01 novembro, 2018

Tempo Ordinario: 31ª semana


4 de novembro: domingo 31 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Unha vez un letrado achegouse a Xesús e preguntoulle:
--¿Qué mandamento é o primeiro de todos?
Xesús respondeulle:
--O primeiro é: “Escoita, Israel: o Señor, noso Deus, é o único Señor, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todo o teu ser.” O segundo é: “Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
O letrado replicou:
--Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todo o ser, e o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
--Non estás lonxe do reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

¿Que é para nós ser unha persoa cristiá? ¿En que se podería distinguir unha persoa cristiá doutras que ao mellor non o son? ¿Qué responderiamos nós? Xesús tíñao moi claro. Unha persoa cristiá, unha persoa que tivo a sorte de sentirse atraída polo Deus de Xesús, sería normal que se distinguise por andar sempre envolta en experiencias de amor; iso si, collendo esta palabra nun sentido fondo, amplo, sinxelo e serio a un tempo, e fuxindo dun amor que soe unicamente a garatuxas que non levan a case nada.
O amor co que Xesús nos pide amar a Deus é un amor total: con todo o corazón, con toda a alma, con todo o entendemento, con todo o ser. Nada queda fóra desa dinámica amorosa, nin o afecto, nin a intelixencia, nin o espírito, nin o fondo máis fondo do noso ser. Con ese mesmo amor de calidade pídenos Xesús que nos amemos a nós mesmas, e que amemos a xente que nos rodea. Amar así non é nada trivial; amar así convértese nunha grande aventura, a máis grande aventura humana. Deus é amor, os seres humanos todos, criaturas de Deus, somos tamén amor e polo amor e para o amor estamos feitos. Aventura marabillosa, arriscada, esixente, que nos pode encher de felicidade.

Oración

Quéresme amando, Xesús,
no corpo e a corpo e nos espazos longos.
Quéresme amando
nas horas de cruz e nas horas de gloria.
Quéresme amando
a quen me cae ben e a quen aborrezo.
Quéresme amando
a quen lle caio ben e a quen me aborrece.
Quéresme amando
con sinxeleza e con intelixencia.
Quéresme amando
servindo, acompañando, alentando.
Quéresme amando
desde as relacións cotiás, desde a participación social, política.
Quéresme amando
con todo o meu ser, con todas as miñas facultades.
Quéresme amando
coa miña palabra, cos meus afectos, cos meus cartos.
Envólveme no amor de Deus, Xesús,
para que eu me poida desenvolver sempre no amor.

Acción

No amor nunca hai límites, sempre podemos avanzar. Seguro que non nos custa descubrir aspectos, campos, persoas onde o noso amor é cativo. Seguro que vemos claro por onde avanzar. Seguro que podemos dar pasos para realizar en nós o soño de Deus.


5 de novembro: luns da 31ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 12-14

Nunha ocasión díxolle Xesús a un xefe dos fariseos que o invitara a comer:
--Ti, cando deas un xantar ou unha cea, non invites a xente amiga, irmáns, irmás, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida a xente pobre, eivada, coxa, cega; e será ditoso, porque non te poden recompensar; pera xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

Meditación

En case todas as cousas da vida vivimos dando porque esperamos que nos dean: amamos porque esperamos ser amadas, traballamos porque esperamos ser pagadas, coopero con alguén porque espero que cooperen comigo cando me faga falla, pago impostos porque me van dar servizos públicos, e así moitas cousas. E bo é que polo menos funcionemos así; non lle falta certa lóxica a este tipo de comportamentos. Pero o certo é que isto de dar só cando espero que me dean, no fondo non deixa de agochar un importante egoísmo, unha especie de egoísmo colectivo.
Xesús, sempre tan provocativo, invítanos a ir máis alá desta lóxica, e ponnos ante o reto de dar cando non contamos que nos dean, de servir a quen non poderá facelo connosco, de facer calquera favor a quen non nolo poderá devolver. Xesús, sempre con tanta sabedoría espiritual, humana, prométenos que niso hai unha grande felicidade; facéndoo así, achegámonos, algo polo menos, a ese Deus todo gratuíto, co que bateremos cara a cara cando resucitemos no seu seo. A recompensa será ver e gozar desa aproximación vital ao Deus fonte de todo ben.

Oración

Que difícil é, Xesús,
saírmos da lóxica tan racional
de dar esperando que me dean!
Que difícil é, Xesús,
apostar por vivir gratuitamente
poñendo en segundo plano o interese persoal!
Que difícil é, Xesús,
aproximarnos así ao ser de Deus,
que fai saír o seu sol sobre persoas xustas e inxustas!
Pero entendo, Xesús,
que non é imposible,
porque “somos da raza de Deus” (Feit 17,28),
e polas nosas veas circula
esa chamada fonda a vivir dando e recibindo gratis.
Que difícil é, Xesús,
pero non imposible,
que para Deus nada hai imposible.

Acción

Podemos dispoñernos a facer algo de forma totalmente gratuíta, sen esperar que se nos devolva en nada o favor. Probemos a vivir algo ao estilo de Xesús.


6 de novembro: martes da 31ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 15-24

En certo momento, unha das persoas convidadas a un xantar díxolle a Xesús:
--Feliz quen coma no banquete do reino de Deus.
Xesús contestoulle:
--Unha vez unha persoa deu unha grande cea e convidou a moita xente. Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase as persoas convidadas, dicíndolles: “Vide xa, que está todo preparado”. Pero todo o mundo empezou a escusarse. Unha das persoas invitadas dixo: “Merquei unha leira e teño que a ir ver; por favor, descúlpame”. Outra dixo: “Merquei cinco xugadas de bois e teño que probalas; descúlpame, por favor”. Outra dixo: “Acabo de casar e non podo ir”.
Volveu o criado e contoulle todo isto ao amo. Entón o dono da casa, moi molesto, mandoulle ao seu criado: “Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá a xente pobre, impedida, coxa e cega.
O criado díxolle: “Xa está feito o que mandaches e aínda hai sitio”. Entón o amo mandoulle: “Vai polos camiños e corredoiras e insístelle á xente para entrar, ata que se encha a miña casa; e asegúrovos que ningunha das persoas convidadas probará a miña cea”.

Meditación

Dúas cousas chaman moito a atención neste relato. Por unha parte está a persistencia da persoa que invita a unha gran cea; está empeñada en que a xente veña, coma, festexe, goce, teña unha experiencia fonda de encontro, de abundancia, de vida, de festa. A invitación empeza, polo que se ve, por xente ben situada en cartos e amores; logo esténdese a xente marxinal que vive e anda polos núcleos de poboación; e ao final a urxente invitación chega a xente totalmente marxinal, que nin sequera ten o acomodo de vivir ou malvivir nunha aldea, e anda polos camiños, como xente refuxiada ou emigrante. A invitación persistente vaise estendendo cara ao máis baixo, cara ao máis fráxil, cara ao máis irrelevante. Así fai Deus. Como se o mesmo Deus fose aprendendo que é no máis marxinal onde máis caso se lle fai ao seu ofrecemento de vida e de fartura.
E a segunda cousa que chama a atención é o desinterese da xente por esa invitación de quen ofrece o banquete. Todo son escusas, todo son supostas ou reais compromisos que poden xustificar a ausencia. Canto custa encher a mesa do reino de Deus! O problema non é que non nos chegue a invitación; o problema é que, cando nos chega, sempre atopamos razóns para esquivala.
No banquete do reino de Deus os manxares son múltiples e saborosos. Todo o que sabe a humanidade forma parte dos manxares do reino de Deus.

Oración

Grazas por invitarme, meu Deus,
ao banquete da vida,
ao banquete da solidariedade,
ao banquete da irmandade real e compartida.
Grazas por ser un Deus de portas abertas,
sempre, sen límites nin distincións,
para que ninguén nunca quede excluído.
Grazas por facer de nós
colaboradoras túas
para realizar na historia de cada día
o teu grande banquete da irmandade.
Grazas por nos urxir a saír polos camiños da vida
e buscar a xente máis precisada
da abundancia fraterna que ti nos prometes.
Que as nosas resistencias, meu Deus,
non afoguen os teus soños de irmandade.

Acción

Seguro que hoxe mesmo dalgunha maneira nos vai chegar de parte de Deus algunha invitación a participar na mesa da irmandade de Deus. A ver se estamos en vela, para poder acudir e non escusarnos.


7 de novembro do 2018: mércores da 31ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 25-33

Nunha ocasión volveuse Xesús cara á moita xente que o acompañaba e díxolle:
--Se alguén vén onda min e non é persoa disposta a deixar en segundo lugar o seu pai e a súa nai, a muller, o home e máis os fillos ou fillas, os irmáns e as irmás, e incluso a súa propia vida, non pode ser discípulo ou discípula miña. Quen non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo ou discípula miña.
Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.
Ou ¿qué rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
Pois así, quen de vós non renuncie a todo o que ten, non pode ser discípulo ou discípula miña.

Meditación

Non se trata de desprezar a familia ou a propia persoa. Ambas, familia e persoa, son realidades que forman parte da nosa existencia, querida así por Deus. Trátase de ver cal é o nervio que unifica e potencia a nosa vida de cada día. Trátase de ver onde se asenta a nosa vida, onde atopa sentido e luz. Xesús dinos que, se queremos ser persoas que gocemos da súa compaña, do seu alento, daquela é necesario estar dispostas a dicir que non a certas esixencias familiares que non vaian co de Xesús; igual que é necesario estar dispostas a romper coas propias apetencias, con aqueles afáns persoais que nos distancien do seguimento de Xesús. Isto pódenos parecer duro, pero non deixa de ser unha condición de madurez que noutros campos da vida tamén o consideramos necesario. É a cruz coa que é necesario cargar cando queremos ser coherentes coas nosas opcións. A molicie, a brandura, non vale para facer persoas consistentes, nin seguidoras ou seguidores de Xesús consistentes.

Oración

Quero madurar ao teu lado, Xesús.
Quero vincularme fondamente a ti
desde a atracción, desde o encanto,
non desde a simple obriga de coherencia.
Quero que o teu Espírito entre a fondo en min
me traballe por dentro e por fóra
e me faga capaz das maiores fidelidades
coa maior normalidade e humildade.
Quero madurar ao teu lado, Xesús,
ao lado tamén das tarefas domésticas,
do trato familiar coidadoso,
dos servizos á comunidade veciñal, ao pobo,
da participación social, política.
Grazas polo teu acompañamento permanente.

Acción

Encontrámonos nalgún aperto, nalgunha disxuntiva, entre vivir como persoas cristiás na vida e manter algunhas opcións persoais a nivel familiar, social, político? ¿Podemos dar algún paso á luz deste evanxeo de Xesús? Seguro que si.


8 de novembro: xoves da 31ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 15, 1-10

Naquel tempo os publicanos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e mestres da Lei murmuraban, dicindo:
--Este acolle a xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús contoulles esta parábola:
--¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois eu tamén vos aseguro que haberá máis alegría no ceo por unha persoa pecadora que se converta que por noventa e nove xustas que non precisen conversión.
E ¿qué muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama pola xente amiga e veciña para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos de Deus por unha soa persoa pecadora que se converta.

Meditación

Parábolas exclusivas de Lucas que nos sitúan no centro da experiencia relixiosa cristiá. Así é o Deus de Xesús, así é Xesús mesmo: o pastor que sae tras da perdida, busca ata atopala, e cando a atopa goza e comparte os seus gozos; a muller que acende a luz, varre, remexe na procura da moeda perdida, ata que a atopa, gózase por iso e comparte coa veciñanza a súa ledicia. Así é Deus, así é Xesús. E dentro desa realidade estamos metidas todas e todos nós. E estámolo sendo obxecto desa busca apaixonada de Deus. En algo somos sempre persoas perdidas, obxecto de busca, motivo de gozo, motivo de festa. E estámolo tamén recibindo a invitación de Deus, de Xesús, a sermos nós tamén pastor e muller que se erguen e saen, que dispoñen todos os medios necesarios para atopar o perdido, e poder logo festexar comunitariamente pola recuperación da xente. E todo isto sen ningún aire de superioridade paternalista; simplemente desde un sentido fondo de irmandade. En comunidade facémonos, recuperámonos, gozámonos, construímonos ao gusto de Deus, que así nos quere.

Oración

Grazas, meu Deus,
porque andas tras min
con ollada tenra e respectuosa.
Grazas porque che intereso,
porque ocupo un lugar no teu corazón
e velas e desvelas por mor miña.
Grazas porque te apenas cos meus fracasos
e te aledas cos meus éxitos
medidos coa vara da fraternidade.
Grazas porque me fas motivo de festa
para toda a comunidade,
motivo de festa e de esperanza.
Grazas porque me invitas a andar contigo
polos camiños da solicitude solidaria,
sen aires de chulería, humildemente.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

É algo arriscado, pero igual podiamos pensar nalgunha persoa a quen vexamos algo perdida, algo desalentada, algo equivocada, e, con todo o respecto e agarimo do mundo, achegarnos a ela, falar, ver de entendela, ver como axudala. Paga a pena.


9 de novembro: venres da 31ª semana do Tempo Ordinario
Festa da dedicación da basílica de Letrán

Evanxeo: Xn 2, 13-22

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os vendedores de bois, ovellas e pombas, e máis os cambiadores de cartos, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordeis, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; e aos cambiadores guindoulles os cartos e arreboloulles as mesas; e aos que vendían pombas díxolles:
--Arredade isto de aquí, non convertades nun negocio a casa do meu Pai.
Os seus discípulos lembráronse de que estaban escrito: O celo da túa casa devórame. Pola súa parte os xudeus preguntáronlle:
--¿Qué sinal nos amosas para faceres estes feitos?
Respondeulles Xesús:
--Derrubade este templo e erguereino en tres días.
Replicáronlle os xudeus:
--Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, os seus discípulos lembraron o que dixera e creron na Escritura e na palabra que dixera Xesús.

Meditación

A basílica de Letrán, dedicada ao Salvador e a san Xoán Bautista e san Xoán evanxelista, data do ano 324, pero foi refeita en diferentes momentos da historia. É a catedral do bispo de Roma, é dicir, do mesmo Papa, e por iso está considerada como nai e cabeza de todas as igrexas do mundo. Festexar a súa existencia quere dicir sobre todo sentirnos parte dunha Igrexa universal, que no Papa ten a alguén que potencia a súa unidade e a súa diversidade ao mesmo tempo. O verdadeiro centro da comunidade cristiá universal nin o é o Papa, nin menos aínda unha construción, por moi fermosa que esta sexa; o verdadeiro centro da Igrexa éo Xesús, o Cristo, o seu corpo morto de amor e resucitado, fielmente representado nos corpos rotos de tanta xente vulnerable como hai polo mundo adiante. Pesa sobre a Igrexa de Letrán, e sobre calquera das nosas catedrais e igrexas pequenas, a severa advertencia de Xesús: “Non convertades nun negocio a casa do meu Pai”. Convertédea non nun negocio, senón nun espazo de ocio, de gratuidade, de gozo, de acollida, onde calquera debilidade atope no posible remedio e conforto.

Oración

Perdón, meu Deus,
polas veces que construímos templos
sobre a suor e o sangue dun pobo enfraquecido.
Perdón, tamén
polo boato de tantas grandes cerimonias
exentas de tenrura cara á xente aflixida.
Perdón, meu Deus,
por ter negociado tantas veces coa piedade da xente,
vendéndolle o que ti gratuitamente donas.
Perdón, meu Deus,
por termos templos e non frecuentalos,
para honrar comunitariamente o teu santo nome.
Perdón por mirar, se miramos, polos templos de pedra
e despreocuparnos da vida da comunidade
reunida ao redor do corpo morto e resucitado de Xesús.

Acción

¿Cómo vivimos a nosa pertenza á Igrexa? ¿Participamos nas celebracións dominicais para vivir en comunidade cristiá? ¿En algo entramos niso de negociar coas cousas da fe, con cura ou sen cura polo medio, intentando mercar con cartos os agarimos de Deus? Seguro que haberá cousas nas que podemos mellorar.


10 de novembro: sábado da 31ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 16, 9-15

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
--Facede amigos coas riquezas inxustas, para que, cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco tamén, tamén no moito será fiel; e quen é inxusto no pouco, tamén no moito será inxusto. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E, se no alleo non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado ou criada pode servir a dous señores, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro, ou ben atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.
Os fariseos, que tan amigos son dos cartos, escoitaban estas cousas e burlábanse del. Xesús díxolles:
--Vós aparentades moi perfectos diante da xente, pero Deus coñécevos por dentro, e Deus anoxa o que aos ollos da xente é admirable.

Meditación

Xesús non critica para nada o diñeiro honrado como medio de vida digna. O pan de cada día, polo que el clamaba, demanda ter diñeiro co que adquirilo. E quen di pan, di todo o necesario para unha vida digna. Pero o diñeiro, convertido en riqueza, normalmente é algo ao que se serve; e servir quere dicir que a nosa vida, as nosas enerxías, os nosos afáns estean basicamente orientados a conseguir esas riquezas.
Xesús ben ve que o diñeiro crea imaxe social, normalmente moi honorable. A Deus non lle vai iso da imaxe social, mesmo lle dá noxo, por dicilo dalgunha maneira; é unha pura aparencia, moitas veces fabricada con corrupción, como ben sabemos. Ademais Xesús pensa que manexar o diñeiro é coma manexar un ben menor, un ben alleo, necesario para o elemental, pero que propiamente non forma parte da nosa valía humana, que se expresa en cousas moito máis valiosas, como pode ser a humanidade, o respecto, a consideración co débil, o non abusar en nada, a honradez, … Quen non xestiona ben ese ben menor, que é o diñeiro, malamente vai xestionar ben a súa vida humana.
Posiblemente estas ideas e sentimentos de Xesús nos deixen un pouco descolocados/as. En poucas cousas somos tan pouco consecuentes coa nosa condición cristiá coma neste tema dos cartos. É para que o pensemos.

Oración

Benditos os cartos, Xesús,
que lle aportan vida digna á xente empobrecida.
Malditos, en cambio, os cartos
conseguidos con calquera clase de inxustiza.
Benditos os cartos, Xesús,
que empregamos para crear irmandade.
Malditos, en cambio, os cartos
que valen para establecer diferenzas indignas.
Benditos os cartos limpos, Xesús,
gañados co esforzo e coa intelixencia.
Malditos, en cambio, os cartos
acumulados a base de corrupción e abusos.
Benditos os cartos, Xesús,
acollidos e gozados con agradecemento.
Malditos, en cambio, os cartos
que ensoberbecen á conta da amargura da xente débil .

Acción

¿Cómo nos situamos ante o diñeiro? ¿Adoptamos ante el as precaucións que Xesús nos indica? Ben seguro que todas, todos sen excepción temos moito que rascar neste tema. Rascar e mellorar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.