22 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 3ª semana



27 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 1,1-4; 4, 14-21
           
Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e máis os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que fuches instruído.
Coa forza do Espírito Santo Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda aquela rexión. Ensinaba nas súas sinagogas e todos falaban ben del. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga como tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            “O espírito do Señor está sobre min, pois el foi quen me unxiu para proclamar a Boa Nova á xente pobre; envioume para lles anunciar a liberación ás persoas cativas e a vista ás cegas, para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga ollaba fixamente para el. Logo empezou a dicirlles:
            —Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

Meditación

Coa forza do Espírito Santo Xesús volve a Nazaré. Xesús non daba un paso adiante que non fose en total comuñón co Espírito, que é o alento de Deus na súa vida. Xesús era un home “espiritual”, sempre atento e colaborador con ese Espírito que o enchía e dinamizaba. Un reto ben importante para cada un de nós, para cada unha de nós.
Na sinagoga de Nazaré Xesús le e comenta un texto de Isaías, que lle vale para describir cal vai ser a súa tarefa como home empuxado polo Espírito de Deus no medio da xente: arrimarse aos grupos máis débiles da sociedade para que reciban de parte de Deus un respiro, un alento, a liberación da súa situación indignante: a xente pobre, presa, cega, asoballada vai ocupar as preferencias de Xesús. E Xesús non se propón facer ese traballo como dando un consolo espiritualista a esa xente, senón mesturándose con ela, compartindo as súas miserias, integrándoas no aprecio fondo que Deus lles ten e loitando para que a sociedade lles ofreza tamén ese aprecio e integración. Nós somos obxecto desa acción viva de Xesús, e nós estamos tamén convocados a colaborar con el na mesma tarefa.
Pero a proposta de Xesús non é doada. Tanto se formamos parte da xente marxinal coma se non, non resulta cómodo apuntarse á aventura de Xesús. Por iso moitos/as a critican, e por iso quizabes moitos/as nos quedamos tamén na fermosura das palabras, das ideas, pero realmente non comprometemos a nosa vida nesas cousas.

Oración

Ámote, Xesús,
atraído polo Espírito de Deus,
ansioso por servir ao teu pobo.
Ámote, Xesús,
poñéndote, no nome de Deus,
do lado da xente máis débil,
hoxe coma onte,
onte coma hoxe,
arrastrado por unha compaixón fiel,
ao servizo da cal poñías todo o teu ser,
toda a túa imaxinación,
toda a túa vida.
Quero ser das túas, dos teus,
quero compartir os teus soños.
Que, coma ti,
nunca lle peche as portas ao Espírito,
para que na miña vida humilde
floreza a túa luz,
irrompa a humanidade de Deus.

Acción
           
Pode ser un bo momento para decidirse a ler de agora en diante, pouco a pouco o evanxeo segundo san Lucas. Unha lectura atenta, con bo espírito, pódenos axudar moito a comprender a Xesús e a meternos no seu mundo de pensamento e de acción. Pode ser tamén un bo momento para decidirnos a frecuentar a xente pobre, presa, marxinal por calquera razón. Andando con ela tamén bateremos á forza con Xesús.


28 de xaneiro: luns da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 22-30
           
Os letrados que baixaran de Xerusalén dicían: “ten o demo no corpo; bota fóra os demos co poder do príncipe dos demos.”
Xesús chamounos e púxolles estas comparanzas:
            —Como pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.
Ninguén pode entrar na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.
Tede por seguro que todo se lle perdoará á xente: os pecados e cantas blasfemas digan; pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.
Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Meditación
           
Iremos vendo como Xesús sufriu a oposición de moita clase de xente. O que pretendía era unha maneira nova de vivir o trato con Deus; o que pretendía era unha maneira nova, solidaria a fondo, de vivir o trato coa xente. Os que máis se lle opuxeron foron precisamente os líderes relixiosos do seu pobo, porque lles botaba por terra todo o enredo relixioso que tiñan montado, quizais coa mellor vontade do mundo, pero en definitiva satisfacendo os seus intereses. No canto de parar a pensar, revisar o seu comportamento e cambiar, acusaron a Xesús de todo. E non pararon ata acabar con Xesús nunha cruz.
Ninguén estamos libres de comportarnos desa maneira en moitas circunstancias e campos da nosa vida. Cando algo ou alguén pon en evidencia a nosa maneira egoísta de actuar, normalmente poñémonos á defensiva e volvémonos contra quen tales cousas nos pon diante.
Que isto non teña perdón quere dicir simplemente que é imposible que un vexa cando pecha os ollos, que un avance cando senta, que un progrese en humanidade cando lle dá as costas os seus veciños e veciñas. Así non hai quen ordene e mellore a súa vida.

Oración

            Señor, Señor…
            Humildade para recoñecer os meus erros.
            Agradecemento con quen mos poña diante.
            Esforzo para avanzar na vida.
            Coidado para ser cada día mellor persoa.
            Colaboración para axudar no mesmo a outras persoas.
            Gozo no corpo e no espírito véndome vivo na familia, na comunidade, no pobo.
            Señor, Señor…
            polo teu amor.

Acción

Pensa algo na túa vida. Recordas algún momento no que alguén che puxese diante algo que fixeses mal, por pereza, por egoísmo, por abandono, polo que fose? Como reaccionaches? Se reaccionaches mal, poderías retomar o tema con esa persoa, recoñecer a túa culpa e agradecerlle o que che dixo?
           

29 de xaneiro: martes da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: 3, 31-35

(Estando Xesús falando cos letrados) chegan súa nai e máis os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir:
            —Aí fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar.
El preguntoulles:
            —Quen é miña nai e quen son meus irmáns?
E, mirando a xente que estaba sentada arredor del, dixo:
            —Velaí a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá ea miña nai.

Meditación

A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar, seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa para Xesús.
Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o querer de Deus.

Oración

            Grazas pola miña familia, meu Deus,
            por todas as persoas que a compoñemos,
            cada unha coa súa graza e coas súas fraquezas.
            Grazas polos coidados que nos dámos,
            polos apoios que nos ofrecemos,
            polo perdón que nos regalamos.
            Pobriña a xente, meu Deus,
            que non conta con familia
            ou que a ten rota e malpocada!
            Tamén esa xente, disme ti,
            tamén esa xente é a túa familia.
            Grazas, meu Deus, pola miña familia así ampliada.

Acción
           
Podes revisar como te estás levando coa xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao.


30 de xaneiro: mércores da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 1-20

Xesús púxose de novo a ensinar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao seu carón, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira. Ensinoulles moitas cousas en parábolas e instruíaos así:
            —Escoitade: unha vez saíu un labrador a sementar. E resulta que, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante: viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona e non a deixaron dar froitos. Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta e aínda o cento por un.
E concluíu:
            —Quen teña oídos para oír, que escoite.
Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos doce, preguntáronlle polas parábolas. El respondeu:
            —A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero aos de fóra soamente en parábolas, de tal xeito que mirar miren, pero non vexan; escoitar escoiten, pero non entendan, non sexa que se convertan e se lles perdoe.
E continuou:
            —Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras? O sementador sementa a palabra. As do camiño son aquelas persoas nas que se sementa a palabra, pero, cando a escoitan, vén Satanás e arrepáñallela. Hai outras persoas que reciben a semente como terreo pedregoso; son as que ao escoitar a palabra deseguida a acollen con alegría, pero non teñen raíces, son inconstantes e mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandonan. A outras persoas pásalles como á semente caída entre as silvas: si escoitan a palabra, pero moi axiña as preocupación do mundo, o engano das riquezas e máis as ambicións asolagan e afogan a palabra, e non dá froito. Pero as persoas que son como a boa terra, escoitan a palabra, acóllena e dan moito froito: unhas o trinta, outras o sesenta e outras o acento por un.

Meditación
           
A semente é a bondade de Deus, o amor entrañable que  nos ten, e que nos pode chegar en forma de palabra, pero tamén de feitos. O mellor exemplo da palabra de Deus é Xesús mesmo, co que el dicía, co que el facía, coa maneira que tiña de tratar a xente. Xesús é a un tempo o sementador e a semente.
Deus, a vida ofrécenos medios, recursos, para que nos asentemos e maduremos como persoas cristiás, e deamos froitos que nos aproveiten a nós mesmas, á comunidade cristiá e civil da que formamos parte. Pero non todo é doado, hai moitas trampas e enredos que nos poden facer fracasar. As catro clases de terra da parábola de Xesús  permítennos entrar no mundo persoal onde se cocen os éxitos ou fracasos da vida. En cal desas terras nos vemos máis reflectidos?

Oración

            Quero ser, Señor, boa terra,
            onde medre a semente,
            con coidados e alertas,
            non vaia ser o demo
            que, feita a sementeira,
            polo si ou polo non
            non asome a colleita
            e a vida se me quede
            cal hucha baldeira.
            Quero ser, Señor,
   faime ti, Señor, boa terra.

Acción
           
Mira un pouco para ti mesm@. En que clase de terra te ves máis retratad@. Poderías facer algo para cambiar as cousas?
           

31 de xaneiro: xoves da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 21-25

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
            —¿Acaso se trae un candil para metelo debaixo dun ferrado ou debaixo da cama? ¿Non será para poñelo enriba do candeeiro? Pois nada hai oculto, que non se descubra; nin nada hai secreto, que non chegue á luz pública. Quen teña oídos para oír, que escoite.
Dicíalles tamén:
            —Atendede ben ao que estades escoitando. Coa medida coa que midades seredes medidos, e ben sobrado. Pois ao que ten daráselle, pero ao que non ten, aínda o que ten se lle quitará.

Meditación
           
Dúas substanciais achegas nos ofrece Xesús neste pedaciño de Evanxeo. A primeira é que levamos luz en nós, somos fillos e fillas da luz, somos luz; e non é do caso agochar esa luz que somos e que levamos. A luz é para expoñerse, sen vaidade, porque nós non somos amos da luz; pero sen vergonzas parvas, porque grazas á luz duns e doutros, facéndonos reflexo da luz maior de Deus, podemos facer as nosas vidas, o mundo enteiro algo máis luminoso e fraterno.
E a segunda é a tan sabida cousa de que conforme midamos, conforme tratemos á demais xente, ese mesmo trato recibiremos; e por parte de Xesús non é unha ameaza, como se Deus fose actuar connosco coa cativeza ou maldade coa que nós actuamos cos demais –só faltaría!--; é a confirmación de que, cando tratamos con desprezo, abuso, inxustiza á xente, metémonos nese mundo de mal e nós mesmos estragamos a nosa vida. E así é como o que actúa sen bondade e sen xustiza, a pouca que teña váiselle achicando; e quen actúa con bondade e con xustiza, verá como esa bondade e xustiza se multiplican na súa vida.

Oración

            Grazas pola luz que son, Xesús,
            grazas porque o teu Espírito me fixo capaz
            de animar a alguén,
            de devolverlle a esperanza,
            de alegrarlle a vida,
            de envolvela algo en luz.
            Grazas pola túa advertencia simple
            de medir e tratar a xente que me rodea
            co metro xeneroso de Deus,
            coa mestura humanizadora da tenrura e da xustiza.
            Grazas, Xesús, polo teu Espírito
            que día a día me vai facendo nova criatura.

Acción

Podemos mirar hoxe como tratamos a xente da casa que convive connosco, as persoas veciñas que máis diariamente tratamos. ¿Podemos mellorar algo ese trato á luz de Xesús?
           

1 de febreiro: venres da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 26-34.
           
Díxolles tamén Xesús:
            —O Reino de Deus é coma unha persoa que bota a semente na terra, e, estea durmida ou esperta, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía Xesús:
            —Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza que, cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes, pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden aniñar os paxaros.
E así con moitas comparanzas coma estas íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

Meditación
           
Xesús falaba con comparanzas, porque era unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque, para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con humildade.
Outra vez a comparanza da semente, pero agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda, pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada.

Oración

            Eu mesmo son, Xesús, contigo
            semente miúda, pequerrecha,
            que medra pola noite, polo día,
            estea ou non estea eu esperta.
            Eu mesmo son, Xesús, contigo
            agora gromo, agora verde herba,
            agora espiga que oufana engorda
            chea de grans para o día da colleita.
            Eu mesmo son, Xesús, contigo,
            do teu Reino humildísima presenza,
            irmán, irmá dun mar de testemuñas
            que acolle o refuxiado en cega aperta.

Acción

Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo, do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo?


2 de febreiro: sábado da 3ª semana do Tempo Ordinario festa da Presentación do Señor

Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2, 22-32)

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa,
podes deixar que o teu servo morra en paz,
porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
o que ti preparaches para todos os pobos:
luz de revelación para todas as xentes
e gloria do teu pobo Israel.

            (ata aquí a lectura breve)
           
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
            —Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta  e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación

Chaman a atención o velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á espera do vento novo do Espírito.
Os nosos tempos son tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.

Oración
           
            Ai, Virxe da Candeloria,
            Señora, santa María,
            que a luz que de ti naceu
            ilumine as nosas vidas.
            Que o mundo rural atope
            en Xesús alento e vía
            para afrontar os problemas
            que o premen con teimosía.
            Ai, Virxe da Candeloria,
            que medren o amor e a vida,
            cando os paxaros namoran
             e a primavera convida.
            Que coidemos a esperanza,
            cunha fe sinxela e viva,
            envolvéndonos na unión,
            no servizo, na alegría.
            Ai, Virxe da Candeloria,
            Señora, santa María,
            nas túas mans confiamos
            as nosas noites e días.

Acción

Podes acender hoxe unha veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos mutuamente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.