05 decembro, 2018

Tempo de Advento: 2ª semana


9 de decembro: domingo 2º de Advento

Evanxeo: Lc 3, 1-6

No ano quince do imperio do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea, e o seu irmán Filipo, tetrarca de Iturea e máis da Traconítide, e Lisanio, tetrarca de Abilene; baixo o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. E percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:

“Unha voz clama no deserto: Preparade o camiño do Señor, achanzade os seus vieiros; toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os escabrosos hanse achanzar. E todo o mundo verá a salvación de Deus.

Meditación

Lucas contextualizar os feitos de salvación que narraba; na historia concreta é onde poden ser entendidos e collen sentido as palabras e os feitos. O evanxelista invítanos a que tamén nós hoxe contextualicemos os feitos de salvación que se poden desenvolver en nós, no medio de nós, no medio da sociedade da que formamos parte. Como está o mundo, como está España, como está Galicia, como estamos nós? Que forzas de ben ou de mal manexan o mundo? Como está a Igrexa da que formamos parte? Nesta nosa situación concreta chéganos tamén a palabra de Deus; en Xoán esa palabra atopou obediencia, seguimento, servizo. Atopará o mesmo en nós?

Xoán foi invitado a colaborar na tarefa concreta de preparar os camiños de Deus. E cómo podemos preparar os camiños de Deus, para que acceda á nosa propia vida, á vida da nosa familia, á vida da nosa comunidade, ao conxunto desta sociedade nosa que está como está? É algo que neste tempo de Advento nos podemos preguntar; seguro que nos traerá moito proveito. Xoán o Bautizador entendeu que iso levaba consigo un proceso de revisión persoal, de conversión, de deixar de poñer a ollada, o corazón, a vida nas persoas e circunstancias nas que normalmente as estamos poñendo, para darnos a oportunidade de abrirnos á novidade de Deus para as nosas vidas e comunidades. Que trae isto consigo para nós?

Oración

Que queres de min, meu Deus?
Que queres de min?
En que podo axudarche?
En que podo axudarche eu,
tan necesitado/a da túa mesma axuda?

Amas o pobo
e invítasme a preparar nel
os camiños do teu acceso,
para que todo o mundo vexa e experimente
a quentura do teu corazón,
a forza do teu brazo,
a solidez do teu camiñar
cara ao novo insospeitado
que gratuitamente nos ofreces.

Que queres de min, meu Deus,
que queres de min?

Acción

No lugar concreto onde vivamos podemos pensar en algo tamén ben concreto que poderiamos facer para que a palabra, o alento de Deus entre nas nosas comunidades, no noso pobo. Algo que achanzar, algo que remediar, algo persoal, algo comunitario.


10 de decembro: luns 2ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 5, 17-26.

Un día estaba Xesús ensinando e estaban alí sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de todas as aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. El co poder do Señor curaba a xente.

Nisto uns homes trouxeron nunha padiola un tolleito e miraban como metelo dentro para poñelo diante de Xesús. Pero, como non atopaban por onde o meter debido á moita xente que había, subiron ao tellado e baixárono co leito apartando as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. Vendo a fe que tiñan, dixo Xesús:
—Home, quédanche perdoados os teus pecados.

Os letrados e máis os fariseos empezaron a matinar:
—Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?

Xesús, decatándose do que pensaban, díxolles:
—Que cavilades nos vosos adentros? Que é máis doado, dicir: “Perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “Érguete e anda”? Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito--, falo contigo: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.

E así foi. Ergueuse no intre diante deles, colleu a padiola e marchou para a súa casa, loando a Deus. Todo o mundo quedou abraiado e cheos de temor loaban a Deus dicindo:
—Hoxe vimos cousas nunca vistas!

Meditación

No Evanxeo de hoxe vemos por onde vai a fortaleza de Xesús. Parece certamente que Xesús tiña poderes especiais para curar algunhas veces algunhas enfermidades da xente, pero sobre todo tiña moito poder para entrar no fondo das persoas e renovalas, fose cal fose o deterioro que as comese por dentro. E ese é o Xesús que se nos anuncia e ofrece no Advento.

Facemos ben en curarnos dos males do corpo, coidándonos nós, levando unha vida sa e esixindo un bos servizos sanitarios para todo o mundo. É un deber que temos como seres humanos e fillos ou fillas de Deus que somos.

Estaría ben que igualmente coidásemos o noso espírito, a nosa interioridade, o fondo do noso ser, procurando estar a ben, en paz, con nós mesmos, coa demais xente, coa natureza, con Deus. A nosa felicidade descansa na paz interior que teñamos, moito máis do que pensamos. Xesús ofrécesenos para axudarnos nesta tarefa.

Oración

Grazas, Xesús, pola xente que me fala de ti,
pola xente que na vida me foi poñendo diante túa.
Grazas porque te coñezo algo,
porque te quero algo,
porque teño experimentado algo
o forte que es para facer de min unha persoa nova.
Aquí estou diante de ti, Xesús,
para que entres ata o fondo do meu ser
e me axudes a curar de todas as miñas doenzas.

Acción

Pensa se en algo estás abandonando o coidado do teu corpo ou do corpo da xente que vive contigo, e cambia.

Pensa tamén se en algo non poderías mellorar por dentro, no teu corazón, na túa paz interior, en quererte ben, no agarimo pola xente, na acollida, no respecto…, e mira o que poderías facer para mellorar.


11 de decembro: martes da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 18, 12-14

Un día dixo Xesús:
—A ver, que vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, non deixará as outras noventa e nove no monte para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderon. Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai do ceo é que non se perda ningunha destas criaturas máis pequenas.

Meditación

Estar en vela, preparar camiños, dísenos no Advento. Pero, quen é o que chega? Xesús, coa súa comparanza de hoxe, fainos unha foto dese que chega, debúxao, dinos como é no seu corazón, na súa vontade, na súa maneira de ser e de actuar, nos seus sentimentos, nas súas ledicias neste caso. Ese é quen peta á nosa porta e nos chama.

Que nos queda a nós? Aledarnos tamén de que as cousas sexan así, de que o noso Deus sexa así. Admitir as nosas moitas fraxilidades, que as temos, seguro, e refuxiarnos con elas no corazón de Deus, que é Pai/Mai de perdóns, que é Irmán que acompaña, que é Espírito que dá forzas para andar o camiño.

Que nos queda a nós? Home, facer outro tanto, no que poidamos, cos compañeiros e compañeiras de comunidade, de parroquia, de pobo. E que prenda a ledicia de Deus entre nós, que prenda a festa.

Oración

Grazas, Pai, por ser como es.
Grazas, Nai, polas túas entrañas de misericordia.
Grazas, Pai, porque cada día saes aos camiños,
na busca dos teus fillos e fillas malferidas.
Grazas, Nai, porque pos en nós a túa ledicia.
Grazas, Pai, porque nos convocas ao mesmo,
Grazas, Nai, porque queres facer de nós unha familia solidaria.

Acción

Seguro que coñezo a alguén que ande en solidariedades, buscando a algunha desas criaturas máis fráxiles que hai polo mundo. Achégome a esa persoa, pregunto, escoito, déixome ferir por ela.


12 de decembro: mércores da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11, 28-30

Unha vez dixo Xesús:
—Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e a gobiadas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e de corazón humilde, e sentirédesvos aliviados. Porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga lixeira.

Meditación

Chama a atención a preferencia de Xesús. Diríxese especialmente á xente cansa e aflixida. Pero quen non está cansa e aflixida nun momento ou noutro, por unha razón ou por outra? Por iso Xesús diríxese especialmente a ti, a min e a calquera que o escoita.

Xesús promete alivio; el veu para darnos alivio, para axudarnos a ser persoas que levan alivio a cansos e aflixidos. Unha relixión que non alivie e axude a aliviar non é boa, non é cristiá.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
coas miñas canseiras e afliximentos
que ti ben coñeces.
Veño onda ti,
desexando, agardando o teu alivio,
porque es bo,
porque tes un corazón grande coma o mundo,
capaz de entendernos e acollernos sen medida.
Que ti sexas, Xesús,
o meu acougo cada noite,
a miña forza cada mañá.

Acción

Párate a pensar nalgunha persoa coñecida que estea pasando por algunha situación de canseira ou afliximento. Non poderías ofrecerlle ti tamén, con Xesús, algo de alivio? Pénsao e faino.
Pensa naquela cousa que a día de hoxe che está causando máis preocupación e angustia. Escríbea nun papel de forma resumida. Fai oración simplemente repetindo: Xesús, Xesús!


13 de decembro: xoves da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11,11-15

Un día dixo Xesús:
—Tede por seguro que non naceu ninguén meirande ca Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino dos ceos é meirande ca el.
Desde que veu Xoán Batista ata agora o reino dos Ceos sofre violencia e a xente violenta quere acabar con el. Todos os profetas e a Lei de Moisés eran profecía, ata que veu Xoán. E, se queredes crelo, el é o profeta Elías, o que tiña que vir. 
Quen teña oídos, que escoite.

Meditación

Todas, todos levamos no corazón o gusto pola honradez, polo coidado da xente débil, pola boa marcha da nosa familia, parroquia, cidade e País. Ese gusto e ese desexo bo fóronnolo pasando outros homes e mulleres que nos precederon; homes e mulleres que creron nesas cousas, que as promoveron, que loitaron por elas ata a mesma morte ás veces.

Pero tamén é certo que hoxe, coma onte, tamén hai moita xente violenta que quere apagar eses desexos en nós, no mundo. E mesmo pode ser que nós mesmos ás veces reneguemos dese ben que tanto nos gusta.

Xesús invítanos a que recapacitemos, a que tomemos partido e a que o fagamos con decisión.

Oración

Son débil, Xesús,
ben o sabes.
Gústame o ben
nas súas moitas formas e cores,
pero ás veces déixome levar polo mal
e por quen o promove.
Creo que a túa axuda
non me ha faltar nunca.
Que así sexa valente
para vencer o mal en min
e en quen con violencia o promove.

Acción

Pensa nalgún feito da vida, sucedido ao teu redor, no que entendas que se amosa algo do Reinado de Deus, do gusto de Deus, algo do que Xesús nos coa súa palabra e coa súa vida. Se podes, agradécello a quen tal cousa fixo. Se podes, fai ti tamén algunha cousa dese estilo.


14 de decembro: venres da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 11, 16-19

Unha vez dixo Xesús:
—Con quen compararía eu a xente deste tempo? Aseméllase á rapazada que se xunta para xogar nas prazas e discuten entre si dicindo: "Tocamos a frauta e non bailastes, cantamos cousas tristes e non chorastes".

Porque veu Xoán, que nin comía nin bebía, e din que ten o demo no corpo; veu despois o Fillo do home, que come e bebe, e din que é un larpeiro e bebedor, amigo da xente pecadora e dos que cobran os impostos para Roma. Pero a sabedoría de Deus quedou acreditada polas súas obras.

Meditación

Xesús atopouse no seu tempo cunha xente que, entraran por onde lle entraran, sempre tiña escusas para non facer nada, para non implicarse en nada, no persoal e no social. Somos nós tamén así nos tempos de hoxe? Pois igual si. Vemos con frecuencia a xente queixándose de todo, pero, cando se lle propón participar nalgunha acción, nalgún grupo, nalgunha asociación para buscar remedios, cean para atrás, poñendo pegas a todo.

E a sociedade pode ir máis ou menos mal, pero ao mesmo tempo cantas cousas ben boas non se nos ofrecen para poder aproveitalas, gozalas e mellorar con elas! Compañas, libros, actos culturais, educadores, guías espirituais, espazos naturais, música e un longo etcétera. Quen tivese todo isto noutras partes do mundo! Non nos deixamos levar por unha soberbia e por unha desgana destrutivas?

Oración

Xesús,
ti es a gran oportunidade da miña vida,
para facer e refacer a miña persoa,
para aprender a situarme na sociedade e no mundo.
Que saiba acollerte, Xesús,
que saiba abrirche de par en par
as portas do meu corazón, da miña vida toda.
E que así ti fagas en min e a través de min
todo o que ti es capaz de facer.
Grazas, Xesús.

Acción

Repasa a túa vida. Hai algunha cousa á que te esteas negando por que si, por ser turrón, por preguiza, por non querer baixar do burriño? Hai algunha posibilidade de crecemento á que te esteas negando? Ofrécenche algunha oportunidade de medrar no coñecemento e na intimidade con Xesús e co seu espírito e estaste negando a iso? Pénsao. Fai algo.


15 de decembro: sábado da 2ª semana de Advento

Evanxeo: Mt 17,10-13

Un día preguntáronlle os discípulos a Xesús:
—Por que din os mestres da lei que primeiro ten que vir Elías?
Xesús respondeulles:
—Si, Elías tiña que vir para volver poñer todas as cousas en orde. Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito o Fillo do home padecerá nas súas mans..
Entón comprenderon os discípulos que estaba falando de Xoán o Bautista.

Meditación

Segundo como tratamos a xente, así tratamos tamén a Deus. Se á xente non lle prestamos atención, non a escoitamos, non a valoramos, non a queremos, non a servimos, non pensemos que podemos escoitar, valorar, querer e servir a Deus, por moito que o digamos coas nosas palabras, cos nosos rezos, coas nosas cancións. A medida do divino en nós é o humano.

Tamén pasa que ás veces aparecen na nosa vida persoas que teñen un don especial, persoas que rompen con rutinas de sempre, que propoñen cousas novas en calquera campo: no político, no social, no ensino, na relixión mesma. Son coma unha presenza divina especial no medio de nós. Frecuentemente estas persoas son mal vistas de entrada e sofren críticas e persecucións. Disto todos temos experiencia. Pechándonos a esa xente acabamos pechándonos ao Deus que nos visita.

Oración

Xesús, ti ensínasme a acollerte
nas persoas que me acompañan na vida,
e que demandan de min atención, escoita, servizo,
cambio na miña maneira de ser.
Ensínasme a acollerte nelas
e dásme forzas para facelo.
Que non me negue, Xesús, que non me negue.
Que non te defraude.

Acción

É moi posible que teña deixado de lado a algunha persoa ou grupo que, cunha demanda ou con outra, se ten achegado á miña vida ultimamente. Penso en como atender ben esa demanda como sinal da miña vontade de acoller a Xesús polo seu Nadal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.