nosa maneira de ollar e estar coa xente?


21 de setembro: venres da 24ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Mateu.

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Un día, ao pasar viu Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:
--Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
E resulta que, estando á mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente pecadora e puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de cerca. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda Xesús:
¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e xente pecadora?
El oíunos e dixo:
--Non son as persoas sas senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.

Meditación

Xesús era escandaloso. Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un “publicano”, que así chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista por seren axentes do sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de convidalo a formar parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír fonduras de ben nas persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era fondamente acolledor. Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que asisten recadadores de impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con alguén, daquela moito máis ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración, de comuñón. Xesús móvese polo principio de misericordia, que o levaba a arrimarse a xente que andase en debilidade de calquera clase: de saúde, de diñeiro, de moral. Xesús era un reparador de vidas feridas. Iso valía máis que os rituais relixiosos, que as normas sagradas de pureza e de exclusión.
Se andamos en calquera debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de Xesús. Se nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera debilidade, temos en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a debilidade cos criterios mesmos de Deus.

Oración

Sentemos á mesma mesa,
no nome de Xesús,
compartamos pan, soños e esperanzas
sen rituais predefinidos,
sen exclusión de ningún tipo;
conversemos abertamente para mellor coñecernos,
para dicirnos o que nos enche o corazón,
para comprendernos mellor,
para querermos mellor,
para servirnos mellor.
Pousemos os xuízos e prexuízos,
admiremos o don de Deus
agochado quizais en aparencias esquivas.
E fagamos disto
a lei maior da nosa vida.
No nome de Xesús.

Acción

¿Funcionamos con prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra maneira?



22 de setembro: sábado da 24º semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 4-15

Unha vez, xuntouse onda Xesús moita xente chegada de moitas vilas e el propúxolles esta parábola:
--Saíu un labrego a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo beira do camiño; a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu en terreo pedregoso, pero, aínda que xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ao medrar o silveiral, afogouna. Outra caeu en boa terra, xermolou e deu o cento por un.
A continuación exclamou:
--Quen teña oídos para oír, que escoite.
Entón a xente que o acompañaba de cerca preguntoulle que significaba aquela parábola. El respondeu:
--A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que vendo non vexan e escoitando non entendan.
A parábola significa isto: a semente é a palabra de Deus. As do camiños son as persoas que, tan pronto como oen a palabra, vén o Satán e arrapáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. As do terreo pedregoso son aquelas persoas que, cando oen a palabra, acóllena con alegría, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, máis, cando vén a tentación, abandonan. As das silvas son as persoas que escoitan a palabra, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, afogan e non chegan a madurecer. As da terra boa, son aquelas que con bo e xeneroso corazón escoitan a palabra, retéñena e producen froito coa súa perseveranza.

Meditación

O que a parábola nos vai aclarando con precisión é que todas as persoas recibimos a diario moitas achegas boas, que nos veñen de Deus como palabra súa, frecuentemente a través da normalidade da vida. Agora ben, non chega con que esa semente caia en nós, para que prenda en nós e se converta en nós nun froito madurecido. Cómpre atendela, coidala, traballala, deixar que colla fondura e lentura en nós, pelexar por ela, dedicarlle tempo, perseveranza. Sábeo moi ben a xente do campo: non chega con botar a semente na terra. Canto hai que esforzarse e suar para poder recoller froitos dela! Pois co ben de Deus en nós pasa outro tanto.
Ao mellor, por exemplo, gustaríame ser un bo home para a miña muller, ou unha boa muller para o meu home; ese desexo bo é xa unha palabra de Deus dentro de min. Pero a este desexo teño logo que lle ir dando corpo; ver como lle falo á miña parella, como colaboro con ela na casa, como me preocupo por como lle vai no traballo, como a respecto no seu xeito particular de ser, como a perdoo cando erra, como comparto con ela momentos felices etc, etc. Facer todo isto supón atención, esforzo, sacrificio, perseveranza. Pero é así como o desexo bo inicial se converte nun froito gustoso dunha convivencia feliz. E como este hai mil exemplos máis na vida.

Oración

Que a túa palabra, falada con mil linguas,
se faga en min semente produtiva.
Que atope en min terra branda, traballada,
e non a beira dura dun camiño,
onde un paxaro calquera a lavará no peteiro.
Que a túa palabra, dita de mil xeitos,
atope en min terra con lentura
onde enraizar e medrar
a proba de tentacións e contratempos.
Que a túa palabra, abundante e gratuíta,
non morra en min
tristemente afogada
no medio de afáns, riquezas e praceres.
Que a túa palabra, fonte de toda abundancia,
atope en min terra boa, preparada, regada,
con coidado traballada,
e me faga abundante en froitos,
onde o próximo poida vir, coller e fartarse.

Acción

Podemos reparar a ver se en algo nos está pasando o que anuncia a parábola: que a palabra de Deus, que case sempre ten rostros moi humanos, estea chegando a nós e polo que sexa non lle deixemos frutificar en nós. Nese caso, podémolo corrixir. E se vemos que lle estamos prestando atención e facendo todo o posible para que dea froitos en nós, daquela podémolo agradecer e gozarnos con iso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.