05 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 27ª semana


7 de outubro: domingo 27 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 2-16

Unha vez achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido a un home repudiar a muller. El replicoulles:
--¿Qué foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
--Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
--Tendo en conta a dureza do voso corazón escribiu Moisés para vós esa norma. Pero dende o principio da creación fíxoos home e muller. Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa na casa, as persoas que acompañaban a Xesús volvéronlle a preguntar acerca disto. El díxolles:
--O que repudia a muller e casa con outra comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

Meditación

Nestes tempos, a partir do escrito do Papa “A ledicia do amor”, estamos falando moito deste tema do divorcio. Hai quen se opón frontalmente a que as persoas divorciadas en ningún caso poidan integrarse totalmente na vida da comunidade cristiá, a non ser que rompan coa nova parella coa que se uniron despois de divorciarse; e hai quen pensa co Papa, a maioría, que se poden dar casos nos que, despois de pensalo ben, se poidan incorporar de todo á comunidade sen renunciar á segunda parella.
O Evanxeo fala dunha práctica machista que se daba naqueles tempos: por calquera nimiedade o home podía despedir a muller. Por iso se dicía: “O que Deus uniu, que non o separe o home”, porque o home era o que podía despedir a muller. A muller, en todo caso, podería abandonalo. Xesús rebélase contra esa práctica machista. E para iso recorre ao convencemento de que home e muller fomos creados con idéntica dignidade, e como iguais nos hamos xuntar en casamento, se así o queremos, facendo unha soa carne. Xesús soña con unións fondas, permanentes, repletas de vida, de igualdade, de Deus.
Pero Xesús non ignora a fraxilidade humana, a “dureza de corazón” coa que ás veces nos movemos. Xesús, sen renunciar ao seu soño de parella, comprendería os fracasos de moitas parellas e non pecharía ningún camiño de superación deses fracasos, desde a reconciliación á ruptura, na busca sincera de algo bo para a vida de pai, nai e crianza. Frecuentemente nos movemos con bastante superficialidade con estes temas, igual que facían os contemporáneos de Xesús, aínda que sexa con diferentes propostas. O Evanxeo invítanos a non xogar coa parella, a non xogar coa amor, a non xogar coa crianza e, en todo caso, se hai que desandar pasos mal dados, facelo con suma cautela, desde un maior amor, para un mellor amor.

Oración

Grazas, meu Deus,
por nos faceres persoas chamadas á unión
desde a cerna última do noso ser.
Grazas, meu Deus,
porque quixeches para os seres humanos
unións de igualdade,
e non de dependencia e dominio,
que no fondo non son tales unións.
Grazas por nos chamares a unións íntimas
onde corpo e espírito se conxugan
para os mesmos gozos e traballos,
para as mesmas esperanzas e ledicias.
Grazas porque nos invitas
a vivir en unións,
a medrar en unións,
a coidar as unións exquisitamente,
canto máis íntimas con máis dedicación e esmero.
Grazas porque es amigo das pequenas unións de cada día,
e das grandes e amplas unións
que se viven no social, no político,
entre grupos e pobos diversos.
Grazas porque nos chamaches ás infinitas unións
que se forxan no teu seo,
ás que desde agora mesmo
nos permites a entrada de maneira real e misteriosa.
Grazas polo Corpo e o Sangue de Xesús,
o Corpo e o Sangue da xente máis vulnerable,
ao redor de quen nos invitas a Grande Unidade.

Acción

Bo día este para revisar como nos estamos tratando dentro da parella, nesa experiencia de unión no amor na que hai máis ou menos tempo nos temos embarcado. Seguro que atoparemos cousas que celebrar, pero tamén cousas que mellorar. Igual nos faría ben ler con calma, se pode ser en parella, mellor, o libriño do Papa Francisco titulado “La alegría del amor”.


8 de outubro: luns da 27ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 10, 25-37

Unha vez ergueuse un letrado e preguntoulle a Xesús para o poñer a proba:
--Mestre, ¿qué teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeu:
--¿Qué pon a Lei? ¿Qué les?
Contestou:
--Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo como a ti mesmo.
E díxolle Xesús:
--Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
--E ¿quen é o meu próximo?
Xesús contestoulle:
--Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono un bandidos, que, despois de o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou de baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo e pasou de largo. Pero unha persoa de Samaría, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
--¿Quen desas tres persoas che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
--A que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
--Pois ti vai e fai outro tanto.

Meditación

É ben raro que só o evanxelista Lucas nos conte esta parábola, co fermosa que é e co ben que nos mostra a orixinalidade de Xesús, a súa maneira particular de entender a vida relixiosa, a fidelidade a Deus, como se pode amar e servir a Deus, como se pode acceder á vida xa mentres vivimos e mesmo despois da morte. Xesús non era absolutamente orixinal, porque na tradición profética do Antigo Testamento xa lemos mensaxes semellantes. O que chama aquí a atención é a diferenza de comportamentos entre os dous clérigos (sacerdote e levita) e a persoa de Samaría, porque a xente de Samaría tiñan fama de xente desalmada, xa que se arredaran das prácticas relixiosas xudías no templo de Xerusalén. E curiosamente foi aquela persoa samaritana e non os clérigos a que de verdade honrou a Deus.
Todo o debuxa Xesús á perfección para que nos quede ben claro que, por riba de calquera práctica relixiosa, o cerne do culto e amor a Deus xógase na vida, na maneira como tratamos á xente ferida, coa que imos batendo na vida. Hai pouco o Papa Francisco felicitaba as ONGs que se dedican a recoller persoas que naufragan no Mediterráneo, dicíndolles que eran a xente samaritana de hoxe. Pero, sen ter que ir ao Mediterráneo, todo o mundo podemos vivir o noso amor a Deus atendendo moita xente vulnerable que vive ao noso redor.

Oración

Oio a Deus que me di:
Non me preguntes como quererme,
como servirme, como reverenciarme,
como darme o mellor culto;
sábelo de sobra.
Sae aos camiños da vida,
non poñas escusas, por moi sagradas que che parezan,
para evitar bater coa xente marxinada,
con grupos marxinados,
con pobos e continentes marxinados,
achégate, déixate conmover,
le,
coñece,
toca,
ama,
coida,
inviste tempo, cartos, ansias, memorias,
e a vida xermolará en ti na mellor primavera.
E logo vén ao templo e falemos,
e abracémonos.
A pregaria do templo será eco dos feitos da rúa.
Os feitos da rúa porán verdade nos rezos do templo.

Acción

Se somos xente preocupada por mellor amar a Deus, podemos preguntarnos se na nosa vida concreta estamos pasando de largo ante algunha situación de xente ferida; podemos preguntarnos como sos ou co apoio doutras persoas podemos dar apoio a quen padece, persoas, grupos sociais, países enteiros. A caridade ás veces demanda reclamar xustiza, dereitos; demanda tamén movida social, política.


9 de outubro: martes da 27ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 10, 38-42

Un día entrou Xesús nunha aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que, sentada aos pés de Xesús, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose, dixo:
--Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min soa servindo? Dille que me bote unha man.
Pero o Señor respondeulle:
--Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

Meditación

Todo o mundo lle dariamos a razón a Marta, que ademais fora a que invitara e acollera a Xesús na súa casa. ¿Qué nos pasaría, sen a xente que se preocupa polas mil cousas miúdas, pero imprescindibles, das que se compón a vida, o benestar diario? Polo tanto Xesús non nos invita a pasar deses servizos miúdos que fan agradable a vida.
Xesús invítanos a non contentarnos con iso. Podémonos ver, acollernos, obsequiarnos con cousas, mesmo dicirnos palabras durante horas enteiras, sen nos comunicar a un nivel fondo: nin falamos do que na vida nos doe ou nos aleda, nin nos facemos capaces de escoitar o que a outras persoas lles doe ou lle dá ledicia na vida. Xesús invítamos, logo, a unha relación de corazón a corazón. Relacionarnos así coa xente vainos habilitando para relacionarnos con Deus, que lle gusta andar agachado alí onde as persoas vibran, onde sofren e festexan.

Oración

Sentar,
acougar,
pararme ao lado da xente,
pararme no paso da vida,
pararme onda ti, meu Deus.
Sentar,
acougar,
escoitar,
afiar os oídos do corpo e do corazón,
os oídos do espírito,
para percibir a vida
na súa presenza ou na súa ausencia,
para acoller os gozos da vida,
as queixas e dores da vida.
Sentar,
acougar,
escoitar,
enchouparme da vida,
enchouparme de ti, meu Deus,
e logo vivir,
vivir a tope,
vivir ao ritmo da vida,
vivir ao ritmo de Deus.
Coma ti, Xesús.

Acción

Podemos facer o esforzo por parar hoxe un momento, 15, 20 minutos, escoitando as voces que resoan no noso interior, escoitando a vida que xorde en nós. Ou, se alguén nos visita, podemos esforzarnos por escoitalo a fondo, con atención ao que di, ao que hai no fondo do que di. Facéndoo, escoitamos a vida, escoitamos a Deus.


10 de outubro: mércores da 27ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 1-4

Dunha vez, cando Xesús estaba orando en certo lugar, unha das persoas que andaban canda el pediulle:
--Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ás persoas que o acompañaban.
Respondeulles Xesús:
--Cando recedes, dicide:
Pai, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, dános cada día o noso pan, perdoa os nosos pecados, porque tamén perdoamos nós a quen nos debe algo; e non nos deixes caer na tentación.

Meditación

Que fermoso debía ser ver rezar a Xesús! Véndoo daban ganas de rezar, de rezar coma el. O que sabemos sobre a oración de Xesús é que lle gustaba rezar, que pasaba tempos só ante o Pai/Nai do ceo, que as súas oracións eran máis ca nada como exclamacións cheas de vida e de sentimento. Que saibamos, Xesús non escribiu oracións, como fai quen isto está escribindo. A única oración que nos deixou foi esta do Noso Pai, ben sinxela e directa por outra banda:
Primeiro que Deus sexa santificado entre nós, coa nosa vida honrada, irmandada; que a súa santidade, feita de xustiza sen límites para defender a xente vulnerable, e feita de misericordia sen recortes, luza entre nós. Logo ter pan, o pan que cada día necesitamos para vivir; non máis, non menos; e que o teña todo o mundo; logo o perdón de Deus para curarnos dos nosos pecados, como unha escola onde aprender a perdoarnos entre nós; perdoar, perdoar sempre, o mal que nos fan; facer da dignidade de quen nos rodea a grande ilusión da nosa vida; baleirarnos para enchernos da irmandade, para enchernos de Deus. E por último sermos fortes cando o mal, agochado de calquera maneira, pretenda meterse na nosa vida.

Oración

Grazas, Xesús,
porque nos ensinas a rezar,
con poucas palabras, con moito sentimento,
desde a verdade da vida,
desde a verdade de Deus.
Grazas, Xesús,
por levarnos sempre cara ao sinxelo,
cara ao elemental,
cara ao realmente necesario:
a santidade de Deus nas nosas vidas,
o pan compartido,
o perdón indo e vindo sen reparos,
e o afán cauteloso de que sexa o ben,
só o ben,
o que oriente e encha as nosas vidas.
E con estas ansias no corazón
empezar e rematar as nosas xornadas,
no teu nome,
no nome do Deus da vida que sempre nos acompaña.
Amén.

Acción

¿Rezamos algo diariamente? ¿Poderiamos rezar algo en familia ao comezo, ao final do día? Que fermoso sería un Noso Pai diario en familia en calquera momento do día. Rezar ben axúdanos a vivir ben, con ánimo, felices. Fagamos a proba unha tempada.


11 de outubro: xoves da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 5-13

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
--Supoñede que calquera de vós ten un amigo ou amiga, que vos presentades na súa casa pola noite, e desde fóra lle dicides: “Amigo, amiga, déixame tres bolos de pan, que me veu outro amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E ese amigo ou amiga desde dentro responde: “Non me amoles; está a porta pechada, eu e máis a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde logo que, se non se ergue para llos dar por se tratar dunha persoa amiga, polo menos pola túa insistencia erguerase e hallos dar.
Por iso dígovos: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que todo o que pide recibe, o que busca atopa e a quen peta abriráselle”. Ou logo ¿qué pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra; ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos e fillas, ¡canto máis o Pai celestial lle dará o Espírito Santo a quen llelo pida!

Meditación

Este pedaciño de Evanxeo é continuación do Evanxeo de onte sobre a oración. Xesús segue aprendendo a rezar ás persoas que lle dixeran: “apréndenos a rezar”. Dentro desas persoas que tal desexan estamos, xaora, tamén nós. E Xesús nesta ocasión insístenos en dúas cousas: primeira, ser constantes na nosa pregaria; pedir, buscar, petar son actitudes propias de quen de verdade ansía algo e se dispón por todos os medios posibles para poder conseguilo. Pedir, buscar, petar é algo propio de quen anda pola vida co corazón aberto, buscando darlle entrada na súa vida a todo canto ben nos vén da mesma vida, das persoas coas que nela batemos, do Deus que de mil maneiras se achega a nós cos seus dons. Se andamos pola vida como persoas pechadas á graza e aos dons da vida, da xente, nunca acertaremos a rezar ben.
E a segunda cousa na que insiste Xesús é que recemos sempre con moita confianza. Diante de nós non temos un Deus cutre, agarrado, avarento, senón un Pai ou Nai espléndida que goza compartindo os seus dons. Os regalos de Deus non son cousas materiais, como se fose o señor da lotería; Deus é abundante no Espírito Santo, que é paz, forza, alento, perdón, berro cara a xustiza, foco de unión, frescura na fogaxe, resistencia…, todo iso que precisamos para ir conseguindo o que na vida nos pode dar unha dignidade feliz.
Os dons de Deus non suplen o noso esforzo. Os dons de Deus axudan a que o noso esforzo frutifique en toda clase de bens, espirituais e mesmo materiais. Os dons de Deus superan os nosos esforzos por moi grandes que estes sexan.

Oración

Quéresme, meu Deus, tan persistente,
como se todo dependese das miñas forzas;
e tan confiada e entregada,
como se todo dependese absolutamente de ti.
Quéresme revolvendo ceo e terra,
coma quen todo o necesita e non ten nada;
pero tamén abandonada e libre,
coma quen non necesita nada para vivir.
Quéresme buscadora, emprendedora,
coma o home de negocios máis infatigable;
e tan felizmente desinteresada,
coma o meu canciño deitado ao sol do mediodía.
Quéresme inqueda e espelida,
coma as laparadas de lume no silveiral;
máis tamén docemente sosegada,
como as horas mainas dun atardecer de outono.
E quéresme así, meu Deus,
quéresme así, porque me queres.
Grazas!

Acción

¿Angustiámonos con facilidade ante determinadas situacións da vida persoal, social, política? ¿Qué papel pode xogar a nosa fe cristiá, a nosa oración neses momentos? Neses casos podiamos rezar insistentemente así: Confío en ti, meu Deus; con Xesús confío en ti.


12 de outubro: venres da 27ª semana do Tempo Ordinario. Festa da nosa Señora do Pilar.

Evanxeo: Lc 11, 27-28

Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
--¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
Pero Xesús replicoulle:
--Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

Quizais nunca Santiago veu a España, nin a Zaragoza, nin ao mesmo Santiago de Compostela. Quizais nunca, polo tanto, se atopou Santiago coa nosa Señora sobre dun piar en Zaragoza. Pero na vida moitas veces vivimos de historias, de lendas, que van configurando a nosa maneira de ser, de pensar, de crer. O importante, neste noso caso, é ver se esa lenda da nosa Señora do Pilar nos orienta ben cara a unha vida cristiá apegada ao Evanxeo de Xesús. E o Evanxeo de Xesús de hoxe fálanos da admiración que Xesús causaba na xente, ata o punto que unha muller exclamou o que nós tamén adoitamos dicir en situacións similares: “Bendita a nai que te pariu”. A nosa Señora, en calquera das súas advocacións, participa algo desta admiración por Xesús, pero sempre é Xesús o centro.
Por outra banda, Xesús mesmo nos advirte que esa relación familiar, de carne e sangue, tan íntima como pode ser a da mesma maternidade e a da crianza, non é tampouco o máis importante. O importante é escoitar, gardar e cumprir a palabra de Deus que nos pode chegar de maneiras moi diversas na vida. Nisto Santa María é un bo exemplo para nós: escoitou, acolleu e cumpriu. Asentándonos niso, a nosa vida cristiá estará asentada nun bo piar.

Oración

Santa María, señora do Pilar,
que a morea enorme
de flores aos teus pés
nós leve a admirar
a túa humilde sinxeleza,
a túa capacidade de escoitar
as múltiples voces de Deus na vida,
a túa capacidade de gardar a palabra,
de deixar que colla corpo en ti
e de convertela nunha vida aberta a Deus e á xente.

Santa María, señora do Pilar,
que a morea multicolor
de flores aos teus pés
nos leve a admirar a Xesús,
na súa habilidade desmedida
de acoller a toda clase de xente marxinal,
coa súa particular historia desfeita,
coa súa dignidade maltratada.

Santa María, señora do Pilar,
lévanos onda Xesús,
para formar con el unha familia nova, universal,
na que a xente débil sexa sempre o centro
da nosa fe, das nosas ansias comunitarias.

Acción

É normal que teñamos un fondo respecto e agarimo por Santa María, a nai de Xesús. Se participamos nalgunha celebración na súa memoria, por respecto a ela precisamente fagámolo con sentido, non coma unha feira relixiosa onde todo se compra e se vende.


13 de outubro: sábado da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 27-28

Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
--¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
Pero Xesús replicoulle:
--Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

Cadran así as cousas e hoxe tócanos o mesmo evanxeo que xa onte acollemos. Reparamos hoxe na admiración que Xesús provocou naquela muller do pobo, que acabou proclamando ditosa á nai que o concibira e que o parira. A admiración en si é unha das grandes actitudes humanas que nos pode levar da man a unha vivencia relixiosa auténtica. Admirar é estar aberto ao fermoso, ao sorprendente, ao marabilloso que nos rodea, sexa isto algo grande ou algo pequeno; pero tamén é estar aberto ao feo, á desgraza, á desfeita da natureza, á desfeita de tanta xente fráxil (pobre e rica) que hai polo mundo. Admirar é estar aberto a ese mundo interior noso, que nunca comprendemos abondo, misterioso, que nos introduce no mundo do misterio, no mundo do descoñecido que nos desborda. Admirar vólvese case imprescindible para crer, para vincularse a Xesús, para vincularse a Deus. Admirar leva a agradecer, a adorar, a amar, a implicar a propia vida, á dispoñibilidade. E para admirar necesitamos poder contemplar as cousas, as vidas, as persoas, a propia persoa; necesitamos espazos e tempos de silencio na vida.
O evanxeo de hoxe invítanos a admirar a Xesús, a Deus nel; invítanos a que, como persoas seguidoras del, coa nosa vida cristiá provoquemos tamén a admiración por el. Que, véndonos a nos, a xente poida dicir: que marabilloso debe ser o Deus que os sostén, para viviren eles coa humanidade coa que viven.

Oración

Que grande te nos mostras, meu Deus,
no cosmos, na natureza saída das túas mans!
Que singular e creativo te apareces
en cada home ou muller, orixinal, irrepetible!
Que misteriosamente próximo te presentas
no teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teu!
Que íntimo e familiar te me ofreces,
acompañándome coma un amigo fiel que me comprende!
Que grande es no Espírito co que nos agasallas,
para afirmarnos en ti, para sustentarnos na dor!
Que sinxelo e marabilloso te nos fas
en quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!
Que marxinal e esixente te nos mostras
na metade dos seres humanos que escasamente son!
Meu Deus, admírote e adórote,
agradézote e entrégome a ti.

Acción

Podemos ser e manifestarnos como persoas relixiosas en moitas circunstancias da nosa vida, fóra da igrexa e do que na igrexa celebramos, porque Deus está en todo. ¿Descubrímolo así na vida? ¿Poderíamos estar máis atentos dalgunha maneira a esta súa presenza na vida?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.